O novo récord da ultrafondista Maite Rojo: 222 quilómetros en 24 horas
Nace a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello para canalizar iniciativas cidadás de fomento do galego
Nace na Coruña a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello. Xusto un ano despois do pasamento de deste activista referente na promoción do uso no galego, a entidade está concibida como unha ferramenta capaz de impulsar iniciativas de fomento do uso da nosa lingua en todos os ámbitos da sociedade do país, así como da conservación do patrimonio histórico-cultural.
E se ben esta asociación comeza a súa andaina coa elaboración de proxectos tanto propios como en colaboración con colectivos ou particulares, o seu verdadeiro obxectivo é o de converterse nun futuro próximo nunha fundación co mesmo nome. O cometido desta fundación será pois, o de ofrecerlle á sociedade galega unha ferramenta capaz de subvencionar iniciativas ambiciosas e transformadoras que poidan deixar unha pegada visible no país no eido lingüístico. Para tal fin pretende contar coa colaboración económica tanto das administracións como do tecido empresarial galego implicado mesmamente na conservación do patrimonio material e inmaterial do país.
Xa desde o verán, esta asociación conta coa páxina web www.manoelvello.gal, na que expón tanto os seus obxectivos como os seus valores “na consecución dunha cidadanía vertebrada e madura, capaz de decidir por si mesma en que tipo de sociedade quere vivir, e que proxectos quere levar a cabo”, indican os impulsores. Para iso a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello considera que todos os talentos son necesarios para determinar en que dirección quere ir. “É dicir, poder decidirmos por nós mesmos que tipo de servizos queremos deseñar, e a que necesidades lles queremos dar prioridade”, sinalan.
Por iso, anuncian a presentación dunha ferramenta innovadora para unha sociedade do século XXI, baseada na colaboración entre os seus cidadáns e que vai encamiñada a empregar a sinerxía como xeito de traballo.
AUMENTAR OS GALEGOFALANTES
Unha das prioridades desta fundación será o que aumentar o número total de galegofalantes activos, é dicir, persoas con capacidade comunicativa real e con predisposición positiva a empregar a lingua autóctona de Galicia sen esforzos e sen condicionantes sociais. “Unha porcentaxe moi importante da poboación galega estaría disposta a dar o salto a expresarse na nosa lingua con máis frecuencia, elixir o galego como primeira opción de comunicación, ou mesmo contestar en galego, se se sentise máis segura coa lingua e se o entorno social lle dese máis opcións a empregalo”, engaden.
Por outra parte, a entidade tamén destaca a necisidade de atender aos novos galegos. “Estamos a falar dunha poboación que crece sen raíces galegas, maioritariamente en ámbitos urbanos, e que está desprovista de elementos de identificación á nosa cultura. É labor de todos nós cubrir este baleiro cultural para que poidan sentirse orgullosos da nosa lingua, e para que a fagan tamén súa”, conclúe.
Ferido grave un peón tras ser alcanzado por un turismo na Coruña
Un peón a resultado ferido grave no mediodía deste domingo tras ser alcanzado por un turismo en cálea María Luisa Durán Marquina, na Coruña. O atropelo, segundo informou o 112, produciuse ás 12,30, tal e como indicaron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que trasladaron ao ferido ao Hospital Modelo da Coruña.
Os xestores da central de emerxencias pediron a colaboración dos axentes da Policía local, que enviaron unha dotación ao lugar dos feitos.
Dous anciáns de 90 anos, ciscados na rúa en plena noite por unha Ambulancia
- “Non pode ser que un médico te salve a vida, que salgas do Hospital e te mate a burocracia”, asegura a filla dunha parella que anciáns que viviron a cara máis indigna dos protocolos de alta hospitalaria.
— — —
O abandono das persoas da terceira idade con altos graos de minusvalía polo servizo público de saúde é lamentable. A existencia de baleiros legais do sistema administrativo do Sergas, a falta de control das empresas privadas que conseguen as adxudicacións (e que teñen innumerables problemas laborais) tras o proceso de privatización dun servizo tan básico como este, e a mala xestión das propias empresas, provocan situacións como as que viviu a semana pasada unha familia de Culleredo.
A pesar da “brillante” atención médica que recibiu a nai de Beatriz M.B., de 90 anos, esta familia denuncia “un claro caso de violación dos dereitos humanos e abandono na rúa de dous anciáns”, provocado polo “protocolo do servizo privatizado de ambulancias pero a cargo do Sergas”.
Unha situación semellante xa saltou á prensa cun soado caso en Girona, e outro caso en Alacante. Pero o de Culleredo é aínda máis sangrante.
Falamos de Manuela B.L. e de Blas M. T., unha parella do Burgo. Manuela ten 90 anos, un 99% de minusvalía aprobado pola Xunta, e vén de sufrir unha fractura ósea nun brazo e unha extirpación dun ollo no último mes. Unha vez que a filla é autónoma, a única persoa que pode coidala no día a día é o seu marido. Pero Blas, aos seus 94 anos, ten un cancro de pulmón e o peor que lle pode pasar é coller frío.
Ambos, tras unha revisión á que acodía Manuela a semana pasada, foron ciscados na rúa ás 20:00h, en plena escuridade, ás portas do Centro de Día onde pasa as xornadas diurnas. O centro de día a esas horas xa estaba pechado, pero como o protocolo obriga ao servizo de ambulancias a devolver ao paciente ao mesmo lugar onde o recolle, nada puideron facer os profesionais para evitar deixar tirados na rúa a esta parella de anciáns. “Non pode estar á intemperie na rúa”, lamenta a filla. “Coa escuridade e co temporal que fai estes días, é inhumano”.
Protocolos
”Eu entendo que teña un protocolo, pero nós cumprimos todo o protocolo e o resultado é que deixaron aos meus pais, con máis de 90 anos, tirados na rúa”, explícanos Beatriz. Como é posible que teñamos uns médicos magníficos, que xa lle salvaron 4 veces a vida á miña nai, e que despois pasen cousas coma estas. Como é posible que un médico te salve a vida, que salgas do Hospital e te mate a burocracia!”, lamenta. “Estamos indo cara o sistema americano, que esquece de que somos persoas”.
Porque Beatriz cumpliu todos os protocolos, de feito foi o médico de cabeceira, con 24 horas de previsión, o que solicitou o servizo de ambulancia para transporte de persoas minusválidas (servizo con diferente protocolo ao das Urxencias). Pero ninguén lle explicou dende que en 2018 comezou o periplo hospitalario da súa nai, de que tiña que sacar un carnet de atención preferente.
Con este panorama, xa o día antes da operación, unha teleoperadora chamaba a Beatriz para infomarlle de que ían contradicir o informe do médico, que pedía acompañante sanitario, e Manuela, unha persoa absolutamente dependente, ía viaxar soa na ambulancia.
Así, despois da revisión do brazo, e tras esperar 2 horas, a ambulancia recollía no CHUAC a Manuela e Blas. Eran as 19:30h e xa á saída Blas explicáballe que o Centro de Día estaba pechado, e que se podía deixalos no seu domicilio. Pero toparon coa burocracia e o poder dos protocolos, que neste caso, sinalan que o punto de recollida e o punto de destino teñen que ser os mesmos. Nese momento, ante a insistencia de Blas, o condutor parou, alonxouse uns metros e fixo unha chamada, entende Blas, para preguntar a posibilidade de deixalos en casa. Pero á volta, explicou que o Coordinador lle dixera que era inviable: “Síntoo moito, teño que deixarvos aquí”, dixo o condutor, “deixándoos tirados na puñetera rúa”, como reitera unha e outra vez chea de rabia Beatriz, que non se pode imaxinar como o seu pai conseguiu solventar a papeleta cando se viu coa súa muller, na rúa Pintor Arguelles, detrás do Gadis do Paseo Marítimo do Burgo, unha rúa sen luz case, sen bares… e conseguiu coller un taxi. “Non me quixo chamar para non preocuparme porque ademais sabía que eu estaba traballando, e me chamou cando xa estaba na casa”, explica Beatriz.
Dase ademais a circunstancia que o Concello de Culleredo non ten servizo de taxi subvencionado para os minusválidos, como si o ten o Concello da Coruña, pero si que se pregunta Beatriz por que non chamou alguén a Protección Civil para solventar esta “situación de violación dos dereitos humanos”.
Reclamacións e posibles denuncia
”Estas persoas que non puido levar nin o COVID e que agora os machacan a política e a administracións”, lamenta unha Beatriz que xa prepara as reclamacións tanto á empresa adxudicataria como ao Sergas.
Formúlase a posibilidade de facer unha denuncia pola vía penal, porque “houbo tantas neglixencias que se pode denuncialo por varias vías”, pero sendo autónoma e cos seus pais a esa idade tampouco ten recursos para enfrontarse a toda unha administracións. “É un tema tan grave, estamos falando dunha violación de dereitos humanos, que vai por riba de calquera protocolo”.
Con todo, a súa intención é que se vexa, que se sumen aos casos de Girona e Alacante, e que a sociedade reaccione e esixe que a Xunta non privatice estes servizos tan básicos coma este ou que polo menos fiscalicen as adxudicacións.
Novas relacionadas
”Fóra empresas do sistema público de emerxencias sanitarias”
A carreira San Silvestre trae este ano unha nova modalidade na que poden participar cans
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou que a XIV edición da carreira San Silvestre, que se celebrará o domingo 31 a partir das 10.30 horas, contará cunha nova modalidade, ‘CanSilvestre’, que permite aos corredores participar con cans. “Había cen prazas e houbo que amplialas a 175 porque hai máis cans que xente e queren correr tamén”, indicou a rexedora este venres no acto de presentación do evento respecto desta categoría.
No mesmo estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o promotor da proba e integrante do Club Rialto, David Iglesias Barca; e o presidente da Cociña Económica, Jacinto Torres. O prazo de inscrición á carreira, segundo explicou Rey, xa está aberto e estenderase ata as 23.59 horas do día 26 ou ata que se esgoten os dorsais dispoñibles; 4.500 da proba absoluta, 200 das infantís, 100 da marcha nórdica e 175 de CanSilvestre. Outra novidade desta edición, engadiu, é que diminúe a idade de participación coa inclusión dunha sección infantil para menores de cinco e seis anos. Ademais, os atletas con diversidade funcional contarán con tres categorías específicas.
Máis de 200 figurantes participarán na Cabalgata de Reis
Un total de 235 figurantes escollidos por sorteo integrarán a Cabalgata de Reis na Coruña, cuxo percorrido comezará ás 18.00 horas no Barrio das Flores. “Este ano cambiamos o punto de partida”, destacou a alcaldesa, Inés Rey, ao ser cuestionada sobre o itinerario tras a presentación dunha nova edición da carreira San Silvestre.
A comitiva, segundo especificou, sairá da rolda Camilo José Cela, fronte ao CEIP Ramón da Sagra, cara á avenida de Monelos e continuará por Alcalde Pérez Ardá ata a travesía de Fernández Latorre. Logo continuará ata Catro Camiños e A Palloza chegando á praza de Ourense por Linares Rivas. Este será o primeiro tramo do percorrido que terá unha duración prevista de hora e media e estará na praza de Ourense, contorna ás 19.30 horas.
Despois, seguirá polos Cantóns e a avenida da Mariña ata Porta Real, terminando na praza de María Pita sobre as 20.30 horas. Xa ás 21.15, os Reis Meigos saudarán desde o Palacio Municipal. O traxecto contará con catro puntos accesibles e dous sen ruído. Os primeiros estarán na rúa Alcalde Pérez Ardá; na praza de Ourense; na Mariña, fronte á subdelegación do Goberno; e en María Pita, na zona lateral próxima á rúa Troncoso. Os segundos situaranse no viaduto da rolda de Outeiro e no Teatro Colón.
A Coruña será a sede do IV Encontro Mundial do Humorismo do 25 de abril ao 5 de maio
O Encontro Mundial de Humorismo celebrará a súa cuarta edición do 25 de abril ao 5 de maio na Coruña, segundo informa a organización sobre un evento que incluirá 11 xornadas.
Será coa presenza de representantes da comedia galega e estatal e nunha proposta na que “o humor, a improvisación e o impredicible derrubarán a realidade en prol do sorriso, o deleite e a imaxinación”, explica a organización.
O evento ampliará a súa duración, que pasará a ofrecer un total de 11 xornadas continuadas de humor, “repletas dos shows máis seguidos do momento, producións propias e espectáculos únicos, que contarán cos principais nomes da comedia galega e nacional”.
Entre as sesións exclusivas que se poderán ver na Coruña, están galas como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, citas nas que reúne un elenco de grandes figuras neste ámbito.
Inés Rey advirte ao PP: “Non permitirei que os plenos se convirtan nun circo”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reprochou ao PP buscar “confrontación política” con debates “alleos” ao pleno municipal tras o sucedido este xoves nunha sesión plenaria na que expulsou ao portavoz municipal popular, Miguel Lorenzo, tras chamalo á orde tres veces por intervención fóra da quenda de palabra.
A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa rolda de prensa que ofreceu este venres para presentar a carreira San Silvestre, apelou ao “clima de respecto” do anterior mandato. Por iso, manifestou que non consentirá que unha sesión plenaria “se convirta nun circo” ou que haxa “faltas de respecto”, dixo tras unha decisión que xurdiu ao fío do cruzamento de declaracións entre o portavoz local, José Manuel Lage, e edís populares, entre eles Lorenzo, xa na quenda de preguntas.
Por outra banda, volveu a pedir ao PP — que criticou no pleno, entre outras cuestións, os acordos sobre a amnistía– que reflexionen. “Dáme pena que o principal partido da oposición non teña nada que dicir da cidade, que falen doutras cousas”, apostilou. Tamén dixo entender que se fagan referencias “puntualmente” á política de Madrid, pero engadiu que “unha cousa é iso e outra falar de temas que son alleos ao municipal e no ton no que se fai”. E é que para a rexedora o PP buscou “a provocación e a crispación”. “Polo barranco da demagoxia non nos imos a ir con eles”, apostilou.
RESPOSTA DO PP
Pola súa banda, o presidente do PP provincial da Coruña, Diego Calvo, mostrou a súa sorpresa polo posicionamento da alcaldesa, ao ser preguntado por esta cuestión nun acto na cidade herculina. “Creo que non se decataron moi ben das declaracións do noso portavoz, se cadra estaban nerviosos“, expuxo ao rexeitar os argumentos esgrimidos no pleno por parte dos socialistas.
Na mesma liña dixo que por parte da dirección do partido estase “moi orgulloso” do traballo do grupo municipal. “Moitos cidadáns estan desexando escoitar a representantes políticos dicir a verdade e non falseando a realidade”, sentenciou.
CIG-Banca reclama nunha xornada de mobilización “recuperar” o poder adquisitivo do persoal de entidades financeiras
Representantes de CIG-Banca secundaron este venres unha xornada de mobilizacións na Coruña, ante distintas sucursais de BBVA e Abanca, para reclamar a “recuperación” do poder adquisitivo do persoal de entidades financeiras na negociación dos convenios colectivos. Foi con protestas que transcorreron desde as 11.00 horas e ata última hora da mañá para demandar tamén subidas salariais “acordes á evolución económica do sector”. Tamén pediron un incremento dos cadros de persoal e unha redución da carga de traballo, ademais de “acabar con presións comerciais”.
Todo iso con concentracións ante as diferentes sucursais da cidade herculina. E é que Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG en BBVA, cifrou ao redor dun 15 % “a perda salarial acumulada” e reprochou á patronal “que se negue a establecer unha medida de compensación”. “As propostas da patronal son miserables”, dixo ao reprochar tamén que se pretenda “aumentar a mobilidade xeográfica forzosa a 50 quilómetros, recortando dereitos na precaria situación laboral que padecemos”.
Pola súa banda, Clodomiro Montero, da sección sindical de Abanca, manifestou que a situación en relación ao convenio das antigas caixas de aforro, “é peor desde que foi o proceso de reestruturación do sistema financeiro”. “Desde 2010 practicamente cos salarios conxelados e con máis recortes”, sentenciou en liña coas declaracións do seu compañeiro de BBVA. Mentres, avanzou que seguirán, no caso de Abanca, coas mobilizacións, conxuntamente neste caso con outros sindicatos.
“A salubridade da cidade está en xogo”, di Inés Rey da folga do lixo
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou que o Concello estará “vixiante” para que se garantan os servizos mínimos durante a folga “intermitente e indefinida” convocada polo comité de empresa da concesionaria do servizo de recollida de lixos da cidade herculina a partir da medianoite do día 24, Tamén, engadiu, para que transcorra “sen incidentes”.
“É un tema profundamente delicado, no que tamén a salubridade da cidade e dos cidadáns está en xogo”, destacou a rexedora a preguntas dos xornalistas sobre este asunto tras a presentación dunha nova edición da carreira San Silvestre. “Nós o que imos esixir é que se cumpran eses servizos mínimos“, asegurou tras lembrar que o servizo de recollida e de limpeza viaria son “dous contratos que ten unha concesionaria”, en alusión a Prezero.
APERTURA DO TÚNEL SOL E MAR
Noutra orde de cousas, cuestionada polo anuncio de apertura do túnel do Sol e Mar, no municipio coruñés de Oleiros, o día 21, Rey indicou que non ten coñecemento “das obras dos concellos limítrofes”.En todo caso, aventurou que “haberá menos atascos” e instou ao Goberno autonómico a “tomarse en serio” as conexións da Coruña e a súa área metropolitana e a constituír o consorcio metropolitano de transportes e mellorar as liñas.

