Inicio Blog Páxina 455

Segue crecendo a burbulla das vivendas en aluguer da Coruña

0

O prezo da vivenda de aluguer en Galicia subiu un 8,1% en novembro con respecto ao mesmo mes de 2022, cun custo medio de 8,52 euros o metro cadrado ao mes, segundo datos do Índice Inmobiliario Fotocasa. Desta maneira, Galicia sitúase como a 11ª Comunidade española onde máis creceu este prezo e sitúase por encima da media do Estado, que quedou no 6,1%. A variación mensual foi do 0,9% respecto de outubro na rexión.

Por provincias, na Coruña o prezo do aluguer subiu un 9,8% no último ano e baixou un 0,5% respecto de outubro, con 8,55 euros o metro cadrado. En Pontevedra, este custo subiu un 8% desde novembro de 2022 e un 3% desde o mes pasado, ata 9,58 euros o metro.

Pola súa banda, en Ourense o prezo quedou en 6,55 euros o metro cadrado, incrementándose un 0,5% no último mes e un 3,1% no último ano. Lugo foi a única provincia galega onde caeu o prezo do aluguer, baixando un 2,1% desde novembro de 2022, aínda que subindo un 0,2% entre outubro e novembro deste ano.

A Cabalgata de Reis contará con 14 carrozas, cinco trens e 17 compañías artísticas e de animación

0

A Cabalgata de Reis da Coruña, prevista para as 18.00 horas do 5 de xaneiro, contará con 14 carrozas, cinco trens e 17 compañías artísticas e de animación no seu percorrido, segundo informa o consistorio. A comitiva sairá do Barrio das Flores, enfronte do CEIP Ramón da Sagra, e terminará como cada ano na praza de María Pita co saúdo das súas maxestades, ao redor das 21.15 horas, a todos os nenos e nenas presentes na praza.

Das 14 carrozas que participarán no percorrido, oito serán municipais e cinco procedentes de patrocinadores, “que un ano máis se volven a sumar a esta cita tan especial para os nenos e niñasde A Coruña”. Entre elas, estará a carroza dos bombeiros da Coruña, que pechará a comitiva repartindo caramelos. Entre os grupos de animación que participarán, destaca a Asociación ENKI. Ademais, este ano, o goberno local volverá pór a disposición dos coruñeses e coruñesas catro puntos accesibles e dous sen ruído.

A estrutura da Casa da Reixa Dourada da Coruña non está “comprometida”

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, confirmou que se investigan as causas do incendido na Casa da Reixa Dourada, situada na Cidade Vella, que calcinou na madrugada do domingo o catro plantas do inmoble.

“Aínda se descoñecen as causas do inicio do lume”, precisou, a preguntas dos xornalistas sobre o sucedido. “En principio, non parece que estea comprometida a estrutura do edificio“, engadiu tras explicar que “se segue traballando na seguridade do inmoble que estaba en trámites de rehabilitación”.

En concreto, un incendio calcinou, na madrugada deste domingo, as catro plantas da Casa da Reixa Dourada, situada na Cidade Vella da Coruña. O inmoble, situado na praza da Constitución á beira da igrexa de Santiago, estaba a ser rehabilitado e albergou algúns locais hostaleiros como o Pé Franco.

David Perdomo, a artista Cristina Pato ou o actor Juanillo Esteban participarán no programa solidario ‘A Radio Conta’ 2024

0

A undécima edición do programa solidario ‘A Radio Conta’, que reúne a oito emisoras locais da cidade herculina, emitirase o sábado 30 de decembro de 17,00 a 20,00 horas, desde o Teatro Colón, con entrada libre.

Este ano, o espazo está dedicado á Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC) e a visibilizar a loita contra os Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA). Así o anunciaron este luns na presentación desta iniciativa o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa, Inés Rey; o condutor do programa, Moncho Viña; e a directora de ABAC, Fátima Pérez.

“Queremos seguir facendo xuntos radio solidaria e radio local de calidade que de verdade axuda e alivia ás persoas máis próximas”, puntualizou Viña. Pola súa banda, Fátima Pérez reclamou ás institucións, públicas e privadas, un aumento da colaboración “para poder ter un centro terapéutico maior para poder dar resposta ao incremento do 75% de demanda deste tipo de pacientes“.

Na mesma liña, Formoso e Rey lamentaron non ter competencias para “abordar e afrontar este problema con rotundidade e dotación de recursos suficientes” e instaron ao Goberno autonómico a apoiar ás asociacións que loitan contra unha problemática “que afecta a toda a sociedade”.

ACTUACIÓNS

No programa, segundo explicaron os organizadores, participarán máis de 30 redactores e técnicos co obxectivo de promover a solidariedade co colectivo escollido e homenaxear á radio local.

O humorista David Perdomo, a artista Cristina Pato, o actor Juanillo Esteban ou os presentadores Rodrigo Vázquez e Paco Lodeiro son algúns dos participantes cos que contará o especial. Tamén intervirán o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, e os representantes dos grupos políticos na cidade herculina.

Ademais, ao longo do tres horas de programa actuarán The Rapants, o Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band.

A Papanoelada moteira cumpliu 10 anos polas rúas de Culleredo e Coruña

0

Un dos eventos da fin de semana na cidade (con permiso do concertón máxico das Tanxugueiras no Coliseum) foi, sen dúbida, a Papanoelada moteira. Máis de 1.500 Papanoeis (ollo, cifra semellante á de Barcelona) encheron as rúas da Coruña e Culleredo de nadal. Disfrazados de vermello, deron a nota de cor a este singular domingo no marco do 10º aniversario desta cita organizada pola Asociación Papanoelada Motera Coruña.

Os actos arrincaron pola mañá PI Manuel Lugrís de O Temple, con chocholate e actividades infantís para ir recadando fondos para a Asociación Española contra o Cancro.

FOTO CULLEREDO- Papanoelada Motera 2
Concentración no Burgo

Xa ás 16:00h, concentrábanse na explanada do Burgo, en Culleredo, dando conta da marea vermella que ía invadir as rúas e arrincaron pola Avenida de Xoán Carlos I, ata Riazor, onde remataba a xornada. Case 15 minutos e motos pasando e pasando…

FOTO Coruna- Papanoelada Motera

Ao remate, en Manuel Murguía, nova chocolotada, e 1000 bombóns para seguir recadando fondos para a AECC, entidade escollida este curso como xa foron as de Centro Down Coruña, Hospital Materno Infantil, Aspace, Padre Rubinos, Adcor, recollida de alimentos para entidades como Banco de Alimentos, Hogar Sor Eusebia, Cocina Económica…

Os fotoxornalistas da Coruña expoñen o 2023

0

A exposición ‘Un ano de fotoxornalismo’ xa está aberta (ata finais de mes) ao público Fundación Luís Seoane. A mostra, impulsada polo Concello e a Asociación da Prensa da Coruña, recolle imaxes de 22 fotoxornalistas da cidade: Ángel Manso, Sandra García, Germán Barreiros, Eduardo Pérez, Cabalar, Mónica Arcay, Iago López, Javier Alborés, Andy Pérez, Jesús Sancho, Casteleiro, Torrecilla, Quintana, Patricia G. Fraga, Carlos Pardellas, Moncho Fuentes, César Quián, Manu San Martín, Pedro Puig, Miguel Miramontes, Marcos Míguez e Víctor Echave.

Novas singulares como o pregón das festas de María Pita con Lionel Scaloni, a feira modernista de Sada, o San Xoán coruñés ou o Morriña Fest, non faltan nesta exposición anual.

A rexedora Inés Rey agradeceu o labor diario dos e das profesionais do sector e o bo humor co que escolleron as imaxes que compoñen a mostra, e sinalou que repetirá esta mostra cada ano

Un Dépor cómodo no barro

  • Xornada 17 – CD Arenteiro 1 – Depor 2
  • Partido do barro no barro de Carballiño.
  • Décimo sétimo partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (6V 8E 3D). Imanol Idiakez volve salvar unha nova situación límite e comerá o turrón e as uvas en Coruña.

— — —

Unha nova xornada de tensión coma esas que tanto gústanos gozar os deportivistas. Nin unha fin de semana tranquila para os afeccionados, nin unha semana tranquila para o adestrador. Vaia por diante que non debe ser prato de bo gusto iso de almorzar cada día falando da túa destitución, do teu posible substituto, dándote por morto fagas o que fagas o domingo no partido. O bo de Imanol levou esta situación con fortaleza e normalidade, amosando, unha vez máis, aturar unha situación na que outros fraquearían nos seus folgos.

Onte o Dépor xogou un partido do barro no escenario perfecto que define esta categoría, un verdadeiro barreiro onde terse en pé en certas zonas, xa era mérito dabondo. Trala vacina correspondente do “ex” Dépor (nesta ocasión tocoulle a Miku) e cando peor se poñía o terreo de xogo, apareceu o lado máis combativo dun Depor que semella máis cómodo fóra da casa e canto peor se poñen as cousas no electrónico. Apareceu de novo o equipo batallador, ben adaptado ó campo e serio nos choques, que xa víramos en Ponferrada ou Barcelona. Onte tocou xogo directo e chegadas ás áreas con rapidez polas bandas, destacando Mella na segunda metade coma revulsivo e refresco. Importante o paso cara diante que está a dar este rapaz, peza clave xa no ataque branquiazul.

Mención aparte merece Davo e as súas aparicións. Un tipo curioso este Davo. Pode perder o 90% dos balóns que lle chegan, a súa transcendencia no xogo é case nula, non defende nin tapa ben a banda na saída do balón do rival, tampouco soe gañar os duelos por alto. Ata o de agora era coma xogar con dez o contra doce, pero leva varias semanas sendo decisivo cos seus goles. De ánimo anda coma un tiro, cousa preocupante co ano que leva, pero certo é que a súa confianza está polas nubes. O segundo gol que mete onte amosa unha confianza terrible nun mesmo: vaselina ao porteiro dentro da área pequena, a tres metros escasos da liña de gol e superando tamén a dous defensas que apareceron por detrás. Gol de fermosa factura para salvar a cabeza do míster.

Agora vén por diante o ansiado descanso polo nadal, recargar pilas, refrescar cabezas, liberar maulas, recuperar lesionados e acertar nas fichaxes de cara a segunda volta do campionato. Todo isto fará falla para encarar 2024 con algo de optimismo e ver se somos capaces de pelexar por algo digno alá polo mes de maio.

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

A fotógrafa francesa Orlan expón a súa arte feminista no Palexo

0

Estreouse esta fin de semana a exposición “ORLAN: Esta é a miña historia… da arte” da reputada artista francesa Orlan, aberta no Salón Municipal de Exposicións de Palexco ate o vindeiro 14 de febreiro.

A exposición, organizada polo Concello da Coruña coa colaboración de PhotoEspaña e Galería RocioSantaCruz, está comisariada por Alain Quemain e forma parte do programa de actividades do Ano Picasso. A artista estivo presente na apertura da mostra e agradeceu a oportunidade de presentar o seu traballo en España. “Esta é a primeira vez que expoño en Galicia e unha das primeiras no país, algo que me enche de orgullo por poder ensinar a miña arte noutros puntos do continente” explicou.

“ORLAN: Esta é a miña historia… da arte” presenta a práctica fotográfica da fotógrafa desde unha formulación de corte feminista, reflexionando con iso sobre a emancipación da muller no ámbito das artes visuais. Partindo de figuras clave como Dora Maar, ORLAN reinterpreta a historia da arte a partir do seu propio corpo como continente e contido.

O fío condutor é a das súas mútiples reinterpretacións da historia da arte, desde as súas obras pioneiras na década dos 60 ata as súas doce Self-hybridizations (1990-2023), todas elas presentes nesta mostra. Tamén a serie Weeping Women Are Angry, inspirada nos retratos de Dora Maar chorando, pintados por Pablo Picasso.

 

 

Culleredo contará en 2024 cun parque de skate e tres pistas de baloncesto

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns na presentación do proxecto para a construción dun parque de skate e de tres pistas de baloncesto no complexo deportivo de Acea de Ama, no municipio coruñés de Culleredo.

Segundo trasladou o Executivo galego a través dunha nota de prensa, no acto de presentación do parque detallouse como serán as infraestruturas que se licitarán no mes de xaneiro de 2024, cun prazo de execución de 10 meses.

Por unha banda, construirase un parque de skate que sumará unha superficie de 2.700 metros cadrados e contará cos espazos principais necesarios para practicar a disciplina e a capacidade de acoller competicións. Por outra banda, crearanse novas pistas de baloncesto 3×3 e espazos de convivencia, que sumados aos do parque aumentan a superficie das novas instalacións a 5.600 metros cadrados.

Tal e como informou o vicepresidente primeiro, esta iniciativa prevé unha segunda fase na que se cubrirá o recinto, o que converterá a infraestrutura na primeira de Galicia cunha zona de skate cuberta de gran dimensión e de uso público, así como “un referente a nivel nacional”, orzada en case 1 millón de euros. O obxectivo é facilitarlles a deportistas e afeccionados un espazo onde poder practicar a disciplina sen estar condicionados pola meteoroloxía.

APOIO AO DEPORTE URBANO

Diego Calvo referiuse a a creación deste novo parque de skate como “un exemplo máis do compromiso da Xunta co deporte urbano e co fomento da súa práctica” e destacou a importancia do skate entre os máis jovenes, unha disciplina que se estreou como olímpica en Tokyo coa galega Julia Benedetti como unha das representantes.

Un incendio calcina a Casa da Reixa Dourada, na Cidade Vella da Coruña

0

Un incendio calcinou, na madrugada deste domingo, o catro plantas da Casa da Reixa Dourada, situada na Cidade Vella da Coruña. O inmoble, situado na praza da Constitución á beira da igrexa de Santiago, estaba a ser rehabilitado e albergou algúns locais hostaleiros como o Pé Franco.

Segundo confirmou o 112, foi ao fío das 3,00 horas desta madrugada cando recibiron varias chamadas que alertaban de que saían as chamas polas vendas e o tellado. Ademais, indicaban que o incendio xa estaba bastante avanzado.

Ata o lugar desprazouse unha dotación dos de bombeiros da cidade herculina con catro vehículos e 10 efectivos que apagaron o lume, así como a Policía Local. O incendio saldouse sen feridos. Así, segundo informaron os bombeiros, en principio tentaron sufocar o incendio desde o tellado co obxectivo de evitar a propagación a edificios lindeiros.

Posteriormente, desde o exterior e interior de forma simultánea, centráronse no edificio. Así, segundo as primeiras hipóteses o lume puido iniciarse nos materiais illantes de plantas e cubertas que se propagou a todas as plantas.