Inicio Blog Páxina 73

O Concello asegura que os cursos culturais do Programa de Lecer volverán en abril

Mantivo esta mañá o colectivo de docentes dos cursos Culturais do Programa de Lecer do Fórum e do Ágora unha reunión cos usuarios. Unha nova xornada de protesta, que servía para compartir inquedanzas tras 3 meses sen os cursos.

Unha das voceiras do colectivo Beatriz Álvarez relatou os últimos acontecementos e a falta de novas que levan sufrido nos últimos meses, e comprobou o apoio e a necesidade que teñen os usuarios de rescatar uns que levan 18 anos desenvolvéndose no Ágora e no Fórum, ata o punto de que comezaron a autoorganizarse formando comisións para terse informados os uns aos outros, e mesmo para colleitar sinatutas dun comunicado no que piden unha reunión coa alcaldesa e esixir unha solución urxente ao asunto, que levarán o vindeiro luns 23 ao Concello.

Con todo, non puideron compartir a gran nova que deixa o día de hoxe, porque se enteiraron pola prensa (polo Xornal) que o Concello enviaba unha nota de prensa ás 15:00h, anunciando restablecerá en abril o programa de Lecer de Primavera.

Imaxe da reunión desta mañá de usuarios e docentes do Programa de Lecer no Ágora
Imaxe da reunión desta mañá de usuarios e docentes do Programa de Lecer no Ágora

A nova tramitación

Angel Iglesias de UXT con Gonzalo Castro e Laura Seoane
Ángel Iglesias de UXT con Gonzalo Castro e Laura Seoane

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e a directora do IMCE, Laura Seoane trasladaban a Ángel Iglesias, secretario comarcal de UXT (a pesar de que o enlace sindical dos docentes é da CIG), os avances na tramitación.

Deste xeito, aseguran que a próxima semana aprobaranse os pregos da licitación do programa de ocio, ao mesmo tempo que se está a tramitar un contrato ponte mentres dure a licitación do novo programa. Este contrato ponte permitirá que se retomen as sesións do programa Lecer o próximo mes de abril. O obxectivo do Goberno municipal é que as clases deste programa sociocultural se retomen o antes posibles, garantindo as condicións laborais de todas as persoas traballadora.

Os docentes lamentan que non lles que consultaran sequera sobre os novos plegos, a pesar de terse aprobado en pleno, e esperan que isto non volva caer no saco das promesas incumpridas.

As débedas

Segundo o Concello, a día de hoxe só quedan cinco persoas profesoras (os docentes aseguran que son 8) do programa, adxudicado ata esta edición á empresa Serviplús, pendentes de percibir a súa débeda por motivos alleos ao Concello.

Máis novas

Delegados da CIG-Ensino e ANPAs mobilízanse na Coruña para denunciar o “abandono” das instalacións educativas

Un centenar de delegados e delegadas de CIG-Ensino, xunto con representantes de ANPAs da provincia da Coruña, mobilizáronse este mércores ante a Dirección Territorial da Xunta na cidade herculina. O colectivo denuncia o “abandono” por parte da Consellería de Educación ante o que cualifican como unha “deterioración estrutural” dos centros educativos públicos.

“Este ano hai moitísimos con instalacións totalmente deterioradas, con obras que non comezan e con promesas incumpridas”, manifestou a secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arrojo. A dirixente sindical recalcou que se trata dunha situación, tanto para o profesorado como para o alumnado, “completamente inadecuada para traballar e para recibir a educación de calidade que merecen”, apuntando ademais que estas circunstancias se poden estender ao resto do país.

Segundo explicou Arrojo, a organización presentou na xunta de persoal unha relación de todos os centros da provincia con necesidades específicas. “A única resposta que dan desde a Consellería é que entra dentro da normalidade da deterioración habitual dos centros educativos e das obras que se están levando a cabo”, lamentou. Ante isto, a secretaria nacional foi tallante: “Isto non se pode tachar de normalidade, hai que facer unha revisión de todos os centros educativos e ter control de como están as obras”.

Concentracion das ANPAS e CIG

Durante a protesta, os asistentes portaron pancartas con lemas como “Ensino público galego de calidade” ou “Unha escola segura e digna”. Entre as proclamas coreadas destacaron consignas como “Menos propaganda e máis reformas nas nosas escolas”, “Cheas de pingueiras, aulas enteiras” ou “Reformas reais non parches temporais”, reflectindo o malestar pola falta de mantemento.

No horizonte de futuras mobilizacións, Laura Arroxo lembrou que hai convocada unha folga de profesorado para o vindeiro 8 de abril e novas accións para o 6 de maio. “Está chamada toda a comunidade educativa para pedir unha mellora no ensino de calidade”, sinalou, para reiterar finalmente que “un ensino público de calidade precisa tamén unhas instalacións de calidade”.

A ANPA do CEIP Prácticas a Paula Prado: “Isto só acaba de comezar”

Facu Díaz, Ignatius Farray, Laura Márquez, David Perdomo, Jöns Pappila ou A Escola de Impro, novidades do EMHU 2026

0

Acolleu o pazo de María Pita a presentación esta mañá da 6ª edición do Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará do 23 de abril ao 3 de maio na Coruña. Case unha vintena de espectáculos, dos cales 4 serán estreas absolutas, protagonizan un cartel aderezado cun feixe de actividades paralelas, entre as que se atopan conversas abertas ao público, a gravación dun podcast, un curso de clown, unha proxección de cinema ou mesmo unha exposición de fotografía.

O director do EMHU, Luis Piedrahita, estivo acompañado pola alcaldesa Inés Rey, o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, a responsable de gastronomía e proximidade de Hijos de Rivera, Cristina Canosa, e a actriz coruñesa Bárbara Grandío, que estreará no EMHU o seu novo espectáculo.

4 galas propias

Entre os novos espectáculos presentados esta mañá está unha das catro galas de produción propia que o EMHU ofrecerá este ano. Ademais das xa anunciadas ‘Humoris Causa’, ‘Chisteria Colectiva’ e ‘Fantastic Colofon’, o evento recupera ‘Animus Iocandi’, que nesta ocasión terá lugar ao mediodía do sábado 25 (12.30 horas) e contará cunha tríade de grandes comediantes: Ignatius Farray, Laura Márquez e David Perdomo.
O peche da programación troncal do EMHU chega co esperado anuncio da presentación na cidade do novo show de Facu Díaz, titulado ‘Esto no es culpa de nadie’, na noite do sábado 25 (21.00 horas).

As entradas para as dúas citas están á venda desde hoxe, ás 11.00 horas, en www.emhu.es e www.ataquilla.com, ao igual que as novas funcións de shows que están a piques de esgotar localidades, como é o caso de ‘Corta el cable rojo’, ‘Pintando a mona xuntos’ ou ‘Yunez Chaib en directo’. Entre os espectáculos que xa penduraron o cartel de ‘sold out’ está ‘Estirando el Chicle. El show de Mentira y Traición’, e outros van polo mesmo
camiño: ‘Humoris Causa’, ‘Fantastic Colofon’ e ‘Chisteria Colectiva’.

Programación paralela con conversas e podcast

A actriz Malena Alterio, o ilustrador Riki Blanco, o humorista Xavi Puig, a debuxante Candela Sierra, o guionista Dani Fontecha, ou o creador de contido dixital Alfonso Cocituber serán parte da programación paralela do EMHU 2026, que este ano suma de novo unha proxección de cinema (‘Sujétame el cubata’) e posterior coloquio con JJ Vaquero nos Cantones Cines, que se suma como sede do evento.

O escritor e codirector de El Mundo Today, Xavi Puig, a debuxante e Premio Nacional de Cómic 2025, Candela Sierra, a actriz de dobraxe e cantante Nikki García; o ilustrador Riki Blanco; a produtora e directora artística Ximena Feijoo Merklen; e o humorista e mago Luis Piedrahita comparten un grupo de Whatsapp. No EMHU abrirán as súas conversas ao mundo nunha cita que terá lugar no Teatro Colón o 1 de maio ás 12.30 horas.

No mesmo recinto, na mañá do domingo 3 de maio (12.30 horas) celebrarase o segundo destes faladoiros, titulado ‘Mi media comedia’, e que contará con dúas das mulleres máis relevantes da nosa comedia no eido audiovisual: Eva Hache (quen participará na gala ‘Fantastic Colofon’ de peche do evento) entrevistará en directo, con público, a outro dos grandes nomes do humor a nivel estatal das últimas décadas: Malena Alterio.

Alén do formato conversa do momento e máis pensada para pendurar e compartir co mundo será a sesión especial que se gravará de ‘Torreznos Podcast’, (2 de maio, 12.30 horas en Afundación) co cómico e guionista de El Hormiguero Dani Fontecha e cun dos creadores de contido máis relevantes do país, Alfonso Ortega, ‘Cocituber’.

A impro

Neste 2026 a improvisación ocupará un lugar destacado no EMHU. Se ben o evento arrancará o xoves 23 cunha dobre función no Teatro Colón de ‘Corta el cable rojo’, a improvisación volverá ocupar un lugar estrela na programación do evento ao día seguinte.

Un ano máis, a Escola de Impro da Coruña dirixida por Osvaldo Digón e Víctor Grande, asistirá á súa cita co público, mais nesta ocasión mudarán a sesión vermú do sábado por unha velada nocturna: o encontro humorístico-deportivo que máis sorrisos arranca cada ano na cidade celebrarase o venres 24 de abril ás 21.00 horas en Afundación.

Coma sempre a entrada será gratuíta (poderase facer unha achega de alimentos non perecedoiros a través da colaboración co programa Cultura x Alimentos de Afundación).

Outras actividades

Entre as novidades das actividades paralelas vinculadas á improvisación, atópase a primeira formación impartida polo EMHU, que virá da man do clown Jöns Pappila, formado nas prestixiosas escolas de Jacques Lecoq e Philippe Gaulier, e asistente de lendas coma Carlo Colombaioni, Leo Bassi e Jango Edwards. Trátase dun obradoiro intensivo e totalmente práctico deseñado para explorar o sentido do ridículo, perder o medo á exposición e transformar esa vertixe nunha gran ferramenta para a comedia ou a oratoria.

Ao longo de tres xornadas -de catro horas diarias de pura práctica a través do xogo-, un máximo de 20 persoas maiores de idade (sexan do mundo da interpretación ou simplemente persoas interesadas en adquirir soltura ao falar en público, con ou sen experiencia previa) aprenderán a abrazar o erro. As inscricións poderanse realizar desde hoxe mesmo a través da páxina web do evento, www.emhu.es.

Exposición para todos os públicos ‘Comedy Wildlife’

Neste 2026 o EMHU e Afundación, Obra Social ABANCA amplían a súa colaboración. A sede da entidade, ademais de acoller diversas funcións do evento, contará do 31 de marzo e até o 12 de setembro coa exposición de fotografía ‘Comedy Wildlife’, unha proposta para toda a familia que conecta o humor co reino animal.

Programación infantil

Alén da posibilidade da expo, unha das apostas que o EMHU consolida neste 2026 é a programación dirixida ao público infantil, que terá lugar na primeira fin de semana de maio. Logo de sorprender ás máis pequenas da casa no 2025 con ‘El show de la Fantasy House’, neste 2026 propón máis malabares e acrobacias con ‘Piensa en Wilbur’ (2 de maio, Teatro Colón) e unha dobre función, a ceo aberto, de ‘El velocípedo mágico’.
Esta actividade paralela dirixida e interpretada por Billy Bluff levarase a cabo o venres 1 de maio en horario de mañá (12.30 horas) e tarde (18.30 horas) na Praza de María Pita.

 

Máis novas

O EMHU, para todos os públicos e idades

Inés Rey sobre a reforma de Riazor: “Imos paso a paso construíndo relación de confianza” co Dépor

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, incidiu nas verdadeiras razóns que puideron ter provocado a renuncia ao Mundial: o RC Deportivo. Era patente que a mala relación que mantiña o Concello co Club foi un problema nos últimos anos. A loita entre ambas entidades por ver quen manda no recinto municipal, provocou numerosos encontros, comunicados públicos con acusacións mutuas…

Un divorcio que só a renuncia ao Mundial podía solucionar, porque a dirección do club non estaba disposta a ampliar ata os 48.000 espectadores a súa casa “alugada”.

Así, dous días despois de anunciar que a Coruña non será sede do Mundial 2030 e de anunciar o acordo coa dirección do club para realizar unha ampliación non só do estadio, senón da “cidade deportiva de Riazor”, segue sen haber datos do proxecto.

Á preguntas da prensa, esta mañá Rey emprazou a ir “paso a paso” para construír “unha relación de confianza” co Real Club Deportivo da Coruña, do que é accionista maioritario Abanca.

Sobre as críticas que isto xerou no PP e as súas demandas, asegurou que os populares “viven do titular, da crítica destrutiva permanente, da calumnia e de pouco máis”.
“O día que teñan algo que achegar á cidade, algo que queiran facer encantada pero é máis do mesmo cero proxecto, cero ilusión e cero interese pola cidade”, engadiu.

Máis novas

Inés Rey asegura que a cidade non periga “en absoluto” como sede do Mundial 2030

Diego Calvo pide ao Concello da Coruña explicacións “pormenorizadas” tras a renuncia ao Mundial

“O Mundial era o proxecto estrela de Inés Rey e o que hai é un proxecto estrelado”

O Concello camufla a renuncia ao Mundial cun proxecto de remodelación da cidade deportiva de Riazor

“Breogán”, a primeira gaita virtual creada na Coruña

0
Primeiro foi “Carmucha”, o plugin que de maneira libre, accesible e de balde achegaba a calquera persoa o son de instrumentos como a pandeireta, o tamboril ou o pandeiro para a creación de novos ritmos. Agora, o creador coruñés Carlos Lijó lanza “Breogán VSTi”, a ferramenta musical virtual que permite tocar a gaita e outros instrumentos tradicionais galegos directamente desde un computador. O seu empeño, achegar os sons da música tradicional galega ao mundo dixital e, coma con “Carmucha”, en aberto e de balde.
“Breogán” permite recrear de maneira dixital o son de varios instrumentos de vento como a gaita, o pito, a requinta e o asubío de forma dixital e está pensado para ser usado tanto en composición como en produción musical.
Que mellor que o 21 de marzo, data na que se conmemora o Día Europeo da Música Antiga, para lanzar ao mundo “Breogán VSTi”. Xunto con “Carmucha VSTi”, presentada o pasado xullo, pon ao dispor de músicos, produtores ou creadores audiovisuais a posibilidade de incorporar sons destes instrumentos tradicionais galegos nas súas composicións, sen necesidade de dispoñer dos instrumentos físicos nin de realizar gravacións complexas.
Para a gravación das mostras contouse coa colaboración do músico de música tradicional Nicolás Salgado Biempica, encargado de interpretar os instrumentos durante as sesións de gravación, co obxectivo de capturar o son con naturalidade e respecto pola tradición interpretativa.
Pór en valor o patrimonio musical galego
Breogán VSTi” foi deseñado pensando tanto en músicos tradicionais como en produtores modernos”, explica Carlos Lijó. O instrumento, engade, “inclúe diferentes articulacións, control de dinámica e varios paneis de configuración que permiten modificar parámetros como ecualización, reverb, vibrato ou envolvente, facilitando adaptar os sons a diferentes estilos musicais”. Como con “Carmucha”, “este proxecto tamén busca poñer en valor o patrimonio musical galego, demostrando que os instrumentos tradicionais poden convivir perfectamente coas tecnoloxías actuais e formar parte da creación musical contemporánea”, explica Lijó.
Breogán VSTi” estará ao dispor do público de forma libre, accesible e de balde, permitindo que calquera persoa poida explorar e utilizar o son da música tradicional galega nas súas propias creacións. O plugin poderá descargarse a partir do sábado en:https://lijasvirtualsampler.com/breogan-vsti e en https://youtu.be/gwVp4LNd2KQ

Máis novas

Xa dispoñible a pandereita virtual Carmucha VST

Diego Calvo pide ao Concello da Coruña explicacións “pormenorizadas” tras a renuncia ao Mundial

Tralas críticas do voceiro do PP local, Miguel Lorenzo, hoxe foi o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, instou ao Concello da Coruña a dar “explicacións pormenorizadas” sobre o motivo da renuncia da cidade herculina a ser sede da Copa do Mundo que celebrarán conxuntamente España, Marrocos e Portugal en 2030.

“Durante dous anos díxosenos por parte do Concello que tiña toda a candidatura perfectamente pechada e que había varios fondos de investimento dispostos a pór a parte privada para poder levar a cabo esas obras”, expuxo a preguntas dos xornalistas sobre este asunto tras recibir ao campión do Rally Dakar en categoría Missión 1000 de motos eléctricas, Fran Gómez Pallas, na Coruña.

“Non existía ningún fondo, non existía ese financiamento, durante estes dous anos a única administración que se comprometeu para achegar financiamento en caso de ser sede foi a Xunta”.

“O resto de administracións non se comprometeron, espero que se dean explicacións”, insistiu. Ao fío diso, incidiu en que “durante dous anos mantívose unha candidatura e que había uns fondos que ían investir nese estadio — o de Riazor — e agora non están eses fondos”.

En relación á proposta de Vigo para ser sede, indicou que a Administración autonómica apoiará “as candidaturas galegas”. “A día de hoxe non está, é un procedemento que lle corresponde á FIFA, se é designada como sede estaremos aí”, apostilou.

Máis novas

Inés Rey asegura que a cidade non periga “en absoluto” como sede do Mundial 2030

“O Mundial era o proxecto estrela de Inés Rey e o que hai é un proxecto estrelado”

Inés Rey aposta por traer máis voos a Galicia pero sen “competir” entre cidades galegas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, considerou un “avance” que a Xunta se comprometa a impulsar a creación dun fondo económico de promoción turística destinada a captar novas rutas nos tres aeroportos galegos, en colaobración con Aena, os concellos e as deputacións tras unha nova reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria celebrada o martes.

Hai que avanzar en coordinación aeroportuaria en Galicia para mellorar a conectividad aérea, non perder pasaxeiros e aproveitar os tres aeroportos que temos”, recalcou tras esta reunión da que resaltou que “por primeira vez” a Xunta “comprométese a facer un esforzo económico”. “Imos ver como se concreta ese apoio e ese esforzo para ser máis competitivos”, sentenciou para incidir en que valora que a Xunta “entenda que hai tres aeroportos e que hai que ser competitivos, non competir entre nós”.

Neste sentido, insistiu en que deben analizar “as potencialidades de cada un”. “Cales son os mellores destinos de cada aeroporto e cales son as demandas turísticas”, aseverou para reiterar que hai que ser competitivos e “non competir” entre os tres aeroportos de Galicia. A rexedora sinalou, por outra banda, que a área de Turismo do consistorio traballa “para conseguir máis rutas” mentres que apuntou que medidas como a taxa turística “non só non disuade, senón que aumentamos en turistas”, facendo referencia aos datos dun mes como o de xaneiro.

O CHUAC convértese en epicentro internacional da doazón de órganos en asistolia

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) acolle desde este mércores a novena edición do International Advanced Training Course on Donation after Circulatory Death (DCD). Trátase dun programa formativo internacional de alto nivel organizado pola DTI Foundation que sitúa a Galicia como referente na formación especializada en transplantes.

O curso reúne a algúns dos principais expertos mundiais en doazón en asistolia, perfusión rexional normotérmica e preservación ex situ de órganos. Segundo destacou a organización, o programa combina a formación teórica en liña con adestramento práctico en laboratorio experimental, abordando tanto a doazón en asistolia controlada como a non controlada. A dirección académica corre a cargo da DTI Foundation, mentres que a fase presencial desenvólvese no Centro Tecnolóxico de Formación do CHUAC, grazas á súa infraestrutura de vangarda.

BOLSAS PEPE BUITRÓN

Como novidade nesta edición, o curso incorpora as Bolsas Pepe Buitrón, impulsadas en homenaxe a un dos cofundadores da fundación e figura clave para o desenvolvemento dos transplantes na comunidade. Estas axudas, que contan co apoio da Fundación María José Jove, facilitan o acceso de profesionais sanitarios a esta formación altamente técnica.

Nesta primeira convocatoria foron seleccionados o doutor Sandro Kiladze, director do Departamento de Transplantes do Hospital Infantil Iashvili (Xeorxia), e Gade Ngom, supervisor do Servizo de Nefroloxía e Hemodiálise do Centro Hospitalario Rexional de Thiès (Senegal). Ambos profesionais poderán especializarse en técnicas complexas de preservación de órganos para levar estes coñecementos aos seus países de orixe.

“O Mundial era o proxecto estrela de Inés Rey e o que hai é un proxecto estrelado”

Pouco eco un día despois da renuncia do Concello da Coruña ao Mundial 2030. Apenas as reaccións de BNG e PP afondaron no cambio de rumbo do goberno socialista arredor do que ía ser lema de campaña e acabou sendo un fracaso.

É o voceiro do PP, Miguel Lorenzo, o único que quere facer fincapé no cambio de discurso da rexedora. “O Mundial era o proxecto estrela de Inés Rey e o que hai é un proxecto estrelado como o seu mandato e o seu goberno”, denunciou. “Inés Rey xa coñecía as condicións da FIFA cando presentou a candidatura. É incrible que onte diga que tomou a decisión tras analizar as esixencias da FIFA”.

Miguel Lorenzo en rolda de prensa esta mañá
Miguel Lorenzo en rolda de prensa esta mañá

O grupo popular anunciou que vén de pedir un Pleno extraordinario “para que Inés Rey pida perdón aos coruñeses polas súas mentiras sobre o Mundial, que non nos tome por idiotas”. “Unha Alcaldesa que non é capaz de arranxar unha fochanca como vai ser capaz de sacar adiante un proxecto como o do Mundial”, denuncia.

Va mais alá Lorenzo, “Dixo hai uns días que non era idiota, pois que non nos tome por idiotas aos demais porque nos mentiu e enganou, todo era unha farsa. Non había nada, nin proxecto nin financiamento nin inversores.”

“Dixen en 2024 que lle pediría desculpas se había Mundial, pero quen ten que pedir perdón non a min, senón aos coruñeses é Inés Rey por mentirnos e enganarnos. Dixo a Alcaldesa hai uns días que non era idiota, pois que non nos tome por idiotas aos demais.

As críticas de SUMAR

Pola súa banda, o Movemento Sumar Coruña critica o cambio de rumbo do goberno municipal tras a caída da candidatura ao Mundial 2030 e reclama transparencia sobre as condicións económicas do novo proxecto anunciado para Riazor.

Durante meses, o executivo local asegurou que A Coruña sería sede do Mundial e presentou o proxecto como unha oportunidade estratéxica para a cidade, vinculada á reforma de Riazor e a investimentos “pensados para décadas”.

Porén, tras semanas de silencio, o goberno municipal confirmou que A Coruña queda fóra do Mundial e presentou un novo proxecto, tamén “pensado para décadas”, desta vez
coa participación do maior financiador privado de Galicia.

En todo caso, Movemento Sumar Coruña advirte de que a cidadanía segue sen coñecer aspectos fundamentais do proceso: “nin o custo que ía supoñer o Mundial, nin os compromisos económicos que se estaban a asumir, nin as condicións do novo acordo anunciado”.

“En resumo, o que estamos vendo é a substitución dun proxecto por outro sen explicacións claras, coa entrada do maior financiador privado. O debate xa non é o Mundial, é quen decide en A Coruña e en beneficio de quen.” Pechou Palacios.

Máis novas

O Concello camufla a renuncia ao Mundial cun proxecto de remodelación da cidade deportiva de Riazor

As críticas da Xunta, PP e BNG trala renuncia do Concello a ser sede do Mundial 2030

Inés Rey: “Houbo que elixir, e nós escollemos o benestar do club e unha etapa de entendemento mutuo”

Detido en Cambre con oito quilos de haxix e marihuana

0

A Garda Civil de Cambre detivo a un home, de 43 anos, como presunto autor dun delito contra a saúde pública, na súa modalidade de tráfico de drogas, tras a desarticulación dun punto activo de venda e distribución de sustancias estupefacientes que operaba na Barcala e Cambre.

Segundo explicou o Instituto Armado, a operación ‘Dietur’ comezou despois de que os axentes monitorizasen durante varios meses os movementos do agora detido. Durante ese tempo constataron unha actividade ilícita continuada vinculada á distribución de sustancias prohibidas. Tras obter os indicios necesarios e a autorización xudicial pertinente, os axentes procederon á fase de explotación do operativo.

Desta forma, procederon a rexistrar unha vivenda situada na zona da Barcala e un baixo comercial situado no centro urbano de Cambre. Durante os mesmos, os axentes interviñeron 4.834,92 gramos de haxix (valorados en 9.121,77 euros); 3.016,39 gramos de marihuana (valorados en 6.134,61 euros); 4.686 euros en moeda fraccionada; así como equipos electrónicos, diversa documentación de interese para a causa e útiles destinados á pesada, corte, preparado e posterior distribución das sustancias. Ao detido impútalle un presunto delito contra a saúde pública e a operación continúa aberta e non se descartan novas actuacións.