Inicio Blog Páxina 30

Tiruleque rende homenaxe á Repichoca no seu novo disco e no concerto no Colón

0

Tiruleque saca á venda o que será o seu quinto disco de estudio. Tras lanzar os álbums Tiruleque en 2009, Mu!! en 2013, Outro que tal baila en 2018, e Tiruleque 20 anos no camiño no 2021, neste 2025 lanza Repichoca, un álbum conformado por dez cancións e que procura evocar tanto as orixes da propia banda coma os espazos urbanos dedicados á música galega.

Con ese duplo obxectivo, o nome do disco lembra o histórico local coruñés desaparecido en 2021 que durante preto de dúas décadas actuou dende a rúa Orillamar como catalizador, canteira e escaparate para a escena da música galega da cidade herculina. Foi na “Repi” onde naceu esta banda que xa ten 20 anos de traxectoria musical.

O repertorio escollido por Tiruleque neste cuarto traballo discográfico aposta pola forza das voces femininas que deron forma á tradición da música cantada en galego. Recóllense tanto a enerxía coma a tradición das mulleres de xeracións anteriores que se encargaron de transmitir as composicións para que chegasen aos nosos días.

Concerto no Colón

TIRULEQUE PORTADA

Nesta tesitura, Tiruleque lanza un concerto do próximo domingo 9 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Colón, cuxas entradas xa se poden adquirir nesta ligazón.

Unha cita dentro da segunda edición do ciclo Folk no Colón, impulsado polo Concello da Coruña. O cartel preparado para este 2025 inclúe, ademais de do concerto de Tiruleque, concertos doutros grandes nomes da nosa música como son Carlos Núñez, Treixadura, Milladoiro, Felisa Segade ou Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

Máis novas

Pepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega contemporánea, “Ábrete de Orellas”

Sés quece o lanzamento do seu novo e honesto disco co sinxelo que lle dá nome: “Nadando na incerteza”

Xa dispoñible a pandereita virtual Carmucha VST

A cantareira arteixá Fransy lanza o seu novo proxecto en solitario

 

A Xunta cifra en máis de 5.000 as vivendas planificadas na Coruña para 2028

0

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, cifrou en máis de 5.000 as vivendas planificadas na Coruña para 2028.

Foi nun encontro cos medios de comunicación para facer balance das actuacións do departamento autonómico e no que destacou, xunto ao secretario xeral de Vivenda, Heriberto García, e a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, as actuacións do departamento autonómico en distintos barrios como o de Xuxán.

Nel, aludiu ademais aos orzamentos deste departamento con partidas específicas para construír vivenda de promoción pública na comunidade autónoma, “un 63% máis que no orzamento de 2025”. Ademais de construír, insistiu na importancia de rehabilitar e habilitar chan para executar novas promocións.

Sobre as que están en marcha na cidade herculina, citou:

  • 104 en Xuxán.
  • 58 nos Rosales ata alcanzar,
  • 200 noutras zonas
  • 4.310 vivendas en Monte Mero en 2028.

A urbanización do Monte Mero, unha “bomba urbanística” para o anel verde da Coruña

Allegue destacou tamén que están en rehabilitación sete vivendas en dous inmobles nas rúas San Andrés, xa en obras, e Santa María, ao amparo do Programa Rexurbe.

Por outra banda, resaltou que neste 2025 concedéronse na Coruña e na súa área 3,2 millóns de euros en achegas a promotores e cooperativistas para a construción de 300 vivendas protexidas.

Así mesmo, puxo en valor a boa acollida de axuda destinada a novos inmobles protexidos para a venda, para a que se esgotaron os fondos, e destacou que é unha partida que o Goberno galego pediu en moitas ocasións que se incorpore no novo Plan Estatal, que só inclúe orzamento para o aluguer.

O Monte Mero espera a nova urbanización de 4.300 vivendas protexidas

A Xunta afirma que son as cidades galegas as que deben dicir o funcionamento das VTC: “Respectarémolo”

0

Mentres o Concello avanza na ordenanza de mobilidade que fixe as normas para os Vehículos de transporte con condutor, e ante a posibilidade de abrir o mercado do transporte público a empresas privadas como Uber, Cabify e Bolt (que xa operan na cidade), A Xunta vén de ratificar que se trata dunha competencia municipal. 

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manifestou, unha vez máis,  que a Xunta respectará a decisión que adopten os concellos sobre os funcionamentos das VTC nas súas cidades, a preguntas dos xornalistas, nunha visita ao Banco de Alimentos da provincia da Coruña.

Ao ser cuestionado polo encontro convocado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) coas cidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, sinalou que son os respectivos consistorios os que teñen que decidir se lles “autorizan” a facer transportes urbanos.

“Respectarémolo”, dixo no caso de que adopten esta decisión. Ademais, engadiu que son os concellos os que teñen “a competencia de sanción para casos nos que se faga un uso indebido da licenza”, engadiu en relación ao permiso que si teñen para o transporte de viaxeiros entre distintos núcleos de poboación, pero no tramo urbano.

Sobre esta cuestión, dixo que non só é a Policía Local a que controla isto senón tamén inspectores da Xunta que, no seu caso, precisou, fan a inspección “e a acta é remitida ao concello para que faga a sanción”, lembrando que o ente autonómico xa puxo 112 multas nos últimos meses por irregularidades. “Se queren avanzar na lexislación ningún problema”, engadiu sobre o que decidan os consistorios.

Taxis no aeroporto

Noutra orde de cousas cuestionado pola solicitude da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, de crear un consorcio metropolitano, manifestou que a Xunta está disposta a “estudar calquera situación”, pero apelou á rexedora a porse de acordo co alcalde de Culleredo sobre o funcionamento dos taxis no aeroporto de Alvedro.

Estas manifestacións fíxoas nunha visita ao Banco de Alimento da provincia da Coruña onde enxalzou o traballo que realizan os seus voluntarios e voluntarias e apelou tamén a colaborar con eles, especialmente en campañas como a que promoven agora na Gran Recollida.

Pola súa banda, desde o Banco de Alimentos destacouse a oferta do Parlamento galego, expuxeron os seus responsables, de facer unha doazón de ao redor de 70.000 euros en produtos alimenticios.

Máis novas sobre os VTC

Alertan da intención municipal de abrir o transporte público á competencia privada

A Xunta interpuxo 112 multas a vehículos VTC por servizos urbanos na Coruña

A Xunta reclama á alcaldesa da Coruña “exercer as súas competencias” sobre os VTC

Os VTC poderán circular pola Zona de Baixas Emisións da Coruña nas mesmas condicións que os taxis

O PP critica que a Universidade da Coruña teña a bandeira palestina: “Busca a confrontación”

0

O portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos, tachou de “grave ataque ao respecto institucional” o izado da bandeira palestina e galega na praza do Reitorado da Univesidade da Coruña (UDC) e non a española.”É unha acción premeditada que busca a confrontación”, asegurou, en declaracións aos xornalistas, ao recalcar que “hai unha bandeira de España que podería acompañar á galega” e denunciar que non se deben “utilizar reivindicacións, por xustas que sexan, para montar unha pequena lea”.

“É buscar escusas para xustificar o que se pode resolver de maneira sinxela e atendendo a todas as sensibilidades“, engadiu para recalcar que se trata de “unha cuestión de respecto institucional”. “É un espazo público que nos debe representar a todos”, insistiu e sinalou que “esperaba que a situación fose corrixida” tras o rexeitamento manifestado polo Partido Popular a este feito.

Deste xeito, Pazos fixo un chamamento “ao sentido común” e pediu unha “rectificación inmediata” por parte da institución académica. “Deben cesar nesta actitude de ocultar unha bandeira que nos representa a todos e non permitir que ocupe o seu espazo xunto co resto de símbolos”, reiterou ao consideralo un feito “inasumible e intolerable”.

POSTURA UDC

Pola súa banda, nun comunicado, a UDC explica que se trata dun acto “simbólico, de apoio ao pobo palestino e de rexeitamento ao que está a sufrir”. Aclara, ademais, que nos devanditos mastros “normalmente non ondean bandeiras” senón que están para “polas cando a ocasión o require”. “Non se retirou ningunha bandeira, nin substituíu ningunha bandeira”, insiste.

Á beira da bandeira Palestina, engade o texto, “púxose a da UDC e, tendo en conta que había outro mastro, e que estamos en Galicia púxose a de Galicia”. Indica, así, que “non houbo máis consideración que esa”. “Tratouse dun acto simbólico e solidario, sen máis intencionalidade”, apostila a institución académica.

13 alumn@s de 6 centros de ensino da Coruña volven con Medallas do GaliciaSkills 2025 de FP

0

O alumnado máis aplicado da Formación Profesional do país, dábase cita esta mañá no recinto feiral de Silleda no marco do campionato Galiciaskills 2025. Máis de 200 alumnos de centros de toda xeografía galega competían por especialidades, nesta cita que pretende incrementar a súa visibilidade e proxección da FP, destacando a súa relevancia para o desenvolvemento profesional e empresarial.

E parece que o estado de saúde dos nosos centros é moi positiva, pois o alumnado herculino levou premios en 11 das 27 modalidades. Esta é a lista de 13 alumn@s de 6 centros de ensino da cidade que volveron con Medalla:

  • Pablo Álvarez Pujol, do CIFP Someso da Coruña: Medalla de ouro en Carpintaría.
  • Marina Alexandra Marcu, do IES Ramón Menéndez Pidal (IES Zalaeta) da Coruña: Medalla de ouro en Escaparatismo.
  • Yoselin Ramirez Cue, do CIFP Someso da Coruña: Medalla de prata en Estética.
  • Mateo Lema Villar,do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, Medalla de ouro en Panadaría.
  • Pablo Estraviz Freire, do CIFP Someso da Coruña, Medalla de ouro en reparación de Carrocería.
  • Valeria del Carmen Riotorto Iñiguez, CIFP Paseo das Pontes da A Coruña: Medalla de ouro en Tecnoloxía da Moda.
  • Noa Pérez Valiñas, CIFP Paseo das Pontes da A Coruña: Medalla de prata en Tecnoloxía da Moda.
  • Virginia Porteiro Bértoa, do CIFP Someso da Coruña: Medalla de Prata en Tecnoloxía do Automóbil.
  • Luis Alfonso Álvarez Pazo, do CIFP Someso da Coruña: Medalla de Ouro en Revestimento e Paneis de Xeso.
  • Samuel Domínguez Fondo, do CIFP Universidade Laboral de Culleredo: Medalla de Ouro en Refrixeración e aire acondicionado.
  • Lucía Grille Barral, do IES A Sardiñeira da Coruña: Medalla de ouro en Tec. Laboratorio Químico.
  • Manuel Prada Palmeiro, do CIFP Someso da Coruña: Medalla de Ouro en Téc. Vehículos Pesados.
  • Silvia Varela Docampo e María Ignacia Paredes De La Cruz, do CEE María Mariño da Coruña: Medalla de Ouro en Servizos e Restauración para Centros de Educación Especial.
Marina Alexandra Marcu-IES Menendez Pidal-escaparatismo-Galicia Skills
Marina Alexandra Marcu, do IES Menendez Pidal, ouro en Escaparatismo
Samuel Domínguez Fondo, do CIFP Universidade Laboral de Culleredo- GaliciaSkills Ouro RefrixeneriacioneAireAcondicionado
Samuel Domínguez Fondo, do CIFP Universidade Laboral de Culleredo, Ouro en Refrixeneriación e Aire Acondicionado
Lucia Grille do IES A Sardineira-TecLaboratorioQuim-GaliciaSkills
Lucia Grille do IES A Sardineira, ouro en Tec. Laboratorio Químico
Silvia Varela Docampo e María Ignacia Paredes De La Cruz do CEE Maria Marino no GaliciaSkills 2025
Silvia Varela Docampo e María Ignacia Paredes De La Cruz do CEE Maria Mariño, ouro en Restauración para Centros de Educaciónn Especial
Manuel Prada Palmeiro, do CIFP Someso da CoruñaDemostraconTecVehiculosPesados
Manuel Prada Palmeiro, do CIFP Someso da Coruña, ouro en Demostración Tec. Vehiculos Pesados
Mateo Lema Villar, CIFP Paseo das Pontes da Coruña-panadaria
Mateo Lema Villar, CIFP Paseo das Pontes da Coruña, ouro en Panadaria

O pleno da Deputación da Coruña pide á Xunta “corrixir o déficit de financiamento” aos concellos

0

O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha moción presentada polo PSdeG na que se insta á Xunta de Galicia a incluír nos orzamentos de 2026 medidas concretas “que permitan corrixir o déficit de financiamento” nos concellos galegos. “E avanzar cara á igualdade real na prestación de servizos públicos cun modelo máis xusto, transparente e suficiente para garantir a autonomía”, recolle o texto. A moción contou co apoio de socialistas e nacionalistas, tamén de Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP.

Nela, pídese que se incremente o Fondo de Cooperación Local co obxectivo de saldar a débeda de 600 millóns de euros que o organismo autonómico mantén cos concellos pola prestación de competencias impropias. Ademais, aprobouse, coa abstención do PP, o convenio co Concello das Pontes para a cesión dos terreos, a construción e a posta en funcionamento da Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores no municipio.

Ademais, deuse luz verde o proxecto técnico para mellorar a seguridade viaria na DP-1914, ao seu paso por Bembibre, no municipio de Val do Dubra. O obxectivo é incrementar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade peonil neste tramo da estrada provincial. Tamén se aprobou, por unanimidade, o convenio co Concello de Santiago para o financiamento das obras de rehabilitación do estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro, en Santiago de Compostela.

As doce obras dos murais de Lugrís na rúa Olmos, declaradas definitivamente BIC

0

A Xunta concluíu a declaración dos murais de Lugrís da rúa Olmos como ben de interese cultural, segundo a resolución publicada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no Diario Oficial de Galicia (DOG). En concreto, recoñécense as doce obras coa máxima protección pola súa alta calidade artística, sublíñase na citada resolución, que se fai oficial coa publicación este xoves.

No mesmo, púxose en valor que se trata dun conxunto artístico complexo e cun carácter excepcional. Este recoñecemento eleva até os 792 os elementos que contan con esta distinción en Galicia. No DOG sublíñase que este conxunto de murais ten dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís “un carácter excepcional pois estamos ante unha composición na cal a pintura e a arquitectura forman parte dun todo único e só como tal poden comprenderse na súa auténtica dimisión artística”.

Os murais de Lugrís da rúa Olmos xa son BIC

O Mural denuncia que unha fiestra aberta aumenta os riscos do frescos de Lugrís nos Olmos

O Mural advirte que a inactividade da Xunta e Concello causa máis danos nos Murais de Lugrís do Olmo

A Xunta propón recuperar e expoñer os murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos

 

As familias de Celas critican a falta de concreción da súa senda peonil

0

Despois da marcha reivindicativa desenvolta no mes de setembro, a veciñanza de Celas de Peiro (Culleredo) continúa o seu periplo burocrático para conseguir unhas simples beirarrúas (ou unha senda peonil) que lle sirvan para transitar a pé polo lugar a través da perigosa AC-400.

E van acadando pasos para conseguir o compromiso político que se materialice en cemento, pero lamentan “a ausencia de partidas económicas para este tema nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2026”.

Así e todo, conseguiron, ademais do singular paso de vaca para cruzar a rúa na escola infantil da Vinxeira, unha declaración Institucional por parte dos grupos municipais.

Porén, seguen sen ter una resposta oficial por parte da AXI, pese a que, dende maio, enviaron dous escritos solicitando unha resposta sobre a súa petición, apoiada con case catrocentas sinaturas. “Xa desesperados, puxémonos en contacto ca Valedora do Pobo para expoñerlle a situación de perigo constante que vivimos os viandantes nesta estrada cada día, xa que discorre por entre as nosas casas sin beiravía nin sitio de paso a pé algún”, explican.

A Valedora informou ás familias que a primeira resposta da AXI á súa demanda foi que “están estudando incluir a estrada na segunda fase do Plan de Sendas”, polo que se elaboraría un proxecto técnico “a curto prazo”, que despois pasaría a exposición pública.

Dende a veciñanza vén esta resposta con algo de distancia, pois “non aporta información: non se fala de certezas nin de prazos”. “Todo isto tennos desesperadas”, recoñecen as familias máis mobilizadas.

Novas de Celas

A andaina reivindicativa da veciñanza de Celas: “Beirarrúas, e non excusas”

A veciñanza de Celas esixe unha simple beirarrúa para poder saír andando das casas

Alertan da intención municipal de abrir o transporte público á competencia privada

0

A irrupción dos vehículos verdes de Bolt na cidade fan reflexionr sobre a falta dunha ordenanza específica para regular as VTC (vehículos de transporte con condutor).

Así o entende o movemento Sumar, que pide ao Concello e á Xunta que actúen para protexer o sector público do transporte, tendo en conta que a nova ordenanza que formula o Concello podería abrir a porta á competencia privada, permitindo autorizacións urbanas de VTC, algo que “resulta incompatible coa defensa dun modelo público de mobilidade”, para Sumar.

Lembran que a normativa vixente —a Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres (LOTT), o seu Regulamento (ROTT) e o Real Decreto-lei 13/2018— deixa claro que os servizos  urbanos das VTC só poden realizarse baixo condicións establecidas polas Comunidades  Autónomas e os Concellos. “A Xunta ten competencias para fixar regras e limitacións nos traxectos urbanos, e o Concello pode facelo mediante a súa ordenanza de mobilidade, sancionando prácticas irregulares. Pero na Coruña, en lugar de corrixir o baleiro legal que existe, o goberno local semella disposto a abrir o mercado do transporte público á competencia privada, o que resulta incomprensible nun executivo que se define como progresista e que conta co apoio do BNG”, denuncia.

“É preocupante que a alcaldesa Inés Rey poida estar valorando autorizar licenzas de VTC —afirma Trinidad Palacios, voceira de Movemento Sumar Coruña—. Tiñan diante un problema coñecido e, en lugar de actuar para protexer o público, elixen camiños que poden ser lesivos para o servizo de mobilidade da cidade”, denuncian, apoiando as reivindicacións dos taxistas na manifestación celebrada en Santiago esta semana.

As plataformas VTC non son un servizo público e operan baixo modelos de tarifas dinámicas que poden dispararse nos momentos de alta demanda, como á saída dun concerto ou nun episodio de choiva intensa. Un informe estatal difundido pola Cadena SER en maio de 2025 estimou que os usuarios destas plataformas pagan arredor de 42 millóns de euros anuais en sobrecustos, unha realidade que evidencia a falta de control e a desigualdade de condicións respecto ao transporte regulado.

Por todo isto, Movemento Sumar Coruña esixe “á Xunta de Galicia que estableza de inmediato un marco normativo firme e claro para as VTC, e ao Concello da Coruña que
descarte calquera proposta que implique abrir o transporte público á competencia privada e aposte por unha regulación que defenda o interese xeral, a igualdade e a mobilidade sostible”.

Novas relacionadas

Os VTC poderán circular pola Zona de Baixas Emisións da Coruña nas mesmas condicións que os taxis

A Xunta interpuxo 112 multas a vehículos VTC por servizos urbanos na Coruña

A Xunta reclama á alcaldesa da Coruña “exercer as súas competencias” sobre os VTC

Antonio Fernández Amil publica “¡Viva Santa Eulalia!”

0

Antonio Fernández Amil, vigués afincado na Coruña dende hai anos, vén de lanzar unha nova novela coral, tenra e disparatada, ambientada nunha vila galega onde a fe se confunde coa superstición, a devoción co vermú e o incenso coa marihuana.

O texto, de 350 páxinas, narra a aventura ao redor de Tinín, un neno que fai da inocencia unha forma de insolencia e que é elixido para representar á santa na procesión local.

En Viva Santa Eulalia! desfilan bispos e gardas civís, mestres e pícaros baixo a mirada dun humor acedo e entrañable. Cunha prosa áxil e diálogos punzantes, Fernández Amil constrúe unha comedia sacra, un esperpento litúrxico, unha historia desmadrada chea de personaxes inesquecibles que rin, dubidan, loitan e aman. En definitiva, unha sátira feroz e fermosa sobre o divino e o humano, perfecta para lectores dun Valle-Inclán posmoderno, de Mendoza, ou fans de Corda e Berlanga. En palabras do autor: “esta novela non pide fe, pide humor”, e engade: “se a vida non pode tomarse demasiado en serio, a literatura menos aínda”.

O autor publicou en 2022 xunto a Esther Rey e Alicia Tojeiro Non deixarei de buscarche. A historia de Quin (Ed. Galaxia, ISBN 978-84-9151-959-1). Viva Santa
Eulalia! é o seu segundo libro