Inicio Blog Páxina 332

A antiga Alu Ibérica acollerá unha planta piloto de fabricación de grafito para baterías de coches eléctricos

0

Resonac Graphite Spain obtivo a licenza para implantar na Coruña unha planta piloto para a fabricación de grafito para baterías de coches eléctricos. Será nas instalacións da antiga planta de Alu Ibérica e estará operativa en 2025, segundo as previsións da empresa.

O Concello da cidade herculina, na última Xunta de Goberno, concedeu a licenza á compañía para a reforma da devandita nave, segundo confirmaron fontes municipais. A intención da empresa é converterse “nunha das primeiras plantas de Europa” que se encargue de principio a fin do proceso de produción de grafito para o uso de baterías de coches eléctricos.

Así o explicou o conselleiro delegado e presidente da unidade de grafito de Resonac para Europa, Oriente Medio e África, César Castiñeira, nunha entrevista a Europa Press, en xaneiro deste ano.

Mariscadores da ría do Burgo urxen a Goberno central e Xunta axudas mentres non poidan faenar

0

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo reclamaron, unha vez máis, “tanto ao Executivo central como á Xunta” o pago de axudas mentres non poidan faenar tras a finalización das obras de dragado, á espera de que crezan as crías. Fixérono nunha nova protesta ante a Delegación do Goberno en Galicia.

Que poñan fin a esta problemática tan alongada no tempo que está a asfixiar cada vez máis a economía e a vida dos profesionais que viviamos do marisqueo na ría do Burgo”, esixiu o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir.

Neste sentido, expuxo que “a día de hoxe o ingreso que se debe do último trimestre, febreiro, marzo e abril, aínda non chegou á conta“. “Seguimos á espera, nin ingreso do que se nos debe nin vistas de querer solucionar esta problemática”, lamentou.

Respecto da postura da Unión Europea, Baldomir explicou que lles foron enviados os informes elaborados pola Confraría de Pescadores da Coruña respecto ao proceso de dragado. “Esperemos que, en breve, poidan porse en contacto co Goberno de España a ver por que se adxudicou unha obra con irregularidades e díganlle que entre en razón e dean unha solución aos traballadores“, indicou.

Sinalizada, sobre adoquín, a primeira fase do carril bici que une o Paseo cos Cantóns

0

Anunciaba o Concello a comezos de setembro a acometida da máis que necesaria unión do carril bici entre o Paseo Marítimo e Os Cantóns. O punto negro do envexado carrilbici herculino, o punto que permitiría conectar os dous grandes treitos de carril: o paseo marítimo, e a zona dos Cantóns que conecta cos barrios da Pescaría, o ensanche, Catro Camiños, Elviña… e a saída da cidade, mesmo ata o CHUAC.

O Concello anunciaba un investimento de máis de 104.000 euros nesta actuación, cun de prazo de execución de catro meses, e formulando a posta en marcha da unión, para comezos de 2025, dependendo evidentemente das obras de San Andrés.

Este mediodía de mércores 30 de outubro xa puidemos ver a primeira parte do carril… Como avisaban o percorrido ciclista pola rúa Nova, ata o cruzamento con San Andrés, está delimitado sobre o propio pavimento de adoquín, coa correspondente sinalización horizontal. “Unha chambonada”, aseguran os grupos de ciclousuarios.

Queda tempo para comprobar se quedarán mellor a segunda e a terceira fase deste pequeno pero necesario treito de carril.

Máis novas

En marcha a necesaria unión do carril bici do paseo marítimo e os Cantóns

A Marea sobre BiciCoruña: “O servizo debe mellorar nos barrios para que sexa unha alternativa na mobilidade cotiá”

 

A rede gastronómica provincial da Deputación

0

Rematou o Congreso Gastronómico A Provincia que sabe @degustacoruna. 3 días de charlas, degustacións e encontros (20 actividades e 35 relatores de diferentes puntos do estado da restauración, formación, comunicación, empresarial, distribución, produción…). cos que a área de Turismo da Deputación da Coruña tivo intención de poñer en valor e visibilizar a calidade do produto da provincia, así como seguir tecendo unha rede singular arredor de profesionais e de produtos locais.

Pivotando na Coruña, o congreso quixo deslocalizarse para destacar o papel do rural e do noso mar, organizando eventos en Betanzos, Fene, Padrón, Boiro ou Carballo. Unha demostración do potencial desta provincia que ten, por exemplo, 5 panandeiros entre os 50 mellores de España, segundo acabamos de comprobar este pasado martes.

Foi no Náutico de Razo onde remataba o congreso, cunha xornada que serviu para ratificar a rede que ten conseguido o vicepresidente da Deputación nestes últimos anos. Ovación reseñable a que recibiu Xosé Regueira por parte do sector cando tomou a palabra para pechar o congreso. Unha demostración do respecto e agradecemento que lle teñen as máis 90 empresas desta familia provincial xerada nos últimos anos, e que andan levando o noso produto de calidade e a nosa sabedoría na cociña por toda a península.

Xose Regueira no Nautico de Razo no congreso a degustacoruna
Xose Regueira no Nautico de Razo pechando o Congreso

Regueira, un político consensuador e executor por riba de todo, recoñecido mesmo polos grupos políticos doutras cores, ademais de agradecer a todo o esforzo do seu equipo da Deputación, recoñeceu marchar “moi contento, porque escoitei falar estes días do que queríamos falar: territorio, paisaxe, identidade, produto, diferenciación, reto, produto, calidade.” Destacou o “territorio riquísimo, tanto en paisaxe como en produto” que temos na provincia, e deixou claro que “o reto está en crérnolo”, onde “reside a nosa potencialidade”.

Equipo da Deputacion da Coruna da area de Turismo
Equipo da área de Turismo da Deputación da Corunña

O seu discurso, pero sobre todo a recepción por parte dos produtores, hostaleiros e formadores que participan nestes “saraos”, deixan claro que hai, cando menos, unha administración que si aposta polo “produto local de calidade”.

E deixou patente Regueira o seu medo a que se lle tomen estes eventos por “green washing”, a ese lavado de cara de institucións que utilizabn a palabra sustenable só na lírica. “Temos 5 proxectos en marcha en clave de turismo sustentable na área de turismo da Deputación, e 4 son gastronómicos”, sinalou poñendo o foco no desafío da autosuficiencia que se formula na axenda 2030, onde, por exemplo, un tercio dos nosos alimentos, terán que saír do mar.

”Círculo de valor”

A Artesa da Moza Crecha no congreso degustacoruna
A parella artistas A Artesá da Moza e do Nado no Congreso

Precisamente do mar saían os mexillóns de Boiro ou algas de Portomuíños, pero tamén da nosa terra saíron os chicharróns e chourizos de Chicha Lovers de Santa Comba e Santiago ou as máxicas legumes da Despensa D’Lujo de Coristanco coas que se fixeron algúns dos produtos presentes na degustación do Náutico de Razo, realizados pola parella de artistas da Artesá da Moza Crecha de Betanzos xunto con Iván Domínguez do Nado Restaurante da Coruña.

Toda unha delicia chea de microhistorias que crean un círculo de valor dos nosos produtos.

Charlas no MUNCYT

A xornada de peche comezaba no MUNCYT, onde houbo diferentes charlas. Creadores de contidos, e alumnado do CIFP de Hostalería Pase das Pontes tomaron boa nota da dieta atlántica, da man de especialistas internacionals como xentes do Basque Culinary Center, do Madrid Culinary Campus ou da Asociación de Sumilleres de Galicia.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)


”Debemos recuperar a fame por aprender” foi unha das reflexións na sesión formativa na que participou a herculina Beatriz Sotelo, do CIFP Paseo das Pontes, na que fixeron patente a necesidade de afondar na formación continua en cociña pero tamén en xestión.

Falouse ben en clave de identidade. “Os consumidores cada vez máis queren saber de onde sae o produto que compra, e Galicia vincúlase coa calidade, polo que destacamos é unha boa estratexia de marca”. “Hai que coidar as orixes” e “potenciar o “orgullo” de pertenza.

Máis novas

As mil e unha caras do Fórum Gastronómico

A Xunta propón sancionar con 3.000 euros á familia Franco por non abrir ao público a Casa Cornide

Xunta propuxo unha sanción de 3.000 euros á familia Franco por non abrir ao público a Casa Cornide, situada na zona da Cidade Vella na Coruña. Así o informaron fontes autonómicas consultadas por Europa Press que precisaron que se lles notificou unha proposta de resolución e que agora a familia do ditador ten un prazo de 15 días para presentar alegacións.

Isto despois de que antes do verán a Administración galega lles reclamase, nun escrito remitido por correo ordinario, a apertura do inmoble en cumprimento da lexislación tras a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Mentres, consistorio herculino mantén, á súa vez, iniciados os trámites para recuperar para o patrimonio municipal o edificio, cuxa propiedade ostentan na actualidade o Franco.

Unha exposición renderá homenaxe na Coruña ao mestre e humorista Miguel López, o ‘Hematocrítico’

0

Unha exposición promovida polo Concello da Coruña renderá homenaxe ao autor, mestre e humorista Miguel López, coñecido como o ‘Hematocrítico’ e que faleceu de forma inesperada o ano pasado.

A mostra, ‘Hematocrítico Ilustrado’, promovida en colaboración con HematoFesti e comisariada por Matilde Rodríguez, abrirá ao público o próximo 5 de novembro.

Será no Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco) onde o público interesado poderá vela ata o 6 de xaneiro.

A mostra inclúe traballos de recoñecidos ilustradores como Alberto Vázquez, Mar Villar, Paco Roca, Eugenia Ábalos, Olga Capdevila, Albert Monteys, Martín Romeu, Laura Árbore e Cyntia Hierro.

O xurado declara culpable de asasinato ao home que matou á súa parella no Birloque

0

O xurado considerou culpable de asasinato ao home xulgado, na Audiencia Provincial da Coruña, pola morte da súa parella no barrio coruñés do Birloque, en setembro de 2021, despois de asestarlle varias puñaladas ao querer ela romper a relación tras unha convivencia previa desde xullo.

Fiscalía e acusación particular mantiveron, na última sesión do xuízo, celebrado na Audiencia Provincial da Coruña, a petición de condena de 25 anos de prisión, con agravantes de aleivosía, parentesco e xénero. Tamén incidiron en ausencia de “colaboración” por parte do procesado, así como falta de arrepentimento.

A defensa, pola súa banda, ratificou a petición de cualificación de homicidio para o procesado, así como a aplicación, entre outras, da atenuante de arrebato ou obcecación e de actuar tras consumo “de alcol e drogas tóxicas”.

No xuízo, especialistas do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) rexeitaron que o acusado padeza algun trastorno de personalidade nin trastorno psicótico, aínda que se ratificaron un historial de “dependencia de alcol e outras sustancias”. Tamén rexeitaron que haxa elementos para considerar que tiña alterada a súa capacidade cognitiva o día dos feitos, tras os cales fuxiu polo que foi detido días despois en Madrid.pois en Madrid.

O responsable da investigación do crime de Samuel Luiz: “Foi unha actuación grupal e atroz”

0

O xefe do grupo de investigación de delitos de delincuencia organizada e violenta cando se produciu a morte de Samuel Luiz (na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés tras unha malleira) atribuíu a unha “actuación grupal, inhumana e atroz” o ocorrido ese día. “É imposible evitar a consecuencia final”, sentenciou a preguntas da fiscal sobre a morte da vítima e tras un relato dos feitos en base ás testificais solicitadas pola Policía, 54, e o visionado das imaxes durante tres meses, ademais da análise dos teléfonos dos presuntos implicados.

“Non podemos acreditar a ninguén máis como partícipe”, asegurou ao ser preguntado por unha defensa se “se lles puido escapar alguén máis” como presunto autor da agresión, que, ratificou, prolongouse durante uns minutos. “Hai tráfico de chamadas entre os autores esa noite“, expuxo en relación ao encontro que, segundo as acusacións, mantiveron os acusados nun parque tras o sucedido. Isto tras especificar previamente, en base ao resultado da investigación, que os cinco procesados estiveron, con distinto nivel de participación, no “núcleo da agresión”. “Algúns máis preto e outros máis separados pero chegan todos”, resumiu.

“UNIDADE DE ACCIÓN”

Con “unha unidade de acción continuada”, dixo ao referirse tanto a un primeiro punto, onde a vítima recibe “puñadas e patadas” no exterior dun local de lecer, para continuar noutros puntos máis do paseo marítimo “ata chegar ao final”, onde o falecido cae esborrallado. Cuestionado pola orixe da agresión, manifestou que “os comentarios despectivos que recibe Samuel“. “Só porque lle contestou dicindo que non estaba a gravar”, apostilou sobre o momento en que Diego M.M. recrimina á vítima que lle grave e este replícalle que está a facer unha videochamada.

PARTICIPACIÓN

Este policía, máximo responsable da investigación desde xullo ata principios de novembro de 2021, ratificou que a Diego M.M., Catherine S.B. e Alejandro F.G. se lles detivos como resultado da investigación, sen que acudisen voluntariamente, e que Kaio A.S.C. acudiu aos poucos días dos feitos á Policía pero para exculparse polas referencias que había del en redes sociais. “Dixo que ía separar, logo puidemos determinar que non era certo”, sentenciou respecto ao día dos feitos para especificar, ademais, que non dixo a verdade aos policías en cuestións como a vestimenta que levaba.

“Polo menos unha patada”, relatou respecto dunha testifical que, admitiu, motivou a súa detención, sen poder aclarar, a preguntas do avogado de Kaio, que logo esta testemuña dixese que lle viu “cargar”, pero non dar a patada, segundo o declarado tamén no xuízo. Deste procesado, o policía afirmou que se lle ve, nas imaxes visionadas en “tres meses de investigación”, correndo a “toda velocidade” cara ao “núcleo da agresión principal”. Tamén confirmou que a última detención foi a de Alejandro M.R., do que indicou que compareceu só ao ser citado xa con posterioridade aos arrestos e non desde un primeiro momento como fixo outro mozo da contorna dos procesados. “Chamounos a atención”, recoñeceu.

Sobre este acusado, asegurou que unha testemuña declarou que lle expuxo: “non puiden facer nada porque me parou un negro”. “Véselle correndo detrás de Kaio e entra no punto do núcleo da agresión e nun momento dado sae disparado”, engadiu xa sobre as imaxes dese día. A preguntas da súa defensa, precisou que “ningún o sinala” ao ser cuestionado se hai testemuños ou imaxes que confirmen que agredise ao falecido. En canto ao presunto roubo do móbil de Samuel por parte de Kaio (feito polo que, ademais de asasinato, impútaselle este delito) explicou que non é ata unha segunda declaración co seu letrado cando di que se atopou un teléfono “por alí e que llo leva”. “Un dos amigos refíreo”, sinalou sobre o suposto tento de venda do teléfono.

SECUENCIA DOS FEITOS

Todo iso nunha declaración para determinar a presenza ou non dos acusados ese día, aínda que centrándose, sobre todo, en resposta ás preguntas das acusacións, en Catherine, Kaio e Alejandro M.R. para tratar de determinar a súa posible implicación. De Diego M.M. e Alejandro F.G. (o primeiro iniciaría a agresión e o segundo agarraría polo pescozo á vítima facendo a técnica do ‘mataleón’, segundo testificais previas á sesión deste mércores) aseverou que, de acordo co resultado da investigación, son os que se “abalanzan” sobre a vítima xa desde un primeiro momento da disputa.

De Catherine sinalou que “aparta” á amiga de Samuel “impedindo que axude”. “Súmase Kaio a gran velocidade e Alejandro Míguez”, en referencia neste caso ao momento no que a este se lle ve no punto inicial da agresión. “Aí prodúcense patadas e puñadas, segundo as testemuñas, que refiren seis ou sete persoas”, engadiu sobre os individuos que participarían na agresión inicial, feitos polos que se detivo tamén a dous mozos que eran menores entón e que xa foron condenados a tres anos e medio nun centro de internamento.

Isto nunha exposición na que ratificou que só unha persoa inicialmente e logo dous senegaleses trataron de auxiliar ao falecido. Tamén con preguntas dalgunha das defensas sobre se nas imaxes de vídeos se ve que alguén portase unha botella ou unha navalla. “Refíreno testemuñas, eu non o vin”, incidiu tras precisar, a outra defensa, que nun rexistro nun domicilio dun dos menores condenados atoparon unha navalla, sen poder concretar máis respecto deste extremo. No xuízo prestaron tamén declaración os dous axentes que chegaron ao lugar dos feitos, tras ser avisados. Un deles confirmou que a amiga de Samuel lle dixo que a apartara unha persoa, “unha moza”, para “impedir” que axudase á vítima.

TESTEMUÑOS SOBRE A ÚNICA ACUSADA

Antes, unha testemuña pedida polo letrado de Catherine S.B., que coñecía a esta desde os once anos e que conviviu con ela seis meses, expuxo que esta “nunca” mostrou unha actitude despectiva cara á súa persoa pola súa orientación sexual. Respecto diso, e a preguntas deste avogado, dixo que tamén o defendeu cando lle chamaron “maricón”. “Incomodáballe”, engadiu ao ser cuestionada pola actitude da acusada ante descualificativos así, o que, segundo as acusacións, empregou tamén ela contra o falecido.

Por iso, pídenselle 25 anos por delito de asasinato con agravante de discriminación pola orientación sexual de Samuel. Esta pena solicítase tamén para a súa entón parella, Diego M.M. (ao que as acusacións consideran a persoa que iniciou a agresión) e co que esta testemuña precisou que só levaba a súa amiga tres meses con el. “Nada”, contestou cando a fiscal lle preguntou se, a pesar de coñecela desde os once anos, a procesada non lle contou sobre o día da malleira mortal.

Máis novas do caso

O pai de Samuel Luiz: “O que fixeron co meu fillo foi odio, nin a un can se lle deixa así tirado”

Testemuñas no xuízo de Samuel: “Chamáronlle maricón de merda”

Testemuñas escoitaron berrar ao acusado que iniciou a agresión a Samuel: “Voulle pegar unha puñalada no corazón”

A única muller acusada no crime de Samuel Luiz inculpa ao seu exmozo e outros dous procesados

Un dos mozos senegaleses que quixeron axudar a Samuel: “Estaba cheo de sangue, nunca viramos algo así”

A acusación popular no xuízo pola morte de Samuel : “Foi unha agresión en grupo, unha manda”

 

O profesorado da Escola Municipal de Música mantén as mobilizacións

0

Volveron saír á rúa as traballadoras e os traballadores da Escola Municipal de Música da Coruña, esta pasada tarde-noite de martes 29 de outubro. Ao remate do horario lectivo, ás 20:30h, saíron diante da propia da escola, situada na rúa da Torre, 67. 

Manteñen así o calendario de mobilizacións coordinadas pola CIG a pesar das promesas do goberno local chegadas a semana pasada, esixindo a xestión directa, que se dote o centro dos orzamentos necesarios e que se cumpra co estabelecido no convenio colectivo. 

A loita continúa, cando menos ata o 7 de novembro, cando o persoal vai realizar unha nova protesta en María Pita, ás 09:45h, coincidindo coa celebración do pleno municipal ao que, en teoría, se levará o novo modificativo de crédito (xa o 5º deste ano) para a EMM e subsanar as necesidades e débedas co persoal traballador.

Esta cantidade para o pago dos atrasos salariais que irá a pleno a próxima semana está pendente de contar cos votos necesarios e o resto de compromisos trasladados na última reunión coa concellaría de Cultura tamén están supeditados a que se aproben os orzamentos municipais para 2025.

Máis novas

As mobilizacións do persoal da Escola de Música non cederán ata que se confirmen os compromisos municipais

A Escola Municipal de Música xa cae a anacos

Persoal da Escola Municipal de Música da Coruña mobilízase para pedir a xestión directa do consistorio

Administradores de Leiras de Galicia estudan alegacións á nova ordenanza de vivendas turíticas da Coruña

0

O Colexio oficial de Administradores de Leiras de Galicia (COAFGA), integrado por máis de 600 profesionais, estuda a posibilidade de presentar alegacións ao borrador da ordenanza de vivendas turísticas da Coruña “co obxectivo de achegar recomendacións e preservar os intereses das comunidades de propietarios administradas e representadas polos seus colexiados”.

Así o informa nun comunicado no que asegura que a entidade colexial “apoia o uso turístico de vivendas sempre que se realice de forma controlada e regulada, garantindo un equilibrio entre a actividade turística e a convivencia veciñal”.

Tamén cre indispensable que estas vivendas “respecten as normativas urbanísticas establecidas e conten co consentimento previo da comunidade de propietarios dos edificios residenciais nos que queren operar”.

Por outra banda, valora a recente sentenza do Tribunal Supremo que permite prohibir as vivendas de uso turístico (VUT) “se se alcanza unha maioría de tres quintos na votación da xunta de propietarios”. A corporación considera que esta resolución “fortalece a seguridade xurídica tanto para as comunidades de propietarios como para os administradores de leiras colexiados”.