Inicio Blog Páxina 29

Novas inundacións na Coruña tras as fortes chuvias

0

Os episodios localizados de fortes choivas que se rexistraron na tarde deste xoves en Galicia provocaron algunhas incidencias, aínda que a maioría non revestiron gravidade.

Onde máis se deixaron notar foron na Coruña, onde se alagaron varias rúas e prazas. Entre elas, a zona da praza da Palloza e rúa Pombal. Xa este mércores, outro episodio de choivas provocou que se alagasen outras zonas da cidade herculina como o paseo marítimo e o recentemente inaugurado Mercado de Monte Alto.

Música tradicional, obradoiros, baile e folck na tradicional Romaría de Santa Margarita

A Romaría de Santa Margarita pechará este fin de semana a programación das Festas de María Pita 2026 na Coruña cun encontro da música e a cultura tradicional galega Segundo informa o Concello herculino, durante tres días, o parque acollerá concertos, talleres, actividades participativas e citas ao redor da música, o baile e as tradicións populares da comunidade.

A programación arrincará o venres 28 co espectáculo de PÄRBO, o proxecto formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, acompañado polas creacións visuais de Montse Piñeiro no Planetario da Casa das Ciencias Pola noite, o anfiteatro acollerá a tradicional Gran Noite do Folclore, coa participación de Son d’Aquí, Donaire, Xacarandaina e Cantigas da Terra.

O sábado será a xornada máis participativa, cun espazo de talleres, mostra de entidades e artesanía musical. A programación contará coa actuación de Benofán, os pasacalles da Real Banda de Cadeiras Encartables e os concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana.

A romaría terminará o domingo cun programa que combinará tradición e novas expresións musicais. A Banda Municipal de Música da Coruña actuará xunto a Donaire, mentres que ao longo da xornada pasarán polos escenarios Pansenfron, Son Galaico, Herbamora, Mondra e o grupo irlandés Dervish.

A UDC admite “incidencias puntuais” nas matriculacións de estudantes

0

A Universidade da Coruña (UDC) admitiu a existencia de “incidencias puntuais” na tramitación das matrículas en graos que mudan o plan de estudos, mentres que a UVigo sinalou que a tramitación se está a desenvolver con normalidade, aínda que hai “casos especiais” que deben ser revisados. “Tivemos incidencias con varios graos que mudaron de plan de estudos este ano e, na adaptación ao plan, houbo que procesar de novo os expedientes no sistema”, explicaron fontes da UDC consultadas por Europa Press, que aseguraron que “os casos xa se foron emendando e comunicando a cada un dos alumnos”.

“Cando se detectaron, fíxose unha excepción e ampliouse uns días o prazo de matrícula para poder realizar todos os trámites”, expuxeron, ao incidiren en que se tratou de “incidencias puntuais neses graos”. Neste sentido, especificaron que non foi un “fallo electrónico, senón de procedemento”. Debeuse, detallaron, a un “cambio nos plans de estudo e na forma de incorporar a información ao sistema e a cada expediente”.

Volven denunciar á Xunta e ao Estado pola continua opacidade e incumprimentos legais no Pazo de Meirás

Falabamos onte co historiador Manuel Pérez Lorenzo sobre os usos didácticos que lle deberíamos dar inmediatamente ao Pazo de Meirás.

Pero parece que as administracións avanzan pouco no rescate deste Ben que xa foi declarado, este 14 de agosto, como Lugar de Memoria. Así o entende a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que ese mesmo día presentaba diante da Secretaría de Estado de Memoria Democrática un escrito de solicitude de acceso ao expediente administrativo desa resolución, na súa condición de entidade interesada.
Pasado xa o ecuador do prazo para a formalización de recurso de reposición diante da citada resolución, o Estado sigue sen facilitar a esta asociación acceso ao expediente administrativo, “nun novo episodo de opacidade e de vulneración de dereitos, como esta a acontecer neste caso”, denuncian.

A entidade lembra que recentemente houbo unha retirada de bens mobles no Pazo de Meirás polos herdeiros do ditador Franco “con total opacidade tamén por parte da Administración do Estado, xa que do Pazo (concretamente desde o interior das Torres) saíron numerosos bens vinculados á etapa dos Pardo Bazán e da ditadura franquista. Todo elo coa total pasividade da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, que non exerceu en ningún momento as súas obrigas recollidas na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, ao ter o Pazo de Meirás a condición de Ben de Interese Cultural coa categoría de Sitio Histórico”, denuncian.

As visitas

Ademais, a CRMH da Coruña solicitou formalmente diante do rexistro desta Consellería a actuación desta administración polo que entenden como “incumprimento sistemático e constante por parte da administración xeral do Estado (como propietaria do Pazo de Meirás a todos os efectos) do réxime de visitas que establece a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza”.

“Sorprende o feito que agora que o Pazo de Meirás é un ben público a todos os efectos, sexa precisamente a etapa que máis limitacións se dan á visita pública (imposíbel ás estancias interiores das edificacións) que contrasta coa etapa anterior na que os herdeiros do ditador Franco eran os propietarios formais deste ben”, sinalan dende a CRMH.
A limitación no número de accesos permitidos, provocou tamén que a grande demanda de accesos (lembremos que o Pazo de Meirás é hoxe unha propiedade pública a todos os efectos) non fose atendida no mes de agosto (no momento de maior demanda de accesos).

Así, dende a Comisión piden o expediente de Lugar de Memoria, piden explicacións á retirada de bens, que se cumpran as obrigas da Lei de Patrimonio coas visitas, así como a posta en marcha das comisións previstas no Protocolo de actuacións citado anteriormente.

Máis novas

“O uso que debe dárselle ao Pazo de Meirás recae esencialmente no apoio didáctico, para explicar a ditadura de primeira man”

Acusan ao Estado e á Xunta de colaborar cos Franco no novo expolio de mobiliario do Pazo de Meirás

A CRMH denuncia que o propio estado incumple a lei de apertura de portas do Pazo de Meirás

A Festa do Apego chega este venres ao Campo da Leña para achegar a música en galego ás crianzas

0

O Campo da Leña acolle este venres 28 de agosto a partir das 17.00 horas a Festa do Apego, unha iniciativa englobada no programa organizado polo Concello para promover actividades que normalicen e fomenten o uso cotián da lingua galega, con especial atención aos nenos e nenas e ás familias.

A festa chega no marco do programa anual que pretende axudar á socialización en galego e á transmisión interxeracional da nosa lingua.

O programa do encontro, que é gratuíto e de entrada libre, comezará co concerto “Cantaxoga”, de Migallas, un espectáculo de teatro e música onde María Campos e Carlos Yus interpretarán cancións dos discos “Canta connosco!” e “Pan de millo” e realizando sktechs cómicos relacionados cos contidos das cancións. Este espectáculo ten como finalidade demostrar que na lingua galega, ademais da música tradicional, teñen cabida todos os estilos e tendencias musicais: rock, cumbia, rap, reggae, pasodobre, rumba, fusión étnica…

Completará a xornada unha foliada con Pablo Díaz e Olga Kirk, que ofrecerán o seu bo facer dentro da música tradicional, ofrecendo un espectáculo para maiores e crianzas. Tanto Díaz como Kirk son dous artistas avalados por anos dentro do circuíto da música tradicional galega.

Festa do Apego Coruña

Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante; as propostas de Volotea para A Coruña

O prazo aberto para presentar ofertas para cubrir os destinos nacionais no concurso convocado polo Consorcio de Turismo da Coruña pechouse este martes coa presentación dunha única compañía, Volotea, para operar o cinco rutas propostas: Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante.

Segundo informa o Concello herculino, a convocatoria especificaba que as aerolíneas interesadas deberían efectuar, en concreto, con Málaga un total de 208 voos anuais e un mínimo de 37.440 prazas ao ano e as mesmas cifras con Valencia. Respecto de Bilbao, apuntaba a 180 voos anuais e un mínimo de 32.400 prazas ao ano; con Sevilla, entre 288 e 352 voos anuais, segundo a anualidade do contrato, con ata 63.360 prazas; e con Alacante, entre 146 e 180 voos anuais e segundo a anualidade do contrato, con ata 32.400 prazas.

Agora, engade, seguirá adiante o proceso administrativo coa achega de documentación e cos trámites precisos. Así, de cumprirse os requisitos, “o devandito contrato quedará formalizado este outono”. O consistorio lembra, ademais, que son 6,6 millóns de euros os que se destinarán á promoción turística da cidade nos distintos destinos nacionais, promoción que inclúe tamén o establecemento das novas rutas.

Nace CAbe (Coruña Arte Aberta), a nova fiestra aberta á arte contemporánea galega

0

Mentres esmorece o museo da Fundación Luís Seoane, un dos catro grandes museos de arte contemporánea de Galicia, a Coruña vive o nacemento dun novo proxecto cultural. Coruña Arte Aberta (CAbe) (@corunarteaberta) busca “conectar, promover e dar maior visibilidade á arte contemporánea feita en Galicia” a través dun festival ou formato de exposición “expandido” que coordinará diversos espazos públicos e privados da cidade.

Así, a finde do 17 e 20 de setembro, CAbe ofrecerá unha marea de espazos e propostas cun denominador común, tomando como punto de referencia modelos de traballo en rede que funcionan noutras cidades —como Gallery Weekends en Madrid e Barcelona ou Nit de l’Art en Mallorca—.

Galerías, fundacións e espazos independentes achegarán as últimas novidades da arte contemporánea local e galega para que turistas e veciñas coñezan o que se fai no país.

Nesta primeira edición, o proxecto contará coa participación da propia Fundación Luís Seoane, o Centro de Arte FMJJ (Fundación María José Jove) e tres das principais galerías de Galicia: Nordés, Moret Art e Vilaseco. Ademais do apoio de máis de 20 pequenos espazos creativos alternativos e locais da cidade, o programa, que se anunciará o vindeiro xoves 3 de setembro, incluirá máis de 25 novas exposicións, intervencións urbanas e festivais de arte en espazos alternativos e locais por toda a cidade.

“CAbe baséase na colaboración entre os distintos axentes culturais da cidade”, explican dende a organización. “O obxectivo é crear un punto de encontro entre os sectores público e privado para dar un impulso coordinado ás artes visuais en Galicia”. A iniciativa conta co apoio do Concello da Coruña a través da Consellería de Cultura e Turismo e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e Xacobeo 2027.

Máis novas

O BNG volve preguntar polo prometido hai 10 meses, concurso para designar a dirección da Fundación Luís Seoane

Activada a alerta laranxa por choivas no oeste da provincia da Coruña

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) activou para este mércores a alerta laranxa por choivas no oeste da provincia da Coruña.

Segundo recolle o AEMET na súa páxina web, o aviso estenderase desde as 09.00 horas ás 17.59 horas desta xornada ao esperarse precipitacións acumuladas que nunha hora poden superar os 30 litros.

Así mesmo, está activo o aviso amarelo por choiva e treboada no interior e suroeste da provincia da Coruña, no centro da provincia de Lugo, o noroeste e sur da provincia de Ourense, a zona do Miño en Ourense e en toda a provincia de Pontevedra.

Durante esta xornada, segundo Meteogalicia, a comunidade galega está baixo o dominio dunha borrasca situada ao noroeste, cunha fronte asociada que atravesará Galicia durante a xornada deste mércores. Por iso, o ceo estará parcialmente anubrado con choivas na maior parte do territorio, que poden vir acompañados de treboadas.

Castelo Conta convirte ao pequena aldea de Culleredo no epicentro cultural galego

Arrincou este luns unha completa semana de actividades en Castelo. A pequena aldea de Culleredo, de pouco máis de 250 habitantes, seguindo os pasos do pequeno lugar pontecesán do Couto co Festiletras, consegue converterse na capital da cultura galega.

Porque o Castelo Conta xa é todo un referente nesta a súa undécima edición, sendo un punto de encontro entre a cultura, a tradición, a comunidade e a participación como modelo de celebración.

O festival, organizado polos veciños de Castelo, dirixido por Xosé A. Touriñán e coa colaboración do Concello, desenvolverase durante toda esta semana ata a tradicional Romaría de San Román, que terá lugar este domingo.

Castelo Conta arrinca o luns
Factoría de Subsitencia no Castelo Conta

Este luns xa subiron ao pendellos convertidos en escenarios contadoras da casa ou a banda Orquestra Bravú Xangai, que fixo cantar míticos temas galaicos ao público que ateigou a Eira de López. Tamén tivo o lugar o primeiro evento Vermús na Taberna, coos cociñeiros Jorge Trigo (restaurante A Espiga) e Nacho Moreira (La Esquina de Valentina y Concha), que debullaron tapas con produtos locais.

Ao longo da semana, ademais das mañás dedicadas á Xente Miúda no Campo da Capela, haberá concertos de figuras como Xoel López, De Ninghures, 9Louro e Kid Mount, así como actividades gastronómicas, eventos infantís e actuacións de artes escénicas.

Castelo Conta arrinca 2026

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, salientou o impacto cultural do festival: «É un dos eventos máis importantes do calendario cultural galego, un bastión da nosa tradición oral, da nosa gastronomía, da nosa música e das nosas artes escénicas». Neste sentido, tamén destacou o compromiso do evento co «coidado do noso territorio e o fortalecemento dos lazos entre as xeracións maiores e novas», así como o retorno económico que xerará, estimado en máis de 500.000 euros. Tamén expresou o seu agradecemento polo “traballo incansable dos veciños para facer deste festival un éxito”.

Tendes todo o programa en casteloconta.gal.

Máis novas

O festival Castelo Conta, “referente” e “celebración” da cultura rural