Inicio Blog Páxina 39

Lage (PSdeG): “O meu apoio e máximo respecto á presunción de inocencia de Zapatero”

O concelleiro de Economía do Concello da Coruña e portavoz do goberno local, o socialista José Manuel Lage Tuñas, trasladou o seu “apoio” ao expresidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, ao ser preguntado pola súa imputación. “O máximo respecto polas decisións da xustiza“, afirmou ante as preguntas dos xornalistas tras informar dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno.

“O máximo respecto pola presunción de inocencia e todo o apoio ao presidente Zapatero“, insistiu, en liña coas declaracións doutros dirixentes do partido. Isto prodúcese despois de que o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, apelase este mércores á presunción de inocencia e dera “todo o seu apoio” ao expresidente Zapatero, tras a súa imputación polo rescate de Plus Ultra. Non obstante, o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, pediu que dimita para que non siga “manchando” a Presidencia do Goberno.

A CRMH convoca un acto reivindicativo en María Pita para “descolgar” os retratos franquistas da cidade

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) tiña intención de organizar este vindeiro sábado 23 de maio, unha visita guiada ao palacio municipal de María Pita para evidenciar o grave problema democrático que padece na cidade coa cantidade de cadros e recoñecemtos golpístas, alcaldes e cargos políticos franquistas que alberga.

Aseguran que o concello da Coruña non autorizou a visita, polo que a entidade, quere manter a acción reivindicativa levándoa á praza de María Pita. Así esta mañá de sábado, levarán copias dos 18 cadros de golpistas e alcaldes franquistas expostos nas diferentes estancias do concello (incluído o despacho oficial da alcaldía) e os descolgarán simbolicamente, “demostrando que é un acto de hixiene democrática fácil e sinxelo”.

Queren criticar “a falta de vontade política por parte do goberno municipal para cumprir a Lei de Memoria Democrática e eliminar dunha vez a gran cantidade de simboloxía franquista que existe na nosa cidade, o que nos converte nunha vergonzosa excepción dentro do estado.” 

Máis novas

Sabes quen era e que fixo Sergio Peñamaría de Llano?… Hai unha rúa no Ventorrillo e un cadro del no concello

Reiteran a petición de eliminar 446 placas franquistas de 135 rúas da Coruña

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

A organización anarquista galega Xesta preséntase na Coruña

0

A organización anarquista Xesta convoca para o xoves 21 de maio un acto público de presentación ás 19 horas no Circo de Artesáns da Coruña (rúa de Santo André nº36).

Con esta xornada de presentación Xesta quere facer público o proxecto que ven desenvolvendo nos dous últimos anos: “a creación dunha organización anarquista para construir o proxecto socialista libertario do século XXI”.

E faino na cidade que veu nacer o anarquismo galego a finais do século XIX, e que se constituíu como o seu principal foco anarquista no noroeste da península ibérica ata que os terribles episodios de morte e represión que seguiron á sublevación fascista de 1936, remataron con esta experiencia histórica.

Trátase pois do primeiro mitin anarquista celebrado na cidade dende o fatídico xullo de 1936.

Con este acto público Xesta pretente “facer agromar a semente, tantos anos soterrada, do anarquismo herculino, convertíndose en ferramenta de organización e loita par construir o socialismo libertario do século XXI”.

Arrancan os actos do 125 aniversario dos sucesos de maio de 1901 na Coruña cunha homenaxe ás misteiras

Os sindicatos esixen medidas “urxentes” á Xunta para evitar o “colapso” dos Xulgados da Coruña

Os sindicatos CSIF, SPJ-USO, STAJ, UXT e CCOO esixiron nun comunicado conxunto á Dirección Xeral da Xunta de Galicia a adopción de medidas “urxentes” para evitar o “colapso” dos Xulgados da Coruña. Tal e como relatan, representantes das centrais sindicais reuníronse este martes cos traballadores dos órganos xudiciais coruñeses para abordar a delicada situación xerada tras a implantación dos Tribunais de Instancia, un proceso que cualifican de “improvisado” e que, segundo denuncian, está a situar a estes servizos públicos “ao bordo do colapso”.

Durante o encontro expuxéronse algunhas das principais carencias detectadas no día a día dos xulgados, entre as que destacan a insuficiencia de persoal, a distribución “caótica” dos espazos xudiciais e as limitacións severas dos sistemas informáticos utilizados na tramitación de procedementos. Os sindicatos insisten na necesidade imperiosa de abrir de maneira inmediata unha negociación para ampliar as Relacións de Postos de Traballo (RPT), ao considerar que a carga laboral actual resulta “inasumible” para os persoais existentes na actualidade. Así mesmo, advirten de que a reorganización física dos órganos xudiciais está a xerar “confusión” tanto entre os profesionais coma entre a cidadanía, dificultando notablemente o seguimento e a localización física dos expedientes.

APLICACIÓNS DESACTUALIZADAS E RETIROS DO TELETRABALLO

As organizacións sindicais denuncian tamén que as aplicacións informáticas continúan sen adaptarse ás novas prazas nin incorporar as modificacións procesuais derivadas dos cambios lexislativos recentes, o que está a retardar a tramitación de asuntos e aumentando os atrasos acumulados. A iso suman de forma crítica a “supresión arbitraria do teletraballo”, unha medida que, segundo sosteñen as centrais, “empeora aínda máis” a organización diaria do traballo nos xulgados.

Por todo isto, os sindicatos e os traballadores dos Xulgados da Coruña esixen á Dirección Xeral de Xustiza a posta en marcha urxente dunha mesa de negociación que permita adoptar medidas inmediatas. Entre as súas reclamacións figura o incremento de persoais mediante a ampliación das RPT, a dotación de medios materiais adecuados, a creación de equipos estruturais que eviten arbitrariedades na distribución de cargas de traballo e o nomeamento inmediato de persoal de reforzo. Finalmente, as organizacións convocantes advirten de que, se non se atenden estas reclamacións de forma rápida, iniciarán mobilizacións para visibilizar ante a opinión pública o problema xerado pola propia administración autonómica.

Os mestres do #Aquítaménsefala, o proxecto educativo do IES Rafael Dieste, finalistas do premio estatal “Docentes Referentes”

0

Os profesores Alberto Pombo Añón, Arcadio González e Mónica Reixía, do IES Rafael Dieste forman parte da lista de 25 finalistas da primeira edición de “Docentes Referentes”. A súa vontade e coordinación do proxecto #Aquítaménsefala, achégaos a esta iniciativa estatal impulsada pola Fundación Ibercaja á que se presentaron preto de 500 proxectos educativos de todo o Estado.

Dende a Fundación valoran o impulso deste movemento estudantil de defensa e promoción do galego que está conseguindo ata cambiarlle o nome ao Real Club Deportivo da Coruña.

Valoran que o proxecto ten convertido o centro nos últimos anos nun referente educativo e cultural en Galicia polo alcance e o impacto social das súas iniciativas. Desde alí, “Aquí tamén se fala” medrou ata implicar milleiros de estudantes de máis de 300 centros do país nun modelo de dinamización lingüística protagonizado pola propia mocidade.

O movemento destaca tamén pola súa capacidade integradora nun contexto especialmente diverso: no Dieste, sete de cada dez alumnos son de orixe migrante, unha realidade que o proxecto transformou nunha oportunidade para construír unha relación natural e positiva coa lingua galega.

Entre as iniciativas impulsadas arredor do proxecto destacan o Festival Profesional “Aquí tamén se fala”, polo que pasaron bandas como Ortiga, Grande Amore ou Boyanka Kostova; os concertos organizados no Planetario da Facultade de Náutica con Xabier Díaz ou Aida Tarrío; campañas de dinamización lingüística como #oDéporédaCoruña; ou os encontros do alumnado con figuras destacadas da música, o audiovisual, ou o deporte como Amaia Romero, Viggo Mortensen ou Bebeto.

O recoñecemento destaca o impacto social e educativo dunha iniciativa que conseguiu implicar e integrar á mocidade pola reivindicación da lingua galega desde os propios centros de ensino, converténdose nun referente de participación e dinamización cultural.

Os cinco proxectos gañadores recibirán un premio de 12.000 euros e o fallo definitivo do xurado darase a coñecer nun acto previsto para o mes de xullo en Zaragoza. De gañalos, os mestres doarán o premio ao propio proxecto.

Máis novas do proxecto

O Dépor galeguizará en maio o seu nome. A mocidade fai historia

O Dépor realizará unha consulta vinculante aos seus abonados para galeguizar ou non o topónimo

Antón Corral e a campaña #Aquítaménsefala recoñecidos con sendos Premios da Cultura Galega 2025

 

A Coruña mobilízase o domingo na XIII edición da carreira solidaria contra o cancro

A Coruña acolle este domingo unha nova edición da marcha organizada pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) para a loita contra esta enfermidade. Será unha cita solidaria de carácter popular, en estreita colaboración co consistorio coruñés, e que percorrerá o paseo marítimo entre O Parrote e San Amaro co obxectivo de “visibilizar a loita contra a enfermidade”.

Trátase da XIII edición de ‘A Coruña, en marcha contra o cancro’ que busca tamén, a través das inscricións e os donativos, recadar fondos que irán destinados integramente á investigación oncolóxica.

Este martes tivo lugar, na praza de María Pita, o acto de presentación oficial desta cita, que arrincará o domingo cunha saída programada ás 10.00 horas desde Porta Real. Este será o punto de partida para un percorrido alcanzable de cinco quilómetros de distancia a través de O Parrote, o Paseo Marítimo e a contorna do Club do Mar de San Amaro.

183.000 crías de ameixa babosa para rexenerar a ría do Burgo

Unha pequena boa nova para os mariscadores da ría do Burgo, despois de anos de problemas. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Galicia, dependente da Consellería do Mar, entregou hoxe un lote de 183.000 unidades de ameixa babosa á confraría de pescadores da Coruña con destino á recuperación produtiva da ría do Burgo. A semente, que acada un peso total de 72 quilos e un tamaño medio de 14 milímetros, procede dos labores de preengorde realizados no pantalán do Vicedo (Lugo).

Esta actuación enmárcase dentro das entregas periódicas do CIMA para a subministración
regular de cría ás diferentes confrarías galegas. A través deste tipo de achegas, o obxectivo é favorecer a rexeneración das zonas de traballo e contribuír de forma directa á sustentabilidade da actividade marisqueira na comunidade, garantindo o futuro produtivo e económico do sector extractivo.

Mariscadoras ria do Burgo

Un bolígrafo pucelano a 200€. As estratexias da revenda para o Valladollid-Dépor

Pois si que están caros os bolis e os apartamentos en Valladolid… Ante a valancha de peticións de entradas para viaxar a gozar do posible ascenso do Dépor en Valladolid, están as plataformas de venda de segunda man como Wallapop ou Milanuncios cheos de ofertas curiosas.
Aquí os amosamos algunhas capturas que recollimos entre onte e hoxe
Boligrafo Valladolid -Depor
Revenda Boligrafo Valladolid -Depor

A Policía Nacional detecta estafas

Moi ollo, que a Policía Nacional xa detectou estafas de venda de entradas entre particulares para o partido de fútbol Valladolid-Deportivo, utilizando as redes sociais.
Cando alguén expresa interese en mercar estas entradas, pídeselle que manteña unha conversa por WhatsApp e posteriormente que realice o pago mediante Bizum. Unha vez realizado o pago, córtase toda comunicación, o comprador queda bloqueado en todas as aplicacións e, por suposto, nunca se entrega ningunha entrada

Bunbury actuará na Coruña no seu único concerto en Galicia dentro da xira ‘Nuevas Mutaciones Tour 2026’

O cantante Bunbury actuará na Coruña o 10 de decembro dentro da súa xira ‘Nuevas Mutaciones Tour 2026’, con entradas xa á venda para o que será o seu único concerto en Galicia. Será no marco dunha xira que percorrerá América e España presentando un novo espectáculo, acompañado por unha formación de dez músicos, subliña o consistorio.

A xira chegará a España unicamente con catro datas: Madrid, Valencia, A Coruña e Zaragoza. Farao tras a publicación de ‘De un siglo anterior’, o novo traballo discográfico de Bunbury, editado o pasado 17 de abril. Gravado no Deserto dos Leóns, en México, e producido polo propio artista xunto a Ramón Gacías, o álbum nace da exploración das posibilidades sonoras e rítmicas da música latinoamericana en diálogo con outros xéneros contemporáneos.

Silvio Rodríguez volverá cantar na Coruña este setembro dentro da súa nova xira por España

Silvio Rodríguez volverá a España este 2026. O cantautor cubano, unha das grandes figuras da canción iberoamericana e un dos nomes fundamentais da Nova Trova, anunciou o seu regreso aos escenarios españois cunha xira especial que se desenvolverá durante os meses de setembro e outubro e que terá parada na Coruña o 19 de setembro, no Coliseum. A noticia deuse a coñecer, segundo informaron os organizadores, a través dun vídeo dirixido aos seus seguidores en España e abre unha primeira fase de rexistro na web oficial, onde o público poderá apuntarse para recibir o aviso de saída de entradas.

“O regreso de Silvio Rodríguez a España ten unha dimensión que supera o ámbito estritamente musical”, apuntan desde a organización. Autor de cancións como Oxalá, Unicornio, A maza, Óleo de muller con chapeu, Praia Girón ou Douche unha canción, Silvio Rodríguez ocupa un lugar singular na música en español. Segundo engaden, “o seu repertorio atravesou décadas sen quedar fixado unicamente a unha época”, porque nel conviven a poesía, a observación do mundo, a intimidade, a crítica, a tenrura e unha escrita que fixo da canción un territorio propio.

A súa obra, marcada por unha voz recoñecible e unha forma de entender a canción como pensamento e emoción, segue a dialogar con varias xeracións de oíntes. A xira española de Silvio Rodríguez en 2026 arrincará o 1 de setembro no Gran Teatre del Liceu de Barcelona e continuará por cidades como Zaragoza, Bilbao, Valencia, A Coruña, Sevilla, Murcia e Madrid, onde está previsto que remate o 4 de outubro no Movistar Arena. En Galicia, a cita será o 19 de setembro no Coliseum da Coruña.