Inicio Blog Páxina 6

A Feira Biocultura & Ecoturismo espera 15.000 visitantes esta fin de semana no ExpoCoruña

A Feira de BioCultura regresa á Coruña na súa 8ª edición,  para achegar a novidades do consumo responsable, pero tamén afianzando a presenza do Ecoturismo como parte intrínseca da oferta que se desenvoverá en ExpoCoruña dende hoxe, venres 6, ata o domingo 8 de marzo.

Con todo, o principal atractivo é a alimentación ecolóxica, ocupando un 40% dos 135 expositores (ademais do ecoturismo, tamén haberá de cosmética e hixiene, de estilo de vida e casa sana ou de completementos alimenticios e saúde). Porque Galicia é unha das comunidades con maior gasto en alimentos ecolóxicos de España e o éxito de asistencia da feira, ano tras ano, vén reforzar este dato. Deste xeito, as empresas galegas de alimentos ecolóxicos volven ocupar un espazo central na feira da man do organismo de control, o CRAEGA, que co apoio da Xunta de Galicia organiza un espazo de exposición compartido e diversas actividades para degustar a calidade dos seus produtos.
Aínda que tamén participarán empresas de alimentos ecolóxicos certificados de diferentes sitios de España, a destacar a participación de empresas cántabras que acoden baixo o paraugas de ODECA (Oficina de Calidade Alimentaria de Cantabria).

O showcooking ecogastrómico acollerá actividades e obradoiros para aprender e degustar a mellor forma de comer san e sostible.

Imaxes de Biocultura 2025
Imaxes de Biocultura 2025

Actividades para todos os públicos

Un extenso programa de actividades paralelas achegarán este mundo “Bio” a un público que busca respostas, ideas, entretemento responsable e unha forma de vida máis acorde coa Natureza. Charlas sobre cociña solar ou sobre mobilidade en bicicleta, obradoiros, formacións, música, espectáculos, e a destacar o FYN Festival de Ioga do Noroeste que volve con proposta irresistibles para reencontrarnos coa nosa paz interna
E por suposto, o público familiar ten tamén as súas propostas con obradoiros para os máis pequenos, unha maneira de aprender divertíndose.

Máis novas

O sector ecolóxico galego fai un balance positivo da feira BioCultura A Coruña

O Supremo ratifica a condena por homicidio imprudente a un mozo por un accidente en 2017 na Coruña cun falecido

O Tribunal Supremo ratificou a condena por homicidio imprudente a un mozo por un accidente de tráfico en 2017 na Coruña no que morreu un ocupante do coche. Faino nos termos ditados no seu momento pola Audiencia coruñesa.

No seu fallo, ao que tivo acceso Europa Press, desestima o recurso de casación interposto por varios dos ocupantes do vehículo contra a sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña que estimaba parcialmente o recurso de apelación doutro fallo, ditado, á súa vez, polo Xulgado do Penal número 2.

En concreto, en novembro de 2021, este ditou sentenza condenatoria en relación a un accidente ocorrido en xullo de 2017 e cun coche no que viaxaban varios mozos, con previamente incidentes nas rúas da Coruña por circulación inadecuada do condutor. A sentenza recolle que este permitiu que no coche viaxasen cinco persoas a pesar de que era un vehículo para catro “e, por iso, dispuña de catro cintos de suxeición”. Xa nos accesos á cidade herculina “fixo circular intencionadamente o vehículo a unha velocidade moi superior á permitida” con perda de control do coche, con falecemento como resultado dun deles e múltples fracturas por parte doutros.

Por todo iso, condenouse ao condutor como responsable dun delito de homicidio imprudente a un ano e tres meses de prisión. Como autor dun delito de lesións a un ano e tres meses de cárcere e por outro de lesións por imprudencia grave a catro meses de cárcere, ademais do pago de indemnizacións.

Detido na Coruña nunha operación internacional contra o foro de datos roubados LeakBase

0

A Garda Civil e a Policía Nacional participaron nun operativo coordinado por Europol en 14 países contra LeakBase, un dos principais foros de compravenda de datos persoais roubados. En España realizouse unha detención e dous rexistros nas provincias da Coruña e Bizkaia, no marco dunha investigación internacional contra o cibercrime.

LeakBase é unha das principais plataformas utilizadas para a compravenda de información persoal obtida de maneira ilícita. A actuación, desenvolvida de forma simultánea en 14 países, permitiu desarticular parte da actividade dun foro que contaba con máis de 142.000 usuarios rexistrados e funcionaba como un mercado clandestino de bases de datos filtradas e credenciais roubadas. Estes datos procedían, en gran parte, de bases de datos de grandes compañías e de equipos domésticos infectados con distintos tipos de malware, e eran empregados posteriormente para cometer fraudes, suplantacións de identidade ou ciberataques.

En España, o operativo saldouse coa detención dun dos presuntos implicados e a realización de dous rexistros domiciliarios nas provincias da Coruña e Bizkaia. O arresto produciuse no marco da investigación sobre dous usuarios identificados no país con avanzados coñecementos técnicos e presuntamente vinculados á actividade do foro.

Os investigadores detectaron que ambos empregaban complexos sistemas de anonimización e técnicas avanzadas para ocultar a súa pegada dixital e dificultar a súa localización. Tras as pescudas, un deles foi detido mentres que o segundo continúa pendente de localización. Durante o rexistro realizado na provincia da Coruña, así como no efectuado en Bizkaia, os axentes interviñeron numeroso material informático e documentación que agora está a ser analizada polos especialistas.

LeakBase estaba activo desde 2021 e era accesible desde a denominada clearweb. A plataforma combinaba o funcionamento dun foro tradicional cun mercado no que os usuarios podían comprar, vender ou intercambiar bases de datos filtradas e credenciais de acceso roubadas, incluíndo os chamados “stealer logs”, arquivos con información obtida mediante programas maliciosos.

Entre os días 3 e 4 de marzo desenvolvéronse actuacións coordinadas en múltiples países, entre eles Estados Unidos, Canadá, Alemaña, Países Baixos, Portugal ou Reino Unido. A nivel internacional realizáronse preto de cen actuacións policiais contra 37 dos usuarios máis activos da plataforma. No marco da investigación tamén foi incautada a base de datos do foro, o que permitiu identificar a numerosos usuarios que operaban baixo suposto anonimato. As autoridades continúan agora rastrexando as pegadas dixitais para localizar a máis persoas implicadas e determinar a súa identidade no mundo real.

Unanimidade, con matices, no pleno da Coruña para apoiar o proceso de recuperación da Casa Cornide

O Concello da Coruña deu un paso máis de cara ao procedemento para a recuperación para o patrimonio público da Casa Cornide, actualmente propiedade do Franco e que se pretende recuperar como se logrou co Pazo de Meirás.

Foi nunha sesión plenaria na que, ademais de falar da polémica sobre o programa de Lecer, se aprobou, por unanimidade proseguir co proceso xudicial de cara á súa recuperación, despois de que ao pleno deste xoves levase a declaración de non caducidade do proceso de revisión de oficio dos acordos de 1962 pola que o inmoble acabou sendo do Franco. Tamén personarse no recurso xudicial promovido pola familia do ditador.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, aludiu ao interese xeral do procedemento e insistiu en que a declaración de interese xeral, apoiada con informes xurídicos, “apontoa” a decisión do goberno local de seguir adiante co proceso.

A pesar de votar a favor, o BNG criticou a falta de concreción e a ralentización desta clase de expedientes de memoria histórica por parte do goberno municipal, mentres que o voceiro do PP Miguel Lorenzo criticou que a este goberno “sempre se lle caducan os expediencias, contratos…”

Outros puntos

Nesta mesma sesión plenaria, deuse luz verde ao estudo de detalle para a nova biblioteca de Palavea, que ocupará a parcela do antigo mercado, que será demolido seguindo o plan que xa se aprobou na Xunta de Goberno local extraordinaria do pasado 19 de febreiro.

Ademais, deuse luz verde á proposta de modificación puntual do plan xeral de ordenación municipal (OGOM) para incluír novos elementos ao catálogo de protección. A medida foi pensada para blindar puntos de significación etnológica, arquitectónica, cultural ou urbanística.

Máis novas

A apertura da Casa Cornide ao público: queixas polas reservas para un inmoble “baleiro”

O BNG acusa á Xunta de “amparar” o “novo espolio” dos Franco na Casa Cornide

O Consello da Memoria Democrática propón aplicar o informe José Cornide tras 5 anos no caixón

Galisurf e Arena Limpia fan un chamamento para unha nova limpeza da praia do Orzán

Galisurf, unha escola de surf con máis de 10 anos de experiencia na Coruña, organiza este domingo 8 de marzo unha limpeza de praias na praia do Orzán.

A iniciativa, en colaboración con Arenalimpia, ten como obxectivo concienciar sobre o medio ambiente e promover a conservación do océano entre os surfistas e o público en xeral.

A actividade desenvolverase este domingo a partir das 11:00 horas e a participación está aberta a todas as idades. Despois da limpeza, os participantes compartirán chocolate quente como forma de conectar e concluír o día.

Tras a limpeza, a escola tamén ofrecerá unha clase de surf opcional para aqueles que desexen continuar a experiencia na auga.

Poden informarse en inscribirse no 679 55 47 93.

Máis novas

Arena Limpia e GaliSurf retiran 250 quilos de residuos nunha limpeza dedicada ao surfistas do Orzán

Os salvadores do CIS volven limpar o Areal da Torre

Os docentes do programa de Lecer fártanse das “mentiras” municipais

Rotundos foron esta mañá os docentes do Programa de Lecer. Volveron concentrarse ás portas do Pazo de María Pita para darlle a benvida aos concelleiros que acodían ao pleno, onde leron un crú manifesto no que deixaron claro que están ”fartos de mentiras e de esperas”.

Acompañados de ducias de usuarios dos cursos culturais (que dous meses despois do teórico comezo seguen sen ter datas de reanudación) denunciaron a “situación de total desconfianza e esgotamento” tanto co IMCE como a Concellería de Cultura. Fixeron un repaso polos máis de 3 meses de conflito, dende que o 22 de decembro tanto o edil Gonzalo Castro como a presidenta do IMCE Laura Seoane fixeron oídos xordos ante as xa non primeiras queixas sobre os impagos de Serviplús.

Lembraron as promesas incumpridas do Concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, asegurando que xa estarían traballando a 2 de febreiro cando agora xa non quere dar prazos e fala de abril, datas nas que estaría incumprindo os propios pliegos do contrato. A realidade é que “a día de hoxe, 05 de marzo, seguimos un 15% do persoal sen ser contactado e/ou pagado e o tempo pedido polo IMCE xa se cumpriu”.

Incidiron en que non hai datas para a reanudación dos cursos e alertaron de que “se o programa non se comeza a impartir a 23 de marzo non se cumprirán os prazos recollidos en prego, xa que ten que rematar a 19 de xuño para que comecen campamentos”.

“Cantas mentiras máis imos ter que escoitar? Por que non nos falan coa verdade? Que ocultan?”, preguntáronse os docentes.

Concentracion docentes Lecer en Maria Pita 2

No pleno

Hoxe non se presentou no medio e medio da concentración como si fixo o mes pasado o edil Gonzalo Castro, que si falou no pleno ante un rogo do BNG. Ante o ataque claro do BNG pola mala xestión do conflito, Castro quixo meterse na súa forma de facer oposición avisando de que lle pode vir de volta por “efecto boomerang”, e apelando ao “rigor” e ”responsabilidade” do case compañeiro de goberno, quixo destacar que tivo reunións con todos os afectados. ”Non se pode solventar o problema derivado polas débedas dunha empresa nun ou dous días”, argumentou sen apenas dar novos datos sobre a situación do conflito, máis alá do que xa se ten avanzando hai máis dunha semana.

 

Máis novas

8M: A Coruña prepárase para as concentracións da MMM e do Sindicato de Estudantes

Prepárase a cidade da Coruña para as manifestacións polo 8M, Día Internacional da Muller Traballadora.

A principal, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, celebrarase o domingo 8, ás 18:00h dende o Obelisco. Este ano vén máis potente que nunca, co lema “Feminismo e Revolución”, e coas arengas de “terra viva, pobos libres, vidas dignas”.

Manifestación dos Estudantes

Cartaz Manisfestacions Galegas 6M sindicato Estudantes

O Sindicato de Estudantes convoca ás manifestacións de estudantes que terán lugar este venres 6 de marzo no marco da Folga Estudantil polo Día da Muller contra a violencia machista, convocada polo Sindicato de Estudantes en tódolos institutos e universidades do Estado 

Na Coruña a concentración terá lugar ás 12:00h no Obelisco, onde lerán un manifesto no que “o acoso, as agresións, as violacións e os asasinatos perséguennos cada día. O machismo golpéanos nos nosos institutos e facultades, no traballo, na familia e nas rúas. E xa estamos fartas”.

A mobilización da MMM do ano pasado

Máis de 3.000 persoas saíron a rúa, a pesar da chuvia, polo 8M

Máis novas deste ano

8M.- A UDC conmemora o Día da Muller cun programa de exposicións e actividades formativas

8M.- A Deputación da Coruña pon o foco no papel das mulleres nas loitas sociais e laborais

ADEGA denuncia risco a sáude pública e ambiental por verteduras recorrentes no río Valiñas

Persoal de ADEGA achegouse a comprobar “in situ” a existencia desta vertedura logo das denuncias de veciñanza e de diversas publicacións atopadas en nas redes sociais.
A entidade ecoloxista advirte de que estas verteduras supoñen un risco real para a saúde pública e para a conservación do ecosistema fluvial ata a ría do Burgo.

ADEGA-A Coruña denuncia verteduras recorrentes no río Valiñas, que poñen en risco a sáude pública e ambiental. Esta vertedura acontece cando hai moita choiva e o río aumenta o seu caudal. O mal deseño da canalización do sumidoiro, que vai paralelo ao río, e en moitos puntos ten unha cota inferior ao río, fai que a auga do río entre na canalización de augas fecais. Isto provoca que as augas fecais se mesturen coas do río. Cando menos, existen dous puntos, un en Culleredo e outro en Cambre, nos que a veciñanza detectou estas verteduras.

Nestas zona do río poden verse toalliñas e outros restos que claramente saíron pola tapa do sumidoiro, e existe un claro cheiro a augas fecais“, critica a organización. En Sésamo, cerca da rúa Castro de Silvar, persoal de ADEGA que visitou a zona puideron observar que “xa houbo un burdo intento de parar a vertedura colocando uns bloques de cemento enriba da tapa do sumidoiro”.

Esta vertedura está a provocar unha alteración desa zona natural e un risco real para a saúde pública. Por este motivo, ADEGA – A Coruña denunciou esta situación diante do Concello de Culleredo e de Augas de Galiza, a quen solicitou información sobre cal é a data na que estas administracións tiveron constancia desta vertedura e cales son as actuacións previstas para poñerlle fin.

RÍO VALIÑAS

O río Valiñas, que nace próximo ao Monte Xalo e percorre varios concellos da comarca ata desembocar no río Mero, no lugar da Telva, mantén un bo estado de conservación a pesar das continuas agresións. A auga e os restos que se están a verter no río Valiñas acabarán chegando á ría do Burgo, na que hai poucos anos se investiron máis de 35 millóns de euros en mellorar o seu estado de conservación.

As verteduras de augas fecais provocan un descenso no osíxeno disolto na auga, debido á gran presencia de bacterias, e poden provocar a mortalidade da fauna propia do río, como peixes, anfíbios ou insectos. Ademais, existe o risco de que nos restos fecais sen depurar estean presentes virus ou bacterias patóxenas, o que converte estas verteduras nun risco para a saúde pública.

ADEGA quere recordar que é responsabilidade das administracións locais prestar o servizo de saneamento á cidadanía e que, para ese fin, existe unha taxa municipal que paga toda a veciñanza, xunto coa de potabilización da auga e a de residuos sólidos urbanos. “A vixilancia da boa saúde dos ríos corresponde á empresa autónomica Aguas de Galicia, e polo tanto, tamén é responsabilidade desta entidade velar porque non existan verteduras nos ríos”, conclúe ao tempo que  insta a estas dúas administracións a que se reúnan para poñer fin a “este atentado ecolóxico canto antes”.

Traballadores que prestan servizo ao Banco Santander concéntranse na Coruña para reclamar condicións laborais dignas

Persoal da empresa Universal Support, que presta servizo para o Banco Santander, concentrouse este xoves diante dunha das oficinas da entidade no Cantón Pequeno da Coruña para reclamar melloras nas súas condicións laborais. Segundo informou a CIG, arredor do 80 % do persoal que atende a ‘Superlínea’ do Banco Santander está a secundar a primeira das dúas xornadas de folga parcial convocadas para reclamar “salarios dignos acordes ás tarefas complexas que realizan”.

Entre as reivindicacións tamén figura a redución da carga de traballo e da presión comercial, así como a corrección do que consideran unha mala organización por parte da empresa que presta o servizo, Universal Support. O paro desta mañá desenvolveuse entre as 09.00 e as 12.00 horas, tempo no que os traballadores realizaron unha concentración diante da oficina do Santander situada no Cantón Pequeno. A mobilización continuou na quenda da tarde, entre as 16.00 e as 19.00 horas, e está previsto que a folga parcial se repita o próximo 13 de marzo.

A Academia Galega de Belas Artes homenaxea ao intelectual Isaac Díaz Pardo na Coruña

A Academia Galega de Belas Artes homenaxeou ao intelectual Isaac Díaz Pardo. No acto, participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o fotógrafo e académico Xurxo Lobato, o vicepresidente da Academia Celestino García Braña, o académico Xosé Díaz Arias de Castro e a cantante e académica Rosa Cedrón, que interpretou ao violoncelo composicións de Bach, o “compositor favorito” do artista.

Segundo traslada o consistorio, na súa intervención, a rexedora recalcou que Díaz Pardo era “un talentoso descubridor de talentos”. “Teceu ao longo da súa traxectoria unha rede de amizades e colaboradores que fixeron máis grande Galicia a través da exploración de territorios até entón descoñecidos”, explicou.

Este evento pecha un ano de simposios e conferencias, que comezou coa exposición ‘A barca de Caronte’ no Museo de Belas Artes da Coruña. Ademais, elaboraron publicacións e carteis que foron distribuídos polos centros educativos galegos para dar a coñecer a importancia da figura de Isaac Díaz Pardo na cultura galega. “Isaac Díaz Pardo, un intelectual e un home próximo, fíxonos mellores como pobo e os pobos non esquecen aos que un día sinalaron o camiño cando nada estaba escrito”, subliñou Rey.