Inicio Blog Páxina 4

Traballadores de Ferroglobe mobilízanse contra o ERTE da empresa

Traballadores de Ferroglobe mobilizouse este mércores ante a fábrica de Sabón, en Arteixo, contra o Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) presentado pola empresa para 113 empregados durante ano e medio.

O comité (CIG e UGT) rexeita este ERTE por consideralo “totalmente desproporcionado” ao enviar 113 traballadores ao ERTE desde o 1 de agosto de 2026 ata final de 2027, “sendo o corpo directivo o menos afectado por esta regulación”.

Ferroglobe alega causas organizativas polo prezo da enerxía e a baixada de prezos pola competencia do mercado asiático, o cal o comité non ve xustificado.

Nun comunicado, a CIG subliña que “non pode ser que unha vez máis o conxunto dos traballadores e traballadoras sexan quen pague as consecuencias de factores totalmente alleos á planta de Sabón”.

Neste sentido, lembran que este é o cuarto ERTE que Ferroglobe aplica na fábrica de Arteixo e que cada vez se acurta máis o tempo da actividade produtiva entre expedientes. O último terminou a súa vixencia en decembro de 2024, polo que o persoal “nin sequera tivo tempo a repor o dereito íntegro a cobrar o paro”.

Advirte que de executarse o ERTE que pretende a empresa, os traballadores esgotarían a súa prestación por desemprego, sen que ademais existan garantías de continuidade dos postos de traballo.

PERÍODO DE CONSULTAS E FOLGA

O período de consultas do expediente termina o 28 de xullo e “as posturas das partes están moi afastadas”, xa que o persoal entende que o tempo de aplicación do ERTE resulta excesivo e que unha empresa da magnitude de Ferroglobe “ten capacidade económica suficiente para asumir un complemento salarial que permita que o persoal non vexa minguado o seu poder adquisitivo”.

De maneira paralela á concentración, unha representación do comité mantivo unha reunión con representantes da consellería de Industria e de Emprego para demandar a intervención da administración, tendo en conta que Ferroglobe é beneficiaria de millonarias subvencións e axudas públicas e que a planta de Sabón é a única instalación en todo o Estado dedicada á produción de silicio metal.

A sección sindical da CIG xa ten convocada folga na fábrica para o vindeiro luns, 27 de xullo, en resposta ao ERTE e ante a falta de avances na negociación coa empresa.

Inés Rey reclama á Xunta que asuma as súas competencias sobre os centros escolares

Como fixo esta semana xa o concelleiro de Educación, o Concello volve poñer no tellado da Xunta a lamentable situación de moitos centros de ensino da cidade. Desta volta, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, instou ao Executivo galego a elaborar un “plan de investimento serio e concreto” para os centros escolares da cidade ante “cada vez máis necesidades” dos mesmos.

“As carencias estruturais son competencia da Xunta”, recalcou para esixir que “invista nos centros educativos” da urbe herculina.

Neste sentido, explicou que o goberno local facilitoulle ao autonómico un “estudo con carencias e necesidades” e solicitou “ata en catro ocasiones” unha reunión cos responsables neste ámbito. “Non temos resposta”, denunciou.

“Non pode ser que anuncie actuacións en máis de 360 centros escolares de Galicia para este verán e ningún estea na cidade da Coruña”, criticou.

Así mesmo, a rexedora detallou que o municipio ten “programada a execución de 1,7 millóns en investimentos nos colexios e 2,7 en mantemento para 2026”. “Non é suficiente o que inviste o Concello fronte ás necesidades que teñen os centros”, asegurou.

Así o manifestou tras asinar un convenio de colaboración coa Federación de Anpas. O mesmo inclúe un investimento de 450.000 euros nunha “ampla oferta de actividades”; entre outras, deportivas, culturais e de idiomas. O obxectivo é, segundo recalcou, “mellorar e defender unha educación de calidade para a cidade” e contribuír a “axudar ás familias na conciliación”.

 

Máis novas

O Concello pon na Xunta a responsabilidade do deterioro dos centros de ensino

Da “Casita” de Bad Bunny á “Estanquera” de Saigón

12 novas citas musicais para o porto coruñés

0

Segue pechado o porto de Batería para que as iniciativas privadas aproveiten e moneticen o espazo teoricamente aberto para a cidadanía.

E ademais dos Alejandro Sanz, Recordas ou Morriñas, o Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, impulsa unha nova edición de Son & Mar A Coruña, un ciclo cultural e musical composto por 12 eventos entre os meses de setembro e outubro.

A iniciativa combinará concertos, festivais temáticos, actividades familiares e propostas de acceso gratuíto, reforzando a posición da Coruña como destino de referencia para o turismo cultural e de eventos, unha vez que está coordinado polo Consorcio de Turismo.

O ciclo arrancará o 18 de setembro coa actuación do recoñecido DJ e produtor italiano Gabry Ponte, unha das figuras internacionais máis destacadas da música dance, e continuará cun programa que inclúe propostas tan diversas como o Picapop Tardeo, as xornadas familiares de Mundo Juego, a fusión de música electrónica e flamenco de Sacro Mestiza, a cita urbana Dale Flow ou a festa internacional Bresh XXL.

A programación reserva tamén un espazo destacado para a creación galega a través de propostas como Orballo Cultural e Treboa Sonora. A programación culminará o 11 de outubro coa celebración do Wake Up! Festival, unha gran festa dedicada á música electrónica.

Programación de Son & Mar A Coruña 2026

● 18 de setembro | Gabry Ponte
● 19 de setembro | Picapop Tardeo. Sesión musical con DJs e grandes éxitos do pop nacional e internacional.
● 20 de setembro | Mundo Juego (gratuíto). Xornada familiar con actividades e propostas participativas.
● 25 de setembro | Sacro Mestiza. Fusión de música electrónica e flamenco creada polo dúo Mestiza.
● 26 de setembro | Dale Flow. Noite dedicada ao reggaetón e aos novos sons urbanos e latinos.
● 27 de setembro | Orballo Cultural (gratuíto). Encontro arredor da música galega e da cultura de raíz.
● 2 de outubro | Equis. Proposta centrada nas novas tendencias musicais contemporáneas.
● 3 de outubro | Treboa Sonora. Festival dedicado ao talento musical galego emerxente e consolidado.
● 4 de outubro | Mestizo Runner (gratuíto). Evento que combina música, deporte e participación cidadá.
● 9 de outubro | Bresh XXL. A popular festa internacional chega ao porto da Coruña cun gran formato.
● 10 de outubro | One Dance. Edición Tardeo. Homenaxe á música dance das décadas dos 90 e 2000.
● 11 de outubro | Wake Up! Festival. Clausura do ciclo cunha gran celebración da música electrónica.

Máis citas

Grande Amore, Ortiga, Océano Esquizo, Loita Armada ou Zavala, protagonistas do cada vez máis potente Lembranza Rock

O Festival Noroeste presenta a súa programación por días e espazos

Este venres A Coruña abordará a aprobación de cinco novas rutas aéreas nacionais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recalcou que a cidade herculina aposta por recuperar conexións nacionais na súa política aeroportuaria. Así o manifestou a preguntas dos medios de comunicación respecto da convocatoria por parte do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña para a licitación de rutas desde o aeroporto de Alvedro con Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante.

“Convocarase para mañá ou pasado a Xunta do Consorcio de Turismo para aprobar esa licitación onde apostamos por recuperar esas conexións nacionais”, expuxo para engadir que se dotarán “estes novos contratos de maior duración”. O obxectivo, explicou, é que as mesmas “sexan máis rendibles e haxa máis estabilidade á hora de facer a planificación das rutas”.

Cuestionada polos tempos de adxudicación, avanzou que o goberno local tratará de “axilizalo o máis rápido posible”. No entanto, subliñou que “a lei ten uns prazos”.

ABORDARASE ESTE VENRES

A xunta de goberno do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña abordará este venres a aprobación da licitación de cinco novas rutas aéreas nacionais desde o aeroporto de Alvedro e dun convenio de colaboración con Inditex para a promoción turística da cidade. Segundo informou o Concello herculino nun comunicado, a iniciativa é froito da colaboración institucional entre o propio goberno local, o Consorcio de Turismo e a empresa galega, coa finalidade de mellorar e consolidar o posicionamento da urbe “como destino turístico, empresarial e congresual de referencia”.

A nova licitación incluirá cinco lotes correspondentes ás conexións directas con Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante, mercados considerados “estratéxicos” para a cidade polo seu potencial turístico, económico e de negocio. “A mellora da conectividade aérea é unha cuestión estratéxica para o futuro da cidade porque nos permite atraer visitantes, facilitar as relacións empresariais e ampliar as oportunidades de mobilidade para a cidadanía”, reivindicou a alcaldesa, Inés Rey. Estas novas rutas suporán, por exemplo, máis de 200 voos e un mínimo de 37.440 prazas ao ano entre A Coruña e Málaga ou A Coruña e Valencia, así como 180 voos a Bilbao ou preto de 300 con Sevilla, entre outros.

INDITEX

Pola súa banda, o convenio con Inditex recolle que a empresa achegará 1,5 millóns de euros para a promoción turística da cidade. Este convenio estará en vigor nos anos 2026 e 2027 e será prorrogable un ano máis. Unha vez asinado este pacto, o Consorcio convocará un novo concurso para rutas internacionais semellante ao que se aprobará este venres para os destinos nacionais, engadiu o goberno local.

A colaboración con Inditex volve demostrar que cando as institucións e empresas traballan na mesma dirección somos capaces de impulsar iniciativas que xeran valor para toda A Coruña. Este acordo permitirá afrontar con máis recursos retos estratéxicos relacionados coa promoción turística, cultural e económica da nosa cidade”, sentenciou Rey.

FEIRA DAS MARABILLAS

Foi tras a presentación de décimo terceira edición da Feira das Marabillas que se celebrará desde este mércores ata o domingo 26. A Cidade Vella encherase de música, teatro, pasacalles, espectáculos de lume, artesanía e gastronomía para recrear o ambiente da Idade Media, explicou a rexedora. “Facía anos que non viamos tanta xente o primeiro día, supoño que é o preludio do que vai ser durante os próximos días”, avanzou a rexedora.

Escalando cos avós

0

O Rocódromo de Riazor acollerá o próximo venres, 24 de xullo, unha xornada de portas abertas de escalada inclusiva e interxeracional con motivo do Día Internacional dos Avós, que se celebrará dous días despois. A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas e está dirixida principalmente a avoas, avós, netas, netos e, en xeral, a persoas de todas as idades a partir dos cinco anos.

O evento está organizado por AMI (Agrupación de Montañeiros Independentes) e impulsado pola Fundación Emalcsa no marco da XII Convocatoria de Deporte Inclusivo.

O encontro será de balde e terá como finalidade “favorecer a convivencia, a inclusión e a creación de vínculos familiares a través da práctica deportiva. É unha oportunidade para achegarse a esta disciplina nun ambiente de cooperación e acompañamento”, sinala Mariquiña Castiñeira, coordinadora de AMI.

A actividade organizarase en tres quendas para facilitar o seu desenvolvemento e ordenar a participación. Será necesario inscribirse previamente e cada persoa poderá tomar parte
unicamente nunha delas. As prazas son limitadas, polo que deberá reservarse con antelación a través do teléfono habilitado pola organización: 667 967 227 ou neste formulario.

 

 

A Coruña reclama colaboración público privada para a promoción turística logo dun acordo con Inditex

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apelou á colaboración público privada para a promoción turística tras un acordo con Inditex que permitirá “reforzar” a estratexia exterior da urbe herculina.

“É momento de agradecer e recoñecer a súa implicación e vinculación co desenvolvemento da cidade”, destacou. Fíxoo a preguntas dos medios de comunicación sobre a Xunta de goberno do Consorcio de Turismo e Congresos deste venres, onde se abordará a aprobación da licitación de cinco novas rutas aéreas desde Alvedro e dun convenio coa devandita compañía mediante o cal a multinacional achegará 1,5 millóns de euros.

“Debería ser exemplo para moitas grandes empresas, que as temos na Coruña e na área metropolitana, de como cooperando e traballando xuntos podemos facer que unha infraestrutura como o aeroporto de Alvedro siga despuntando e xerando valor e novas rutas e destinos“, expuxo.

Foi tras recalcar que a nova licitación inclúe as rutas nacionais a Málaga, Valencia, Bilbao, Alacante e Sevilla, mercados considerados “estratéxicos” para a cidade polo seu “potencial turístico, económico e de negocio”. En concreto, o Concello investirá nesta iniciativa 6,5 millóns de euros.

Ao mesmo tempo, a rexedora avanzou que “no seguinte lote, irán rutas internacionais que xa se irán detallando”. A este respecto, apuntou que “agora” non van concretar prazos.

O BNG rompe o acordo de investidura co PSOE na Coruña a uns meses das eleccións municipais

Veñen avisando dende hai meses, e hoxe a portavoz do grupo municipal do BNG na Coruña, Avia Veira, anunciou a ruptura do acordo de investidura que a súa formación mantiña co goberno local do PSOE, encabezado pola alcaldesa, Inés Rey. O BNG considera que o PSOE incumpriu os compromisos adquiridos. “Damos por rotos os acordos co Partido Socialista, o acordo orzamentario e o acordo de investidura”, concretou Veira en rolda de prensa. “Non podemos soportar máis incumprimentos”, incidiu.

Neste sentido, a portavoz nacionalista citou o que considerou “asuntos pendentes”, entre outros, na área de urbanismo, cultura ou medio ambiente e criticou que a rexedora “non é consciente de que non ten nin a maioría simple no Concello da Coruña”. “Depende de nós para todo o que queira poñer en marcha”, destacou para engadir que “actúa coma se tivese maioría absoluta”. “Non o imos seguir soportando”, reiterou.

Veira relatou a serie de incumprimentos en materia de Persoal do Concello (non se realizou unha nova RPT), de mobilidade (carril bus, melloras nos horarios, mellora do carril bici, que se rescaten os aparcadoiros públicos…), de Política social (non se impulsou un Plan de Inclusión Social nin un Plan de Accesibilidade Universal, de Deportes (lamentando as condicións laborais das traballadoras e traballadores das conserxarías das instalacións deportivas), de Cultura (lembrando o procedemento da substitución da dirección da Fundación Luís Seoane, a falta de unificación da Rede de Bibliotecas ou o Programa de Lecer, no que continúa a precariedade), de Memoria Democrática, de Vivenda, de Educación (a falta de mantemento dos coles públicos), de Participación ou de Medio Ambiente (coa planta de Nostián como “xoia da coroa”).

ALCALDESA

Pola súa parte, a rexedora, cuestionada sobre este asunto nun acto, reprochou que o BNG “decidise, a menos dun ano das eleccións — fixadas para maio de 2027 –, que quere situarse ao carón do Partido Popular, é dicir, na oposición”. “Se é o que eles queren ofrecerlles aos cidadáns da Coruña e á cidade, sentarse coa dereita para votar todo en contra“, expuxo sobre a súa decisión.

Do mesmo xeito, explicou que o goberno local vai “seguir traballando”. “Temos uns orzamentos aprobados, estámolos executando e levando a cabo melloras”, argumentou. “Seguiremos así a partir de maio de 2027”, avanzou para incidir en que “quen queira poñerse fóra do taboleiro será unha cuestión que expliquen eles”.

Máis novas

O BNG pídelle ao Goberno Local informes sobre a situación económica

O BNG condiciona o seu apoio ao PSOE a buscar “unha solución para o buraco económico” nas contas

O BNG alerta a PSOE que romperá o pacto orzamentario “se se tocan” investimentos ou “se recortan servizos”

Inés Rey insiste nunha área metropolitana de taxi: “A realidade actual é supramunicipal”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou a creación dunha área de prestación conxunta do taxi ao argumentar que “todos” os actores implicados entenden que “a realidade actual é supramunicipal”. “Con esa visión metropolitana traballaremos conxuntamente co sector do taxi, co resto dos concellos e coa Xunta”, recalcou. “Excede os límites do municipio”, reiterou sobre este servizo público.

Fíxoo a preguntas dos xornalistas sobre a reunión mantida este luns entre representantes do consistorio e do sector do taxi tras o acordo entre a Xunta e o Concello herculino para crear unha área de prestación conxunta que mellore o servizo e facilite a mobilidade entre os concellos da contorna.

“Pactaremos con eles todos os pasos que hai que dar e unha futura regulación desa zona de prestación conxunta a nivel metropolitano”, avanzou tras destacar a “moi boa sintonía” entre as partes implicadas. Coa posta en marcha desta medida, segundo expuxo, os usuarios “poderían coller taxis tanto na Coruña como no resto dos concellos, con independencia do lugar onde estean censados”. Así, explicou, “aqueles que teñen un servizo de taxi máis deficitaria disporían de moitos máis taxis e, polo tanto, dun mellor servizo público”.

O PP da Coruña tacha de “mar de cemento” a reforma dos Cantóns

O portavoz municipal do PP da Coruña e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo, instou á rexedora da cidade herculina, Inés Rey, a “rectificar” a reforma da zona Os Cantóns-Obelisco. “Gastouse 8 millóns de euros nun mar de cemento que non convence a ninguén”, insistiu durante a súa visita, este martes, ás obras.

“É un atentado visual no corazón da cidade. E se non a retiran, cando sexa alcalde virei cun pico e unha pa para derrubalo eu mesmo”, sinalou lembrando que “só un 4% será zona verde”. “Máis de 10.000 metros cadrados dos cales soamente 750 é zona verde”, reiterou.

Ademais alertou da existencia de “perigo para a seguridade viaria” na zona.”Cremos que vai haber situacións perigosas que deben ser resoltas antes de que se inaugure”, insistiu e comprometeuse a facer modificacións respecto diso “dentro de 10 meses, cando sexa alcalde”.

“Alcaldesa, aínda está a tempo de rectificar”, recalcou tras incidir en que “toda esta actuación está mal configurada” e reclamar “outra forma de gobernar e de facer as cousas” por parte do consistorio municipal.

 

Avanzan cara unha nova fase as obras de remodelación nos Cantóns

Así será a reurbanización dos Cantóns

O Concello pon na Xunta a responsabilidade do deterioro dos centros de ensino

0

Continúa amosándose o enfrontamento directo entre Xunta e Concellos, neste caso o da Coruña, en relación ao mantemento e rehabilitación dos centros escolares. A fina separación entre responsabilidades dunha e outra administracións (a Xunta é a responsable de rehabilitacións e reformas e os concellos do mantemento) provoca que haia un claro deterioro nos colexios de todo o país.

Nesta confrontación, o Concello herculino vén de dar un paso máis presentando un informe á Xunta onde se detallan todas as necesidades de mellora estrutural da rede de colexios do termo municipal. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, visitou as instalacións da delegación Educación da Xunta para entregarlle o informe, onde se detallan todas as carencias que están a sufrir os centros da cidade debido á falta de investimento do Goberno autonómico.

Neste sentido, Borrego insistiu na esixencia municipal de que a Xunta aprobe un plan de investimento e rehabilitación dos colexios públicos da cidade.

“Nós facemos todo o que está ao noso alcance e mesmo máis cos recursos limitados que temos. Mais necesitamos que a Xunta faga o seu traballo. Que asuma as competencias que son súas. Trátase da educación dos nosos fillos e fillas”, apuntou Borrego, que tamén esixiu a través do escrito a aprobación e execución dun Plan de Rehabilitación Integral dos Colexios na cidade da Coruña que intensifique as actuacións nos 29 centros de primaria (28 CEIPs e o CEE Nosa Señora do Rosario) e trace un camiño claro para modernizar as instalacións da cidade, que teñen unha media de antigüidade de 50 anos.

“O CEIP Curros Enríquez é un edificio dos anos 30 que ten uns problemas de accesibilidade importantes. E é só un dos exemplos das decenas de obras e investimentos das que necesitamos con urxencia que a Xunta se faga cargo. En definitiva, que fagan o seu traballo. O Concello só non pode facer fronte a todo”, engadiu o concelleiro, que tamén lamentou que, máis de 300 obras en centros educativos anunciadas pola Xunta para este verán, non houbese practicamente ningunha en centros de primaria da Coruña.

“O cambio da cuberta do CEIP Sal Lence, unha demanda histórica e moi necesaria, é o único proxecto que a Xunta ten en programación. O resto son pequenas actuacións que non son suficientes para cubrir as necesidades actuais”.

Para tratar de reconducir a situación, o Concello propúxolle á Xunta manter reunións periódicas para trasladar de forma clara e fluída todas as necesidades dos colexios públicos da cidade.

Obras municipais

Aproveita o Concello para anunciar os proxectos que temos en marcha como a reforma do patio e mellora da accesibilidade do CEIP María Pita, a renaturalización do patio do CEIP María Barbeito, a adecuación do patio do CEIP Nosa Señora do Rosario, a reforma do polideportivo do CEIP Ramón de la Sagra, a renovación do parque infantil no CEIP Concepción Arenal, a rampla de acceso do CEIP Cidade Vella ou a última fase da fachada do CEIP Raquel Camacho.

Este ano, o Concello destina 1.749.677 € a investimentos en colexios e 2.713.000 euros á execución do seu plan de mantemento anual, e este verán realizará un total de 45 intervencións en 22 colexios para emendar desperfectos.

Celemin, novo concelleiro

Celemin novo concelleiro

O pleno deste pasado luns viviu a toma de posesión de Jesús Javier Celemín Santos, concelleiro que se incorpora ao Goberno municipal para asumir a área de Infraestruturas. O nomeamento de Celemín supón o seu regreso ao executivo local. No pasado mandato, dirixiu áreas como Educación, Cultura, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego. Agora, tras a chegada de Celemín, que pilotará a concellaría de Infraestruturas.

Máis novas

As familias volveron saír á rúa para esixirlle a Xunta un Ensino Público de Calidade

As Asembleas Abertas do Ensino Público organizan a toda a comunidade escolar pensando xa nas seguintes mobilizacións

As familias da ANPA do CEIP Prácticas manteñen viva a loita por unha escola digna

As familias saíron á rúa para denuncian o abandono estrutural do ensino público e o ridículo dos nosos responsables políticos

Delegados da CIG-Ensino e ANPAs mobilízanse na Coruña para denunciar o “abandono” das instalacións educativas