Inicio Blog Páxina 7

Aprobadas novas obras de humanización das rúas Páramo, Atocha Alta e Agra do Orzán

0

O Concello aprobou onte na Xunta de Goberno Local a posta en marcha dos procesos de licitación dunha nova quenda de humanizacións de rúas en distintos puntos da cidade.

Un dos proxectos levarase a cabo na rúa Páramo para resolver a problemática de accesibilidade coa renovación dos pavimentos peonís, incorporando pavimentos diferenciados conforme aos requisitos establecidos pola normativa vixente. Este proxecto completa a rolda peonil ao conectar coa rúa Barcelona.
O investimento total superará os 360.000 euros.

Humanizarase tamén no tramo central da rúa Atocha Alta —explicou a alcaldesa— entre as prazas de Cántigas da Terra no seu extremo oeste e de Juan Manuel Iglesias Mato, no seu extremo sur, ademais dun tramo da rúa Tui, ata a súa intersección coa rúa Cuevas, cun proxecto no que se investirán máis de 380.000 euros.

A terceira intervención neste sentido será na Agra do Orzán. As accións que se levarán a cabo coinciden coas dos outros dous proxectos, con adaptación e reordenación de espazos para mellorar a accesibilidade peonil, adaptación da drenaxe, execución dunha canalización municipal baixo a calzada, instalación de novo mobiliario e arboredo e de sinalizacións verticais e horizontais. O investimento será de máis de 260.000 euros.

Recuperación da Bágoa de San Roque

A Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde á recuperación de dous locais na Bágoa de San Roque que finalizaran o período de concesión. Así, o Concello busca recuperar a totalidade do espazo para restauralo e se converter, neste ano, nun novo equipamento público para o barrio de Monte Alto e As Atochas.

Máis novas

 

A Rolda Peonil dos Barrios avanza pola Sagrada Familia

O herculino Carlos Ares lidera a lista de nominados aos Premios MIN

0

Xa se coñecen os nomeados aos XVIII Premios da Música Independente (MIN). Un listado que lideran o coruñés Carlos Ares e a canaria Valeria Castro con 6 nominacións cada un.

O herculino Carlos Ares está presente en tres candidaturas co seu disco “La boca del lobo”, tales como Premio ONErpm álbum do Ano, Premio AGEDI a Mellor álbum de Pop e Premio SAE Madrid á Mellor Produción Musical. Ademais, opta ao Premio Radio 3 a Canción do Ano por ‘Días de perros’, ao Premio MIN 2026 a Mellor Artista Emerxente e ao Premio INGRESSE a Mellor Directo.

Tendes a lista completa en www.premiosmin.com.

Tamara García e Masi Rodríguez serán as condutoras da cerimonia de entrega dos galardóns, que terá lugar o próximo 25 de marzo no Gran Teatro de Córdoba.

Máis novas

Carlos Ares e Gandy serán recoñecidos nos Premios da Industria Musical de Galicia

A Xunta convoca ao sindicato O’Mega para negociar tras 3 días de folga na Atención Primaria

Tiveron que pasar 3 días en folga nos Centros de Saúde, privando dun servizo público tan básico a máis de 5.000 persoas cada día, para que a Xunta convocase ao sindicato O’Mega para negociar as demandas dos médicos de atención primaria.

A Consellería de Sanidade convocou ao sindicato maioritario dos médicos e facultativos de Galicia a unha reunión para negociar as demandas dos profesionais e tentar chegar a un acordo que permita desconvocar unha folga, que volveu visibilizarse con concentracións como a desta mañá na Casa do Mar, ao son de arengas como “médico cansado, paciente mal tratado”.

A reunión, prevista para este xoves ás 11:00 horas na sede do Servizo Galego de Saúde (Sergas), prodúcese despois de que a Consellería de Sanidade de Galicia rompese unilateralmente as negociacións o pasado venres. Isto seguiu un acordo preliminar para limitar as citas médicas a 33 pacientes ao día, o que desencadeou unha folga que está a causar graves trastornos tanto para os médicos como para os usuarios do sistema sanitario público de Galicia.

Hoxe, 7 de cada 10 médicos de atención primaria (70 %) que non estaban suxeitos aos excesivos requisitos de servizos mínimos impostos pola Consellería de Sanidade intentaron sen éxito mitigar unha folga causada pola súa propia irresponsabilidade ao romper as negociacións cos médicos. O impacto da folga foi significativamente maior en Vigo e Pontevedra.

Os profesionais seguen esixindo un plan de emerxencia para desconxestionar o sistema sanitario público de Galicia sen comprometer a dignidade persoal dos médicos. Actualmente, estes médicos están a atender ata o dobre de pacientes do recomendado, cunha proporción médico-paciente moi por debaixo do estándar establecido. Isto resulta en xornadas de traballo esgotadoras para os médicos e listas de espera inaceptablemente longas para os pacientes.

A situación é tan grave que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou o Servizo Galego de Saúde (Sergas) por non protexer adecuadamente a saúde laboral dos médicos.

O’Mega confía en que a responsabilidade do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o leve a tomar as medidas necesarias para que os representantes da Consellería de Sanidade asistan á reunión de mañá co comité de folga na nova rolda de negociacións con espírito competente, non con actitude arrogante. Isto, cren, traducirase en beneficios tanto para os médicos como para os usuarios do sistema sanitario público de Galicia.

A definición do horario laboral, a limitación dos horarios dos médicos, o fin da discriminación salarial contra pediatras, dentistas e farmacéuticos, e a voluntariedade das gardas os sábados nos Centros de Urxencias (PAC) son algunhas das cuestións que os representantes dos médicos de Galicia queren negociar coa Xunta.

Máis novas

Os médicos dos Centros de Saúde continúan a súa folga ante a “irresponsabilidade” da Xunta

 

O festival ‘Imaxinaria’ converterá A Coruña no epicentro da animación internacional do 11 ao 15 de marzo

O Festival de Animación ‘Imaxinaria’ celebra unha nova edición do 11 ao 15 de marzo na sede de Afundación na Coruña, cunha carteleira que inclúe 37 curtos internacionais a competición, unha nova proposta ‘indie’ e tres películas participantes nos Goya e nos Óscar. A presentación do evento tivo lugar este mércores coa presenza dos directores do certame, Matilde Rodríguez e Alberto Vázquez, este último recente gañador dun Goya pola súa obra ‘Decorado’.

Ambos responsables subliñaron que o festival ofrecerá unha programación moi “internacional e diversa”. Alberto Vázquez remarcou de xeito especial a participación do francés Sylvain Chomet, quen exercerá como padriño desta edición. A sección oficial a concurso está integrada por 37 curtametraxes de animación contemporánea, organizadas en bloques internacionais e infantís para chegar a todos os públicos.

As entradas xa están á venda e a recadación íntegra será destinada ao Banco de Alimentos. Os asistentes poderán gozar das estreas en Galicia de obras destacadas como ‘Decorado’ e ‘Arco’, así como do curto ‘A jeune fille qui pleurait des perles’. Como novidade, ‘Imaxinaria’ incorpora este ano a sección ‘Foco indie’, deseñada para achegar ao público os procesos e modelos de creación vinculados á animación independente. O evento tamén incluirá actividades para familias e un programa escolar que se desenvolverá nas mañás do xoves día 12 e do venres día 13.

O alumnado de FP Dual do Ánxel Casal que ten contra as cordas á Consellería

Está mobilizando a media Consellería de Educación un pequeno grupo de 10 alummnos do FP Dual de Audioloxía Protésica do CIFP Ánxel Casal, da Coruña. Levan unha semana protestando ante a posible falta de empresas nas que realizar as prácticas que completen a formación académica, precisamente un dos reclamos da Consellería á hora de potenciar estes cursos de FP Dual.

A Consellería chegou a asegurar esta semana que “en ningún caso están en perigo as prácticas destes alumnos e o ciclo dual desenvólvese con normalidade nas condicións establecidas”, asegurando que 13 dos 18 alumns xa teñen asignada empresa e o cinco que resta terana antes de que empezo o período de prácticas en abril”. A Consellería asegura no seu comunicado que “esta situación é sobrevinda debido a que algunha empresa inicialmente prevista deuse de baixa”, pero que traballa para solventalo.

As denuncias do alumnado

O grupo de alumnos non o ten tan claro, e a poucos días do teórico inicio das prácticas denuncian a “falsidade de datos públicos e opacidade” da Consellería. Aseguran que a día de hoxe só hai 2 alumns coa empresa confirmada onde facer prácticas, que esxiste unha vancante cunha entrevista realizada da que non hai resolución e outras dúas prazas das que o alumnado non ten noticia algunha. “8 de cada 10 seguimos no limbo”, lamentan.

Así mesmo denuncian a “vulneración do dereito á cotización (RD-lei 2/2023”), unha vez que o alumnado de FP Dual debe estar incluído no sistema da Seguridade Social dende o inicio das prácticas. “Ao non asignársenos empresa por falta de xestión administrativa, a Administración está privándonos do noso dereito a xerar vida laboral e cotización, un prexuízo irreparable para quen renunciamos a empregos estables pola exclusividade que esixe a Dual”.

Critican o “bloqueo do proceso de avaliación” pola anulación de varias entrevistas, e critican que as “solucións aportadas son insuficientes e ilegais”, como é a proposta de “permanecer no centro” incumprindo o contrato de formación asinado ao matricuarlse, que xera ademais unha desigualdade formativa inaceptable respecto aos alumnos que si teñen praza.

Lamentan a situación de “indefensión e falta de transparencia”, e o “silencio administrativo” só roto na prensa, calficando de grave o “prexuízo laboral” de moitos compañeiros que renunciaron a empregos estables pola exclusividade da Dual e agora non teñen nin traballo, nin prácticas, nin cotización á Seguridade Social.

Esixencias

Ante todo isto, esixen unha a comunicación inmediata (prazo 48h) da listaxe real de empresas con convenios firmados e os alumnos asignados, así como unha “explicación de por que se traslada á prensa unha “normalidade” que non concorda coas comunicacións internas (entrevistas anuladas e silencios)”. Queren unha ”garantía por escrito de que ningún alumno de 1º verá minguada a súa cotización nin a súa formación por causas alleas á súa vontade”, asegurando que xa presentaron demandas ante o Valedor do Pobo e a Comisión da Transparencia de Galicia. “Non aceptaremos máis promesas xenéricas nos medios mentres os nosos dereitos laborais e educativos son vulnerados”, conclúen.

ADEGA manda unha carta aberta aos organizadores do Wake Up Festival sobre o impacto na zona de bens

Volve a polémica medioambiental arredor do Wake up féstival, o evento de música electrónica que leva 3 anos celebrándose no Parque de Bens da Coruña. Unha cita que xa ten recibido diversas críticas por parte de outras organización ecoloxistas, polo lugar escollido para a súa celebración, próxima a entornos naturais e protexidos.

Desta volta é o colectivo ADEGA o fai pública esta carta aberta aos organizadores do festival apelando á súa comprensión para frenar unha situación que está a causar graves alteracións no medio ambiente e sufrimento animal.

 

Estimada organización do Wake Up Festival:

Dirixímonos a vós desde o respecto pola vosa labor cultural e o común gusto pola música. Sentímonos na obriga cidadá de expoñer, con claridade e fundamento, as nosas profundas preocupacións ante a intención de celebrar unha nova edición do festival Wake Up Festival no Parque de Bens, que sería a cuarta. As nosas reflexións non xorden dunha opinión ou visión ecoloxista idealista, senón de datos e advertencias técnicas recollidas en informes oficiais, é dicir, dende unha reflexión consciente da realidade baseada nos datos.

Atopamos catro razóns, que consideramos inapelables, polos que a celebración deste festival supón un prexuízo para a natureza da Coruña:

1. O festival é incompatible coa protección da fauna. O Parque de Bens non é un espazo neutro. Alberga especies protexidas legalmente, como o lagarto arnal (incluído na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial) e, na súa contorna inmediata (ENIL das Illas de San Pedro), o corvo mariño cristado (especie vulnerable). A celebración do festival coincide, ademais, coa súa época crítica de cría.

2. O impacto acústico é cientificamente prexudicial. As frecuencias graves, inherentes á música dun festival, propáganse a varios quilómetros de distancia. Un evento que supera os 120 dB, nunha área onde o recomendable para a fauna é non exceder os 55 dB, produce nos animais estrés, desorientación e, en casos extremos, abandono dos niños. Non se trata só de ruído molesto, senón de danos reais e documentados no ciclo biolóxico de especies vulnerables.

3. O sufrimento animal evitable é inasumible. A proximidade do festival ao centro municipal de animais de compañía expón a animais acollidos, moitos en proceso de recuperación, a unha situación de ansiedade e estrés que ningunha programación cultural debería xustificar.

4. O proceso administrativo ten dubidosas garantías ambientais. A autorización deste evento, que ignora informes técnicos desfavorables reiterados e que se tramita con improvisación e no último momento, constitúe un grave desleixo na protección do patrimonio común.

Ante estes datos, preguntámonos e preguntámosvos:

· Sodes coñecedores do dano ecolóxico acumulado polas tres edicións consecutivas xa realizadas?

· Considerades que un evento deste tipo pode lexitimamente prevalecer sobre o cumprimento da legalidade ambiental que protexe estas especies?

· Sería posible trasladar o festival a unha localización con menor valor ecolóxico e que non cause sufrimento animal, mantendo a súa calidade artística?

A nosa intención non é a confrontación, senón a defensa do patrimonio natural común. Apelamos á vosa responsabilidade e ao amor pola natureza para que reconsideredes a localización do Wake Up Festival. O verdadeiro éxito dun evento cultural mídese tamén no legado que deixa.

Máis novas

Denuncian o Wake Up & Dream Festival polo seu impacto ambiental

O BNG da Coruña denuncia “irregularidades” na licenza do festival Wake Up e o goberno replica que foi legal

Os salvadores do CIS volven limpar o Areal da Torre

Volveu ao Areal da Torre o programa Entre Crebas, esa iniciativa da Asoc. Mar de Fábula, que convirte en axentes activos da concienciación e limpeza medioambiental ás persoas privadas de liberdade que cumplen a última parte da súa condena no Centro de Inserción Social (CIS) da Coruña. Unha auténtica acción de reinserción social a través da ecoloxía.

A terceira edición deste programa non arincou ata esta pasada semana por mor do mal tempo, pero comezou con novos folgos coa intención de facer o seguimento anual da contaminación do lixo mariño nas augas costeiras da Coruña. Xa estiveron nas Lapas en 2024, peitearon durante 12 meses o areal de Santo Amaro, e agora volven ao acubillo da Torre, a esta praia aberta ao océano, para desenvolver este exercicio de ciencia-cidadá.

Máis de 25 persoas voluntarias do CIS e de Mar de Fábula participaron nesta primeira acción Despois das palabras de benvida de Xosé Manuel Barros, situando o proxecto, todas as mans espalláronse ao longo das liñas de marea apañando, durante máis dunha hora, toda unha variada mostra que o tren de borrascas deste inverno trouxo do grande supermercado do lixo do océano Atlántico.

O resultado da “infame colleita neste lineal do supermercado” foi duro de analizar: 200 anacos plástico brando de envases e bolsas; 12 tapóns de botellas; 52 anacos espumas sintéticas; 550 mesoplásticos e microplásticos duros; 25 residuos da pesca; 12 restos telas e vestimenta e 4 calzados; 40 cabichas; 2 paquetes tabaco; 7 anacos madeira e tablóns; 5 ferros; 13 anacos ladrillo; 60 toalliñas hixiénicas; 23 bastonciños algodón e 3 aplicadores tampóns…

Un total de 1.008 residuos que botamos nalgún momento, pero que xa non volverán contaminar o noso mar.

Máis novas

Xosé Manuel Barros de Mar de Fábula, recoñecido polo CIS Coruña

Mar de Fábula realiza educa e conciencia medioambientalmente ao CIS

A labor de reinserción das limpezas medioambientais de Entre Crebas

A incansable loita contra as cabichas nas praias

A Coruña aproba novas obras de humanización e amplía a gratuidade nas escolas infantís

O Concello da Coruña deu luz verde este mércores a un novo paquete de obras de humanización que afectarán ás rúas Páramo, Atocha Alta e a diversas zonas da Agra do Orzán. Na Xunta de Goberno local tamén se aprobou a licitación para construír un novo espazo lúdico e deportivo no parque Adolfo Suárez, unha actuación que busca reforzar as áreas de lecer da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, informou así mesmo da recuperación de dous locais na Bágoa de San Roque. O obxectivo da administración municipal é rehabilitar este espazo para convertelo nunha nova dotación de uso público para a veciñanza. No ámbito social, o consistorio acordou ampliar a gratuidade do servizo nas escolas infantís municipais, incluíndo tamén dúas horas extraordinarias por xornada e simplificando as bases para facilitar o acceso das familias á rede de centros.

Noutra orde de cousas, a rexedora anunciou que A Coruña presentará formalmente a súa candidatura para converterse na sede do congreso da Asociación Española de Parques e Xardíns no ano 2028. “Somos a candidatura perfecta”, sentenciou Inés Rey, quen destacou o potencial verde da cidade para acoller este evento profesional de referencia nacional.

Sufocan o incendio dunha vivenda de Culleredo

Os servizos de emerxencia traballaron esta mañá na extinción dun incendio que se produciu nunha vivenda unifamiliar na aldea de Cabana, na parroquia de Veiga, en Culleredo.

O incendio comezou ás 12:45 horas. A Policía Local de Culleredo e os bombeiros do parque provincial de bombeiros de Arteixo acudiron ao lugar dos feitos e continúan cos seus esforzos para extinguir as lapas.

Trátase dunha segunda vivenda. O propietario estaba fóra cando comezou o incendio, polo que non houbo feridos. Un quentador que quedou aceso dentro da casa considérase unha posible causa do incendio.

Incendio vivenda Culleredo Bombeiros

Máis novas

Os choqueiros da Veiga desafiaron o chaparrón

Diana Fajardo aborda nunha mostra fotográfica a atención ás mulleres diagnosticadas de cancro

0

A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga (na rúa Durán Loriga) acolle este xoves 5 de marzo, ás 18.00 horas, a inauguración da exposición Virando o rosa, da fotógrafa Diana Fajardo Rama.

Fajardo é unha fotógrafa documental, residente na Coruña, con máis de 20 anos de experiencia, 12 deles dedicados ao seu proxecto persoal. Parte dos seus traballos máis reseñables poden contemplarse de xeito permanente na Domus da Coruña.

Con exposicións individuais e colectivas, leva tamén 10 anos como docente na súa propia escola de fotografía, onde desenvolve unha formación dende unha perspectiva feminista.
Actualmente traballa nunha nova exposición individual que, dende un enfoque etnográfico,  recolle costumes de Galicia.

Virando o rosa

O proxecto Virando o rosa foi premiado na VII edición dos Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña e aborda a atención ás mulleres diagnosticadas de cancro dende unha perspectiva de xénero, situando no centro as vivencias e os procesos persoais das protagonistas.
Esta iniciativa estrutúrase en tres eixos: unha mostra fotográfica, un libro gráfico e relatorios nas presentacións públicas protagonizadas polas propias participantes. Tras entrevistar a máis de 30 mulleres da provincia da Coruña, xorde unha proposta audiovisual cos seus relatos que, na parte gráfica, amosa retratos das participantes en diferentes momentos, todos eles relacionados coa maneira en que viviron esta patoloxía.