“Despois de longos anos de dolorosa espera, durante os cales outras comarcas da Nación, non máis merecedoras, pero si moito máis afortunadas que a nosa, se viron cruzadas de camiños de ferro, A Coruña, e con ela Galicia enteira, contemplan convertido en realidade o tan anhelado ideal das súas fermosas aspiracións (…) os trens que nos han de traer a perfección agrícola, o desenvolvemento fabril e comercial, o florecemento artístico e literario, ao par do das ciencias, os progresos de todos, nunha palabra, facendo entrar a esta gran rexión, tan digna de próspera sorte polas súas virtudes domésticas e civicas, no concerto dos pobos máis cultos do mundo civilizado.” Programa de festas do Excmo. Concello da Coruña para a inauguración do ferrocarril, 14 de agosto de 1883.
Pero esta historia xa comezara moito máis atrás, na época na que ata a nosa cidade aínda chegaban os viaxeiros na dilixencia da Ferrocarrilana. En 1857 Isabel II inaugura as obras do ferrocarril no lugar da Ponte da Gaiteira. Esa estrutura que está a nomear toda a zona pódese apreciar á esquerda da fotografía, salvando o Río de Monelos que actualmente discorre baixo a rúa co mesmo nome. Na intersección desa rúa con Alcalde Marchesi atopábase esta ponte que marcaba o límite entre o termo municipal da Coruña e o antigo Concello de Oza. Ambos municipios rematarán fusionándose en 1912, pero nese intre a prosperidade da Coruña pasaba por unhas obras en terreos do veciño Concello de Oza. Era preciso colaborar polo ben común.
Non sería tan doado, pois unha serie de contratempos fixeron que durante varios anos o proxecto permanecese parado. As obras saíron a subasta dúas veces, sen adxudicarse. Respirábase desilusión e inquietude entre a xente, pero todo iso estaba a piques de cambiar. O 19 de setembro de 1864 a xente agolpouse durande horas nas rúas inmediatas á estación telegráfica, agardando noticias de Madrid. Esperaban con medo que a subasta das obras que debían unir Coruña e Ponferrada quedase deserta por terceira vez. Tensión no ambiente ata que ás 3 e cuarto un cubo de foguetes lanzados dende a azotea do Goberno Provincial dan a ansiada noticia da adxudicación das obras do ferrocarril.
A partires deste intre, comezaron uns festexos improvisados que se extenderon durante tres días por toda a cidade, quedando rexistrados na publicación “Galicia, Revista Universal de este Reino”. Bombas e foguetes eran lanzados ó ar sen descanso. Saíron do Concello os xigantóns para percorrer as rúas, precedidos por música de gaitas e tamboriles. Ó mesmo tempo, os alguacís e os maceiros do Concello, a cabalo, pregonaban a noticia polas rúas atestadas de xente, acompañados pola banda de música do reximento de Infantería. A banda tocaba, entre outras pezas, a muiñeira do ferrocarril, recentemente composta polo artista coruñés Canuto Berea. Os edificios de toda a cidade, igual que moitos barcos no porto, fóronse adornando con farois, creando unha estampa nocturna inesquecible, con infinidade de luces de distintos tipos que iluminaban as rúas, o porto e ata o ceo cos estalidos dos foguetes de cores reflectíndose na auga. Polas rúas pasaba unha carroza simbolizando o tren e o progreso, mentres a xente bailaba muiñeiras e outras danzas. Repique de campás, globos aerostáticos, cucañas e ata unha regata fixeron que toda a cidadanía festexase con grande entusiasmo o que ía ser o verdadeiro inicio das obras que comunicarían a cidade co resto do país. Os festexos remataron de golpe cando o día 21, ás once da noite, unha especie de diluvio repentino fixo retirar á xente ás súas casas.
Pero o entusiasmo inicial foise enfriando ó longo de varios anos de decepcións e desenganos entre enredos de orzamentos e concesións a empresas privadas, prazos de subvencións, falla de recursos, demoras, impagos a traballadores, cambios nos proxectos de algúns tramos, protestas da opinión pública, cartas ó ministro de Fomento, distintas prórrogas para finalizar os traballos… E deste xeito chegamos ó momento da fotografía. En 1880 non están rematados os edificios da terminal e fallan aínda tres anos para que Alfonso XII a inaugure oficialmente, pero a Estación do Norte xa era unha realidade. Estaba algo afastada do centro da cidade porque no seu deseño foron prioritarios os motivos económicos e de utilidade, coma por exemplo a cercanía a un peirao de ferro situado na Palloza ou a situación dalgunhas industrias, coma a Tabacaleira.
O seu final chegaría en xaneiro de 1964, consumida por un incendio. A actual estación de autobuses ocupa o lugar da vella terminal e nos terreos que vemos na imaxe ubícanse hoxe en día a praza da Cubela, o Corte Inglés, o Centro Comercial Catro Camiños e o Parque Europa. Na instantánea non son máis ca leiras, edificios a medio construir e vías de tren. O fotógrafo non está tentando captar a beleza do entorno, máis ben está facendo que todo ese conxunto de elementos luzan precisamente pola forma de retratalos.
Mendía acada un plano picado que aporta unha enorme profundidade á imaxe. Nunha época na que a fotografía estaba nos seus inicios, este artista domina con solvencia e de forma intuitiva unhas regras de composición que hoxe en día están moi estudadas e sistematizadas en infinidade de publicacións sobre fotografía. Por exemplo, os puntos de interese da imaxe aparecen perfectamente ordeados segundo a regra dos tercios, acadando unha imaxe moi equilibrada. Pero tamén está a xogar coas liñas ó enfocar de forma simétrica as vías, creando así un punto de fuga distante que atrapa a mirada. Ollemos cara onde ollemos, de forma inconsciente voltaremos a percorrer cos ollos as potentes liñas que forman os raís e mailos vagóns, que nos levan case ata o infinito, coma metáfora do futuro dunha Coruña que xa non ve límites nas súas posibilidades e que agarda con ilusión a chegada do ferrocarril e as novas oportunidades. Con esta fotografía da estación en obras, Valentín Mendía retrata as esperanzas de toda unha cidade.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.
OLLADAS DOUTRO TEMPO
- San Amaro (1920).
- “Orzán, oleaxe”.
- Campo da Derruba.
- Avda. Da Mariña (1858). A foto máis antiga da Coruña.
- Camiño de Garás.
- SANTO DOMINGO DENDE CORTADURÍA.
- CASA GÓTICA
- San Andrés con Santa Catalina.
- Porta do Parrote.
- San Francisco e A Maestranza.
- Cantón Grande.
- Praza de Mina. 1906.
- San Andrés. Avrillón.
- Praia do Parrote e Cárcere Real.
- Mercado do Peixe. San Agustín.
- Santa Catalina.
- Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán.
- Fábrica de Tabacos.
- Banco Pastor.
- Mercado da Guarda.
- Panorámicas e vidros.
- O Xardín de San Carlos.
- Pazo Municipal.
- Campo do Carballo e Camiño Novo.
- O Campo da Estrada e o Aviador.
- Lavadoiro do Orzán.
- Porta dos Sares.
- Torre de Hércules (I)
- Peixeiras no muro.
- Torre de Hércules (II).
- Porta da Torre de Abaixo.
- Torre de Hércules (III)
- O Corralón da Gaiteira.
- Santa Cristina.
- Santa Lucía.
- A Ferrocarrilana.
- Praza de Ourense.