Inicio Blog Páxina 41

A Coruña incrementará a inclusión e a accesibilidade no Festival Noroeste

0

O Concello da Coruña porá en marcha un amplo conxunto de medidas para incrementar a inclusión e a accesibilidade na trixésimo novena edición do Festival Noroeste Estrella Galicia.

Así o confirmou a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, nunha rolda de prensa. Explicou que os concertos de Bomba Estéreo, Rusowsky, Echo & the Bunnymen, Sprints, Bala e Sedes na praia de Riazor, así como os de Dorian e Yerai Cortés na praza de María Pita, contarán con interpretación en lingua de signos.

Ademais, levaranse a cabo unha serie de melloras no seu directorio web e facilitarase material de apoio en réxime de préstamo, como mochilas vibratorias ou cascos con illamento acústico.

Estas medidas, explicou a rexedora, complétanse coas zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR), aseos adaptados e mapas específicos que faciliten a orientación e o uso autónomo dos espazos dos concertos.

 

Inés Rey apela ao consumo responsable, aínda que descarta problemas de auga na Coruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apelou ao consumo responsable da auga no contexto das altas temperaturas rexistradas durante estes días. Así o manifestou a preguntas dos xornalistas, despois de que municipios como Betanzos difundisen recomendacións para promover un uso responsable dos recursos hídricos. A rexedora aclarou que o Concello da Coruña realiza este tipo de comunicados cando existe unha situación de alerta. “Facemos ese tipo de comunicados cando efectivamente hai unha alerta”, sinalou. Porén, precisou que este non é o caso da cidade herculina. “Non é o caso”, engadiu.

“NON HAI PROBLEMA DE AUGA NESTE MOMENTO”

A pesar de descartar unha situación de escaseza, Inés Rey insistiu na importancia de facer un uso responsable da auga en calquera época do ano. “Facémolo sempre, no verán e no inverno”, afirmou. A alcaldesa vinculou esta recomendación cos efectos do cambio climático, cuxa existencia reivindicou fronte aos discursos negacionistas. “O cambio climático existe, porque hai moito negacionista”, apostilou. Con todo, reiterou que “non hai problema de auga neste momento” na Coruña.

Investigan tres veciños da Coruña, un deles menor, por dúas agresións nas Festas do Carmen de Mera

A Garda Civil de Oleiros, en colaboración coa Policía Local, investiga tres veciños da Coruña como presuntos autores de dous delitos de lesións cometidos durante as Festas do Carmen da zona de Mera. Os feitos producíronse na madrugada do pasado 18 de xullo, cando os investigados supostamente percorrían o recinto festivo increpando e provocando o resto das persoas asistentes. Segundo explica a Garda Civil nun comunicado, os tres homes terían chegado a abalanzarse sobre aquelas persoas que lles reprochaban a súa actitude, xerando momentos de desconcerto e indignación entre o público.

Nun primeiro momento, desprazáronse ata o lugar efectivos da Policía Local de Oleiros, que procederon a identificar as persoas presentes. Posteriormente, acudiu a Garda Civil, que asumiu a investigación dos feitos. Como resultado do traballo de campo e das actuacións realizadas, os axentes lograron identificar os tres presuntos responsables. Con todo, a investigación continúa aberta e non se descarta que aumente o número de persoas investigadas.

Música, raíces e tradición na Romaría de Santa Margarida

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este mércores unha nova edición da Romaría de Santa Margarita, no marco das Festas de María Pita, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de agosto cun amplo programa de concertos, talleres, actividades participativas e encontros ao redor da cultura tradicional galega.

No acto estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e representantes das entidades colaboradoras e artistas participantes. “Esta romaría representa moi ben a cidade que queremos seguir construíndo: unha Coruña orgullosa das súas raíces, aberta ao mundo e que entende a cultura como un espazo de encontro e convivencia”, destacou a rexedora durante a presentación.

A programación arrincará o venres 28 de agosto cun concerto especial no Planetario da Casa das Ciencias a cargo de PÄRBO, o proxecto formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, acompañado das creacións visuais de Montse Piñeiro. A continuación, o anfiteatro de Santa Margarita acollerá a tradicional Gran Noite do Folclore, coa participación de Son d’Aquí, Donaire, Xacarandaina e Cantigas da Terra. Por outra banda, a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) asumirá “proximamente” a xestión da piscina interior do Club do Mar de San Amaro, tras o acordo alcanzado entre o consistorio e a entidade.

Convocada folga na hostalaría na provincia da Coruña o día da eclipse

CIG, CCOO e UGT denunciaron a “situación de bloqueo” da negociación do convenio colectivo do sector da hostalaría na provincia da Coruña. Así, anunciaron unha folga para o próximo 12 de agosto, o día do eclipse total de sol. Tamén será a xornada na que na cidade herculina se disputará o trofeo Teresa Herrera, coa participación do Real Madrid.

Confírmono este mércores nunha rolda de prensa na que interviñeron o representante da CIG, Marcos del Río; o de CCOO, Juan Zas; e o de UGT, Juan Carreira. Nela, explicaron que “despois dun ano e medio” desde a finalización do convenio e coas plantillas con “soldos conxelados desde o 1 de xaneiro de 2025”, “os empresarios insisten en recortar dereitos que xa están recoñecidos, como o complemento durante a baixa por enfermidade”.

A mobilización inclúe bares, restaurantes, hoteis, cámpings e “todo o relacionado coa comida, a bebida, o lecer e o aloxamento”, concretou Carreira, un colectivo no que traballan “arredor de 28.000 persoas”. Os camareiros, segundo detallou, cobran no nivel máis alto un soldo neto de 1.086 euros, algo que cualificou como un “abuso, chegando á escravitude da clase traballadora”.

ESÍXENLLE SERIEDADE Á PATRONAL

“Estamos para sentarnos a negociar melloras, unhas condicións laborais dignas e non para negociar perda de dereitos”, insistiu. “Non hai seriedade nin rigor por parte da patronal“, aseverou, pola súa vez, Marcos del Río, en representación da CIG, que considerou que a patronal procura “dilatar o tempo para evitar pagar os atrasos”. “Esiximos seriedade”, sinalou, mentres Juan Zas, en liña co manifestado polos demais representantes sindicais.

Os Museos Científicos Coruñeses repartirán lentes homologadas para observar a eclipse solar do 12 de agosto

O Concello da Coruña participará na campaña estatal de observación segura da eclipse total de sol do próximo 12 de agosto mediante a repartición gratuíta de lentes homologadas para observación solar nos Museos Científicos Coruñeses.

Segundo traslada o consistorio, as lentes entregaranse ás persoas maiores de 16 anos que accedan aos museos municipais ata esgotar existencias.

A iniciativa, engade, forma parte da campaña ‘Unha vista única. Cóidaa’, promovida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Grupo Social ONCE para fomentar a observación segura do denominado ‘Trío de Eclipses 2026-2028’ e previr os riscos oculares asociados á contemplación directa do Sol.

No marco desta actuación distribuiranse en toda España dous millóns de lentes certificadas, das que 300.000 serán canalizadas a través da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) entre museos, centros de investigación e entidades científicas, entre eles os Museos Científicos Coruñeses.

O planetario da Coruña ofrece un documental inmersivo sobre o trío de eclipses de face ao primeiro do 12 de agosto

Reflota o corpo da balea varada en Sabón

0

O corpo da balea que apareceu varada o luns na praia de Sabón, en Arteixo (A Coruña), reflotou ata a superficie mariña durante a mañá deste mércores. Persoal de Salvamento Marítimo encargáronse de remolcar cara a mar dentro ao cetáceo, que acabou morrendo o día que apareceu no areal.

Segundo explicaron fontes do servizo estatal, a Garda Civil trasladoulles ás 11.15 horas o aviso de que a balea reflotara, sendo a mesma que apareceu hai dous días. Deste xeito, o centro coruñés mobilizou á lancha de rescate Salvamar Betelgeuse, que se encargou de remolcala a 12 millas do porto exterior de Punta Langosteira.

O luns, a voz de alarma saltou ás 08.40 horas, cando un particular informou ao 112 Galicia da presenza do cetáceo. Seguindo o procotolo, esta mesma embarcación de rescate de Salvamento Marítimo procedeu a trasladar cara a mar dentro á balea, que, finalmente, terminou morrendo.

Román Rodríguez pide “transparencia e responsabilidade” á UDC na súa xestión económica

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, pide “transparencia e responsabilidade” á UDC coa súa xestión económica e pregúntase por que, co mesmo plan de financiamento, dúas universidades non teñen problemas e unha si.

Segundo explicou ante os medios de comunicación este mércores, as tres universidades galegas contan cun plan de financiamento, posto que Galicia, destacou, é unha das poucas comunidades que dispón dunha planificación plurianual “que dá certezas, seguridade e estabilidade” aos orzamentos das universidades. Un plan, apuntou, asinado polas tres universidades. “Vemos que en dous (Universidade de Santiago e de Vigo) está a funcionar razoablemente ben. Aproban presupostos en tempo e forma, fan adquisicións, están con grandes proxectos, construíndo grandes facultades… e, con todo, na outra a situación é absolutamente diferente”, relatou.

O responsable autonómico preguntouse como puideron pasar duns orzamentos que en 2023 deixaban un remanente positivo a unha rémora que, segundo unha auditoría, chegaría aos 19 millóns en 2024. “Obviamente terannos que dicir por que. E aí pedimos transparencia, moita transparencia e que se asuman as responsabilidades do que se está facendo porque quen ten a capacidade para xestionar os recursos, para aprobar orzamentos, para aprobar partidas… é a propia universidade”, declarou.

Román Rodríguez reiterou a súa esixencia de transparencia, “básica e fundamental”, para poder facer un diagnostico da situación. A isto suma críticas ao plan de axuste presentado pola UDC en 2025. “De xeito evidente ese plan parece ineficaz e parece que non está a cumprir cos obxectivos”, lamentou. Por último, fixo un chamamento á responsabilidade das entidades públicas. “É moi fácil dicir: dádeme máis. Pero eu pregúntome: por que en dous non hai problemas significativos e unha está nesta situación?”, reiterou. “Seguimos demandando transparencia e responsabilidade. Sobre todo neste momento, no que estamos a iniciar a negociación dun novo plan de financiamento”, rematou.

Reaccións ante a sentenza que obriga ao Concello a indemnizar ao Club do Mar tras 3 anos co convenio da piscina caducado

0

Dende maio de 2023 leva caducada a xestión da piscina municipal de Santo Amaro. Unha situación irregular que provocou serios problemas no Club do Mar, que ten que asumir o déficit que implica a concesión vencida.

Esta semana o Tribunal Contencioso Nº1 resolvía unha sentenza en favor do Club do Mar, na que obriga a indemnizar aproximadamente 500.000€ á entidade case centenaria polos gastos na xestión do espazo municipal.

O BNG xa denunciaba a situación nos últimos anos en varias ocasións (a última a comezos de xuño), e onte era o PP o que aseguraba que vai pedir explicacións á rexedora Inés Rey ante a sentenza.

Os dous grupos non entenden por que non se realizou o novo contrato nestes 3 anos nos que se seguiu traballando en precario, provocando continuos problemas no servizo.

A Coruña volve ser epicentro de música electrónica cunha nova edición do FEC

0

Os próximos 14 e 15 de agosto, o auditorio do parque de Santa Margarida volverá converterse nun punto de encontro para a música electrónica cunha nova edición de Festival de Electrónica Coruñés, FEC, un proxecto integrado na programación das Festas de María Pita que continúa consolidando unha proposta cultural única en Galicia.

A edición de 2026 reunirá a Kangding Ray, Surgeon, DJ SWISHERMAN, Slit Observers, Russ, Reeko, Objekt, Weisheit, Steve Bug, Breixo Martínez e Roi, configurando un cartel
que combina referentes internacionais con artistas nacionais e locais, mantendo unha liña artística baseada na calidade, a personalidade e a coherencia.

Un universo local

Desde a súa creación, FEC traballou para construír unha comunidade ao redor da música electrónica, entendéndoa non só como unha proposta de lecer, senón como unha manifestación cultural capaz de xerar encontro, creatividade e convivencia. Os organizadores defenden que o verdadeiro valor de FEC non reside unicamente nos artistas
que conforman a súa programación, senón na capacidade do proxecto para xerar un impacto positivo na cidade e contribuír a posicionar A Coruña como un referente para a
cultura electrónica.

Os abonos e as entradas por día están á venda en www.fec-festival.com.