Inicio Blog Páxina 453

Concello, Xunta e Estado impulsarán unha comisión para a reordenación urbanística dos peiraos

Concello da Coruña, Xunta, Ministerio de Transportes, Portos do Estado, Adif e a Autoridade Portuaria coruñesa subscribiron este mércores, nun acto institucional no Palacio Municipal de María Pita, o protocolo para a reordenación urbanística dos peiraos interiores, co compromiso de “cooperación” entre as administracións. Tamén co de mantemento da titularidade pública de espazos portuarios e a creación dunha comisión, presidida pola alcaldesa, Inés Rey, e designada polo consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña, para a proposta de medidas e o seguimento das actuacións.

Así se manifestou ao termo dunha reunión interadministrativa con presenza, entre outros, ademais da propia rexedora, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; do secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sustentable, José Antonio Santano; o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez; o máximo responsable de Adif, Ángel Contreras; e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado.

Sobre o asinado, denominado ‘Coruña Marítima’, a alcaldesa manifestou que é “un proxecto de futuro” para a cidade e para Galicia cun protocolo que abre “unha nova etapa de cooperación interadministrativa para a transformación e reordenación urbanística dos espazos portuarios interiores”, dixo sobre os que quedan liberados polo traslado de actividade a Punta Langosteira.

NOVO MARCO XURÍDICO

Agora, sinalou, será necesario definir “un novo marco xurídico consensuado” traballando “no mantemento da titularidade pública dos espazos para garantir a accesibilidade cidadá; favorecer a integración porto-cidade e resolver o déficit de espazos e dotacións públicas”, resumiu. A rexedora avanzou que se creará unha comisión integrada por todas as administracións asinantes e os partidos con representación no concello (PSOE, PP e BNG) de cara a trasladar as propostas nas que se avanzará a partir de agora.

“Un acordo entre administracións distintas con cores políticas diferentes”, expuxo o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sustentable, José Antonio Santano, que cualificou de “estratéxica” a decisión adoptada no seu momento de construír o porto exterior (tras a catástrofe do ‘Prestige‘). “É un comezo para que o porto siga sendo un motor económico, ofreza oportunidades para vivir e gozar, lecer tamén en clave residencial”, sinalou sobre o subscrito.

Na mesma liña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que, como o anterior, resaltou a aposta no seu momento polo porto de Punta Langosteira, incidiu en que agora haberá que traballar para “concretar” que facer cos espazos que quedan liberados. “O porto ten que funcionar de maneira diferente e seguir construíndo cidade” para o que apelou a dar “pasos firmes” sen caer en formulacións “demagóxicas”. En similares termos, pronunciáronse o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez, quen instou a converter Langosteira na “punta de lanza na transicion enerxética” ou o de Adif, Ángel Contreras, quen remarcou as actuacións en marcha para a conexión ferroviaria do porto exterior.

San Diego e DÉBEDA DO PORTO

Todo iso nun acto sen alusións a unha posible condonación da débeda contraída pola Autoridade Portuaria pola execución do porto exterior. Só o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, que remarcou o acordo entre todas as institucións para avanzar nun tema “estratéxico”, fixo referencia ao “compromiso moral” coa situación financeira do porto herculino.

“Hai 20 anos dixéronnos endebédate e botarémoste unha man”, sinalou ao reclamar a necesidade de “apoio” por parte das administracións implicadas de cara a desenvolver na nova fase “un marco financeiro sustentable para todos”. No acto, estiveron presentes outras autoridades como o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e Isabel Pardo de Vera, directora do Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050.

Así, queda aberta a posibilidades de privatización da zona portuaria de San Diego, a máis grande, para poder paliar esa débeda.

A oposición

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e o seu homólogo do PP, Miguel Lorenzo, cualificaron de “positivo” a firma dun protocolo entre as administracións implicadas para o deseño da fachada marítima coruñesa. Pola súa banda, a Marea Atlántica cualificouno de “decepcionante”.

Nun comunicado, Jorquera, presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, advirte, no entanto, que “simplemente marca un comezo”. “Está todo aínda por facer”, sentenza. Tamén afirma que é positivo “que se parta da idea de que os peiraos manterán a titularidade pública”, mentres reclama a condonación da débeda do porto e non unha “reestruturación”.

“O importantes é a imaxe que damos hoxe e que esta imaxe continúe, a de colaboración de todas as administracións para sacar o futuro do porto adiante”, sinalou, pola súa banda, Miguel Lorenzo, sobre a firma entre o Concello da Coruña, Xunta, Ministerio de Transportes, Portos do Estado, Adif e Autoridade Portuaria da Coruña.

“O futuro — engade– pasa por tres principios básicos claros para todos: os terreos do porto van ser sempre de uso público, hai que renovar os convenios de 2004 superados pola realidade actual e hai que buscar unha solución para a débeda”.

Mentres, a Marea Atlántica cualifícao de “decepcionante” xa que entende que se romperon “consensos” alcanzados na súa etapa á fronte do goberno municipal. “O protocolo abre a porta á privatización da maior parte do bordo litoral para pagar a débeda derivada da construción de Punta Langosteira”.

“As administracións levantáronse da mesa sen asumir compromisos económicos”, sentenza para incidir en que o protocolo “limita a titularidade pública aos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, mentres abre a porta á privatización no resto de ámbitos, singularmente San Diego”.

A plataforma ‘Nostián con futuro’ cesa as súas reunións co Concello da Coruña por “falta de transparencia”

A Plataforma pola reciclaxe “Nostián con futuro” vén de anunciar que cesa as súas xuntanzas co Concello da Coruña tras ter realizado varias reunións durante os últimos meses.

A Plataforma que se constituíu en oposición ao quinto contedor de residuos e que está composta por diversas organizacións veciñais, ecoloxistas e sindicais, tivo diversas reunións coa concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, e a súa equipa técnica dende principios deste 2024. Estas reunións procuraban crear sinerxias de colaboración entre as dúas entidades.

Porén, despois de moita espera, de 4 reunións en 5 meses, a entidade rompe relacións co Concello ao non ter feito a administración ningunha achega de documentación á plataforma e polas súas reiteradas contradicións nas súas comunicacións.
Así llo transmitiu á Concellería de Medio Ambiente na última xuntanza celebrada o pasado venres, 10 de maio, sinalando que non volverá a reunirse mentres non con se concrete cal é o seu plan para a planta de Nostián.

Xornadas formativas

No marco destas xuntanzas téñense dado algúns avances, como o acordo de non aumentar o número de contedores nas rúas, ou a participación da propia concelleira nas Xornadas sobre residuos “Nostián con Futuro” que organizou a Plataforma. Nestes encontros participaron tamén outras entidades como o Adjuntament de Barcelona, ou a Fundació ENT, e nelas analizáronse diversos modelos de xestión integral de residuos, ademais de facerse propostas concretas para a planta de Nostián.

Plataforma “Nostián con Futuro”

A Plataforma “Nostián con Futuro” é un colectivo que está constituído actualmente polas seguintes entidades: Asociación ecoloxista ADEGA, Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán, Asociación de vecinos Atochas, Monte Alto y Torre de Hércules, Asociación de veciños Oza Gaiteira Os Castros, Asociación de Vecinos Os Rexumeiros – Castro de Elviña, Asociación de Vecinos Los Rosales, Asociación de Vecinos Monte Martelo, Asociación Vecinos Orzán-Pescadería, Confederación Intersindical Galega, Asociación Vecinal para el Desarrollo Económico y Social – Elviña 2 Fases, Asociación de Vecinos Novo Centro de Matogrande, Asociación Francisco Rodríguez Otero de Labañou-San Roque e Cidade Escolar e Comisión Aberta en Defensa do Común.

Persoal da Axencia Tributaria mobilízase na Coruña pedindo melloras salariais e laborais

Persoal da Axencia Tributaria concentrouse este mércores ante a delegación de Galicia, na Coruña, en demanda de melloras laborais e salariais.

A protesta forma parte do calendario de mobilizacións acordado polas centrais sindicais en resposta ao bloqueo, sosteñen, da negociación colectiva para o desenvolvemento da carreira profesional, o novo convenio para o persoal laboral, o teletraballo e unha repartición xusta de produtividade.

A concentración tivo lugar no marco dunha xornada de mobilizacións en varias comunidades autónomas. Ademais, as organizacións sindicais máis representativas da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) rexistraron este mércores no Congreso unha carta.

Foi para pedir aos grupos parlamentarios a repobración do presidente do organismo e secretario de Estado de Facenda, Jesús Gascón, pola “grave situación” que atravesa a Axencia Tributaria.

UGT, SIAT, CSIF, CCOO e CIG, que representan a máis do 80% da Mesa Xeral da Axencia Tributaria, foron as organizacións que presentaron o escrito. Entre outras cuestións, reclaman un novo convenio colectivo.

Delegados da CIG en banca mobilízanse na Coruña demandando melloras laborais

Delegados e delegadas da CIG no sector da banca mobilizáronse na Coruña en demanda de melloras laborais e un “incremento salarial xusto”.

Na súa protesta, denunciaron que a patronal “pretende liquidar o convenio sen garantir a recuperación dos salarios nun momento de beneficios milmillonarios”.

Con lemas como “non é un convenio, é un atraco”, delegadas e delegados da CIG no sector da banca concentráronse este mércores diante das oficinas do Banco Sabadell, Banco Santander e BBVA, nos Cantóns da Coruña.

A responsable do sector da CIG-Banca, Rosa María Conde, explicou que a última proposta da patronal consiste nun incremento salarial do 10% a repartir en tres anos (2024-2025-2026), que cualificou de “escaso” por non incluír unha cláusula de revisión referenciada no IPC, senón que propoñen unha cláusula a final de vixencia topada no 2%.

“Pero se o IPC queda por encima do 2% seguiremos perdendo salario, cando nos últimos anos xa temos acumulada unha perda de poder adquisitivo brutal”, advertiu. Conde denunciou que con esta oferta non se recuperan os salarios perdidos “nin tampouco se garante a futuro o mantemento do poder adquisitivo”.

Traballadores de FerroGlobe mobilízanse en Arteixo polo bloqueo da negociación colectiva

Traballadores de FerroGlobe concentráronse ante a fábrica de Sabón, en Arteixo (A Coruña), no marco dunha xornada de mobilizacións en distintos centros por, segundo informaron CIG e UGT, “o bloqueo da negociación colectiva e para reclamar melloras salariais”.

A protesta desenvolveuse coincidindo co cambio de quenda e de maneira simultánea nos distintos centros de traballo do grupo empresarial, excepto na mina de Serrabal, onde o persoal fixo a protesta na xornada do martes.

Esta é a primeira mobilización que se convoca “ante a parálise na negociación do acordo marco e dos convenios colectivos de cada centro de traballo”.

A xornada de protestas incluíron asembleas informativas de persoal e concentracións na entrada e saídas de quendas de mañá e tarde.

O porto da Coruña recibiu case 75.000 viaxeiros de cruceiros no comezo de 2024

0

O porto da Coruña recibiu un total de 74.263 pasaxeiros de cruceiros no primeiro cuadrimestre do ano, o que supón un incremento do 68% respecto ao mesmo período do 2023, segundo os datos publicados por Portos do Estado este mércores.

Este aumento contrasta coa caída do 41,2% que sofre o porto de Vigo entre xaneiro e abril, que queda en só 20.190 cruceristas, uns 14.000 menos que un ano antes.

Estes son os dous principais portos de cruceiros en Galicia, pero a autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao computou 3.163 pasaxeiros, un 38,6% máis na comparativa interanual do primeiro cuadrimestre.

En cambio, Vilagarcía de Arousa, que nese período recibira 783 pasaxeiros en 2023, agora queda con ningún visitante.

CAEN AS MERCADORÍAS

No tocante aos tráficos de mercadorías no seis portos de titularidade estatal en Galicia (que se corresponden con cinco autoridades portuarias), hai unha baixada do 6,5% entre xaneiro e abril de 2024 fronte a eses meses de 2023. O total queda en 10,3 millóns de toneladas.

A maior caída relativa sófrena as mercadorías de Ferrol-San Cibrao, cun 28,7% menos, ao que seguen os descensos de Vilagarcía (-5,4%) e A Coruña (-2,1%), que é o de maior volume (4,9 millóns de toneladas). En cambio, repuntan Marín (18,8%) e Vigo (15,1%).

A Marea, o novo temazo branquiazul en clave urbana de Willow GHZ

0

Falabamos hai unha semana con SkyJ, artista, produtor e compositor coruñés de músicas urbanas. E precisamente hoxe lanza dende o seu selo Aaldea un temazo en clave branquiazul.

“A Marea”, o novo single de Willow GHZ, pretende ser un himno oficioso para o Deportivo da Coruña motivado polo amor do autor ás súas cores. A pesar de ser de As Neves, unha pequena adela do sur de Pontevedra, Darío Burgos, como se chama Willoe GHZ, quere lanzar este cántico épico.

Nace así outro tema deportivista, este en galego, como o Hei Levántante de QFB, e non como os máis apoiados polo club: “Forza Dépor” de Habló Pablo ou o “Nos van a ver volver” de Coego.

Con este “A Marea”, gravado en plena previa e celebración do día do ascenso, a escena urbana galega segue forxándose, desta volta, a cabalo do deportivismo.

Máis novas

“Queremos ir creando unha rede da escena rur-urbana galega”

Os Rosales acolleu a gravación do videoclip do novo tema deportivista “Nos van a ver volver”

Pincha: A hostalería coruñesa xa ten referente

0

Acollía onte o restaurante Siccilia in Boca a singular festa sen glute que artellou a Revista Pincha co gallo do seu 7º aniversario. Case un centenar de persoas achegouse para celebrar a publicación do nº50 desta revista centrada na gastronomía, na hostalería e na cultura do país, escrita integramente en galego (é compañeira na Asociación de Medios en Galego).

Nada en Santiago, a revista saca dende novembro de 2022 un exemplar, en papel, ao mes, alternando unha edición coruñesa e unha compostelá. Un espazo onde a gastronomía e a hostalería da nosa cidade cobra auténtico protagonismo, con entrevistas, reportaxes… contidos moi coidados da man da súa directora Rebeca Munín, e fermosas fotos de Iván Barreiro.

Rebeca Munin no aniversario de Pincha

Alguns exemplares da revista Pincha

O evento foi organizado xunto co estudo creativo de comunicación Lenzo, un evento no que se serviron petiscos cen por cen aptos para persoas celíacas. ‘Porque sen glute tamén hai festa’ foi o lema desta foliada na que colaboraron a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), o restaurante Sicilia in Bocca, a tenda sen glute La de Rosi, Cinzano e Aperol.

“Cremos que é importante que a hostalaría se comprometa con ser un sector cada vez máis inclusivo, no que se teñan en conta todas as sensibilidades. Na maior parte dos eventos, as persoas celíacas ou ben non poden comer nada ou, con sorte, teñen un prato á parte. Incluso moitas veces nin se atreven a probalos porque non poden estar seguros de se son verdadeiramente sen glute. Desta vez, quixemos facer algo para elas. Un evento no que demostremos que sen glute, tamén hai festa”, sinalou a directora da publicación, Rebeca Munín. A xornalista amosou o seu agradecemento a todas as persoas que traballan na revista, así como aos anunciantes e lectores e lectoras, que fan posible que o proxecto siga adiante.

A revista en papel distribúese de xeito gratuíto en bares, restaurantes, centros socioculturais e outros puntos de interese das dúas localidades. Podedes botar un ollo na marea de lugares onde podedes atopar un exemplar da Revista Pincha na Coruña.

A AELG fía o novo roteiro “A Coruña de Luisa Villalta”

0

Xa temos percorrido no marco do Roteiro dos Medios en Galego, parte da historia de Luisa Villalta na nosa cidade. A AELG Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega vai profundizar no Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: os sotos baixo a pel de cemento, guiado por Inma Otero Varela que terá lugar o sábado 25 de maio, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña.

Otero é unha autora do país que exercerá de guía facendo posible que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. A partir do poemario En concreto e da novela Teoría de xogos pódese trazar un mapa social e mítico da Coruña oculta, a que se sitúa do lado que perde, malia a ser a trabe da cidade. Luísa Villalta reivindica as marxes, tamén as urbanas, na encrucillada que abeira o novo milenio. Formigón, leiras, ríos soterrados e vento vixiado polo ollo do faro balizan todos os espazos.

As persoas interesadas poden inscribirse no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes, dándose a coñecer ás persoas anotadas o punto de saída.

Máis novas

 

Papagaio, o barrio da prostitución de Monte Alto que inmortalizou Luisa Villalta

 

 

Chega á Coruña, 14 anos despois, o prometido AVE

Con 14 anos de retraso (si, as primeiras promesas aseguraban que a infraestrurura ía estar dispoñible en 2010…) chegou o primeiro AVE á estación de San Cristóbal. Aqueles anos de parón do goberno popular da galega Ana Pastor, ou os eternos retrasos nas obras do último lustro, fan que a poboación mire de esguello esta histórica estrea.

Xa que mentres os gobernos nos afirman que debería ser unha gran nova para o país, en Galicia seguimos solicitando infraestruturas de conexión interna, e parece surrealista que sexa máis rápido ir en tren de Coruña a Madrid, que da capital de Galicia, Santiago, a unha capital de provincia como Lugo.

Primeiros retrasos

Tralo simulacro do pasado venres 17 de maio, fletado por unha completa comitiva política, hoxe, martes 21 de maio de 2024 saía de Madrid Atocha o primeiro AVE destino a Coruña, que por fin evitaba ter que facer o trasbordo en Ourense, para poder chegar á capital de España en pouco máis de 3 horas e 30 minutos.

Tamén se estreaba o tren AVE Avril Vigo-Madrid, e facíao case en clave humorística, pois sufría antes chegar a Ourense unha incidencia no suministro eléctrico, que provocaba que os 500 pasaxeiros sufrisen máis de 2 horas de retraso na súa viaxe cara Madrid…

Asi e o tren AVE por dentro
Así é o AVE por dentro

Democratización?

Pero hai moitas outras cousas que revisar neste servizo de transporte público. O AVE S106 tarda 3h33’, pero é que segundo os datos da propia Renfe, a liña completa de AVE apenas adianta 4 minutos con respecto ao Avant que fai trasbordo en Ourense para cambiarse ao AVE, que aínda será a opción máis avitual.

Ademais, polo de agora só unha conexión completa en tren AVE ao día, só de luns a venres, e chegando ás 23:30h a Madrid (non sabemos moi ben para que serve o servizo). De Madrid a Coruña sae ás 14:40, chegando sobre as 18:15 á estación herculina.

Outro dato son os prezos. Ademais das ofertas para as primeiras semanas (hai algún día a partir de 29€ a ida), os prezos comezan a partir de 67 euros.

A democratización do servizo de transporte ferroviario debería ser unha prioridade.