InicioBARRIOSOlladas doutro tempo: Santa Lucía

Olladas doutro tempo: Santa Lucía

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

A escalinata de Santa Lucía sube dende a avenida de Fernández Latorre ata a rúa Santa Lucía. É xusto alí mesmo, enriba da escaleira, onde poderíamos ollar cara á dereita, rúa abaixo, para ter o mesmo punto de vista desta imaxe. A papelería Lombardero editouna coma postal, pero non pola beleza da arquitectura que amosa, senón polo mercado que alí se celebraba, directamente sobre o chan da rúa Santa Lucía. Na famosa novela A Tribuna (1883) de Emilia Pardo Bazán, descríbese deste xeito o que estamos a ver na imaxe: “cestas de marchitas verduras, peixes, mariscos, pero nunca aves nin froitas de mérito”. O capítulo onde aparece este texto fala do barrio onde vive a protagonista, Amparo, unha cigarreira que traballa na cercana Fábrica de Tabacos. Trátase dun barrio humilde, de baixo poder adquisitivo, poboado por mariñeiros e traballadores das fábricas.

Pero a orixe desta barriada é moito máis sorprendente e nada ten que ver co ambiente do século XIX e inicios do XX. O barrio xurdiu xa na Idade Media, pero coma leprosería. A súa existencia está documentada dende o século XIV, pero pode que xa funcionase no XIII. Historiadores coma Enrique Vedía, Antonio Rey Escariz ou Ismael Velo citan textos antigos nos que se fai referencia ós “lacerados de Santa Lucía”, ou ó “hospital de incurables”, sendo bastante habitual que nos testamentos aparecesen esmolas para o lazareto. Está probado documentalmente que a fundación do lugar correu a cargo do Concello. Ademais diso, constan axudas económicas municipais, coma unha renda sobre a importación do sal que chegaba ó porto. O goberno local tamén era o encargado de vixiar ós sospeitosos de contaxio que vivían na cidade, facendo ir ó médico ata as súas casas a recoñecelos por se fose preciso envialos a Santa Lucía. Dolores Barral explica perfectamente o funcionamento do lugar, ademáis de argumentar que as leproserías “poden ser consideradas coma os primeiros hospitais especializados, pero non dende o punto de vista sanitario, senón dende o concepto de reclusión e illamento especial. A fundación dunha leprosería é a consecuencia dunha sociedade que marxina ós que sufren esta enfermidade”. O emprazamento das mesmas sempre era lonxe da cidade e os seus arrabais, coma vemos no caso coruñés.

O lazareto municipal sería unha aldea autosuficiente, un conxunto de vivendas rodeadas de hortas, organizadas arredor dun edificio que aportaba o nome ó conxunto: a capela de Santa Lucía. Consérvase unha imaxe desta igrexa grazas a un pintor italiano, Pier María Baldi. Este artista acompañou a Cosme III de Médicis nunha viaxe por España e Portugal. Baldi era o encargado de ir retratando os lugares visitados mediante unhas preciosas panorámicas, actualmente conservadas na Biblioteca Medicea Laurenciana de Florencia. Coruña foi a última cidade de España que visitaron, saíndo do seu porto en marzo do ano 1669. A panorámica coruñesa é unha das imaxes máis fermosas que se conservan da nosa cidade antes de que se inventase a fotografía. O artista pintou a paisaxe que abarca dente o alto de Santa Margarida, á esquerda, ata o castelo de San Diego, á dereita; véndose a Torre, a Pescadería e a Cidade Alta ó lonxe. Na parte central, en primeiro termo, aparece Santa Lucía. Agradecemos enormemente ó príncipe florentino que non tivese intención de aparecer na imaxe, coma é habitual hoxe en día nos recordos de viaxe.

A capela foi derrubada en 1884 e trasladada ata a travesía do monte, para rematar sendo substituida en 1912 pola nova igrexa parroquial de Santa Lucía situada na Praza de Lugo, a case un kilómetro do edificio que pintou Baldi. O mercado foise alonxando ata rematar transformandose nunha praza de abastos situada a cincocentos metros da ubicación orixinal. A rúa segue alí, pero máis curta e con edificios só nunha beira dende que a partiu a entrada a Coruña pola Avenida de Alfonso Molina. A capela, a rúa e o mercado eran parte da mesma cousa, mentres que agora o nome está demasiado disperso pola cidade adiante, completamente desarraigado. A esencia do barrio dilúese co pasar do tempo. Xa non hai cigarreiras, nin mariñeiros, pero un lugar con tan longa historia merece recordar as súas orixes. O único recordo palpable está no chan. Baixando a rúa de Santa Lucía chegamos ata a intersección de Fernández Latorre con Alfonso Molina. Alí, xunto unha árbore, podemos ver unha sinxela inscripción recordando a antiga localización da capela que deu nome a todo un barrio. Semella moi pouca cousa para un lugar con moitísimo que lembrar.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

A alcaldesa da Coruña reivindica a importancia do liderado feminino nas políticas públicas

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, reivindicou a importancia do liderado feminino...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here