Inicio Blog Páxina 187

Programa de iniciación á escalada na Coruña para o mes de setembro

0

A Coruña contará durante o mes de setembro cun programa específico de iniciación á escalada e á marcha nórdica organizado pola Agrupación de Montañeiros Independentes (OMI) e financiado polo Concello herculino.

Segundo detalla o consistorio o obxectivo é “achegar estas prácticas deportivas á veciñanza de forma accesible, segura e adaptada a todas as idades”.

A programación estruturarase por tramos de idade, con horarios adaptados e distintos espazos de desenvolvemento. Todas as actividades requiren inscrición previa.

O Concello explica que ambas as actividades ofrecen “unha oportunidade para explorar dúas disciplinas deportivas en auxe, que fomentan un estilo de vida activo, a práctica saudable de exercicio físico e o contacto co medio ambiente”. A programación, engade, busca “promover hábitos de vida saudables desde idades temperás e favorecer a socialización e o uso dos espazos públicos municipais para o desfrute colectivo”.

Membros da guerrilla antifranquista asasinados na ditadura serán enterrados este luns en Culleredo

A Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregará este luns os corpos de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, membros da guerrilla antifranquista asasinados o 22 de xuño de 1952 en Visantoña –en Mesía (A Coruña)–, para o seu enterro en Culleredo, municipio da mesma provincia no que ambos se criaron.

En Mesía estiveron enterrados ata o 2024, cando a ARMH exhumou os seus corpos por petición dos seus familiares, segundo informa a mesma nun comunicado. Na xornada do luns, o Salón de Plenos do Concello de Culleredo acollerá ás 11.30 horas un acto no que participarán familiares dos represaliados, membros da asociación e os alcaldes de Culleredo e Mesía. A continuación, enterraranse os seus corpos no cemiterio de Almeiras.

REPRESALIADOS

José Galán vivía na Regueira, en Alvedro (Culleredo), xunto á súa familia. A principios dos anos corenta, en plena Ditadura, desertou do servizo militar en Lugo e tivo que fuxir ao monte. Durante a súa estancia na guerrilla estivo integrado en varios destacamentos e participou en diferentes actuacións nos anos 1948 e 1949.

Pola súa banda, Manuel Ramiro Souto naceu en Almeiras, en Culleredo, en 1925. Botouse ao monte cos seus tíos, que eran ligazóns da guerrilla e temían que fosen delatados. Participou en ofensivas da guerrilla, como a que se produciu tras a caída de José Gómez Gayoso, secretario de organización do Partido Comunista, e Antonio Seoane, xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia.

Nos últimos tempos de estancia no monte de ambos, estiveron integrados xunto a Juan Couto Sanjurjo no destacamento ‘Manuel Ponte’. Os tres foron cercados pola Garda Civil en Visantoña o 22 de xuño de 1952, sendo asasinados Galán e Souto. Sanjurjo rendeuse e, un ano despois, foi sometido a un xuízo en que a inicial pena de morte conmutouse por 30 anos de prisión.

Este sábado 30 hai unha nova Andaina contra o xenocidio do pobo palestino

0

A Coruña volve acoller un acto de apoio ao pobo palestino. Este sábado 30 de agosto convocan para as 12:00h unha andaina, dende o Obelisco ata o Parrote, en apoio á Flotilla Sumud Global, na que está integrada a Flotilla da Liberdade; sairán unha ducia de barcos de costas españolas, que se unirán aos que partan doutros puntos do Mediterráneo, para tentar levar axuda a Gaza.

Entidades como o MOvemento Global A Gaza Galiza Rede Galega Pola Palestina; o sindicato de Estudantes, BDS Boicot a Israel, CGT, CNT, Coriuña Antimilitar e o Encontro Galego contra a Otan, son os convocantes.

 

A Romaría de Santa Margarida toma o relevo cultural durante 4 días

0

Esta noite de luns 25 de agosto, Vega pecha o ciclo de concertos das Festas de María Pita. Toma o relevo para pechar este completo mes de agosto, a Romaría de Santa Margarida, que se celebrará no parque do 28 ao 31 de agosto, mantendo deste xeito o formato de catro días que puxo en marcha o ano pasado.

A romaría, na que a participación das Associacións de música tradicional da cidade é fundamental, arrinca o xoves 28, pero faino no Teatro Colón, onde se realizará finalmente a estrea do proxecto Gala i Ovidio (21.00 horas), nova banda de Aida Tarrío (Tanxugueiras) e Raúl Refree. As entradas xa están á venda.

O venres volverá a haber tamén un concerto especial no Planetario da Casa das Ciencias. Germán Díaz e Benxamín Otero farán unha dobre sesión ás 18.00 e 19.00 horas. As entradas están á venda na páxina web dos Museos Científicos.
Tamén o venres celebrarase a Gran Noite do Folclore, coas actuacións de Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire e Son d’aquí.

En canto aos concertos programados para a fin de semana no anfiteatro, o sábado actuarán As Lagharteiras, Os do Fondo da Barra e Comando Curuxás coas Cantareiras de Cántigas e Frores. O domingo será a quenda de Os Melidaos, Rura e El Nido e convidados. Tamén actuará o domingo 31 a Banda Municipal de Música da Coruña xunto con Donaire, ás 12.00 horas, na escalinata da Casa das Ciencias.
A programación complétase con outras actuacións no parque e o Espazo Participativo, que
volverá a acoller obradoiros e mostras da man das entidades de cultura galega da cidade.

PROGRAMA

Programación+Romaría+Santa-Margarida-Coruna2025

 

O Mostrart da Coruña, artesanía “made in Galicia” fronte a productos baratos e importados

artesanía galega vive un bo momento en canto a número de artesáns e artesás, máis de 800, cun traballo de “calidade” recoñecido tanto dentro como fóra de Galicia, aínda que con dificultades de substitución xeracional, sobre todo nalgúns oficios. Así o apunta, en declaracións a Europa Press, José Manuel Salvado Sanín, presidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA), que destaca o bo momento que viven algúns oficios, como é o seu caso coa fabricación de instrumentos fronte ás dificultades doutros, facendo alusión, ademais, ás dificultades de substitución xeracional nalgúns produtos artesanais.

Hai moi bos artesáns, moi recoñecidos en toda a península, e o nivel de calidade da artesanía en Galicia é moi alto”, sinala para precisar que aínda así a substitución xeracional é “difícil”. “A xente vai incorporándose ao sector non da maneira que debería ser, debería entrar máis xente nova da que está a entrar”.

Existe un certo relevo pero non grandísimo“, asegura para incidir en que dedicarse a esta profesión supón “dar un salto ao baleiro”. No seu caso, un artesán dedicado a instrumentos tradicionais como pandeiretas ou bombos, indica que non hai pesimismo de cara ao futuro. Isto vincúlao con “o auxe” da música tradicional galega.

“Cando empecei hai 35 anos había tres artesáns en Galicia que facían percusión e agora hai máis de 40, sobre todo nos últimos anos, é algo que crece e que está vivo”, di para contrapor esta situación á doutros profesionais como os “cesteiros”. Mentres, destaca o bo momento de actividades como o coiro ou a xoiaría. “Consolidamos e ensinamos o valor da artesanía, que é un valor cultural que vai máis aló do mercantil, o que fabricamos, o que facemos é algo relacionado coa cultura, coa identidade do noso pobo”, sentenza ao remarcar o seu traballo.

MOSTRART

En relación ao labor expositivo que promoven, resalta o éxito da feira de artesanía na Coruña, Mostrart, que este ano chega á súa 41 edición. Con 50 expositores galegos e 11 de fóra, recalca que é unha feira “moi consolidada”. “A máis importante de Galicia e das máis importantes que se celebran en toda a península”. Trátase dun evento no que hai artesáns que están durante todo o mes, do 1 ao 31 de agosto, data da súa celebración, a outros que só están unha ou dúas semanas.

COMPETENCIA

Fronte a este tipo de feiras, cuestiona outros eventos promovidos por empresas que non están vinculados a artesáns e lamenta que estea prevalenciendo a súa presenza. Así, apunta ao caso de Vigo no mercado de Nadal e ao que, avanza, ocorrerá este ano na Coruña nesas datas ou o que lles pasou antes en Portonovo.

“Con moito sacrificio e valentía cambiamos un mercado de praia e hippie por un de artesanía e logo esa empresa ocúpanos ese especial enchéndoo de cousas cunha marxe comercial enorme porque son de importación, con pouco valor engadido e moito oportunismo”, indica en relación a este último caso.

Do Concello da Coruña, incide en que “sempre nos apoiou moito”, pero lamenta que sexa unha empresa foránea a que organizará, explica tras unha reunión, o mercado do Nadal en María Pita e engade que, aínda que se lles ofrece a opción de poder estar, sairíalles máis caro. “Non queremos estar nun espazo que nos saca valor”, sostén.

Cuestionado sobre o apoio de administracións como a Xunta, incide en que o hai pero que o seu sector ten que ser “o pepiño grilo pedindo axudas” e para que se regule o sector. “Poden facer máis si, aínda que nos apoian”, sostén.

Berros de “Incompetencia” e “Rueda dimisión” enchen o Obelisco

Nun Obelisco tinguido de negro, centos de persoas berraron ao unísono “Lumes nunca máis”. A historia repítese, pero o pobo galego, máis unha vez, encheu as rúas de moitas vilas e cidades para reclamar unha xestión forestal que teña en conta as necesidades reais do medio rural. A plataforma ‘Por un Monte Galego con Futuro’ convocou este xoves concentracións en 17 municipios de Galicia contra a política forestal do PP.

Estamos sendo testemuñas de como os lumes se propagan polo noso rural”, afirmaba Cesáreo Sánchez, voceiro da plataforma. Decenas de organizacións, entre as que se atopan Adega, a AC Alexandre Bóveda, a CIG ou o Sindicato Labrego Galego, reuníronse para denunciar “outra traxedia cultural, social e económica”.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

Ao berro de “In-com-pe-ten-cia”, os manifestantes alzaron pancartas e carteis cheos de frases como “Lumes nunca máis”, “Non quero lumes nin celulosas nin eucaliptos”, “O negocio queima os montes, PP/SOE alimenta o lume” , insistindo en que “a verdadeira política de prevención consiste nun medio rural vivo”. “Unha vez máis, ten que ser o pobo galego o que sae á rúa para esixir ao goberno da Xunta medidas urxentes para xestionar esta situación, así como un cambio nas súas políticas gandeiras e forestais”, sentenciaban.

Nun acto de solidariedade que se plasmou en numerosas localidades por todo o territorio, a veciñanza volveu insistir na xestión da Xunta de Galicia ante a numerosa onda de incendios que asola o país: “En plena vaga de incendios, o presidente da Xunta da Galiza, o señor Alfonso Rueda, pedía medios ao estado cando tiña 190 prazas sen cubrir”.

“Basta xa de tanta manipulación e de propaganda baleira do noso rural” foi outra das frases que conmocionou aos asistentes. Entre berros e asubíos, A Coruña escoitou dicir alto e claro que o rural “non se vende”.

CONCENTRACIÓNS NO RESTO DAS LOCALIDADES

As consignas de “Rueda dimisión” escoitáronse por todo o territorio. En Vigo, máis de mil persoas manifestáronse para clamar un “xa abonda” aos incendios forestais e para esixir cambios nas políticas forestais da Xunta. Os participantes concentráronse no Farol de Urzáiz e marcharon cara á sede territorial da Xunta, coreando consignas como ‘Non se toca a nosa terra’, ‘Goberne quen goberne, o monte non se vende’, ‘O gasto militar, para investimento no rural’ ou ‘Rueda dimisión‘.

A praza Maior de Ourense encheuse de centos de manifestantes en defensa do monte galego, danado polos incendios que arrasaron a provincia na última semana. Esta é a segunda manifestación en menos dunha semana na cidade termal. Previamente ao seu inicio, algúns dos asistentes admitiron sentirse “decepcionados e avergoñados” coa xestión da Administración autonómica. Tamén, salientaron o “cansazo” de ver “un ano máis” os montes e aldeas arder. “Que un país considerado de primeiro mundo estea así dá bastante pena”, destacou unha das manifestantes.

A revolta obreira das cigarreiras de 1857, este domingo nun espectáculo musical da Banda Municipal da Coruña e Cántigas da Terra 

0

Fermosa a iniciativa de recuperar a historia da revolta obreira das Cigarreiras ás portas da Fábrica de Tabacos da Palloza o 7 de decembro de 1857. E fermosa a posta en escea que van protagonizar, este domingo 24 de agosto na praza de María Pita, a Banda Municipal da Coruña e o Coro Galego Cántigas da Terra.

Máis de cen artistas, cun elenco coruñés de excepción, subirán ao escenario para recrear -a través da música e do teatro- a pioneira revolta obreira protagonizada polas cigarreiras coruñesas .

Un espectáculo que conxuga música e teatro cun contexto habitualmente costumista, mais para esta ocasión búscase reivindicar este xénero e reinventalo a través dunha vertente contemporánea.
A orixe de ‘As cigarreiras’ radica no convite que a Banda Municipal lle trasladou a Cántigas da Terra para crear un espectáculo conxunto. Dende esta agrupación, fundada na cidade en 1916, agradeceuse a invitación e propúxose recrear a xa amentada revolta das cigarreiras a través da recuperación do xénero tradicional da estampa galega.

O espectáculo

O espectáculo estrutúrase en tres actos. Acompañando as cigarreiras, o primeiro acto presenta o traballo na fábrica, con alusións á masa coral da fábrica e a súa importancia no contexto industrial. O punto de inflexión chega ao final do segundo acto, cando estoupa a revolta e a ‘Foliada da Cruña’ é interpretada polas traballadoras a modo de himno.
Finalmente, a última sección do espectáculo elabora o argumentario a favor dunhas condicións de traballo digno, sempre enmarcadas no repertorio musical propio da cidade herculina.

Un equipo de nivel

Cigarreiras na Coruna espectaculo

O espectáculo conta dun equipo tremendo. Ademais da participación do Grupo de Baile Santaia e Cántigas da Terra, formación que inclúe o coro, o grupo de gaitas e o cadro de teatro, segmento este último dirixido por Isabel Risco, quen será a encargada de encarnar a cigarreira protagonista da peza: María Pena Barreiro. Xunto a Risco actuarán outros nomes coñecidos da escena profesional coruñesa: Victoria Pérez, Manuel Fernández, Jose Losada e Alberte Bello.
O equipo deste espectáculo inclúe, ademais, o guionista Carlos Ares, quen asina o texto orixinal da peza, mentres que Estefanía Gómez e Iván Villar asumen a dirección de movemento. A escenografía corre a cargo de Suso Montero e a coordinación xeral recae na produtora Marta Horjales. A parte técnica complétase con Rubén Montes (responsable de son), Héctor Naveira (Iluminación) e José Luis Vázquez, quen -xunto ao xa citados Montero e Isa Risco se encargan do vestiario.

A veciñanza de Celas segue a súa loita polas beirarrúas na AC-400

0

A veciñanza de Celas segue a súa loita polas beirarrúas na AC-400, no treito que atravesa o concello de Culleredo entre Valiñas a Peiro de Arriba.

Esta semana, mentres agardan a resposta da AXI aos seus escritos, solicitaron ao Concello unha Declaración Institucional de apoio, para apremiar cos prazos de execución desta obra tan básica e necesaria para a seguridade viaria da xente dos lugares.

 

A veciñanza de Celas pregunta pola súa senda peonil

A veciñanza de Celas esixe unha simple beirarrúa para poder saír andando das casas

 

“A cultura é un dereito”: A Deputación da Coruña promove unhas xornadas sobre arte, creación e territorio en Oza-Cesuras

0

A Deputación da Coruña promove as xornadas ‘A cultura é un dereito’, centradas na relación entre arte, creación e territorio, informa. O palacio provincial acolleu esta mañá a presentación, na que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e a comisaria das xornadas, Sara Fraga.

O programa terá lugar o 28 de agosto en Oza-Cesuras e contará con diferentes relatorios, mesas redondas e conferencias, entre outras actividades. Esta edición céntrase na relación entre arte, creación e territorio, cun programa que destaca a comarca das Mariñas como exemplo de dinamismo cultural. Con esta iniciativa, a Deputación busca consolidar “un espazo de encontro entre profesionais da cultura, creadores, institucións e público interesado”.

Parque de Vioño, a rolda de Monte Alto e Lonzas, as tres novas estacións de BiciCoruña

Xa son 52 as bases de BiciCoruña que están activas na cidade, reforzando así un servizo municipal que segue batindo marcas de uso (o último os 172.000 rexistrados só no mes de xullo), e que está cambiando a mobilidade da cidade como nunca antes en décadas.

O Concello vén de poñer en funcionamento 3 novas estacións: en Lonzas, no parque de Vioño e na rolda de Monte Alto, coa novidade de que estas dúas últimas son as primeiras en funcionar con subministración de enerxía solar.

A estación de Vioño está situada á altura do número 33 da avenida José María Rivera Corral, moi preto dos bloques residenciais de vivendas que lindan coa área verde do barrio, preto do polígono de Agrela (a medio camiño entre a xa existente na rúa Gutemberg e a carón da praza de San Rosendo, na Sagrada Familia), onde cada día hai un tránsito de case 20.000 persoas traballadoras.

A de Monte Alto está a altura do nº48 da rolda de Monte Alto, e a de Lonzas está situada na avenida do Ferrocarril.

A expansión do servizo continúa

A previsión do Concello é que BiciCoruña vaia sumando máis bases noutros puntos da cidade nas vindeiras semanas. Por exemplo, en barrios como Novo Mesoiro ou O Birloque, entre outros.

Un mapa e 13 novas estacións para BiciCoruña

BiciCoruña terá sete novas bases para a súa ampliación