Afiánzase o Tío Ovidio como sala activa da cidade. Fantásticas son xa as foliadas mensuais que enchen o lugar de música tradicional e licor café, pero o espazo da Rúa Alta conta cunha programación estable e variada.
Durante este mes de maio hai monólogos, concertos e sesións micro aberto do máis divertidas. Esta semana hai cita coa risa o xoves 21, jazz o venres e o concerto de “Venticuatro Tres” o sábado, e o mes remata o mércores 27 cunha nova sesión de micro aberto e o xoves 28 cunha nova Foliada.
Corujazz
Interesante é a colaboración coa asociación cultural CORUJAZZ para a celebración dun novo concerto + jam neste venres 22 de maio ás 21:30.
O concerto será ofrecido polo trío de Xurxo Estévez, un contrabaixista galego de ampla traxectoria que compartiu escenario con grandes artistas como Perico Sambeat, Chris Kase ou Kurt Weiss, e que estará acompañado polo saxofonista Miguel Seoane e a batería Iranzu Elizondo.
Este será o cuarto evento organizado por CORUJAZZ, nunha proposta está orientada a apoiar e visibilizar o traballo e os proxectos de músicos, tanto a nivel local como internacional, así como a impulsar e difundir o jazz e a música en directo na Coruña, fomentando a diversidade dentro do panorama cultural da cidade.
Salvamento Marítimo remolcou un veleiro irlandés con tres tripulantes a bordo tras comunicar problemas pola meteoroloxía e un cabo en hélice cando navegaba fronte a A Coruña.
Segundo informaron desde Salvamento Marítimo, a embarcación, de 15 metros de eslora, solicitou axuda cando se atopaba a 40 millas ao norte de A Coruña. O Centro de Coordinación de Salvamento (CCS) de Fisterra movilizou o buque María Pita, que o remolcou ata a cidade herculina.
Un home aceptou unha condena de sete anos e seis meses de cárcere por apuñalar a outro home por detrás na Coruña, no xuízo fixado para este martes na Audiencia Provincial coruñesa. Inicialmente, Fiscalía pedía nove anos de prisión mentres que a acusación particular solicitaba 12 anos e a defensa a súa absolución ou subsidiariamente un delito de lesións con instrumento perigoso.
Tras un acordo entre as partes, con pago dunha indemnización de 23.100 euros á vítima, e a aceptación por parte do procesado, foi condenado, con sentenza firme. Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, os feitos sucederon o 9 de agosto de 2024, cando o procesado se abalanzou sobre a vítima e, coa intención de acabar coa súa vida, “cravoulle un coitelo de grandes dimensións nas costas mentres se atopaba tirado no chan”.
Cando o prexudicado deuse a volta, o acusado “tentou cravarllo no peito”, pero este interpuxo un brazo, que recibiu outras dúas puñaladas. Os feitos sucederon na avenida de Finisterre da Coruña.
Farto de pedir polas boas o arranxo de numerosas estradas de propiedade autonómica, o Concello de Oleiros comeza unha campaña de denuncia. O Concello instalará diversos carteis de grandes dimensións en distintos puntos de estradas autonómicas para denunciar “a marxinación coa que está a actuar o Goberno da Xunta en Oleiros”.
O primeiro foi colocado esta mañá, na avenida Isaac Díaz Pardo, que conecta Coruxo e Os Regos; e nos vindeiros días haberá máis.
Explica o Concello, que no caso concreto desta avenida, urxe a construción de beirarrúas continuas e accesibles. Os arcéns existentes foron creados polo Concello. A única actuación realizada pola Xunta consistiu en tapar as cunetas dun tramo, tras un accidente de tráfico dun familiar dun representante do Partido Popular, aseguran.
Igual que a avenida Isaac Díaz Pardo, outros importantes tramos das estradas principais de Oleiros de titularidade autonómica non dispoñen de beirarrúas nin carril bici. As beirarrúas e andéns existentes foron construídos directamente polo Concello, que asumiu as obras ante a necesidade de mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade peonil e ciclista.
“O Goberno da Xunta está a practicar unha política caciquil e partidista que basicamente consiste en realizar as obras públicas nos municipios nos que o Partido Popular ocupa a alcaldía”, denuncian.
A Subdelegación do Goberno na Coruña defendeu o dispositivo policial activado este domingo con motivo do partido entre o Deportivo e o Andorra por estritas razóns de seguridade. Esta postura oficial chega tras as explicacións públicas da alcaldesa da cidade, Inés Rey, sobre o desenvolvemento da xornada nos arredores do estadio.
O organismo estatal sinalou que a prioridade da Policía Nacional é garantir a seguridade cidadá e evitar situacións que poidan poñer en risco ás persoas asistentes aos encontros deportivos. Neste sentido, fixo referencia a incidentes previos rexistrados noutros partidos, como a localización de armas brancas e materiais perigosos durante o recente encontro entre o Deportivo e o Leganés.
Á vista destes antecedentes, a Policía Nacional decidiu reforzar os controis de acceso nos seguintes encontros en Riazor. O obxectivo prioritario destas inspeccións é impedir a entrada de armas, bengalas e outros obxectos perigosos ao recinto, así como garantir o cumprimento estrito da normativa vixente en materia de espectáculos deportivos.
Desde a Subdelegación do Goberno destacaron que estes controis foron comunicados previamente á cidadanía e insistiron en que por parte das forzas de seguridade houbo unha actuación caracterizada pola proporcionalidade, a prudencia e a contención. Do mesmo xeito, a institución quixo subliñar o comportamento exemplar, cívico e responsable da inmensa maioría da afección deportivista durante todo o evento.
A Domus da Coruña acolleu este luns a presentación oficial da XVII edición do (S)8 Mostra de Cinema Periférico, que este ano dedica a súa imaxe á eclipse do 12 de agosto. Esta nova entrega do festival, que se celebrará do 2 ao 7 de xuño en cinco localizacións diferentes da cidade herculina, baterá marcas de proxeccións cun total de 161 películas e máis de 80 invitados.
Na rolda de prensa, o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, resaltou o feito de que a mostra estea a piques de cumprir “a maioría de idade, sendo unha das mellor valoradas polo Observatorio de Cultura”. O edil estivo acompañado polos codirectores do evento, Ana Domínguez e Ángeles Vázquez; a coordinadora de política audiovisual da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Dores Meijomín; a deputada provincial da Deputación da Coruña, Avia Veira; e a directora de programación de Acción Cultural Española (AC/E), Inmaculada Ballesteros.
A Mostra de Cinema Periférico incluirá na súa carteleira deste ano a proxección de 161 obras, entre as que destacan 35 estreas mundiais e 20 pezas de autoría galega.
Ata o cartel da 29ª edición do Salón do Cómic Viñetas do Atlántico únese á febre do eclipse. O cartel, deseñado polo autor galego Miguel Robledo, representa a eclipse total de Sol —que coincidirá na cidade coa celebración do festival—, así como a memoria social cunha escolla de personaxes populares da banda deseñada e da animación.
A semana central do evento será do 10 ao 16 de agosto, aínda que parte da súa programación se estenderá dende o mes de xuño ata finais de setembro.
O acto de presentación desenvolveuse o pasado venres no stand institucional de promoción da banda deseñada galega dentro do festival Comic Barcelona, que se celebra esta fin de semana na capital catalá. Alí estiveron un avance dos convidados desta nova edición do Viñetas: Pep Brocal, José Pablo García e Sebas Martínez, xunto co director do festival Manel Cráneo e o edil de cultura Gonzalo Castro.
Cráneo explicou que este ano se consolida a nova etapa do festival, na que se está poñendo especial atención na inclusividade e nas temáticas sociais.
Avanozou que o salón contará con relevantes figuras do panorama da banda deseñada en España, como Pep Brocal. Outros dos convidados será o tamén catalán Sebas Martín, máximo representante do cómic LGTBI+ na banda deseñada estatal. José Pablo García será outro dos convidados para esta edición. Coa súa recente publicación ‘Palindrotiras’ está causando sensación entre a crítica e os lectores grazas ao seu dominio do humor e das diferentes técnicas de debuxo.
Entre os nomes propios do festival destaca tamén o da galega Xulia Pisón, que contará con unha exposición na Casa Museo María Pita en colaboración co festival Elas son artistas. A autora coruñesa é responsable, entre outros moitos títulos na súa carreira, da serie de tres volumes de divulgación científica ‘Microalgas’.
Urbano Lugrís González (A Coruña, 1908) foi un artista fundamental para entendermos a evolución da arte contemporánea galega. Un pintor narrativo, detallista e onírico, que entendía a súa pintura como imaxinación pura. O mundo dos soños, o surrealismo e a vida mariña son fíos narrativos fundamentais na súa obra. En palabras do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, a obra de Urbano Lugrís está «á espera dunha revisión profunda», polo que cómpre revalorizar e expoñer a súa creación plástica para poder lembrar unha parte esencial da arte contemporánea galega.
Urbano Lugrís, fillo de Manuel Lugrís Freire, medrou na Coruña das Irmandades da Fala. De feito, seu pai foi un dos fundadores. Cunha nai pianista, un tío escritor e un padriño historiador, Urbano frecuentou ambientes artísticos, poéticos e musicais na meirande parte da súa infancia e adolescencia. No ano 1930 marchou a Madrid, onde entrou en contacto coas correntes vangardistas da época, ademais de integrarse nas Misións Pedagóxicas da Segunda República. As súas primeiras publicacións literarias, ilustracións e exposicións viron a luz nos anos 40, cando comezou a publicar na revista El Pueblo Gallego.
Nos anos previos á Guerra civil, Urbano Lugrís puido cultivar o seu pensamento, pero unha vez se impuxo a ditadura franquista, a súa vida deu un xiro moi grande. Afirma a historiadora da arte Carmela Galego que “Lugrís foi un pintor que lle tocou vivir unha coxuntura moi complexa. Criouse nun ambiente galeguista e tocoulle exercer a súa profesión nun entorno que era moi agresivo co galeguismo de mediados do século XX”. Urbano Lugrís, tal e como o define Rodrigo Osorio, avogado e membro do Colectivo Literario Innave Civitas Lugrís, foi “un autor especialmente único” que cultivou un surrealismo ancorado á súa terra real, Galicia. Osorio reflexiona ao respecto: “Inventa un mundo de fantasía que ten unha raíz galega brutal. Bebe das fontes do nacionalismo e do republicanismo”.
A TABERNA COMO ESPAZO PÚBLICO
Lugrís, movido pola efervescencia cultural da Coruña dos anos 30, comezou a interesarse pola pintura como forma de expresión artística. Tal e como afirma Carmela Galego, “boa parte da intelectualidade coruñesa foi represaliada”, polo que Lugrís, nesa coxuntura, decide sumerxirse nos mundos oníricos e comeza a súa carreira como pintor. As tabernas foron un espazo clave para conformarmos unha visión completa da relevancia da obra de Urbano Lugrís: “hai certo debate, non exento de complicacións documentais, sobre se a forma de vida de Lugrís tivo que ver co que el sufriu en relación co golpe de estado”, comenta Carmela Galego.
A taberna emerxe, polo tanto, como ambiente fundamental para Urbano Lugrís. Sempre desenvolveu unha arte clara e popular, en espazos públicos, “porque na súa poética sempre figurou achegar a arte ao pobo”, comenta Osorio. A taberna, pola súa dimensión social e pública foi, para Lugrís, unha forma de democratizar a arte e achegala a todos os públicos. Galego insiste en que a súa pintura, ao ser feita en boa parte en parede, “dálle ao público a oportunidade de coñecer a súa obra”. Incide en que iso é moi importante, porque “a mediados do século XX había moi pouco público que ía aos museos, polo que o feito de que pinte nas tabernas fai que o seu legado permaneza na memoria da xente”.
Hoxe en día, o único conxunto muralístico íntegro que se conserva de Urbano Lugrís atópase nun baixo escuro da rúa dos Olmos, na antiga taberna Fornos. Esta semana, a Asociación o Mural e o Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrísconvocaron unha asemblea informativa aberta para valorar as accións a desenvolver arredor dos frescos que Urbano Lugrís pintou neste espazo en 1951. Cunha ampla participación (arredor de 200 persoas), Rodrigo Osorio afirma que, tras anos de abandono, o deterioro do inmoble é evidente, polo que as accións que se contemplan inciden en que “o esencial é que os frescos de Lugrís non se perdan, porque están nun risco moi grave polo estado do edificio”.
“San Barandán”, obra de Urbano Lugrís feita en 1946 / Colección ABANCA
UNHA OBRA ONÍRICA E SUBMARINA
Algunhas das pinturas máis destacadas da obra de Lugrís, realizadas en óleo sobre táboa, encadran topónimos moi próximos, como o porto da Coruña, a Torre de Hércules, o castelo de Santa Cruz ou o porto de Vigo. Estes cadros empregan a técnica surrealista, asemade que establecen como foco principal o mundo submarino. A pintura de Lugrís, segundo contempla Carmela Galego “ten unha estética agradable, cunha gama cromática e unhas tonalidades moi suxerentes e visuais”.
As paredes do antigo restaurante Fornos posúen un mural lugrisiano que ornamenta a súa bóveda. A bóveda é cruzada primeiro por un arco no que Urbano Lugrís indica a data de fundación do local. Na parte principal do conxunto, amósase unha panorámica da Coruña, que contén o castelo de San Antón, a cidade vella e a Torre de Hércules. A súa pintura é “moderna sen ser agresiva”, e os propios murais da rúa Olmos son moi atractivos para o público, tal e como apunta Carmela Galego. Por conseguinte, o seu muralismo é un gran referente para a nosa época, e pese a non ser un autor moi estudado, “hoxe forma parte do elenco dos grandes pintores da cultura galega”, reflexiona Galego.
“Galicia”, obra de Urbano Lugrís feita no ano 1953 / Colección ABANCA
A obra de Lugrís ten unha gran riqueza simbólica e amosa un gran coñecemento da nosa historia, polo que cómpre reivindicala como propia. Urbano Lugrís González foi pintor, ensaísta, poeta e narrador, así como un grande artífice do mundo onírico. Non obstante, o certo é que Lugrís é un deses autores que permanecen somerxidos na lembranza, cuxa obra está feita para ser redescuberta. A personalidade de Lugrís contémplase ao nomear aos principais artífices da arte galega do século XX, pero moi poucas veces se aborda a súa creación artística de maneira fidedigna. Polo tanto, ao democratizar e abrir a súa obra tal e como foi contemplada, tamén se universaliza unha parte da nosa cultura e das nosas raíces literarias. El mesmo afirmaba que era «un pintor puramente imaxinativo, pero a través dunha realidade concreta». Esa realidade é a que hoxe cómpre abordar. Porque para poder divulgar a Urbano Lugrís, primeiro hai que sumerxirse nos seus mares, pescudar nas súas orixes e ollar o mundo a través da súa mirada.
Seguen as 3 parcelas que foron propiedade do Ministerio de Defensa da Maestranza, pendentes das sentenzas xudiciais. Esta semana o pleno tiña que asumir a Parcela número 3 estará destinada a espazo libre público, e non vai ser unha urbanización de vivendas de protección oficial como se prometera (en paralelo á de Adelaida Muro). Un in informe de Patrimonio inciden na afectación aos restos do sistema defensivo da Cidade Vella, catalogado como BIC, e provocaron o cambio de calificación.
Unha calificación que dende entidades como Defensa do Común consideran que debe extenderse ás outras dúas parcelas, por canto todas no seu conxunto integran a muralla. Con todo, a realidade das outras dúas parcelas (a 1 e a 2) parecen destinadas a un futuro ben diferente, unha vez que xa foron vendidas polo ministerio a promotoras unbanísticas (Lipromo), e mesmo xa se están a vender os pisos antes de edificar.
Pisos de entre 520.000€ (2 dormitorios) a 730.000€ (4 dormitorios)…
Mapa das parcelas da Maestranza
O caso é que mentres Lipromo vende os seus pisos da Parcela 2, esta parcela segue pendente de notificación da sentenza do TSXG (xa redactada pero aínda non enviada) relativa ao Estudo de Detalle da parcela P2, impugnado por Defensa do Común. A entidade recorreu tamén a licenza municipal, por ser outorgada seguindo o Plan Especial aprobado en 1994, no que non se tivo en consideración os restos arqueolóxicos.
Nese sentido, Defensa do Común tamén segue a demandar a modificación do PEPRI da Cidade Vella do 2015, tanto para deixar sen efecto o Plan Especial da Maestranza de 1994 como para concretar a delimitación e medidas de protección dos restos das murallas. “Resulta inadmisible que no 2026 se pretenda executar un plan de 1994, totalmente obsoleto, que non tivo en conta daquela o sistema defensivo da cidade vella e seus valores arqueolóxicos e patrimoniais”, denuncian.
En resumo, a situación das 3 parcelas é a seguinte:
P1 (propiedade de Lipromo): denegado pola XGL (novembro 2025) o último Estudo de Detalle presentado pola promotora
P2 (propiedade de Lipromo): Estudo de Detalle aprobado no 2023; pendente de notificación de sentenza polo TSXG do recurso de Defensa do Común, que tamén impugnou a Licenza de obras no Xulgado do contencioso, impugnación en trámite.
P3 (propiedade de INVIED-Defensa): cualificada como EL (espazo libre público) na MP-PXOM aprobada provisioalmente polo Pleno o pasado xoves.
O grupo Amnistía Internacional da Coruña, organiza este mércores 20 de maio unha palestra con Alejandro Amaro, representante para o Estado español da Alianza Europea para a defensa das persoas prisioneiras de Palestina.
Falará sobre “Presos e presas palestinas” a partir das 20:00h na sede herculina de Amnistía Internacional, situada na Rúa Rafael Alberti N5 1C, na segunda fase de Elviña.