Inicio Blog Páxina 521

O BNG pide a convocatoria urxente do Consello Escolar

0

Comezos do mes de decembro e o Goberno Local aínda non ten convocado o Consello Escolar Municipal. Así o denuncia o BNG, que lembra que a concelleira nacionalista Mercedes Queixas rexistrou un rogo oral para a súa lectura no Pleno ordinario deste mes, a se realizar o xoves 14 de decembro.

“Cómpre que se convoque unha reunión do Consello Escolar Municipal, un órgano participativo de toda a comunidade educativa da cidade, para avaliarmos o estado en que se achan os centros de ensino públicos na Coruña”, remarca Queixas.

Aproveita o BNG para lembrar os problemas que veñen manifestado varios centros, provocados polos recortes da Xunta como a eliminación de prazas de especialistas de educación especial, como por exemplo no CEIP María Barbeito ou no IES Ramón Menéndez Pidal.

Tamén sinala como “notarias” a falta de mantemento das infraestruturas, con varios colexios “cuxas edificacións son antigas e non dispoñen de espazos axeitados para o comedor escolar ou para práctica deportiva como é o caso do CEIP María Pita”.

O Consello Escolar Municipal, se for convocado, podería “avaliar a planificación das actuacións necesarias para a mellora da calidade do ensino público na Coruña” quer estas seren competencia do Concello quer da Consellaría de Educación.

Máis novas

ANPA Sardiñeira: “Por que teño que xestionar eu todo isto?”

ANPA RASA: “Os centros públicos están privatizados case durante media xornada lectiva”

A Coruña refuxia a discapacidade “baixo un mesmo paraugas”

0

Emocionante concentración a vivida este domingo 3 de decembro no Parrote co gallo do Día Mundial da Diversidade. No marco da oitava edición da iniciativa ‘Baixo o mesmo paraugas’ que se celebra na cidade, máis de 30 entidades encheron o Parrote para
celebrar a unión e a forza do colectivo de persoas con discapacidade.

Inclusión, diversidade, empatía, reivindicación da igualdade de dereitos e oportunidades, foron palabras que pasaron polo escenario, dende onde tamén houbo tempo para as numerosas reivindicacións aínda pendentes como a escolarización das e dos menores en centros públicos ordinarios, para a que se necesitan máis educadores e educacoras e persoal de apoio en todos os niveis educativos, desde a escola infantil á universidade ou a formación profesional; e o emprego, onde a taxa de paro do colectivo segue estando oito puntos por encima da media.

No acto, que estivo presentado por Fran Rei, ademais da rexedora Inés Rey, tamén interveu Ricardo Iglesias como representante das asociacións asinantes do manifesto, que foi lido por catro persoas con discapacidade. Tras a lectura, alzáronse os paraugas e soou a canción ‘Una marea de gente’.

LISTAXE DE ENTIDADES CORUÑESAS PARTICIPANTES

  • 1. ACEM
  • 2. ASPRONAGA
  • 3. PASCUAL VEIGA
  • 4. ASPABER
  • 5. ARTEFÍOS
  • 6. ASPAYM GALICIA
  • 7. FEAFES GALICIA
  • 8. ADACECO
  • 9. ASPANAES
  • 10. ASPADISOL
  • 11. GRUMICO
  • 12. ONCE
  • 13. ASPACE CORUÑA
  • 14. REDE DE FIBROMIALGIA
  • 15. PREDIF GALICIA
  • 16. APEM
  • 17. ASOCIACIÓN PARKINSON GALICIA-CORUÑA 18. ASPADEX
  • 19. FEGEREC
  • 20. AFACO
  • 21. DISMACOR
  • 22. PAI MENNI
  • 23. ASPESOR
  • 24. DOWN CORUÑA 25. ASPERGA
  • 26. FUNDACIÓN ADCOR 27. AIND
  • 28. ASEM
  • 29. XOGA
  • 30. ENKI
  • 31. ALOUMIÑOS
  • 32. FUNDACIÓN ASPACE CORUÑA 33. OCIO INCLUSIVO OLEIROS

Máis novas

Os Special Olympics Galicia de baloncesto, maxia deportiva en prol da diversidade

A alcaldesa da Coruña ve como “misóxino” o veto á súa intervención nun acto no Porto Exterior

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, denunciou o “veto” á súa intervención no acto de conmemoración da descarga de 20 millóns de toneladas de mercadorías no porto exterior de Punta Langosteira, con presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

“Soa un pouco misóxino”, dixo ao explicar que foi convidada á cita “para estar alí sentada e dar un premio”. “Non asistirei ao acto porque vetaron a miña intervención”, explicou a rexedora na rolda de prensa que ofreceu para presentar os actos de Nadal.

“É unha absoluta falta de respecto á cidade da Coruña, é un evidente acto de campaña electoral do Partido Popular no que parece que a miña presenza lles incomoda, moléstalles e, por tanto, vétana”, criticou.

“Fun vetada porque os organizadores, Xunta e o Partido Popular, decidiron que o porto exterior non é dos coruñeses e as coruñesas e de quen lexitimamente os representa, é dicir a alcaldesa, decidiron que o porto exterior é do PP e, por tanto, están a utilizalo como tal”. “Quero dicirlles que non todo vale en política e, o primeiro e fundamental, é o respecto institucional que eu sempre tiven co porto e coa Xunta de Galicia”.

“Cando vetan á alcaldesa non me están vetando a min como persoa, están a vetar á cidade da Coruña e comprenderán que iso nin o consinto nin o admito nin o acepto”, dixo, ademais de esixir que “se deixe ao porto fóra da campaña electoral”. “Os grandes temas de cidade négome a que sexan patrimonializados por ningún partido político, a que sexan utilizados politicamente como arma arreboladiza”, apostilou.

“NON SON A AZAFATA DO TELECUPÓN”

A alcaldesa aclarou que foi convidada o acto “para estar alí sentada e dar un premio”. “Eu non son a azafata do Telecupón, son a alcaldesa da Coruña”, criticou.

Respecto diso, preguntou se “farían o mesmo se no canto de Inés Rey fora Francisco Vázquez ou Carlos Negreira”, en alusión a exalcaldes da cidade herculina, “porque soa un pouquiño misóxino”. “Non vou ir máis aló porque entón ademais de serio pareceríame gravísimo”, recalcou.

“Utilizar ás institucións e as infraestruturas da cidade como escenario da súa campaña electoral non é unha boa idea”, concluíu tras cuestionarse que descoñece “a que ten medo o señor Rueda”, presidente da Xunta.

O PORTO REXEITA A ACUSACIÓNS

Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, recalcou, en declaracións aos xornalistas durante o evento, que a alcaldesa da Coruña “estaba convidada” a este encontro e aludiu ao “protocolo” para xustificar o “nivel de participación” das autoridades no mesmo.

“Temos total respecto pola alcaldesa da Coruña e pola entidade que representa”, afirmou tras lamentar a súa ausencia á cita. “Nun acto nun concello fala e ten protagonismo o alcalde ou alcaldesa dese concello, é simplemente o criterio que seguimos sempre”, argumentou tras insistir en que este encontro tivo lugar no Concello de Arteixo.

“Teremos ocasións de facer actos na Coruña e tamén terá ese protagonismo, esas palabras, a alcaldesa”, asegurou para destacar, ademais, que se trata “simplemente ter o mesmo trato e respecto institucional en ambos os sitios”.

Leilía despídese dos escenarios cun concerto especial no Teatro Colón

0

O Teatro Colón acolle un concerto moi especial o 7 de xaneiro ás 20.30 horas. O grupo Leilía, tras máis de 30 anos levando a música galega por todo o planeta, despídeses escenarios. O grupo de cantareiras actuará na cidade na súa xira de despedida dos escenarios ‘Anque me vou non me vou’.
As entradas para o seu recital estarán dispoñibles este martes, 5 de decembro, a partir das 11.00 horas en Ataquilla e no despacho de billetes do Teatro Colón e da praza de Ourense.

Leilía, formado no 1989 por Ana Rodríguez, Felisa Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Rosario Rodríguez e Patricia Segade, é un dos nomes máis recoñecidos no panorama do folk galego e un dos primeiros grupos de cantareiras en Galicia. No seu espectáculo de despedida mesturarán cancións novas, do seu último traballo, ‘Vidas Cantadas’, con outros clásicos do seu repertorio.

 

Idiákez salva o pescozo

  • Xornada 15 – Barca B – 1 Depor 2
  • Imanol Idiákez salva seu posto de adestrador grazas a unha vitoria no desconto dun partido que deixou ver o mellor Depor fóra da casa no que vai de tempada
  • Décimo quinto partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (5V 7E 3D).

— — —

E todo grazas a un partido serio do Depor co chisco de fortuna que lle faltou noutros encontros fóra da casa. Nesta ocasión, os homes de Idiákez deron a volta ao marcador por primeira vez na tempada, para sumar tres puntos que nos manteñen na zona de ninguén, lonxe de perigos pola parte de abaixo e lonxe, tamén, de aspiracións maiores.

O encontro comezou do mesmo xeito que outros fóra da casa: pouco perigo nas chegadas, sustos na defensa e pouco espírito loitador nos choques. Vamos, que se estaba a quedar unha bonita tarde para a destitución do míster. Pero, nestes xiros de guión aos que tanto nos ten acostumados o Dépor, sacou a garra e conseguiu empatar nun arresto de coraxe dun Villares que por fin amosa o nivel o que nos tiña afeitos.

A segunda parte foi o mellor do Depor fóra da casa da tempada, cos erros e ca falta de fluidez no xogo habituais, pero polo menos amosou que algo estaba en xogo e foi polo partido. Verticalidade na dianteira, chegadas con perigo e intentalo ata o final deron mostra de que algo lles importaba aos xogadores a cabeleira do bo de Imanol.

E tivo que ser Davo quen leve a gloria dos puntos e o que protagonice os vídeos da semana branquiazul. Xusto un dos xogadores máis criticados do equipo e o que peor rendemento está a dar. Cousas veredes. Algo de luz pódese ver neste túnel, atendendo a volta de Yeremay e Mella o bo nivel de Villares. Tres cousas máis que hai un mes non tiñamos e que nos permitirán respirar un pouco máis profundo.

Recuperar pezas, soltar lastre en decembro e incorporar novos xogadores, dirá se estamos preparados para pensar en cousas maiores. Non está o Dépor para moitas festas, pero, polo menos, os puntos e as vitorias dan confianza para non perder de vista un obxectivo máis ambicioso. Hai Idiákez ata o Nadal, polo que os xogadores dirán se queren que remate a tempada ou que esteamos en xaneiro coma estivemos esta semana pasada.   

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

Aberta a Casa dos Xoguetes para fomentar a economía circular por Nadal

0

Non hai outra época tan consumista como o Nadal. Para intentar calmar conciencias, para fomentar o consumo consciente e responsable e promover a economía circular, ponse en marcha a través da Oficinal Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), a campaña da Casa dos Xoguetes, un xeito de darlle unha nova vida a aqueles obxectos en bo estado que non teñen uso.

Abre hoxe, 2 de decembro, e ata o 5 de xaneiro, a oficina, situada no número 9 da praza Mestre Mateo, permitindo a aquelas persoas interesadas entregar xoguetes en bo estado de conservación. Os xoguetes que se recollan terán que cumprir coas normativas europeas para o seu uso e estarán destinados a nenos e nenas de ata 14 anos. Aceptaranse un máximo de 10 xoguetes entregados por usuario ou usuaria.

As persoas que queiran achegarse ata alí traer xoguetes que non utilicen recibirán cupóns que lles permitirán trocar os seus por outros que teñan expostos nese momento. Tamén poden facelo aquelas persoas que simplemente queiran facer unha doazón sen facer este intercambio; Entregaranse a persoas con poucos recursos. Os xoguetes poden ser de todo tipo (se inclúen libros, aínda que o ideal sería que fose material recreativo ou de xogo).

Os horarios de apertura da Casa dos Xoguetes serán os seguintes: de luns a venres das 10.00 ás 19.00 horas e sábados de 10.00 a 14.00 horas.

Actividades

Recollida en Oza

Tamén en Oza preparan unha collida de Nadal. O local da Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros (R\ Mercé, 56 Baixo, 981 298 122) está recollendo xoguetes ata o 20 de decembro. Os xoguetes teñen que estar en bo estado, limpos e completos. Todo o que recollan doranro a unha ONG aínda sen determinar.

 

Máis novas

Prendidas 3 millóns de luces do nadal coruñés

Prendidas 3 millóns de luces do nadal coruñés

0

Pablo, Etienne, Hugo e Lorena foron os encargados este ano de prender os máis de 3.350.000 puntos led (de baixo consumo), de toda Coruña. Foi no marco dunha ridícula gala celebrada no Obelisco, que se alongou e se alongou colmando a paciencia dos que pensaban que o acendido sería ás 18:30h.

Momento do encendido
Momento do encendido

Foi o mago Cayetano Lledó o que abríu a gala cun espectáculo moi navideño, sacando as risas dos máis pequenos cos trucos de maxia, e coa súa actuación clave clown, na que reinvidicou o papel dos persoeiros “invisibilizados” do Nadal, como o cervo Rudolf, O Grinch andaluz, ou o arxentino Rodolfo Langostino.

Lledó deu paso ao xornalista Pablo Portabales, como mestre de cerimonias, que xunto á alcaldesa fixeron o que puideron para aguantar a espera, cambiando de galego a castelán sen moito rigor, ata o acendido. A alcaldesa escolleu dous debuxos ao azar e os dous nenos agraciados foron os encargados de pulsar o botón que activou as luces de Nadal.


Este ano o Nadal coruñés conta con 3.350.000 puntos led de baixo consumo, repartidos en 534 arcos. Hai decorados nos diferentes barrios 198 farois, 53 árbores e un total de 222 rúas con iluminación. Ademais, A Coruña volve a contar coa árbore luminosa de 20 metros do Obelisco e coa bóla de 12 metros da Mariña. Este venres comezou a actividade tamén nas atraccións da praza de María Pita.

Concello da Coruña e Xunta apelan á fortaleza do audiovisual na XVII edición de ‘Ideas para Producir’

0

O Concello da Coruña e a Xunta apelaron á fortaleza do audiovisual galego na XVII edición de ‘Ideas para Producir’, un evento que contou coa participación dun centenar de profesionais.

A alcaldesa, Inés Rey, e o director dá Axencia Galega dás Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presidiron a clausura deste foro profesional dedicado á exposición de proxectos audiovisuais e co obxectivo de reunir a produtores, guionistas e directores. Houbo tamén a proxección de proxectos de cinema e televisión.

Rey remarcou, durante a súa intervención, que A Coruña é unha cidade “pioneira” no ámbito do sector audiovisual. “José Sellier foi pioneiro da cinematografía galega e o primeiro especialista español en traballar cunha cámara Lumière”.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega dás Industrias Culturais, Jacobo Sutil, remarcou o momento polo que pasa o audiovisual galego, tanto en recoñecementos artísticos como en datos de produción, ademais de felicitar á organización pola longa traxectoria desta iniciativa.

Miranda (BNG) afirma que o final das obras de dragado da ría do Burgo será cando se volva a mariscar

A eurodeputada do BNG Ana Miranda asegurou que o final das obras de dragado da ría do Burgo será cando se volva a mariscar, segundo expuxo nunha visita á zona xunto a representantes da Confraría.

Con motivo da mesma, asegurou qe a obra non termina só coas actuacións previstas, como a retirada dos lodos ou a resiembra de especies, “senón cando se estea producindo na ría”.

“Esperemos o ano que vén asistir á inauguración das obras, pero hai que pór en valor que os mariscadores teñen que ter unha saída económica e social”, insistiu.

Por outra banda, remarcou o traballo desde o BNG para a execución desta obra, tras a visita dunha delegación de eurodeputados da Comisión de Peticións da Eurocámara fai dez anos ou as iniciativas nacionalistas.

“A rexeneración da ría do Burgo é un tema prioritario para o BNG e absolutamente imprescindible para que se recuperen os postos de emprego e o medio ambiente”, sentenciou nun acto xunto a mariscadores e edís do BNG na Coruña, Culleredo e Cambre.

Máis novas

A dragaxe da ría do Burgo rematará en abril de 2024

A Xunta fixa “en días” o inicio de obras no aparcadoiro da Intermodal

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o avance a “bo ritmo” das actuacións que competen á administración galega na Intermodal da Coruña (a construción da terminal de autobuses, os elementos comúns e o aparcadoiro) e manifestou que “en cuestión de días” comezarán traballos vinculados a este último.

“Comezaremos a construír a laxa inferior e a principios de xaneiro será a superior”, expuxo sobre os traballos que se están acometendo para a nova terminal de autobuses con presenza de 60 operarios e 20 máquinas. Ademais, insistiu en que se trata dun proxecto “estratéxico” co que A Coruña “se incorpora ao mapa intermodal”. “Unha nova terminal de autobuses integrada na intermodal que permitirá o intercambio entre modos de transporte“, apostilou sobre as actuacións da Xunta.

Este proxecto é froito da colaboración entre Xunta, Adif e o Concello da Coruña que mobilizarán un investimento total de 120 millóns de euros. “Serán menos de cinco minutos os que se tardará en pasar do autobús ao tren”, indicou a conselleira na súa visita ás obras da nova estación de autobuses. Dela, dixo que a previsión é que reciba “500 expedicións diarias e 2,7 millóns de viaxeiros ao ano”. “Un gran proxecto froito dunha colaboración institucional”, remarcou.