Inicio Blog Páxina 565

A CIG convoca unha concentración “en repulsa” a un novo despedimento no Club do Mar de San Amaro

CIG convocou unha concentración o vindeiro luns, día 9, ás 18.00 horas, diante das instalacións do Club do Mar de San Amaro da Coruña “en repulsa a un novo despedimento e ás actitudes da xunta directiva”. O centro, pola súa banda, alegou “razóns disciplinarias” para acometer esta medida.

Nun comunicado, o sindicato manifesta o seu “rexeitamento frontal” ao despedimento deste empregado que, segundo explica, era delegado de persoal, “membro do recentemente elixido comité de empresa”, cunha “antigüidade de máis de 20 anos e un acordo de redución de xornada para poder desenvolver a súa actividade noutra empresa”. A CIG apunta que con este proceder a xunta directiva da entidade realiza “un novo ataque aos dereitos das persoas traballadoras”. “Van case unha decena de despedimentos en menos de dous anos, dos cales os xudicializados foron gañados e recoñecidos pola xustiza como improcedentes“, engade.

Pola contra, o presidente do Club do Mar, Alberto Santalla, recalcou que “os feitos relatados” por parte da CIG “son completamente falsos, tanto en canto ao número de despedimentos como no resultado final dos mesmos”. “Cabe resaltar que dos seis despedimentos efectuados por causas económicas, produtivas e organizativas, tan só tres foron xudicializados, ditándose a primeira sentenza o pasado venres 29 de setembro, pola que se desestima integramente a demanda da traballadora e confírmase o despedimento ao concorrer as causas alegadas“, explicou. En canto ao traballador delegado sindical despedido, Santalla alegou “razóns disciplinarias, ante as infraccións moi graves por el cometidas”.

Ferida unha persoa tras unha colisión entre un coche e un camión en Abegondo

0

Unha persoa resultou ferida este luns nun accidente de tráfico rexistrado no municipio coruñés de Abegondo, onde chocaron un coche e un camión que transportaba combustible.

Segundo a información do CIAE 112-Galiciao suceso produciuse sobre as 13.45 horas na A-6. Foi un particular o que informou a emerxencias do accidente, engadindo que podería haber persoas atrapadas.

De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Betanzos, da Garda Civil, da Policía Local e dos membros de Protección Civil de Abegondo.

Unha vez no punto, os bombeiros informaban ao 112 Galicia de que, por seguridade, foi necesario empregar o material de excarceración para poder acceder á persoa ferida, seguindo as recomendacións dos servizos sanitarios. A vítima foi trasladada ao hospital.

Fiscalía atribúe aos acusados do crime de Samuel unha “crueldade extrema” para provocar a súa morte

0

Fiscalía atribúe aos cinco acusados polo crime de Samuel Luiz (o mozo de 24 anos que faleceu na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021 tras recibir unha malleira no paseo marítimo da cidade herculina) unha “crueldade extrema” co obxectivo de provocar a súa morte, segundo recolle o escrito de cualificación fiscal.

En particular incide en que houbo unha reacción “moito máis viruleta” ao interpretar o procesado que iniciou a agresión que a vítima “era homosexual”. “Vouche a apuñalar, vas morrer”, recolle o Ministerio Público, da sección de delitos de odio e discriminación, que sinala que esta afirmación o procesado díxoa á vez que “o seguía golpeando con puñadas e patadas”.

Ademais, apunta que na persecución que acabou coa morte do mozo participaron todos o acusados (catro homes e unha muller), así como os dous menores de idade”, xa condenados e con cumprimento de condena nun centro de menores. En particular, incide, sobre os últimos momentos da agresión, que foi con “parte dos acusados golpeándoo (a Samuel) e os restantes rodeándoo para asegurar o ataque e evitar calquera posible axuda ou auxilio por parte de terceiras persoas”.

“A pesar de ser coñecedores da grave e desesperada situación na que se atopaba (o falecido) e do seu cruel comportamento cara a el, non se desvincularon do grupo e non só non trataron de evitar a acción espectacularmente violenta que se desenvolvía ante eles senón que coa súa presenza e aprobación durante todo o ataque contribuíron á súa tráxica execución”, indica sobre os participantes.

Por todo iso, a Fiscalía da Coruña pide penas de entre 22 e 27 anos de cárcere. A todos considéraos coautores do delito de asasinato por aleivosía e ensañamento, con agravante de discriminación en relación á orientación sexual da vítima. Para dous dos acusados que participaron inicialmente na agresión, segundo explica, pide unha pena de 25 anos de cárcere e para os outros tres pena de 22 anos de prisión. A un deles, súmalle a petición de cinco anos de cárcere por roubo con violencia ao imputarlle a subtracción do móbil de Samuel.

INICIO DA AGRESIÓN

Os feitos, de acordo coas investigacións realizadas tras o sucedido e como recolle Fiscalía no seu escrito, comezaron pouco antes das tres da mañá cando Samuel se atopaba facendo unha videochamada cunha amiga á saída dun pub da zona da praia de Riazor. Nese momento, un dos acusados, que estivera no mesmo local, dirixiuse a el (nin agresor nin vítima se coñecían) de “forma agresiva” para dicirlle que deixase de gravarlles.

O falecido respondeulle que estaba a facer unha videochamada, pero Fiscalía sostén que, “polas palabras, xestos, forma de vestir, ton de voz e aparencia física” de Samuel, “interpretou que era homosexual, feito que desencadeou unha reacción aínda moito máis virulenta no acusado pola animadversión á orientación sexual homosexual que lle atribuíu, chegando a dicirlle: ‘deixa de gravar a ver se vouche a matar maricón'”.

“ÁNIMO DE CAUSAR A MORTE”

“Acto seguido, de forma sorpresiva e repentina, con ánimo de causarlle a morte e, en todo caso, sendo plenamente consciente e aceptando o alto risco que para a vida (de Samuel) comportaba a súa violenta acción, abalanzouse sobre el, golpeándoo con puñadas e patadas, principalmente na zona da cabeza e cara”. Fiscalía explica que a iso se sumou un amigo, “perfectamente consciente e aceptando a brutalidade da acción que estaban a executar”, derrubando ao mozo ao chan e rodeándolle con forza o pescozo.

Así mesmo, engade que a única muller imputada por estes feitos, “plenamente consciente da profunda animadversión cara á homosexualidade” do acusado que comezou a pelexa “exteriorizou co seu comportamento a súa vontade de participar no ataque, asegurándose de que ninguén axudase á vítima e axudando de forma activa aos seus amigos”. De feito, recolle que apartou á amiga de Samuel, que lles pedía que parasen.

“En cuestión de segundos, sumouse á agresión un numeroso grupo de persoas, que se achaban nas inmediacións e do que formaban parte os outros acusados, quenes, ao presenciar a agresión, saíron correndo integrándose no grupo co único propósito de golpear” a Samuel “co fin de privarlle da vida ou sendo conscientes e aceptando que tal desenlace se puidese producir”.

INCAPAZ DE DEFENDERSE

Todo iso recóllese nun escrito no que se incide en que Samuel Luiz non tivo “ningunha capacidade de defenderse de forma eficaz do ataque grupal que estaba a sufrir”, estando “indefenso” ante o número de persoas que o golpeaban e rodeaban. No único momento en que puido incorporarse “a duras penas”, e logrou abandonar o lugar, incide en que os atacantes “o seguiron golpeando”, sendo perseguido uns “150 metros” polo paseo marítimo, Samuel e dous homes, de nacionalidade senegalesa, que trataron de axudalo.

“Os continuos e brutais golpes propinados foron realizados coa intención deliberada de aumentar innecesariamente a súa dor e sufrimento físico para alcanzar o fin letal, reflexo dunha crueldade e deshumanización extremas“, insiste Fiscalía para quen se tratou dunha situación de “extrema e continua agresividade” mesmo cando sabían que a vítima “carecía de calquera posibilidade de reacción”. Con posterioridade, os intervintes, engade, congregáronse no parque Europa con insultos de “maricón” a Samuel, que faleceu horas despois no complexo hospitalario da Coruña (Chuac) polos “golpes múltiples” recibidos.

ACUSACIÓNS

Estes feitos están agora pendentes de fixar data de xuízo á espera de que todas as partes presenten os seus respectivos escritos, sexan de defensa ou de acusación (unha delas pediu a ampliación do prazo para formular o seu escrito á espera de ter todo o expediente), nunha causa na que están personadas, como acusación particular, a familia de Samuel, pero tamén o colectivo LGTBI Alas Coruña, neste caso como acusación popular.

As Festas de Monte Alto reivindicaron o papel social das cidades

Reindicativas as Festas deste mes de outubro de Monte Alto. Esa especie de praza inventada na parada de buses da Rúa da Torre volvía acoller un amplo escenario para celebrar unha completa fin de semana. Xa arrincaba a troula na sesión vermú sabatina co pasarrúas en clave de swing dOs Bregadiers e coa combativa The Tetas Van.

Abría a noite de concertos Fran Amil (que viviu na mesma praza) e banda AMILicia, con temas dos Diplomáticos, cantándolle aos “ghaiteiros” do país, rescantando temas míticos como “Monte Alto de Rachi”. Un Amil comprometido, cantando a Manuel María en clave de reagge e de R&R e mesmo atrevéndose cunha versión funki do Negra Sombra de Rosalía.

Banda Amilicia en Monte Alto
A Banda Amilicia en Monte Alto

A banda deu paso ao “honesto” pregón de Marta Otero (xornalista de La Opinión) e Antón Losada (da Cadena Ser) como membros da Revista Luzes. Un pregón que defendeu que “as cidades son os barrios, os nenos nos parques”, e que “a cidade é para vivir nela non para facer negocio”.

De contado comezaba o espectáculo audiovisual de Baiuca. Quedou pequena a “praciña” para o concertazo dun dos grandes abandeirados da evolución electrónica da música galega tradicional. O proxecto de Alejandro Guillán, con Xosé Lois Romero ás percusións, deixou unha pegada fantástica no barrio. As cantigas tradicionais, as desgarrradoras voces e os ritmos frenéticos das pandeiretas das Lilainas maridaron á perfección coas bases electrónicas tan caracteristicas. Mención aparte o apartado visual, cun coidado das imaxes fantástico.

Máis Novas

Loquillo e Miguel Costas encabezan as Festas do Rosario

Publicada no DOG a alerta por escaseza de auga na conca do río Mero, Arteixo e a ría da Coruña

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a declaración de situación de alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña, activado pola Xunta a pasada semana. Segundo informou o Executivo autonómico, esta medida, de carácter preventivo, tomouse tendo en conta a evolución das reservas do encoro de Cecebre, cuns datos que reflicten “unha anomalía” con respecto aos seus valores medios.

Con todo, aínda que se apuntou que a situación é preocupante, ante a incerteza na evolución do volume do embalsado en Cecebre para as próximas semanas e na capacidade da Coruña e a contorna para diminuír as súas demandas, non se considerou alarmante, a curto prazo, desde o punto de vista do abastecemento que se serve dese sistema.

En concreto, no DOG recóllese que se activa a alerta en base ao plan especial de seca da demarcación, que dispón que a escaseza prodúcese “ante unha situación de redución temporal da auga dispoñible que pode pór en risco a atención das demandas asociadas aos diferentes usos socioeconómicos”.

OS ALCALDES CORUÑESES TOMAN CONCIENCIA

Ante esta situación, concellos da área coruñesa apelan á concienciación. Se tras facerse pública a decisión da Administración autonómica a alcaldesa herculina, Inés Rey, apelaba a un consumo responsable. Na mesma liña o explicaron desde Arteixo, onde indicaron que se reduciron as regas en espazos públicos e os baldeos relacionados coa limpeza. “Tamén se fan campañas de concienciación para que non se desperdicie auga”, engadiron. Na mesma liña, desde Cambre aludiuse ao posicionamento difundido en agosto onde o alcalde, Óscar García Patiño, reclamou o transvasamento de auga desde Meirama ao encoro de Cecebre.

A Fiscalía pide a máxima pena para os acusados polo crime de Samuel Luiz

0

A Fiscalía Provincial da Coruña, na súa Sección de Delitos de Odio e Discriminación, pide entre 22 e 27 anos de cárcere por un delito de asasinato por aleivosía e ensañamento aos cinco acusados polo crime de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021 tras recibir unha malleira no paseo marítimo da cidade herculina, á saída dun local de lecer nocturno.

Segundo informou a Fiscalía Superior de Galicia, o escrito de cualificación sinala que os cinco acusados son coautores dun delito de asasinato por aleivosía e ensañamento. Ademais, un deles está acusado tamén dun delito de roubo con violencia por quedar co móbil de Samuel.

Ante estes feitos, a Fiscalía solicita para dous deles 25 anos de prisión, a pena máxima, polo delito de asasinato, “ao concorrer a circunstancia agravante de discriminación en relación á orientación sexual da vítima”, e 22 para os outros tres. Así mesmo, para un dos acusados solicita tamén cinco anos de prisión polo delito de roubo con violencia.

A causa mantense á espera de xuízo con este cinco persoas acusadas polos feitos, catro homes e unha muller, esta última era noiva dun deles cando se produciu o suceso. Tres están en prisión preventiva, unha medida que se prorrogou ao cumprirse os dous anos, e outros dous, un home e a muller, en liberdade, con obrigación de comparecencias no xulgado.

Os mozos foron detidos no marco dunha investigación policial que non descartou, durante o desenvolvemento da mesma, ningunha hipótese sobre o motivo do sucedido, como unha agresión homófoba, constatando que houbo insultos desta índole durante a malleira que lle ocasionou a morte ao novo.

Remitíndose aos resultados da autopsia, a Policía Nacional sostivo que Samuel Luiz “morreu por un fallo multiorgánico” como resultado de “moitísimos golpes”, sen uso de armas, e descartando que falecese “por unha navallada”.

Rescatado un home que caeu nunha silveira en Oleiros

0

Os servizos de emerxencias tamén tiveron coñecemento dun home que caeu nunha toxeira nunha zona de monte situada na parroquia de Liáns, no municipio coruñés de Oleiros.

Foi unha familiar do implicado quen contactou co 112 Galicia pouco despois das 16,00 horas para alertar de que o home a chamou para indicarlle que se atopaba ferido e perdido no monte.

Así, a central de emerxencias deu aviso aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos membros do Servizo de Emerxencias de Oleiros. Precisamente, foron estes últimos os que, abríndose paso entre as zarzas, rescataron ao accidentado, que foi atendido polos servizos sanitarios.

Pasea polo medio de Cambre cun machete de 45 centímetros de folla

0

AA Policía Local de Cambre denunciou a un mozo que paseaba pola contorna do Paraugas e a Casa das Palmeiras cun machete de 45 centímetros de folla.

Segundo informou o Concello, os feitos sucederon o pasado xoves cando dúas patrullas acudiron ata o lugar tras recibir a chamada de varios particulares que alertaban da presenza deste individuo e que, ademais, estaba acompañado por outros dous.

Ao darse conta da presenza policial, o portador do machete fuxiu da zona e acto seguido os outros dous tamén, pero en dirección contraria, previamente fixeron simulacro de acceder a un vehículo.

Os axentes tiveron tempo para recoñecelos e localizaron a dous deles pouco tempo despois. Así, como parte desa mesma intervención, a Policía rexistrou o coche ao que os mozos tentaran entrar.

Desta forma, incautáronse dunha “pequena cantidade” dunha sustancia estupefaciente que pertencía a un cuarto mozo. Pola súa banda, a persoa que portaba o machete foi denunciada por unha infracción grave contra a seguridade cidadá, por desobediencia, falta de respecto e alteración da orde pública.

Así mesmo, a Policía fixo un acta de denuncia contra o cuarto mozo implicado na intervención por tenencia de drogas tóxicas ou sustancias psicotrópicas.

Olladas doutro tempo: Panorámicas e Vidros

Fragmento de _Panorámica da Coruña_, José Sellier_ 1899
Fragmento de “Panorámica da Coruña”. José Sellier. 1899

Os Castros sempre foi un mirador privilexiado, con certa altura e un ángulo grande de visión cara á bahía coruñesa. Sabíao ben José Sellier, quen frecuentaba a zona porque tiña unha finca nos arredores. Dende alí capturou varias panorámicas da cidade, pero el non foi o primeiro en acadar unha vista tan ampla. Ese sería Antonio Avrillón, de xeito moi artesanal, unindo tres imaxes tomadas dende un mesmo lugar. A súa “Vista da Coruña” datada na década de 1860 (probablemente do 1868) estivo durante moito tempo considerada a fotografía máis antiga da nosa cidade.

As dúas panorámicas non teñen exactamente o mesmo punto de vista. E son moito máis extensas, pero aquí vemos o tramo que vai dende o Teatro Principal -hoxe Teatro Rosalía de Castro- á esquerda, ata o enorme edificio da dereita, o Cuartel do Príncipe Alfonso -hoxe Cuartel de Atocha-. Centrámonos nese anaco das fotografías polo que ocorre entre unha e a outra na liña de costa. Na de Avrillon aparece no centro un espazo oscuro, baleiro, é o Campo da Derruba. Nese desnivel dende o cuartel ata o mar, xurdirá a Praza de María Pita, a cal pecharáse con edificios de fachada acristalada. Pero nese intre, tan só hai un erguido, vémolo entre os paus de dous barcos. Corresponde co nº 20 de María Pita e o nº 2 da Rúa da Fama, e comezouse a construir en 1865. En cambio, tres décadas máis tarde, Sellier capta case toda esa liña marítima xa acristalada, ocultando as pequenas casas mariñeiras dunha beira e a praza doutra.

A galería é unha solución construtiva ideal para a climatoloxía costeira galega, xa que crea unha cámara de ar, a modo de colchón climático, á vez que reduce as correntes no interior dos edificios. A aparición no mercado do vidro plano e cortado foi o que fixo que primeiro se  empregase este elemento nas popas dos barcos, para saltar despois a terra, pechando balcóns corridos. A partir de aí, pasaría a proxectarse en fachadas enteiras. Cidades coma Vitoria, Ferrol ou Coruña viviron esta febre pola arquitectura do vidro na segunda metade do século XIX.

No caso coruñés ten moita culpa a fábrica de vidro e cristal “La Coruñesa”. Fundada en 1830 e situada na rúa Hospital, sobre a praia do Orzán, no mesmo espazo onde hoxe está o colexio Salesianos. Dispoñía de varios tipos de fornos para produtos distintos, e na época das fotografías chegou a dar traballo a máis de 200 operarios. Parte importante deses traballadores eran estranxeiros, persoal cualificado que viña de lugares con máis experiencia no traballo do vidro. É o caso de varias familias francesas. Entre elas os Avrillón e os Sellier, que darían lugar a dúas sagas de fotógrafos. Vemos deste xeito que nese edificio industrial conflúen as dúas historias: a da construción da identidade coruñesa a base de novos materiais e a dos artistas que documentarán ese cambio.

Hai moitos puntos nos que nos fixar e gozar nestas dúas instantáneas, coma o tráfico marítimo da época, con eses impoñentes veleiros, os muíños que asoman por riba de Monte Alto, ou tamén esa liña de costa aínda non recheada, a moi poucos metros dos edificios. Pero é posible que o máis destacado do contraste destas dúas fotografías sexa asistir á aparición do que aínda hoxe segue a ser a imaxe maís recoñecible da Coruña. Estamos a ver o nacemento da cidade de cristal.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

O Muncyt recibe máis de 55.000 vistas anuais

0

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou a sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) e remarcou o valor á contribución do museo á divulgación científica en Galicia, con máis de 55.000 visitas anuais, das cales o 40% corresponden a centros escolares de toda a comunidade.

Así, Blanco cualificou o museo como “un excelente escaparate para a ciencia española”, ademais dunha “magnífica ferramenta didáctica” para promover o coñecemento científico e tecnolóxico na sociedade.

Xunto coas 600 pezas que se expoñen na sede coruñesa o delegado fixo referencia a outras actividades complementarias ás exposicións, todas elas gratuítas, como conferencias, actividades lúdico-científicas, talleres didácticos, a colaboración na formación do profesorado de ciencias, e publicación de catálogos e obras de divulgación, entre outras.