O portavoz do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, acusou a PSOE e BNG de “paralizar” a construción de 400 vivendas nas Percebeiras e de facelo, ao seu xuízo, “sen motivo“. “Socialistas e nacionalistas, tan defensores da vivenda pública, paralizan outro ano un ámbito onde se construirá un 40% de vivenda de promoción pública, un parque de 15.000 metros cadrados e 500 aparcadoiros públicos”, sostén.
“A Xunta é a única administración que pon solucións: onte aprobou a licitación do proxecto para 264 en Xuxán e xa son 476 as que ten en execución na cidade, máis as catro mil en Monte Mero“, asegurou mentres. Todo iso tras anunciar o portavoz do grupo municipal do PP que votarán en contra da nova suspensión cautelar de instrumentos de plan e licenzas do plan especial Labañou-As Percebeiras que o goberno municipal levará ao pleno do xoves.
Os vehículos pesados que participan nas obras da conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira xa circulan pola autovía de acceso ao porto, AC-15, evitando así transitar polo núcleo de Suevos, informa a Autoridade Portuaria.
E é que debido a que a estrada DP-3002, que une Suevos e O Portiño pola costa, está cortada por obras de saneamento, os camións e cubas de formigón vinculados ao acceso ferroviario viñan circulando por Suevos. “Esta situación xerou molestias e protestas veciñais xa que as características do viario que atravesa a poboación non son adecuadas para o paso constante de vehículos pesados”, informa o organismo portuario.
Por iso, e en coordinación co Concello de Arteixo, a Autoridade Portuaria solicitou á Dirección Xeral de Estradas e á Dirección Xeral de Tráfico a aplicación da medida especial que agora se pon en marcha, unha vez que se obtiveron todos os permisos.
Así, para saír da zona de obras da ligazón ferroviaria para abastecerse de subministracións, os camións e cubas de formigón desviaranse pola AC-15, cun acceso de servizo debidamente sinalizado. Para acceder ao lugar das obras, seguirán utilizando como ata agora un viario situado na contorna de Rañobre.
Traballadores e traballadoras do sector do transporte de viaxeiros na provincia da Coruña están a secundar este martes unha nova xornada de paros para esixir “avances” na negociación do convenio colectivo, cun “paro total” por parte dos mesmos, segundo as centrais sindicais. “Como na xornada de onte”, asegurou a Europa Press o representante de CIG Transportes, Ernesto Rey, nun contexto con practicamente sen autocares e con piquetes informativos, pero sen incidentes.
Trátase duns paros convocados polos sindicatos CCOO, UGT e CIG, coa que se abre unha nova convocatoria de paros durante este mes, do mesmo xeito que se realizou en decembro. Así, en asemblea, os sindicatos aprobaron novas xornadas de paro os días 16, 19, 20 e 23 de xaneiro. Os sindicatos denuncian o “inmobilismo” da patronal de cara á negociación do citado convenio, no que esta parte demanda melloras salariais e laborais, e advertiron que se non hai achega das posturas os traballadores e traballadoras están convocadas a folga indefinida a partir do 2 de febreiro. Neste sentido, inciden en que o principal motivo é a existencia dun convenio “desfasado” e “paralizado” desde fai catro anos.
POSTURA DA XUNTA
Neste contexto, e sen contactos entre patronal e representación sindical, a Dirección Xeral de Mobilidade remarca que é un conflito entre traballadores e empresas. Tamén se remite á publicación duns servizos mínimos que na xornada de hoxe, ata as 9.00 horas, foi do 21 % nos contratos afectados, apunta. No escolar, engade que, con datos ás 10.00 horas, era do 51 %. or outra banda, precisa que solicitou á Delegación do Goberno a presenza das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado “para garantir o cumprimento dos servizos mínimos”.
“Tamén no ámbito das súas competencias, a Dirección Xeral de Mobilidade inspecciona o cumprimento dos servizos mínimos con presenza de inspectores en todas as estacións de autobuses afectadas e facendo seguimento de todos os servizos que deben prestarse, tanto de transporte regular como escolar”. No caso de que se detecten incumprimentos por parte das empresas, iniciaranse os procedementos sancionadores que correspondan”. Ademais, ofrece a “capacidade mediadora” do Consello Galego de Relacións Laborais, “a disposición das partes en canto o soliciten”.
INICIATIVAS DO PSDEG
Pola súa banda, o deputado socialista no Parlamento galego Aitor Bouza urxe medidas. “Nos últimos días, volvemos ver como usuarios do transporte por estrada quedaban tirados no caso da liña Ferrol- A Coruña”. “Non é a primeira vez”, sinala para avanzar iniciativas no Parlamento galego para esixir á Xunta “medidas para que non poida ocorrer”. “Non soamente ocorre en Ferrol”, advirte para insistir en problemas de saturación en autocares e para denunciar a ausencia de “buses de reforzo”.
Tralas mobilizacións de novembro, un cento de taxis volveron cortar a circulación na entrada da cidade por Alfonso Molina, chegando a Linares Rivas, Praza de Ourense e continuando ata o Parrote, onde farán unha concentración.
O colectivo critica a “deixadez” do goberno municipal con estas operadoras privadas, que están realizando viaxes dentro da cidade cando a ordenanza autonómica (a única vixente na cidade) só lles permitiría realizar viaxes interurbanos.
A chegada de Bolt axitou unha situación que xa levaba quente dende que Cabify e Uber chegaron á cidade en 2018. Dende aquela, o goberno municipal non se formulou a ordenación do servizo, como lle lembra o BNG, que leva dous meses solicitando, sen resposta, unha reunión co goberno socialista para “sentar a falar sobre a ordenanza que debe regular como deben operar os VTC dentro do termo municipal”.
Tamén o Movemento Sumar Coruña lembra que “As plataformas VTC seguen avanzando mentres as administracións responsables non actúan”, en relación ao Concello e tamén á Xunta. “Non hai ordenanza nin medidas efectivas, só anuncios que quedaron en titulares mentres os taxistas continúan sufrindo competencia desleal no seu propio ámbito de traballo”, lembran.
“Do que se trata é de facer cumprir a lei”, reclamou o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambad, en declaracións a Europa Press, tras denunciar que “agora mesmo son preto de cen as licenzas de VTC que están a operar sen ningún tipo de control na cidade”.
Neste sentido, apuntou ás “diferenzas” nas medidas tomadas polo consistorio de Vigo. “Alí actúase, aquí non”, denunciou tras explicar que na cidade olívica crearon un “apartado especial dentro do corpo da Policía local para perseguir as actividades irregulares das VTC”.
Novo parón na sanidade pública galega. A precariedade laboral dos nosos sanitarios segue provocando situacións que agravan as colas provocadas polos continuos recortes.
Agora, estes mércores 14 e xoves 15, máis de 9.000 médicos e un milleiro de facultativos licenciados noutras ramas sanitarias adscritos ao Sergas están chamados a unha folga de dous días convocada por O´Mega, o sindicato médico maioritario en Galicia.
Unha folga que supón a continuación da levada a cabo o pasado mes de decembro, que entón foi secundada por máis do 86% dos médicos da Sanidade Pública galega.
Serán dúas xornadas de folga para protestar polo intento de impoñer un Estatuto Marco por parte do Ministerio de Sanidade e para reclamar da Xunta unha negociación que permita dignificar as condicións laborais de profesionais da sanidade pública.
A protesta está convocada a nivel estatal para esixir ao Ministerio de Sanidade a redacción dun estatuto propio que permita a médicos e negociar facultativos as súas propias condicións laborais, pero en Galicia ten unha nova fronte porque O´Mega demanda tamén a mellora das condicións dos médicos do Sergas e a folga podería converterse en indefinida se a Xunta continúa negándose a negociar cos representantes dos facultativos.
Ademais de esixir do Ministerio de Sanidade a retirada da súa proxecto de Estatuto Marco, con estas mobilizacións os médicos reclaman á Xunta de Galicia a diminución da carga laboral para garantir aos usuarios da sanidade pública unha asistencia de calidade sen
esquecer o dereito dos facultativos ao descanso e á conciliación do traballo coa vida persoal e familiar.
Dende O’Mega explican situacións derivadas das medidas impostas polo Sergas. A voluntariedade das gardas que obrigan a moitos médicos a traballar durante 24 horas seguidas, o recoñecemento da carreira profesional computando o total de anos traballados e o establecemento dunha xornada laboral de 35 horas semanais son algunhas das reivindicacións dos facultativos galegos.
O’Mega tamén demanda da Consellería de Sanidade a apertura de unha negociación para actualizar as condicións laborais e retributivas de os médicos que traballan nos servizos de urxencias e toda a Atención Primaria.
O calendario de mobilizacións que acompañan agora a esta nova convocatoria de folga inclúe concentracións os días 14 e 15 de xaneiro, a partir das 11 da mañá, na entrada dos principais hospitais públicos galegos, así como ante os centros de saúde, e unha manifestación en Santiago de Compostela que comezará o mércores ás seis da tarde na Alameda e rematará na praza de Praterías.
Servizos mínimos, do 120%
O Sergas estableceu para a folga uns servizos mínimos que nalgún caso supoñen ata o 120% dos efectivos que cobren os servizos sanitarios Unha xornada normal, o que para o sindicato O, Mega, “Unha total falta de vontade de diálogo e negociación” da Xunta de Galicia.
A xuíza do Tribunal de Instancia de Betanzos decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para catro dos cinco detidos nunha operación contra o tráfico de drogas a grande escala iniciada en maio de 2025. Os arrestos producíronse o pasado venres tras unha serie de rexistros coordinados en vivendas e garaxes das localidades de Oza dos Ríos, Narón e A Coruña.
Segundo fontes xudiciais, aos implicados investígaselles por presuntos delitos contra a saúde pública –na modalidade de tráfico de drogas de notoria importancia– e por pertenza a organización criminal. No caso de Narón, o rexistro e detención dunha das implicadas realizouse na súa propia vivenda, no barrio da Solaina.
A investigación foi liderada polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas (EDOA) da Garda Civil, en colaboración estreita co Servizo de Vixilancia Aduaneira. Tras meses de seguimentos baixo estrita confidencialidade, a xuíza procedeu ao levantamento do segredo das actuacións, permitindo coñecer os detalles do operativo.
En total, cinco persoas foron interceptadas durante as intervencións do venres. Catro delas pasaron a disposición xudicial e foron enviadas directamente a prisión por risco de fuga ou reiteración delituosa. Unha quinta persoa foi posta en liberdade tras prestar declaración en dependencias da Garda Civil.
A investigación segue o seu curso baixo a dirección da praza número 2 do Tribunal de Betanzos, sen que se descarten novas actuacións tras a análise do material incautado nos rexistros.
Un acusado de agredir sexualmente a unha menor na Coruña negou os feitos e alegou, entre outras cuestións, que a santería, que practica, non permite feitos deste tipo. Foi no xuízo fixado para este martes na Audiencia Provincial da Coruña en relación a uns feitos que, segundo o escrito de cualificación fiscal, producíronse entre os anos 2021 e 2022 cando a menor tiña uns 12 anos.
Ademais de doce anos de cárcere, como a acusación, no seu escrito o Ministerio Fiscal solicita para o acusado a prohibición de aproximarse á vítima, ao seu domicilio e lugar de estudos ou traballo aínda que non se atope neles a unha distancia non inferior a 150 metros en liña recta e a de comunicarse con ela por calquera medio por un prazo de 15 anos, ademais da pena de liberdade vixiada por oito anos.
Solicita, así mesmo, unha indemnización de 25.000 euros para a menor. Os feitos, engade, producíronse no domicilio de acusado, algo que ratificou, na súa declaración, a moza que explicou que o home era un coñecido dos seus pais e que a levaba á súa casa a comer unha vez que a recollía do colexio. Tamén precisou que os episodios de agresión sexual que denuncia tiveron lugar cando ela cursaba sexto de Primaria e durante o verán e practicamente a diario.
Por outra banda, apuntou que o seu pai, xa falecido, realizáballe tocamentos diante de convidados cando lles dicía que medrara. En relación a isto, o procesado asegurou que acudiu coa menor á Policía para denunciar isto, un punto no que a moza dixo que foi este home quen lle dixo que denunciase ao seu proxenitor por violación. No seu relato, a menor dixo que o acusado a ameazaba con levala a casa e que ela non quería porque a súa nai consumía droga coas súas amizades.
A esta, explicou nunca lle comentou nada do que lle ocorría ao non ter case relación. “É totalmente incerto”, sinalou sobre a acusación o home, quen argumentou ter desde fai dez anos problemas de “memoria”.“Rebótame vostede a cabeza máis do que a teño”, asegurou á fiscal ante as súas preguntas.“Eu estou nunha santería e non permite iso”, afirmou tamén para rexeitar as acusacións. “Eu nunca toquei a esa nena nin violei a ninguén”, recalcou.
Cumple nada menos que 40 anos, a Agrupación de Montañeiros Independentes da Coruña. A AMI é un dos clubs de montaña de referencia en Galicia, cunha traxectoria marcada pola promoción da escalada, a formación e, especialmente na última década, polo seu sólido compromiso social.
As súas clases no frontón de Riazor ou o seu pequeno pero áxil espazo en Santa Margarita son xa unha referencia para varias xeracións de amantes da natureza. De feito, AMI foi o primeiro club de montañismo de Galicia con escolas deportivas, polas que pasan hoxe preto de 300 nenos e nenas.
A día de hoxe, o club vive un momento de consolidación, con máis de 600 persoas federadas e 100 socios e socias non federados. A evolución é especialmente significativa tendo en conta que en 2010 AMI contaba só con 55 licenzas.
Seis de cada dez fichas corresponden a homes, pero a presenza feminina medra ano tras ano. O 40 % das licenzas son de deportistas menores de idade.
Clases de escalada de AMI no dique
Apostando pola formación e a inclusión
Dende que en 2013 a Fundación Emalcsa lanzou as primeiras axudas de deporte solidario e inclusivo, a AMI leva aproveitando o potencial da actividade física (principalmente a escalada, o sendeirismo e a marcha nórdica) como ferramenta de inclusión social, promoción da saúde e desenvolvemento persoal. Se a primeira experiencia contou coa participación de 73 persoas, co paso das edicións o número chegou a multiplicarse por dez varias veces.
“O proxecto social de AMI apóiase nunha ampla rede de entidades sociais, educativas e sanitarias”, explica Mariquiña Castiñeira, coordinadora do club. “Facilita o acceso á actividade física a persoas con discapacidade, a persoas en risco de exclusión social por motivos económicos ou de inmigración e a mulleres vítimas de violencia machista, entre outros colectivos ”.
De feito, AMI e a Federación Galega de Montañismo son pioneiras en España no desenvolvemento de iniciativas de paraescalada.
Actividades 2026
Miguel Arejula e Adrián Alvarez en Torre Rusia
AMI organizará ao longo de 2026 preto dunha vintena de actividades abertas á cidadanía. A programación arrinca o 16 de xaneiro, data de inscripción do club no rexistro de entidades deportivas da Xunta, coa charla Aventura por Kirguistán, a cargo do socio do club Adrián Álvarez. Adrián e o tamén socio Miguel Arejula coroaron en 2025 a imponente Torre Rusia, en Kirguistán, de 4.240 metros de altitude, en condicións meteorolóxicas extremas. Será ás 20,00 horas na sede de AMI, na rúa Padre Sarmiento, 8.
AMI subindo a Torre Rusia
O calendario da celebración do 40º aniversarios inclúe varios bautismos de escalada para a cidadanía, o primeiro deles o 28 de xaneiro, dirixido a nenos e nenas na modalidade de bloque; a Festa da Inclusión, que terá lugar o 30 de maio; actividades de alpinismo nos Picos de Europa e en Peña Ubiña, así como a organización de varias competicións oficiais.
Comisiones Obreras (CC.OO.) denunciou que “mensaxes difundidas” sobre un “inminente acordo” no conflito do sector téxtil da Coruña son “falsos” e “non se corresponden” coa negociación do convenio estatal promovido pola patronal ARTE. Así mesmo, a central sindical incidiu en que “determinadas organizacións” trasladan aos traballadores informacións “conscientemente distorsionadas”, creando unha “ficción de avances inexistentes e dun acordo inminente que é falso”.
Neste sentido, explicou que a negociación do convenio da patronal só afecta ás grandes empresas do sector e “non ao comercio en xeral”, nin ao pequeno comercio. Ademais, insiste en que este posible acordo “non está avanzado nin maduro, nin próximo a pecharse”. En calquera caso, a entidade afirmou que as negociacións están nunha etapa inicial e que soster o contrario “non se trata dun erro”: “É unha estratexia de intoxicación do conflito e de desinformación sindical”.
Así as cousas, subliñou que “é grave facer crer que a patronal estatal estaría disposta a recoñecer os marcos autonómicos ou provinciais como consecuencia das folgas”. Por outra banda, engadiu que “os convenios non dependen da vontade patronal”. Por todo iso, a entidade incide en que “falar dun acordo próximo é falso” e que o que se defende na Coruña actualmente –un Convenio de Comercio Vario–, foi rexeitado no seu día pola CIG por “insuficiente”.
Segue a ser a Domus un dos espazos museísticos máis queridos pola rapazada da cidade. Pero tamén é certo que leva décadas con pouca renovación. De aí a importancia que ten a nova sala MiniDomus. Un espazo deseñado polo equipo técnico dos Museos Científicos Coruñeses e conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que ofree novas experiencia para os máis peques.
MiniDomus ontén sete ámbitos que inclúen módulos interactivos baseados no xogo, o fomento da curiosidade e as habilidades propias da infancia. Neles os nenos e nenas de menor idade poderán explorar a presión do aire lanzando pelotas por distintos percorridos e descubrir cal é o máis rápido, xogar coa luz e as cores, creando obras luminosas, construír e experimentar con engrenaxes, poleas e manivelas, probar o equilibrio e a gravidade montando estruturas en superficies con diferentes ángulos, crear máquinas móbiles con rodas, eixos, cordas e circuítos en zigzag, dar forma a ideas con pezas de construción, usando rodas, soportes e parafusos de bolboreta, e deixar voar a imaxinación creando mundos con grandes bloques, desde dinosauros ata naves espaciais.