Inicio Blog Páxina 567

PSOE e BNG inician a negociación do orzamento municipal co compromiso de que entre en vigor en xaneiro

O concelleiro de Economía e Planificación Urbana e portavoz do goberno municipal no Concello da Coruña, José Manuel Lage, e o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, iniciaron este xoves a negociación dos orzamentos municipais para o próximo ano nun “clima de respecto e de cordialidade” co obxectivo de que o documento entre en vigor “a principios de xaneiro de 2024”.

Así o manifestaron ambos os líderes políticos, en declaracións aos medios, tras a reunión mantida na que pactaron un calendario e unha metodoloxía de traballo e que foi “un punto de partida bo e positivo”. “O que sería ideal é que a finais de outubro ou principios de novembro se houbese acordo orzamentario este pechásese para facer posible que a tramitación permita que entren en vigor a principios de xaneiro de 2024“, puntualizou Jorquera.

“Por agora non vemos que haxa diferenzas insalvables, queda moito traxecto que percorrer”, sinalou Lage, quen lembrou que esta negociación co BNG “non impide que se poidan recoller propostas doutros grupos”. “Estamos a sentar bases sólidas para que haxa un orzamento”, incidiu. “Durante o mes de outubro celebraranse todas as reunións necesarias para a negociación en detalle“, dixo e fixo fincapé en que “as ordenanzas fiscais deben ser aprobadas previamente a calquera orzamento en pleno do Concello” o que suporá facer “un traballo que irá en paralelo”.

O socialista sinalou, ademais, uns “eixos” formulados pola súa formación para o orzamento de 2024 que inciden, entre outros asuntos, na política social “favorecendo a inclusión social e tamén a dinamización económica” e na “promoción da cidade”, así como na mellora dos servizos públicos.

O PP RECLAMA DIÁLOGO

Pola súa banda, o portavoz do grupo muncipal do PP, Miguel Lorenzo, reclamou á alcaldesa “diálogo”. “Se Inés Rey quere ser a alcaldesa do diálogo, ten que falar con todos os partidos, sobre todo co maioritario”. “Téndolle a man para traballar xuntos pola cidade porque o piden os coruñeses, queren que busquemos xuntos solucións aos seus problemas”, apostila nun comunicado no que apela a que o PP poida facer achegas como o partido “maioritario” que representa “a unha parte moi importante de coruñeses”.

Inés Rey descarta restricións tras a alerta de seca lanzada onte pola Xunta

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apelou a facer un uso responsable da auga e sinalou que o Concello “xa tomou medidas” respecto diso para “evitar que a situación se agrave”. Non entanto, destacou que “non se prevén restricións no uso e consumo hídrico”.

Fíxoo tras activar a Xunta, este mércores, a alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña. A preguntas dos xornalistas sobre este asunto, a rexedora apuntou que “as cifras non son as desexables” e, por iso, “hai que tomar medidas mentres non se recupere o volume do encoro”. Non entanto, indicou que “non se prevén restricións no uso e consumo hídrico”.

O Concello, segundo explicou, puxo en marcha medidas de “concienciación” para “fomentar” un consumo responsable da auga e, a nivel municipal, eliminou a “rega en situacións innecesarias”, así como o funcionamento das fontes, entre outras decisións. “Estamos nunhas cifras similares ás que había fai dúas semanas”, dixo Rey e manifestou que o consistorio está “disposto a colaborar en todas medidas que desde o Goberno autonómico se implementen”.

Un traballador trasladado ao hospital tras caerlle encima un portal no polígono da Artística

0

Un operario resultou ferido de gravidade e tivo que ser trasladado ao hospital despois de que caese encima un portal nunha empresa do polígono da Artística, na Coruña.

Ocorreu pasadas as 14,45 horas, cando un particular contactou co 112 Galicia para pedir asistencia sanitaria para o operario, que sufriu este accidente mentres traballaba nunha empresa da rúa Monte Rabadeira, en Nostián.

As persoas que estaban no lugar conseguiron liberar rapidamente ao home, pero o alertante indicou que a vítima permanecía inconsciente.

Seguidamente, o 112 informou a Policía Nacional, a Policía Local, a Protección Civil e a Urxencias Sanitarias-061, que trasladou ao traballador ao hospital a bordo dunha ambulancia medicalizada.

Abre, por fin, a cantina da Cidade Deportiva da Torre

Canto frío temos pasado esperando ao que @s nos@s fill@s se duchen despois de adestrar. Cantas anos tiveron que pasar para que a Cidade Deportiva da Torre “Arsenio Iglesias”, o epicentro deportivo máis usado de toda Coruña, estrease unha cafetería.

Na Torre adestran e xogan ducias de clubs do fútbol modesto e base, do hockey herba… hai pistas de paddle e un frontón onde se desenvolven numerosas actividades municipais… Ata 300.000 persoas ao ano usan estas instalacións. Pero non había un café onde repousar cando fai vento ou chove a cántaros.

Por iso chama a atención ese retraso, tendo en conta que non hai campo de fútbol en todo o país que non teña cantina. Por exemplo, no Fútbol da Costa da Morte, o bochinche é un elemento crucial, un axente social, vertebrador, onde as dúas afeccións comparten café (con gotas, normalmente) ou un refrixerio.

A partir de hoxe, venres 28 de setembro, as familias xa podemos pasar a refuxio as incómodas horas que pasan entre viaxe e viaxe mentres facemos de chófer das nosa crianzas.

Explicou a alcaldesa que por atoparse na contorna da Torre de Hércules, “precisábase un informe favorable para a instalación da cafetería pola condición monumental de Patrimonio da Humanidade”. No mes de maio, o Consello Territorial do Patrimonio Cultural de Galicia autorizou a instalación da estrutura. “Trátase dunha estrutura desmontable que non afecta os bens protexidos da contorna, cumprindo polo tanto coa normativa da contorna da Torre de Hércules” sinalou.

Dispón duns 100 m2 de espazo e foi deseñada polo arquitecto Juan Pablo Otero, de
Encuadra Gestión y Proyectos Técnicos, e construida por Casas Cube, ambas empresas
galegas. Conta con terraza e servizo de mesas no exterior e estará aberta de luns a venres,
de 16.00 h a 22.00 horas e de 08.30 a 20.30 horas durante a fin de semana.

Cantina da Cidade Deportiva da Torre 1

A presidenta da Federación de Mulleres Directivas ve na cooperación empresarial a “clave” para un futuro sustentable

A presidenta da Federacion Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, Ana Bujaldón, apelou á cooperación empresarial e a igualdade como “clave” para un futuro sustentable.

Ademais, sinalou que “as directivas e empresarias non imos permitir quedarnos atrás na nova revolución tecnolóxica“. Fíxoo con motivo da celebración este venres, na Coruña, do encontro anual desta Federación.

A mesma estará centrada na “cooperación empresarial para un futuro sustentable” e nela participan expertas e expertos da innovación, a empresa, o emprendemento e a sustentabilidade.

“A igualdade e a cooperación empresarial son clave para lograr un equilibrio sustentable”, sinala a presidenta da Federación de Mulleres Directivas ante a nova revolución tecnolóxica xurdida con ferramentas como a intelixencia artificial.

O festival Womex que se celebrará en outubro na Coruña pon xa á venda entradas

0

O encontro musical internacional Womex-Worldwide Music Expo, que se celebrará na Coruña do 25 ao 29 de outubro, sacou á venda un número limitado de entradas “para que os coruñeses e coruñesas poidan gozar das diversas propostas musicais”, sinala o goberno local.

O evento, que reunirá na cidade a máis de 3.000 profesionais da industria musical de todo o mundo na súa 29ª edición, “converterá A Coruña no epicentro dunha nova onda de talento musical”.

Coa presenza de promotores de concertos, representantes de artistas, selos discográficos, institucións, conferenciantes, xornalistas nacionais e internacionais e artistas de todo o mundo, nun completo programa que inclúe feira profesional, conferencias, cinema e concertos en formato showcases”.

O goberno local engade que “diversos sons, ritmos e culturas reuniranse para celebrar a diversidade e a creatividade musical da man de artistas e profesionais da música de todo o mundo en diferentes espazos da cidade”.

Xurxo Souto rescata a Romaría do Santo Amaro, a festa dos emigrantes galeg@s

0

O patrón da comunidade galega de Lisboa é Santo Amaro, tan noso. E dende o ano pasado un grupo de galeg@s emigrad@s en Lisboa recuperaron a tradicional romaría do “Amaro navegante”, que se facía na cidade lisboeta hai máis de 100 anos. Un dos seus promotores é Carlos Callón, agora mestre no Instituto Espanhol Giner de los Ríos de Lisboa, e volve contar con Xurxo Souto para espallar a súa lenda.

Souto debulla no seu libo “Contos da Coruña” [Ed. Xerais], un recompilatorio de textos creados para o seu programa radiofónico A Tropa da Tralla, en Radio Coruña, a fermosa lenda do Amaro Navegante, e como chegou á Illa Paraíso, a illa de alén do mar da Cota.

O contador herculino viaxará esta fin de semana para participar no Festival d’A Barca, da man da entidade Cais de Sacavém, e levará a súa música e os seus contos ás terras veciñas. Co Amaro tamén viaxarán outros mitos do mar do Orzán que recolleu nos seus libros “O retorno dos homes mariños” e “A gran travesía de Chiruca Macallás”.

Festival Da barca Lisboa
Programa do Festival d’Barca de Lisboa 2023

A recuperación, 111 anos despois, da rtomaría do Santo Amaro, realizada o ano pasado foi todo un éxito. “Voltaron os galegos” dicían o pasado 15 de xaneiro de 2022, e dende entón vai medrando a relación galego-lisboeta.

 

Máis novas

A Terra Chá homenaxea a Xurxo Souto, “un home exemplar”, coa “Navalla de Manuel María”

O mar de Santo Amaro: un nome inseparablemente unido a Monte Alto

A Coruña, entre as máis caras para alugar pisos e cuartos

0

A Coruña é unha das 10 provincias con maior demanda de aluguer de pisos e habitacións, co 2,35% do total do país, segundo un estudo publicado este xoves por pisos.com.

As provincias de Madrid (21,95%), Barcelona (21,84%), Sevilla (7,10%), Valencia (5,13%), Málaga (4,61%), Granada (3,72%), Baleares (2,49%), As Palmas (2,45%), A Coruña (2,35%) e Biscaia (2,32%) son as que aglutinan o 73,97% dos inquilinos que buscan habitación.

A Coruña cidade tamén está entre as 10 localidades do Estado con máis demandantes de vivenda. Ademais, o primeiro municipio non capital de provincia con maior demanda de habitación é Santiago de Compostela, que ocupa a vixésima posición en España, cun 0,68% do total da demanda do país.

Así mesmo, A Coruña (253,5 euros ao mes), Lugo (250 euros) e Pontevedra (246,8 euros) están entre as 10 capitais de provincia onde máis barato é alugar habitación en España. A capital na que resulta máis caro alugar unha habitación é Barcelona (645,4 euros) e a máis barata é Cidade Real (154 euros).

Alugar unha habitación nun piso compartido é un 20% máis caro que hai unha década en España: 415 euros ao mes. O inquilino medio é unha muller (55%) de entre 18 e 25 anos (51%) que busca piso nas provincias de Madrid e Barcelona, onde se concentra o 35% da demanda, pero só o 19% da oferta.

A Falperra retoma esta fin de semana as súa Festas

0

Ademais das Festas de Monte Alto, esta fin de semana tamén se celebran as da Falperra tras ter que adialas no ecuador de setembro polo mal tempo.

Si que se puideron celebrar as sesións de cine e teatro de rúa, pero faltan as citasmáis festexeiras. Así, este sábado, 30 de setembro, as festas comezarán ás 13.30 horas coa actuación de The Nunzia’s Rock Cover Band.
Xa pola tarde, ás 17.30 horas actuará o Grupo Danzas de arte e cultura peruana. Ás 18.30 horas será a quenda de Amizades, mentres que ás 20.30 horas celebrarase unha festa Holi, un evento con pinturas de cores para todas as idades. Pechará o día a actuación de Pablo Balseiro & The Verbenian Orquestra a partir das 22.00 horas.

O domingo a programación comezará ás 13.00 horas coa actuación de Cantabaila. A sesión vermú será ás 14.00 horas co grupo Virtual Project. Xa pola tarde, desde as 17.30 horas, actuarán Danza 10 e Semiconfusas. Pechará as festas da Falperra a actuación de Manquiña & Los Fabulosos Weekend.

Máis novas

Baiuca encabeza as festas de Monte Alto

Un programa para reducir a fenda dixital en persoas maiores porase en marcha na cidade os días 2 e 3

0

Fundación San Rafael e Cruz Vermella presentaron unha nova edición do proxecto ‘Enredando’, unha iniciativa para reducir a “fenda dixital” nas persoas maiores. Trátase, segundo explicou a directora da Fundación, Dolores Estrada, dunha actuación que forma parte dos eixos nos que traballa a entidade, centrados en formación, investigación e acción social.

Da mesma, dixo que se trata de chegar “a moitas persoas”, no marco dun programa que terá lugar os días 2 e 3 de outubro cunha aula móbil que se instalará no Obelisco e as prazas de Lugo e de Pontevedra, na cidade herculina, pero coa intención de estendelo a outros lugares da provincia. O obxectivo, indicou, é atender as solicitudes vinculadas coas dúbidas dos maiores no manexo das novas tecnoloxías para o uso do móbil, petición de citas do Sergas ou cuestións vinculadas con entidades financeiras, entre outras.

ACTIVIDADES

O programa incluirá unha aula móbil con talleres, segundo explicaron, á súa vez, os representantes de Cruz Vermella. Así, Trinidad de Lorenzo, da unidade de innovación, afirmou que a pretensión é que “a xente perda o medo aos dispositivos dixitais e poidan coñecer asistentes virtuais ou pulseiras intelixentes” de face ao uso doutros dispositivos.

“Toda a xente que pase, estea inscrita ou non, poderán participar en cada taller, son entre 20 ou 30 persoas“, explicou sobre a capacidade duns talleres nos que hai desde procuras sinxelas en internet ata propostas expostas para que a xente coñeza “o que quere saber” en relación co uso das tecnoloxías.

No acto, Dolores Estrada destacou a colaboración con Cruz Vermella e remarcou que supón “o principio dunha serie de actividades nas cales o centro de todas elas é pór o foco na saúde física e emocional das persoas de idade“. Pola súa banda, Marcos Gómez, secretario provincial de Cruz Vermella na Coruña, sinalou que esta iniciativa levarase a “espazos emblemáticos e concorridos da cidade” con motivo, ademais, do Día Internacional das Persoas de Idade, que se celebra este domingo.