Inicio Blog Páxina 45

Evalúan o estado de limpeza da praia de Gandarío

A familia da Asociación Mar de Fábula colaboraba este pasado venres coa Empresa TEIGA TMI -MMYPEM do polígono industrial de Bergondo, para coordinar unha limpeza da praia de Gandarío. Unha vintena de traballadores da empresa participaron na xornada que tamén serviu de avaliación do estado de saúde do area.

Un areal que na inspección previa hai 15 días estaba bastante limpa, pero que este pasado venres estaba ateigada de lixo. Durante hora e media, voluntarios e traballadores non tiveron acougo carrexando cara ao centro de operacións na praia, moreas de redes e cabos de feitura estraña, de malla grande e pequena, ás veces aparellos longos, todos cor da area, non feitas do habitual nylon ou material sintético senón como de algodón ou material antigo. Un total de 229 unidades de lixo, entre elas tamén 25 cabichas e 51 toalliñas húmidas.

O peso resultante foron 163 kilos, apenas unha mostra desta abraiante invasión. O concelleiro de Medio Ambiente de Bergondo, que en todo momento acompañou a limpeza, acordou investigar sobre cal podería ser a orixe desta brutal contaminación mariña.

Limpeza de Mar de Fabula en Gandario 3

Avaliación ambiental

Mar de Fábula fai así o seu exame ao areal. Tendo en conta que a praia de Gandarío ten uns 700 metros de lonxitude e o Valor de Umbral fixado polos Expertos da CE para considerar que a unha praia ten un BEA (Bo Estado Ambiental) é de 20 items >2,5 cm. por 100 metros lineais de praia. É dicir, teríamos que ter atopado 140 ítems en lugar dos 229, un 35 % máis do límite fixado. E ísto, facendo abstracción da brutal invasión das redes e cabos antes mencionadas, recoñecen.

Limpeza de Mar de Fabula en Gandario 3

Máis novas

Unha limpeza global con epicentro en Santa Cruz

O Areal da Torre, un pouco máis limpo gracias aos salvadores do CIS e de Mar de Fábula

 

Tres persoas reciben atención sanitaria na Coruña tras un accidente de tráfico en Alfonso Molina e un incendio na rúa Panadeiras

0

Dous sucesos distintos mantiveron en alerta os servizos de emerxencia da Coruña durante a mañá desta xornada. O primeiro deles, un accidente de tráfico; o segundo, un lume nun inmoble do centro urbano. En total, tres persoas recibiron atención sanitaria, unha delas con necesidade de traslado hospitalario.

COLISIÓN FRONTAL NA AC-11

Pasadas as 11:00 horas, dous turismos colisionaron frontalmente na avenida de Alfonso Molina, a vía pola que discorre a estrada AC-11, á altura do núcleo de Santa Gema. O accidente, do que informaron fontes municipais ao 112, afectou á circulación na zona. Como consecuencia do sinistro, unha persoa resultou ferida leve e tivo que ser trasladada a un centro hospitalario para recibir atención médica.

INCENDIO NA RÚA PANADEIRAS

Aproximadamente dúas horas antes, arredor das 09.00 horas, os Bombeiros da Coruña acudiron a un edificio situado na rúa Panadeiras tras declararse un incendio no seu interior. Os efectivos desplazados ao lugar comunicaron ao 112 que o orixe do lume foi a combustión dunha manta térmica.

Como consecuencia do suceso, dúas persoas de idade avanzada precisaron ser atendidas polos servizos sanitarios no propio lugar dos feitos por inhalación de fume. Segundo a información trasladada dende o 112, en ningún dos dous casos foi necesario o traslado a un centro hospitalario.

O comercio Xusto celebra 40 anos en España e 21 na Coruña

0

Hai pouco cumpliron 20 anos en Galicia, pero en realidade as entidades que formamos parte do movemento polo Comercio Xusto no Estado español celebramos catro décadas de traballo conxunto promovendo un modelo comercial baseado na equidade, a sustentabilidade e o respecto aos dereitos humanos e ao medio ambiente.

Así o resalta a entidade Solidariedade Internacional Galicia, que quere celebrerar os “40 anos de Comercio xusto: Un modelo que transforma o mundo”. A entidade celebra o Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebrará hoxe 9 de maio, con diferentes accións nas súas tendas e canles de comunicación ao longo de toda a semana, co obxectivo de achegar á cidadanía as historias que hai detrás de cada produto e poñer en valor o impacto das decisións de consumo.

“O Comercio Xusto garante condicións laborais dignas, salarios xustos e prezos estables para as persoas produtoras, ademais de promover a igualdade de xénero, a loita contra a explotación infantil e o respecto polo medio ambiente. Cada produto é unha ferramenta de cambio que conecta o consumo diario co impacto global”.

O movemento de Comercio Xusto, articulado a través da Coordinadora Estatal de Comercio Xusto, consolidouse como un modelo solidario alternativo recoñecido pola recente Lei Integral da Economía Social. Desde a apertura da primeira tenda especializada en 1986, a rede conta hoxe con decenas de tendas e puntos de venda en todo o Estado, traballando con organizacións produtoras de América Latina, África e Asia.

Ademais, nos últimos anos, o Comercio Xusto tamén está a impulsar cambios nas cadeas de produción locais, promovendo condicións máis xustas tamén no ámbito estatal.

Paralelamente, as organizacións de Comercio Xusto desenvolven un importante labor de sensibilización social, especialmente a través do traballo en centros educativos e campañas de consumo responsable, contribuíndo a formar unha cidadanía crítica e comprometida.

O Consumo, o noso meirande voto

O Día Mundial do Comercio Xusto celébrase cada ano co obxectivo de reivindicar un modelo económico máis xusto e sostible, lembrando que a través das nosas eleccións de compra tamén podemos contribuír á transformación social.

 

Solidariedade Internacional celebrou 20 anos da tenda de comercio xusto de San Andrés

A Rede Acampa pola Paz, obrigada a disolver a súa actividade en Galicia

A Cruz Vermella celebrou o seu Día Mundial na Coruña cunha gran singular foto na Matadoiro

O persoal da Cruz Vermella na Coruña celebrou encheu este venres de vermello a praia do Matadero facéndose unha foto singular

Formando unha cruz na area, visible dende o paseo marítimo e rechamante pola cor vermella das camisetas dos participantes, o persoal recoñece así o compromiso dos 1.298 voluntarios e a confianza das 28.256 persoas e organizacións colaboradoras que, ao longo de 2025, fixeron posible o traballo da Cruz Vermella na provincia da Coruña. Grazas a este traballo, 29.310 persoas recibiron asistencia.

O evento, que a Cruz Vermella organiza cada ano con motivo do seu Día Mundial, é unha oportunidade para render homenaxe a quen sostén a acción humanitaria en todo o mundo.

Dez acusados afrontan 40 anos de prisión en total polo branqueo de capitais a través da compravenda de centos de coches durante unha década

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña ten previsto celebrar esta semana, en concreto os días mércores e xoves, o xuízo oral contra dez persoas acusadas de integrar unha rede dedicada ao branqueo de capitais mediante operacións de compra e venda de automóbiles. O Ministerio Fiscal solicita para cada un dos imputados unha condena de catro anos de cárcere —dous e medio polo delito de branqueo e un ano e medio por pertenza a grupo criminal—, o que eleva a 40 anos a suma total das penas reclamadas. A iso engádense multas individuais de 265.000 euros para cada un dos procesados.

Segundo o escrito de acusación, o esquema delituoso tería as súas raíces nun conxunto de infraccións previas —furtos, roubos, estafas e apropiación indebida— cometidas de xeito reiterado ao longo de dez anos, entre 2009 e 2019. Os fondos obtidos por esas vías ilícitas serían reinvertidos posteriormente na adquisición e posterior venda de vehículos de motor, un mecanismo que permitía, segundo sostén a Fiscalía, integrar ese diñeiro no circuíto económico ordinario e disimular a súa procedencia.

O escrito fiscal describe unha estrutura na que dous dos acusados asumirían un papel director, centralizando as xestións do grupo. Como parte da estratexia de encubrimento, numerosos vehículos aparecían rexistrados formalmente a nome dunha das procesadas, sen que isto respondese á realidade das operacións. A Fiscalía subliña, ademais, que na actividade da rede participaron familiares e terceiros que colaboraron facilitando trámites administrativos e documentación, e que en determinadas circunstancias se recorreu incluso á utilización dun menor de idade.

O volume de operacións atribuído a algúns dos imputados resulta especialmente salientable. Unha das acusadas figuraba como compradora de 126 vehículos nun período de cinco anos, entre 2012 e 2017, sen que os seus ingresos declarados puidesen xustificar semellante actividade. Outro dos principais investigados aparece vinculado á adquisición de catro automóbiles en circunstancias análogas.

O REXISTRO EN CARBALLO

Un punto de inflexión na investigación chegou en decembro de 2017, cando axentes policiais practicaron un rexistro nun domicilio do concello de Carballo, na provincia da Coruña. No interior do inmoble localizaron máis dun cento de contratos de compravenda, así como outra documentación que, segundo a acusación, habería sido elaborada expresamente co propósito de ocultar a identidade real das persoas que facían uso dos vehículos. Este material constituiría, a xuízo do Ministerio Público, un dos elementos probatorios centrais do caso.

17 centros de ensino público galegos demostraron o enxeño do alumnado galego na V Liga Maker Dron

0

Máis de 170 alumnos e alumnas participaron onte no Coliseum na V Liga Maker Drone, unha iniciativa organizada pola Fundación Barrié e o ITG que congregou a 17 centros educativos de toda Galicia nunha xornada na que as rapazas e rapaces amosaron a súa capacidade para resolver o reto de deseñar, programar e voar un sistema dron orientado a efectuar tarefas de mantemento en altura.

O desafío coroou novamente ao CPR Plurilingüe Montecastelo (Vigo) como gañador do certame, reeditando así a súa vitoria do ano pasado. O premio foi entregado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié; e Carlos Calvo Orosa, director general do ITG.

A xornada puxo en valor a implicación, enxeño e capacidade creativa das e dos alumnos que tomaron parte nesta edición da Liga Maker Drone, que tamén recoñeceu o labor doutros catro equipos participantes como o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña) acadou o premio á destreza en voo; o IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), que recibiu o premio ao mellor deseño; o CPR Las Acacias (Vigo), que obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disruptiva; e o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), que se levou o premio á mellor presentación.

Queres saber cales son os primeiros grupos confirmados do Festival Noroeste?

Echo & The Bunnymen, Bongeziwe Mabandla e Mari Froes conforman as primeiras confirmacións do XXXIX Festival Noroeste, que se celebrará na Coruña entre o 5 e o 8 de agosto. A praia de Riazor, as prazas de María Pita e Azcárraga, o parque de Santa Margarita, o Campo da Leña, O Portiño e o Castelo de San Antón serán os escenarios desta edición.

A presentación desta nova edición tivo lugar no Palacio de Deportes de Riazor, espazo que acolleu en 1986 o primeiro concerto deste festival, “un dos máis destacados de Europa grazas á súa ampla variedade de estilos, que van do jazz e o rhythm & blues ao post-punk, o rock e o metal”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.

No acto participaron tamén o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o representante de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que lembrou que é a terceira vez que a Xunta colabora nesta iniciativa coa que, engadiu, A Coruña se converte “nun lugar de referencia da música”.

Á súa vez, Xosé Regueira incidiu na “dinamización económica” que supón este evento, mentres que o representante de Hijos de Rivera destacou que haberá “sete escenarios para todos os gustos”. “Gratuítos para o público porque hai un esforzo das administracións e patrocinadores”, subliñou a rexedora.

Nesta edición, a música en galego terá unha presenza relevante con referentes como SES ou Catuxa Salom. Completa este primeiro anuncio Ana Lúa Caiano, Anna Andreu, Dorian, Fantastic Negrito, La Perra Blanco, MFC Chicken, Moura e Pamela Rodríguez.

Cazan na Coruña a un ciberdelincuente “altamente activo” que estafou máis de 440.000 euros a empresas

A Garda Civil e a Ertzaintza, no marco da operación conxunta Zigula-Nigal, procederon á detención na Coruña dun ciberdelincuente altamente activo como presunto responsable de múltiples estafas cometidas contra pequenas e medianas empresas de Euskadi, Aragón, Baleares, Madrid, Cataluña e Valencia. O importe estafado supera os 440.000 euros, e a investigación, dirixida por un xulgado de Azpeitia (Gipuzkoa) continua aberta, polo que non se descartan máis arrestos.

A investigación permitiu localizar e deter ao presunto autor, de 50 anos de idade e nacionalidade nixeriana, que presuntamente desenvolvía a súa actividade delituosa como integrante dun grupo criminal organizado con presenza en distintas provincias do Estado.

O agora detido adoptaba elevadas medias de seguridade e anonimización para dificultar a súa identificación, localización e detención, chegando a operar durante anos utilizando identidades falsas e documentación subtraída a terceiras persoas, algunha delas xa falecida.

Esta utilizaba esta documentación para abrir presencialmente contas bancarias e contratar cartóns SIM, ferramentas esenciais para a execución de estafas e para evitar deixar un rastro directo da súa actividade criminal. A detención practicouse durante o rexistro do inmoble no que residía actualmente na Coruña, onde os axentes interviñeron diversos dispositivos informáticos, teléfonos móbiles, cartóns SIM, documentación subtraída, cartóns bancarios a nome de terceiras persoas, un micro cámara espía e outros efectos relacionado coa actividade delituosa.

As pescudas realizadas no marco da cooperación policial apuntan a que o arrestado formaba parte dun grupo criminal estruturado en células distribuídas por distintas provincias da xeografía española, que lles permite executar múltiples ataques, dispersas rapidamente os fondos obtidos e dificultar a acción policial.

22 FEITOS DELITUOSOS

Ata o momento, os investigadores lograron esclarecer 22 feitos delituosos, logrando recuperar preto de 160.000 euros tras o bloqueo de distintas contas bancarias. O método empregado polo detido consistía principalmente na técnica coñecida como “man in the middle”, considerada unha das modalidades máis sofisticadas da ciberdelincuencia empresarial.

A través da interceptación de comunicacións reais entre empresas, principalmente mediante correo electrónico, os autores modificaban os números de contas bancarias sen levantar sospeitas, conseguindo desviar pagos a contas controladas pola organización criminal.

Para iso empregaban técnicas de enxeñaría social baseadas na manipulación e a xeración de confianza entre as vítimas. As pequenas e medianas empresas constitúen un obxectivo especialmente vulnerable debido á súa estrutura máis áxil, a menor implantación de protocolos de seguridade e a relación directa entre empregados e provedores.

Un correo electrónico aparentemente lexítimo, unha chamada realizada no momento adecuado ou unha falsa situación de urxencia eran suficientes para inducir ás vítimas a realizar transferencias bancarias que acababan nas contas controladas polos ciberdelincuentes. Ao detido atribúenselle os delitos de pertencía a grupo criminal, estafa continuada, descubrimento e revelación de segredos, falsificación de documentos privados, usurpación de estado civil e branqueo de capitais.

A investigación conxunta coordinada polo CITCO (centro intelixencia contra o terrorismo e crime organizado) e dirixida polo tribunal de instancia sección civil e de instrución, praza número 2 de Azpeitia (Gipuzkoa), continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Avanzan cara unha nova fase as obras de remodelación nos Cantóns

As obras de remodelación dos Cantóns enfilan unha nova fase de actuacións que, a inicios da semana que vén, se focalizará na rúa Santa Catalina e na súa contorna. A alcaldesa, Inés Rey, remarcou estes traballos, “necesarios para completar a pavimentación de Santa Catalina entre Durán Loriga e os Cantóns”.

Estas tarefas permitirán reconfigurar este tramo, que pasará a ser totalmente peonil, para darlle continuidade a un percorrido natural a pé desde a praza de Mina ata a rúa Real. A previsión da dirección de obra dos Cantóns é que os traballos nesta parte de Santa Catalina comecen o vindeiro luns 11 de maio, o que esixirá cortar o tráfico no acceso á rúa da Estrela ata o día 26 deste mes.

De todos os xeitos, manterase a accesibilidade peonil e, dado que a rúa da Estrela é zona de paso de servizos de carga e descarga dos establecementos hostaleiros e tamén hai garaxes, habilitarase un acceso provisional desde San Andrés.

A Xunta avala a planta de residuos en Arteixo no informe de impacto ambiental

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se fai público o informe de impacto ambiental do proxecto dun centro xestor de residuos na parroquia de A Pastoriza, no municipio de Arteixo.

En concreto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade recolle o informe relativo á valorización de residuos perigosos e non perigosos procedentes do desmantelamento de extintores e ao almacenamento de baterías.

Faino de conformidade coa normativa vixente en materia e en relación cun proxecto promovido na devandita parroquia do municipio coruñés por Aficon Seguridad y Contraincendios. O informe pódese consultar na web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ou de forma presencial nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.