Inicio Blog Páxina 74

A CUAC FM soplará ás velas do seu 30 aniversario este sábado 21 de marzo ás 13:04 en María Pita

0

Inmerso en pleno aniversario, a familia da CUAC FM debullou esta fin de semana algúns dos eventos que vai realizar para celebrar os 30 anos de vida radiofónica no Campus de A Zapateria.

Cun acto público a carón da paloma da paz de Picasso, onde a emisora instalou un totem informativo coa colaboración do Concello da Coruña, anunciaron algúns dos actos de celebración desas tres décadas nas que teñen pasado 504 programas diferentes pola programación da radio comunitaria.

“O fotón”

O sábado 21 será o inicio das actividades deste mes de marzo. Ás 13:04 convidan a toda a cidade a formar parte da fotografía que o cámara Gutier Rolán captará como momento histórico e da que se farán posters para repartir pola cidade. As persoas que teñan a camiseta do pico do pato poderán lucila na fotografía. O evento titúlase “O fotón”.

Banda de solistas

Tamén se convoca este mes o 28º Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM con 5000 euros en premios. O prazo de inscrición estará aberto ate o 31 de maio. As bases poden consultarse dende o vindeiro sábado na web oficial cuacfm.org

O vernes 27 de marzo é o día exacto do aniversario e neste caso convocamos a toda a xente que lle gusta a música en directo ao Teatro Colón da Coruña para gozar das actuacións de César de Centi, Silvia Penide e Pedro Pastor con entradas á venda dende 13 euros.

Nova presentación do libro

O martes 31 de marzo ás 18:30 estaremos na Libraría Lume coa segunda presentación do libro “Que bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM, con portada de Manel Cráneo a grandes colaboracións como a de Iñaki Gabilondo. A entrada é libre e levaremos libros de agasallo. Son gratuitos grazas a un convenio coa Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña.

Encontro Estatal de Medios Comunitarios

Xa no mes de abril celebrarase na Coruña o Encontro Estatal de Medios Comunitarios. Será do 17 ao 19 de abril cunha xornada inaugural o venres pola tarde aberta ao público. Deste xeito, a Coruña converterase nesa fin de semana no epicentro dos medios comunitarios no estado español.

Maratón

En maio, farán unha maratón radiofónica con xornada de portas abertas na emisora. Será entre o sábado 23 e o domingo 24 e pasarán polas ondas ducias de programas de diversas etapas da emisora.

Gala dos Oscuacs e Noroeste

En xuño, o sábado 13, estarán na Sede de Afundación coa Gran Gala dos Oscuacs, un evento que este ano tamén terá un formato especial, con recoñecementos a persoas ou colectivos alleos a CUAC FM. Haberá actuacións e a entrada será gratuita.

En agosto, dúas bandas galegas actuarán no Festival Noroeste Estrella Galicia grazas ao concurso para proxectos musicais de CUAC FM. En setembro, celebrarase a Batalla de Bandas do tramo estatal do concurso na Sala Mardi Gras. Será o sábado 19.

Radio en directo

E, o sábado 10 de outubro, volverán ao Auditorio de Afundación nos Cantóns para darlle o pistoletazo de saída á programación 26/27 cun evento de humor que terá como protagonista ao programa máis mediático da emisora, Vellenials con máis sorpresas que se iran desvelando máis adiante.

Máis novas da CUAC FM

EscapeMotor, o espazo radiofónico máis potente da provincia faise na CUAC FM

A AC Alexandre Bóveda e CUAC FM comparten aniversarios

2026 arrinca en clave de aniversario: 30 anos de CuacFM e 45 do Jazz Filloa

Un libro colectivo para comezar a celebrar o 30 aniversario da CUAC FM

A CUAC FM celebra os seus 30 anos con 500 programas e un completo programa de actos

CUACFM entre os gañadores dos Premios Martín Códax da Música Galega 2025

 

 

Os médicos volverán concentrarse este mércores ás portas do CHUAC

Este mércores 18 de marzo, ás 11:00h, hai convocada unha nova concentración de médicos polo sindicato O´Mega. Coincidindo coas folgas coas que a nivel estatal e autonómico, os facultativos reclaman do Goberno central un estatuto propio e do Goberno galego a dignificación das súas condicións laborais e un plan que permita manter a calidade asistencial tanto en Atención Primaria como en Hospitalaria.

Concentración de médicos ante el Centro de Salud de San José (A Coruña)
Imaxe da concentración de médicos da pasada semana ante o Centro de Saúde de San José

Máis novas

 

A Xunta detalla as alternativas de tráfico polo corte da avenida da Pasaxe durante tres días

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou este luns as alternativas de tráfico que se habilitarán durante o corte da avenida da Pasaxe os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, coincidindo co inicio da Semana Santa. A interrupción afectará a un treito duns 300 metros, entre a pasarela peonil situada fronte ao tanatorio Servisa e o Burger King, e obrigará a reorganizar os accesos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) mentres se realizan os traballos de demolición do viaduto coñecido como “scalextric”. Segundo explicou a delegada, a elección destas datas responde a criterios técnicos, xa que durante a Semana Santa redúcese o tráfico entre un 20 % e un 25 % na cidade, ao non haber transporte escolar e diminuír a actividade habitual.

COORDINACIÓN COS CONCELLOS DA ÁREA DO CHUAC

Antes de anunciar as medidas, a Xunta mantivo unha reunión cos alcaldes e alcaldesas de Abegondo, Bergondo, Carral, Culleredo e Oleiros, municipios da contorna da Coruña cuxos veciños utilizan habitualmente estes accesos para desprazarse ao hospital. O obxectivo foi informar sobre o corte, coordinar a difusión das medidas e manter unha comunicación fluída para minimizar o impacto da obra. Ademais, o Goberno galego porá en marcha unha campaña informativa intensiva, que incluirá comunicación periódica aos medios, información sobre incidencias e avances das obras e unha acción específica dirixida ao persoal do CHUAC e aos centros de saúde da área sanitaria, coordinada pola Xerencia do hospital.

DEMOLICIÓN DO VIADUTO E NOVA ESTRUTURA

O corte de tráfico é necesario para realizar a demolición do viaduto sobre a AC-012, unha actuación imprescindible para executar a nova estrutura de acceso á vía. O proxecto contempla a construción dunha glorieta de 44 metros de diámetro exterior, que formará parte do futuro anel perimetral da cidade. Durante este período desaparecerá temporalmente o acceso ao hospital a través do chamado “scalextric”, mentres que o resto de accesos permanecerán operativos.

ALTERNATIVAS DE TRÁFICO

A Xunta habilitará diferentes itinerarios alternativos en función da procedencia dos vehículos. Para os vehículos que accedan desde fóra da cidade, tanto desde a glorieta da Ponte da Pasaxe como desde a AP-9, o desvío sinalizado será pola avenida de Alfonso Molina, tomando a saída cara ao Porto e continuando pola glorieta de Matogrande ata a glorieta de Casabranca. No caso dos vehículos procedentes da zona de Carballo e Arteixo, o itinerario manterase polo percorrido habitual pasando por Matogrande, o túnel de Eirís e a glorieta de Casabranca.

DESVÍOS DESDE O INTERIOR DA CIDADE

Para os accesos desde o interior da Coruña, se se procede da glorieta da Casa do Mar, o tráfico será desviado pola estrada do Porto ata a glorieta de Casabranca. Tamén se habilitará o paso polas vías de servizo da avenida da Pasaxe ata a glorieta dos Castros, xa que o túnel permanecerá cortado, e desde aí continuar cara a Casabranca. Outra alternativa será circular pola avenida de Monelos, a rúa Javier López López e a avenida de Lamadosa.

ACCESOS DURANTE A RECONSTRUCIÓN

Unha vez demolido o viaduto e levantado o corte de tráfico na avenida da Pasaxe, durante a fase de reconstrución o acceso ao CHUAC desde a glorieta da Ponte da Pasaxe realizarase a través da glorieta de Casabranca. Para a saída do hospital manterase o itinerario cara á Ponte da Pasaxe. Ademais, coa obra de mellora dos accesos habilitouse un novo viario de saída desde o CHUAC polo Parque de Eirís cara á AC-10, que conecta coa glorieta de Casabranca e facilita a conexión co interior da cidade. Non obstante, seguirán dispoñibles outras rutas alternativas a través da avenida de Monelos, a rúa Javier López López e a avenida de Lamadosa.

Os docentes do Programa de Lecer convocan unha reunión cos usuarios

0

Uns 70 docentes e uns 6.000 usuari@s seguen esperando pola reanudación dos cursos culturais do Programa de Lecer do Fórum e do Ágora. Poucas novidades hai despois de 2 meses e medio de parálise, pero o grupo de educadores queren compartir impresións cos usuarios.

Para iso, convocan un encontro aberto sobre “a situación actual do Programa de Lecer”, que se desenvolverá no Hall do Fórum Metropolitano este mércores 18 de marzo, mércores, de 12.00 a 14.00 horas. Un encontro para compartir das “escasas novas” e para reclamar coxuntamente ao Concello e ao IMCE que arrinque o Programa de Lecer.

Podedes repasar como están as últimas novas aquí:

Os educadores do Programa Lecer consideran unha “falta de respecto” a falta da empresa e do Concello na primeira conciliación

 

O Concello camufla a renuncia ao Mundial cun proxecto de remodelación da cidade deportiva de Riazor

Chegou o día. Pasaron un ano e tres meses dende que A Coruña foi designada oficialmente como sede do Mundial 2030. Pero hoxe, luns 16 de marzo de 2026, o Concello da Coruña asumiu publicamente a renuncia a un fito histórico para a cidade.

Nunha rolda de prensa conxunta (con previa filtración á prensa para xa ir facendo camiño), a alcaldesa Inés Rey e o presidente do RC Deportivo, despois de meses de confrontacións, uniron forzas para intentar ofrecer o seu relato de entendemento. Un relato no que unha nova (pero non a prevista para o mundial) reforma do estadio de Riazor intenta agochar a decisión que ninguén quería recoñecer: A Coruña non será sede do Mundial 2030.

Ante unha marea de medios, a alcaldesa acodía arroupada por todo o equipo de goberno e mesmo polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso;  mentres que o presidente do RC Deportivo e de Abanca, Juan Carlos Escotet facíao con Michelle Escotet e Massimo Benassi. Ambas comitivas enfrontadas no salón de plenos municipal, co grupo socialista na súa habitual posición e a dirección do RC Deportivo na bancada popular, unidas polos medios de comunicación.

Arrincou a alcaldesa cun discurso no que expiicou a renuncia nunha “toma decisións pensando no longo prazo”. “Un evento como o Mundial implica importantes esixencias organizativas e de investimento, en infraestruturas deportivas, mobilidade, alonxamento, seguridade e servizos. Por responsabilidade e con serenidade cremos que era o mellor renunciar a un evento que ía durar uns días”. “Queríamos ser sede do mundial pero non a calquera prezo”.

Rapidamente selou a renuncia coa nova que realmente viñeron a anunciar. “Alcanzamos un acordo co RCDeportivo para mellorar toda a cidade deportiva de Riazor, estadio e pavillón e todas as instalacións deportivas, e para iso ademais contamos co apoio da Deputación”, sinalou abrindo unha “nova etapa de colaboración entre Concello e RC Deportivo”.

O segundo en falar foi o presidente da Deputación, apuntando unicamente que “Riazor é un continente de ilusións para toda a provincia”.

De seguido, Juan Carlos Escotet, deu conta da formalización do acordo de colaboración entre ambas entidades. Obviando os anos que levan enfrontados, asegurando que “a entidade que presido actúa dende hai 120 anos como activo estratéxico na cidade”, apelando á “estabildiade institucional”, e asegurando que “as liñas entre Concello e Deportivo teñen que ir na mesma dirección”, asegurou que “o complexo deportivo de Riazor é un proxecto que iniciamos que pretende evolucionar o estadio e o seu entorno para integralo na vida diaria da cidade, un espazo que xere valor os 365 días do ano”.

Antecedentes e responsabilidades

Pasaron 14 meses dende a última vez que a alcaldesa falou do Mundial, e polo medio a prometida Comisión de Especial apenas tivo tempo para constituirse

Aínda a semana pasada o Concelleiro de Cultura saía pedindo “tranquilidade”, ao tempo que deixaba caer que hai outros proxectos importantes para a cidade…

Abanca conseguíu que os focos se sitúen sobre o goberno municipal, e a cidadanía dubida se esta decisión é froito da incompetencia municipal ou dos intereses da banca. A quen lle bota a culpa o coruñesismo e o deportivismo desta derrota común?

O club, clave na decisión

A rexedora púxose á disposición dos xornalistas ao remate da rolda de prensa conxunta e deixou claro o papel do club na renuncia ao Mundial, como contamos aquí:

Inés Rey: “Houbo que elixir, e nós escollemos o benestar do club e unha etapa de entendemento mutuo”

A Posición da Oposición

E así é posición de PP e BNG ante a decisión:

As críticas de PP e BNG trala renuncia do Concello a ser sede do Mundial 2030

Outras novas do Mundial 2030

U-lo Mundial? “Tranquilidade”

Inés Rey asegura que a cidade non periga “en absoluto” como sede do Mundial 2030

A Coruña, designada oficialmente como sede do Mundial 2030

Falece un operario tras caer do tellado do IES Agra do Orzán na Coruña

0

Un operario faleceu este luns na Coruña tras caer dun tellado no que traballaba no IES Agra do Orzán. Segundo informou o 112, o traballador atopábase na cuberta do instituto, situado na Rúa Alcalde Liaño Flores, cando caeu desde varios metros de altura por causas que se investigan.

O que se coñece ata o momento, segundo as mesmas fontes, é que o traballador estaba a realizar tarefas de limpeza no tellado cando se derrubou a superficie na que se atopaba apoiado, o que provocou a caída. Polo se trata dun novo accidente laboral.

SOBRE O SEIS DA TARDE

Foi o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o que alertou ao 112 Galicia minutos antes das 18:00 horas. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que tamén colaboraron axentes da Policía Nacional. Unha vez no lugar, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do traballador.

PERSOAL DE EDUCACIÓN TRASLÁDASE Ao CENTRO

Pola súa banda, fontes do Goberno autonómico trasladaron que o home falecido non traballaba nunha obra executada pola Consellería, polo que por agora non dispón de máis información. O operario era unha persoa que o centro contrataba habitualmente para pequenas tarefas de mantemento.

Así mesmo, confirmou que persoal da Consellería desprázase ao centro para “apoiar no que sexa necesario”.

Finalmente, a Xunta trasladou as súas condolencias á familia do traballador falecido e á comunidade educativa do instituto.

As críticas da Xunta, PP e BNG trala renuncia do Concello a ser sede do Mundial 2030

  • Francisco Jorquera (BNG): “A alcaldesa apresurouse a pór a camiseta de Naranjito, ero non suou a camisa”
  • Miguel Lorenzo (PP): “Hoxe é un día triste para a Coruña. Inés Rey fixo un ridículo mundial”.

— — — —

Despois de que a alcaldesa anunciase a renuncia da cidade a ser Sede do Mundial 2030 baixo o paraugas do RC Deportivo e a futura reforma do “complexo deportivo de Riazor, os dous grupos da oposición lanzan as súas opinións, así como o presidente da Xunta.

Rueda: “é unha mala nova”

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta.. XUNTA
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta.. XUNTA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que “non é unha boa noticia” que A Coruña renunciase a acoller partidos do Mundial de fútbol de 2030 porque Galicia “perde a posibilidade de ser unha sede que xa estaba confirmada”. O titular do Goberno galego apuntou que a el lle “gustaría que houbese esa posibilidade” e destacou que a Xunta “está disposta a colaborar” a pesar de que “a sede da Coruña xa non vai se é posible”.

En todo caso, subliñou que a Xunta mantén “unha colaboración xeral” para mellorar infraestruturas deportivas, pero “non é un compromiso expreso para nada en concreto”. “A disposición da Xunta era para ser sede do Mundial, non para outra cousa neste momento”, aseverou.

O BNG

Máis moderado foi o BNG, cun Francisco Jorquera que considera que renuncia do Goberno Local ao mundial 2030 “é o desenlace lóxico” a un asunto “mal xestionado” desde o principio polo Executivo coruñés.
“Estamos ante a crónica dunha morte anunciada. A alcaldesa deixou para o final o que tiña que ter sido o principio deste proxecto: o acordo co Deportivo, o principal usuario do estadio”, avalía Jorquera.
Por usar unha imaxe gráfica, engade, “a alcaldesa apresurouse a pór a camiseta de Naranjito [a mascota do mundial 82], pero non suou a camisa para dotar da suficiente solvencia o proxecto da Coruña como sede do mundial 2030”.

“O Goberno Local pecou dunha mestura de triunfalismo e de falta de realismo. Alén diso, en ningún momento practicou a necesaria transparencia, nin coa sociedade nin coa Corporación municipal. Ese foi o maior atranco para o proxecto. Así, durante todo o proceso descoñecemos aspectos básicos tales como as vías de financiación, a identidade dun hipotético operador privado e os beneficios que este obtería da explotación dun estadio que é propiedade de todas as coruñesas e coruñeses”, afirma o portavoz nacionalista.

Con todo, tamén lanzou un cable á decisión. “Dixemos desde o principio que mundial si, pero non así ou que mundial si, pero non a calquera prezo. Dixemos desde o principio que non era de recibo ir a un estadio de 48 mil espectadores cando as instalacións deportivas municipais, fundamentais para o deporte de base que practican miles de coruñesas e coruñeses, se atopan nunha situación de precariedade”, engade.
Ademais, o BNG celebra que se retome agora o diálogo co Deportivo, se ben subliña que “o entendemento debeu chegar moito antes”.

O PP

Máis duro é Miguel Lorenzo: “Hoxe é un día moi triste para A Coruña. Inés Rey fixo un ridículo mundial”, sentencia o voceiro do PP, que acusou á rexedora, de “mentir e enganar aos coruñeses sobre o Mundial: o seu gran proxecto de cidade converteuse no seu gran fracaso”. “Como pode dicir hoxe sen avergoñarse que o Mundial é só un asunto de tres días, cando hai uns meses presumiu de que era o proxecto do seu mandato?”, denunciou.

”Xerounos a máxima ilusión e agora lévanos á máxima decepción”. “Dixémolo sempre, a cidade foi elixida como sede porque ten todos os vimbios, pero que con esta Alcaldesa non ía ser realidade porque o seu goberno non está á altura deste proxecto. Unha vez máis demostrou a súa incapacidade para levar a cabo os proxectos de cidade”. “Como pode dicir hoxe sen roxarse que esperaba que a FIFA relaxase as esixencias, cando, ademais, o proxecto de 100 M? que presentou no seu momento cumpría todas as condicións?”

Máis novas

O Concello camufla a renuncia ao Mundial cun proxecto de remodelación da cidade deportiva de Riazor

Inés Rey: “Houbo que elixir, e nós escollemos o benestar do club e unha etapa de entendemento mutuo”

Inés Rey: “Houbo que elixir, e nós escollemos o benestar do club e unha etapa de entendemento mutuo”

Trala escueta rolda de prensa na que Concello, RC Deportivo e Deputación anunciaban a renuncia ao Mundial 2030 e avanzaban o novo acordo de colaboración para remodelar a cidade deportiva de Riazor, a alcaldesa Inés Rey púxose á disposición dos numerosos xornalistas.

Na rolda de preguntas, a rexedora foi explicando a decisión. “Houbo que elixir, e nós escollemos o benestar do club, e unha etapa de entendemento mutuo”, sinalou deixando patente o rexeitamento da dirección do RC Deportivo. Falou da “inflexibilidade da FIFA” para coas zonas VIP, co aforo, cos aparcamentos… evidenciando que esas “inflexibilidades serían contrarias aos intereses do club”. “Había unha serie de esixencias por parte da FIFA, máis alá do aforo, que fixeron o proxecto inviable, sobre todo pensando no club”, reiterou, facendo fincapé no “importante momento para a cidade ao volver a termos consenso entre Concello e club”. “Non queríamos hipotecar á cidade e ao club por un evento de 3-4 días”.

Cidade Deportiva por concretar

As primeiras preguntas roldaron sobre se había datas sobre o “novo complexo deportivo de Riazor que vai estar adaptado ás nosas necesidades”, e sufragado polas tres institucións, Concello, RC Deportivo e Deputación. Con todo, deixou claro que non hai detalles todavía do proxecto sobre datas, aforo, impacto da reforma, e avanzou que realizarán un “proxecto de modernización da cidade deportiva de Riazor, para o que faremos unha comisión de coordinación entre o Club e o Concello que iremos contando paso a paso”.

Vaise utilizar o estadio para grandes eventos culturais/concertos? “Falouse de usar o complexo de Riazor 365 días ao ano para actividades cidadás. Iremos definindo os usos do complexo en xeral, non só do estadio”, deixou aberta a rexedora.

Unha dura decisión

Ines Rey ante os periodistas
Inés Rey ante os periodistas

Unha vez que o Concello xa informou á FIFA da súa decisión, Rey recoñeceu que “non foi fácil tomar a decisión. Non é agradable, pero ás veces é mellor ter os pés na terra, e para o Mundial as contas eran maiores que os pros”.

”Pero gobernar é tomar decisións pensando no ben común e no do club”, repetiu ás preguntas, sen límite, dos xornalistas “Optamos por unha decisión sensata e tomamos unha decisión que suporá unha enorme ilusión para a cidade.

Sobre a candidatura de Vigo “non vou falar”, sinalou a rexedora ás preguntas.

Máis novas

As críticas de PP e BNG trala renuncia do Concello a ser sede do Mundial 2030

O Concello camufla a renuncia ao Mundial cun proxecto de remodelación da cidade deportiva de Riazor

CIG denuncia “deterioración” e “abandono” en centros educativos da Coruña e convoca unha concentración este mércores

A CIG-Ensino denunciou unha situación de “deterioración estrutural” e “abandono” en centros educativos da Coruña por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e convocou para este mércores, día 18 de marzo, unha concentración fronte á Dirección Territorial da Consellería de Educación na cidade herculina.

Así o trasladou o sindicato nun comunicado, no que instaron á Xunta a dedicar “de maneira inmediata” o orzamento “necesario” para solucionar as “deficiencias estruturais máis urxentes” que “afectan á seguridade e saúde”, así como a que “sexa transparente co calendario de obras pendentes”.

“Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta reivindicación. É necesario un incremento dos orzamentos para o mantemento de edificios que superan, en moitos casos, os 40 anos de antigüidade”, engadiron, denunciando, entre outras cousas, pingueiras, instalacións eléctricas “obsoletas, deficientes e perigosas”, sistemas de calefacción “anticuados” ou “falta de illamento térmico”.

“Faise aínda máis vergoñosa a resposta da Administración, que non só mostra a súa desidia, senón que por encima transmite, por boca do propio conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que se trata dunha situación de ‘normalidade'”, lamentaron, á vez que apuntaron a Rodríguez criticando unha educación que “dista moito de ser de calidade, como tanto lle gusta presumir”.

Tres acusados por estafar a unha persoa con discapacidade intelectual son xulgados na Coruña

Dous homes e unha muller, de nacionalidade romanesa, están a ser xulgados na Audiencia Provincial da Coruña como acusados de formar parte dunha trama na que, prevaléndose da situación dunha vítima con limitacións na súa capacidade intelectiva, solicitábanlle diñeiro simulando padecer enfermidades graves ou necesidades. Durante a vista, os tres recoñeceron pedir cantidades monetarias, pero negaron rotundamente formar parte dunha banda organizada.

DECLARACIÓNS DOS ACUSADOS E DA VÍTIMA

“Recoñezo que lle dixen que estaba enferma e que necesitaba o diñeiro pero nunca mo deu”, expuxo a procesada durante o xuízo. A muller explicou que pedía esmola diante de igrexas da cidade e que foi nese contexto onde coñeceu á vítima, quen lle daba pequenas cantidades en varias ocasións. Cuestionada sobre a presunta trama de extorsión, insistiu na súa inocencia: “Eu nunca me puxen de acordo con ninguén”.

Outro dos procesados relatou que lle pedía axuda á vítima a modo de préstamo “para comprar unha casa”. A preguntas da súa letrada, este acusado recoñeceu estar “arrepentido de aproveitarse da condición de discapacidade” do prexudicado e manifestou a súa intención de “reparar o dano” causado. O terceiro procesado, pola súa banda, indicou que recibiu pequenas contías cando pedía esmola na porta dunha igrexa, concretando entregas de dous, 50 e 250 euros.

Pola súa parte, a presunta vítima compareceu na vista declarando que “esas persoas hai moito tempo pedíronme axuda monetaria”. Con todo, a testemuña manifestou non lembrar os motivos concretos debido ao paso dos anos. “Se eu axudeilles é porque mereceran a miña atención”, sinalou.

OS FEITOS E A PETICIÓN DA FISCALÍA

Segundo consta no escrito do Ministerio Público, os feitos producíronse entre 2014 e 2016. Os acusados alegaban que precisaban fondos para curar enfermidades, tratamentos médicos ou operacións, así como para o pagamento de alugueres ou adquisicións de inmobles en Romanía. A Fiscalía estima que a vítima puido ser estafada por cantidades de entre 90.000 e 300.000 euros, chegando un dos implicados a facerse pasar por avogado nalgunha ocasión. Por estes mesmos feitos, un cuarto home, de nacionalidade española, foi condenado en sentenza firme no ano 2020 tras chegar a un acordo de conformidade.

Na actualidade, a Fiscalía e a acusación particular consideran os feitos constitutivos dun delito de estafa e piden para cada un dos tres procesados unha pena de seis anos de cárcere. En contraposición, as defensas solicitan a libre absolución alegando que “non existen probas suficientes de cargo que a incriminen nunha rede de estafa romanesa”.