Inicio Blog Páxina 60

#IAEducativaDay3. A Coruña acolle un dos mellores eventos sobre a aplicación da Intelixencia Artificial no ensino

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o 8 de maio a terceira edición dun dos mellores eventos de Intelixencia Artificial aplicada á educación deste ano, o #IAEducativaDay3.

Este evento, organizado pola Asociación INTEDUA (IAEducativa) en colaboración coa UDC, a Xunta de Galicia e outras institucións educativas e empresariais, preséntase como unha valiosa oportunidade que reunirá a máis de 350 docentes de diferentes países e niveis para compartir, explorar, reflexionar e afondar en como a IA está a transformar a educación e a aprendizaxe nas nosas comunidades.

Tras os exitosos resultados do último evento #IAEducativaDay2, celebrado en Sevilla o 10 de outubro de 2025, os organizadores renovaron o formato, permitindo a participación de máis de 30 líderes internacionais no sector educativo.

Durante o evento, os asistentes poderán gozar de paneis de expertos internacionais, presentacións de alto valor, debates de actualidade, obradoiros, unha mesa redonda e mesmo unha gravación de podcast en directo e unha sala 100 % en liña que mostrará exemplos e mellores prácticas de IA, cun enfoque pedagóxico e consideracións éticas, en diversas institucións.

Este ano, contan co apoio comunicativo de varios socios de comunicación e o patrocinio de varias empresas colaboradoras (Convocatoria de patrocinadores).
A experiencia estará financiada ao 100 % pola Asociación INTEDUA para os participantes, valorada en máis de 350,00 € cada un.

Poden inscribirse nesta ligazón.

Máis novas

Fina Paulos, recoñecida como Mellor Docente de Secundaria de España nos Premios Educa Abanca

A mestra oleirense Fina Paulos lanza un novo libro sobre o uso nas aulas da Intelixencia Artificial

Denuncian o caos vivido onte nos Institutos polas probas diagnósticas de Secundaria

Realizábanse onte nos institutos de secundaria do país as probas diagnósticas para medir nivel dos centros, para medir o estado de saúde do ensino público galego. Unha avaliación anónima, que se fai a través de probas ao alumnado 2º da ESO nos IES, e de 4º de Primaria nos CEIP (que se realizarán a semana que vén).
Pois o colapso acontecido onte nas plataformas dixitais provocou que os centros perdesen media mañá de onte e teñan que estar hoxe tamén realizando as probas.

Dende as ANPAS Galegas e da CIG denuncian a “chapuza total” dun sistema que, por primeiro ano, realiza estas medicións a través de plataformas dixitais, que ademais son privadas.

Dende as ANPAS Galegas denuncian ”a falta de previsión por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional”. “Houbo problemas coas actualizacións, a plataforma funcionou con moita lentitude, tiveron problemas coa conexión, conectábase e desconectábase e nalgúns casos, sen asistencia técnica”.

Probas de diagnóstico

Estas probas de diagnóstico das competencias adquiridas polo alumnado son obrigatorias para todos os centros de ensino e teñen carácter formativo, informativo e orientador e co obxectivo da mellora do sistema educativo e realízanse para os cursos 4º de educación primaria e 2º de educación secundaria.
En primaria avaliarán a competencia matemática, as competencias en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua estranxeira: Francés e Inglés, e os obxectivos das áreas de Ciencias Sociais e Ciencias Naturais.

En educación secundaria obrigatoria avaliaranse a competencia matemática, as competencias en comunicación lingüística en Lingua Castelá e Literatura, en Lingua Estranxeira: Alemán, Francés e Inglés e os obxectivos das materias de Xeografía e Historia, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía.

Dende as ANPAS entenden que “a avaliación do sistema educativo ademais de ser de obrigado cumprimento é necesaria para a mellora educativa por iso é preciso que se poñan todos os medios dispoñibles para que a realización destas probas se leve a cabo sen contratempos”. “A realización destas probas estaba prevista e non pode haber lugar á improvisación como aconteceu no día de hoxe coas probas a 2º de secundaria e agardamos que nas de primaria teñan resoltas todas as eivas e se poidan realizar con normalidade”, tendo en conta ademais que o alumnado de 4º de Primaria non ten o programa edixgal polo que non está familiarizado a traballar en entornos dixitais.

Pola súa parte, a CIG-Ensino xa o advertira: “o caos nas avaliacións de diagnóstico era previsible”, sinalan, entendendo que se ían realizar “sen instrucións claras, sen información suficiente e sen garantías sobre a súa aplicación podía derivar nun auténtico caos organizativo”.

 

Máis novas

Delegados da CIG-Ensino e ANPAs mobilízanse na Coruña para denunciar o “abandono” das instalacións educativas

As familias saíron á rúa para denuncian o abandono estrutural do ensino público e o ridículo dos nosos responsables políticos

Arrancan os actos do 125 aniversario dos sucesos de maio de 1901 na Coruña cunha homenaxe ás misteiras

0

O Ateneo Aurora e o colectivo Refuxios da Memoria, convocan para este vindeiro domingo, día 19 de abril, ás 12.30 horas, diante do monumento ás misteiras da praza de Monforte da Coruña, un acto público de lembranza á folga das operarias da fábrica de mistos que nos meses de abril e maio de 1901 desenvolveron unha folga que foi prólogo da masacre obreira de maio de 1901.

Este acto forma parte do amplo programa de actividades que ao longo do presente ano lembrarán os sucesos de maio de 1901 na nosa cidade. Este programa está impulsado por unha comisión de entidades culturais, sindicais, etc. entre os que se atopan, xunto a Refuxios da Memoria e o Ateneo Aurora, os sindicatos CGT e CNT, xunto a organizacións libertarias como Xesta e Naide e a editorial anarquista Bastiana.

Misteiras

O programa deseñado para esta aniversario lembrará como nos días 30 e 31 de maio de 1901 tivo lugar unha folga xeral de tres días, a primeira en Galiza, en solidariedade e condena polo asasinato dun folguista durante a chamada “folga dos consumeiros”. Esta folga xeral paralizou por completo a actividade da cidade e milleiros de persoas acompañaron o corpo do obreiro asasinado ata o cemiterio. A declaración de estado de guerra foi seguida dunha brutal represión que deixou sete persoas falecidas, ducias de feridos e feridas e as cadeas ateigadas de presos e presas, que serían xulgados por consellos de guerra e condenados a penas de ata 20 anos de reclusión. En 1906, a iniciativa das Sociedades obreiras e por subscrición popular, levantouse un monolito no cemiterio de Santo Amaro en lembranza das vítimas.

 

Máis novas

Olladas doutro tempo: Estación do Norte

O BNG pregunta polo incumprimento da Lei de Memoria Democrática

Culleredo retira honras franquistas e cambia o nome de dúas rúas por memoria histórica

As historias das loitas das traballadoras da Coruña: “Non Calarás non é unha exposición máis”

Satisfacción na Academia Galega do Audiovisual trala boa acollida da Semana do Cinema Galego

0

Satisfacción esta semana na Academia Galega do Audiovisual tralo peche, o pasado venres da VII edición da Semana do Cinema Galego. A cidade volveuse converter nun punto de encontro co mellor audiovisual galego recente, e ao longo de catro xornadas, o Teatro Colón e a Domus acolleron a proxección de 8 filmes, que rexistraron unha notable afluencia de público e colgaron o cartel de completo en varias sesións.

A mostra acadou nesta edición unha media de máis de 600 espectadores por xornada no Teatro Colón. Por primeira vez o ciclo proxectaba as sesións das longametraxes documentais na Domus, onde conseguiu encher todas as sesións cunha media de máis de 200 asistentes por xornada, colgando o cartel de aforo completo en dúas delas. Esta edición mellorouos datos de anos anteriores e confirmou o crecente interese do público polas producións galegas.

Falando con Alejandro Gandara na Semana do Cinema Galego na DOMUS+
Falando con Alejandro Gándara na Semana do Cinema Galego na DOMUS

As proxeccións estiveron acompañadas polas presentacións dos equipos dos filmes, que compartiron co público detalles dos procesos creativos e das rodaxes. Estes encontros, que volveron ser unha das sinais de identidade da mostra, favoreceron o diálogo directo entre cineastas e espectadores.

Os títulos exhibidos nesta edición foron Sirât, de Oliver Laxe, Premio Mestre Mateo á Mellor Longametraxe; As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns; San Simón, de Miguel Ángel Delgado; Antes de nós, de Ángeles Huerta; Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras; Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas; O silencio herdado, de Lucía Dapena González; e 360 curvas, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, Premio Mestre Mateo a Mellor Documental.

Máis novas

“Sirat” e “As liñas discontinuas” abriron a potente Semana do Cinema Galego

Sirat e Antes de Nós triunfan nuns Mestres Mateo de protagonismo feminino

“Reformar a Primaria é facela protagonista, cando a día de hoxe está sendo a última dentro do sistema sanitario”

Celebrouse esta mañá de luns 13 de abril unha Concentración no Centro de Saúde de San Xosé, polo Día Internacional da Atención Primaria. Convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, xuntou a ducias de persoas que reivindicaron a importancia dos centros de saúde e os médicos de familia no sistema sanitario galego.

Un dos voceiros da Plataforma, Ramón Veras, incide na importancia da Atención Primaria, qeu adoita ser calificada de “fundamental” tamén para o goberno, pero sen corresponderse despois co apoio real en investimento.

Veras, médico de familia xubilado dende o ano pasado, lembra que “se falla a Primaria o paciente non ten defensa dentro do sistema”. Percibe unha fonda “preocupación entre a xente hai, outra cousa”, recoñece “é que se mova máis ou menos”. Con todo, valora que “todo aquel que por desgraza ten que buscar unha asistencia teno cada vez complicado, tanto en Primaria como en Hospitalaria, onde ademais cada día é unha atención máis pechada”.

Lembrou os meses de folga na Atención Primaria, lamentando o pouco tempo do que dispoñen os bos profesionais para desenvolver o seu traballo, dando conta de que “se tes un médico de familia qe non te coñece, estás perdido”.

É crítico coa Xunta. “A Consellería parece que no debate parlamentario dixo que ía reforzar a estrutur e que vai facer “outro grupo de traballo”. Levan 17 anos gobernando, e só imos a peor. Cando chegaron había xerencia exclusiva de Primaria, pero delegaron á Xefatura de Área que sempre por por diante a atención Hospitalaria”, lamenta.

MANIFESTO NO DÍA DIA INTERNACIONAL DA ATENCIÓN PRIMARIA.
A ATENCIÓN PRIMARIA DEBE MELLORAR A SAÚDE DA POBOACIÓN E A RACIONALIDADE DO SISTEMA SANITARIO, PERO CARECE DO APOIO POLÍTICO NECESARIO PARA SOBREVIVIR

Os sistemas sanitarios orientados á Atención Primaria teñen unha maior esperanza de vida, menores taxas de mortalidade, mellor control das enfermidades crónicas e garanten un  funcionamento eficiente do resto do sistema sanitario.

Porén, a Atención Primaria en Galicia atravesa unha grave crise por falta de apoio político e de recursos suficientes. Son ben coñecidos os problemas para contactar cos centros de saúde, as longas esperas para recibir atención, a substitución das consultas presenciais por telefónicas, as dificultades nas interconsultas hospitalarias e a carencia de profesionais necesarios para ofrecer unha atención integral baseada na promoción, prevención e atención comunitaria.

A espera media para acceder aos centros de saúde supera os 10 días, chegando en moitos casos a máis de 15 días; milleiros de nenas e nenos carecen de pediatra; e o persoal abandona a Atención Primaria pola precariedade laboral, mentres se incorporan profesionais sen formación especializada, poñendo en risco o modelo sanitario público.
Como consecuencia deste deterioro, dispáranse os casos graves, colapsan as urxencias hospitalarias, empeora o prognóstico das enfermidades e aumenta o sufrimento das persoas, ao tempo que se favorece o recurso á sanidade privada.
Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública Costa da Morte denunciamos o proceso de desmantelamento que está a sufrir a Atención Primaria na nosa comarca.

A falta de profesionais é alarmante, especialmente no caso da pediatría, o que obriga a que as nenas e nenos teñan que desprazarse fóra do seu concello para seren atendidos. Esta situación é inaceptable e evidencia o abandono do rural por parte da administración sanitaria.
As listas de agarda para unha consulta médica superan incluso os 15 días, impedindo unha atención axeitada e a tempo. A política sanitaria do señor Rueda non lle dá ningunha prioridade ao rural, deixando centros de saúde, como o de Zas, con prazas médicas sen cubrir e sobrecargando ao único profesional dispoñible.

A Atención Primaria necesita cambios e melloras para saír da crise. Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, esiximos:

  • 1. Incrementar os recursos da AP ata o 25% do orzamento sanitario (está no 14%).
  • 2.- Garantir a accesibilidade, e a continuidade asistencial con máis profesionais: Medicina de Familia, Pediatría, Enfermaría, Saúde Mental, Fisioterapia, Traballo Social, Saúde Buco Dental, Logopedia, Persoal Administrativo, Matronas, entre outros, para dar unha Atención Integral nos Centros de Saúde.
  • 3.-Unha política de persoal xusta e incentivadora, con oposicións anuais ata completar as prazas vacantes na actualidade.
  • 4. Combater o abuso da medicalización e a burocracia innecesaria.
  • 5. Reorientar a atención primaria cara á Saúde en lugar da enfermidade, desenvolvendo estratexias de saúde comunitaria.
  • 6. Que a atención que se presta dende a Hospitalización a Domicilio (HADO), sexa por criterios sanitarios e non por distancia ao Hospital de Referencia. Por riba de estar máis lonxe do Hospital non reciben este servizo.
  • 7. Asegurar a formación e a investigación de calidade en todas as categorías de persoal.
  • 8. Incentivar a Participación Cidadá, ca posta en marcha do Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.
  • 9. Prestar especial atención á saúde mental e ás persoas maiores.

Máis novas

Que pasa na sanidade pública? Hai responsables?

As chaves da folga de médicos na atención primaria galega

A nai de acollida que ameazou cunha folga de fame logra que a Xunta escolarice o seu fillo na Coruña

A coruñesa Carmen Villar, que ameazou cunha folga de fame ao considerar que a Xunta non actuaba ante a situación de non escolarización do seu fillo de acollida, cun 49 % de discapacidade recoñecida, logrou finalmente que o Goberno autonómico facilite a incorporación do menor a un centro da Coruña. “É unha sensación agridoce. Estou contenta porque o neno vai poder ir ao cole, pero é moi lastimoso ter que chegar ata aquí para que tomen en consideración o problema. Foron 14 meses moi duros e a decisión da folga provocoume moito sufrimento”, relataba este luns Carmen Villar a Europa Press.

Pola súa banda, a Consellería de Educación confirmou que equipos deste departamento, así como de Política Social da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, atenderon este luns a esta nai e acordaron unha solución provisional para o menor. Villar, que denunciou este domingo que o seu fillo de acollida, de 15 anos e cun 49 % de discapacidade recoñecida, levaba 14 meses sen escolarizar, explicou que o rapaz “empezará esta semana nunha aula específica dun centro ordinario” e asegurou que “lle prometeron unha praza de educación especial en setembro”.

UN MENOR CON DEPEDENCIA SEVERA E 14 MESES SEN ESCOLARIZACIÓN

B. —inicial do menor—, que ten recoñecido un grao de dependencia severa, foi acollido de forma permanente por Villar e a súa parella hai 12 anos e está, ademais, baixo tutela da Xunta. Durante os cursos 2023-24 e 2024-25 estivo escolarizado no centro Agarimo, en Arteixo (A Coruña), onde, segundo relatou Villar a Europa Press, “conviven nenos con diferentes casuísticas”.

Porén, segundo explicou a nai de acollida, o propio equipo educativo admitiulle á familia unha “falta de medios”, unha situación que derivou en múltiples incidentes e que acabou coa súa expulsión cautelar en febreiro de 2025 por motivos de seguridade. “Puxeron unhas medidas cautelares nas cales se explica que non poden garantir a integridade do neno, dos seus compañeiros nin do equipo educativo”, criticaba.

A FAMILIA DENUNCIA “DESPROTECCIÓN INSTITUCIONAL”

Desde entón, o menor non regresara a un centro destas características. Ante esta situación, a familia aseguraba sentirse nunha situación de “desprotección institucional”, unha realidade que Carmen Villar decidiu denunciar publicamente. Agora, tras semanas de presión e despois de chegar a ameazar cunha folga de fame, a familia conseguiu unha saída provisional que permitirá que o menor volva incorporarse ao sistema educativo mentres agarda por unha praza estable de educación especial a partir de setembro.

As traballadoras das grandes cadeas do textil e calzado póñense en folga

Asinar un novo convenio a nivel estatal e recurtar dereitos adquiridos polas traballadoras na provincia da Coruña, é a intención das patronais, con Inditex á cabeza, do comercio textil e do calzado. A entrada en vigor do convenio estatal de ARTE provocaría que as traballadoras do sector da nosa provincia perdesen ata 2.000€ ao ano en soldos, no marco dunha completa perda de dereitos laborais.

Ante esta situación o persoal das grandes cadeas de téxtil e calzado das catro provincias galegas está chamado a secundar unha xornada de folga o vindeiro venres 17 -no caso da Coruña a convocatoria esténdese tamén ao sábado 18-.

Con motivo da folga, na cidade da Coruña o venres está convocada unha manifestación ás 12 horas dende o CC Catro Camiños até a sede da patronal (Praza de Luís Seoane) e o sábado día 18 haberá mobilización ás 12 horas dende a Praza de Lugo.

Lucía Domínguez, delegada da CIG e traballadora do sector, denunciou que a sinatura do convenio promovido pola patronal ARTE (na que están presentes as grandes multinacionais do comercio téxtil e do calzado) significaría a imposición de salarios entre 2.000 e 3.000 euros anuais, dependendo da categoría, por debaixo do que estabalece o convenio provincial da Coruña. Unha recorte que chegaría os 5.000 euros para o persoal de nova incorporación nas tendas do Grupo Inditex.

Ademais, estabelécese unha xornada efectiva de traballo anual superior e pérdense outros dereitos como antigüidade, licenzas, días de asuntos propios, o complemento até o 100% nas baixas ou melloras na conciliación, ao tempo que se incrementa a flexibilidade e a falta de previsión nos horarios e calendarios.

Domínguez enmarcou a negociación deste novo convenio estatal nunha estratexia patronal para centralizar as relacións laborais e sindicais e ir deteriorando as condicións e dereitos acadados polas traballadoras nas provincias máis combativas ao longo das últimas décadas.

Para impedir a entrada do convenio ARTE, a CIG xa se dirixiu á patronal galega (na que ten a maioría Inditex) para negociar e asinar un acordo interprofesional galego de comercio que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais sobre os estatais, tal e como se fixo en Euskadi. “Porén, a patronal galega négase rotundamente a esta posibilidade”, lamentou.

Inditex paga ao persoal de ETT por debaixo de convenio

Doutra banda, informou que a Inspección de Traballo da Coruña -a instancias dunha denuncia da CIG- vén de constatar que Inditex leva anos pagándolle ao persoal contratado por ETT por debaixo do que marca o convenio provincial do comercio vario. Tras do informe realizado, a Inspección iniciou procedemento sancionador contra Inditex, vai reclamar as cotizacións e os salarios deixados de abonar pola compañía dende o ano 2022 e ampliará a súa actuación a todo o Estado.

Entre outros conceptos, a empresa non lle pagou ao persoal de ETT nin os 200 euros/mes incluídos no convenio provincial  tras as mobilizacións de 2023, nin as comisións, nin outros complementos estabelecidos por convenio e acordos coa propia empresa. “Son centos de traballadoras e traballadores afectados a quen Inditex deixou de pagar miles de euros”, indicou Domínguez.

A CIG-Servizos cuantifica unha diferenza -en cómputo anual- de entre 6.000 e 7.000 euros con respecto ao que o persoal contratado por ETT debería ter cobrado e os cartos que realmente percibiu, “xa que Inditex está abonando 4,5 euros/hora menos do marcado no convenio colectivo”.

Criticou que a compañía dificultou enormemente a denuncia e a investigación porque de maneira sistemática denegou aos comités das distintas marcas os datos de contratación a través de empresas temporais “co obxectivo de ocultar este grave incumprimento”. De feito, a CIG- Servizos advertiulle a Inditex en reiteradas ocasión que non estaba cumprindo coa lexislación laboral e que acudiría á Inspección de Traballo, mais a empresa rexeitou corrixir estas eivas.

Máis novas

Jevaso, o “xigante textil” que crece por fóra pero se baleira por dentro

Traballadoras das tendas de Inditex deron a “benvida” a Marta Ortega á tenda de Juan Florez

“Traballo para Inditex e non chego a fin de mes”

Dereito de rodada

Dúas familias disputan na Audiencia da Coruña a Primitiva de 4,7 millóns e levan ao banco ao loteiro e ao seu irmán

Dúas familias reclaman a chamada Primitiva Millonaria da Coruña, un boleto premiado no ano 2012 con 4,7 millóns de euros, nun xuízo que comezou este luns na Audiencia Provincial da Coruña e que senta no banco dos procesados o loteiro acusado de quedar co boleto e o seu irmán, daquela delegado provincial de Loterías e Apostas do Estado, por presuntamente colaborar para facelo posible.

As acusacións exércenas, por unha banda, a viúva e a filla do home que, segundo a investigación policial, sería o verdadeiro propietario do boleto, xa falecido, e, pola outra, a representación doutra persoa que no seu momento tamén reclamou o premio ao asegurar que era seu. Os letrados das primeiras solicitaron que se apartase a acusación particular que representa esta última parte ao entender que carecía de lexitimación, unha postura compartida por outras partes personadas. Con todo, o tribunal rexeitou esa petición, así como o resto das cuestións previas formuladas, ás que se dedicou esta primeira sesión do xuízo.

Na vista están personadas a Fiscalía, as acusacións particulares, as defensas, a aseguradora e a Avogacía do Estado, nun procedemento que se celebra 14 anos despois dos feitos. Os dous irmáns chegaron á Audiencia Provincial da Coruña acompañados dos seus avogados e fixérono sen responder ás preguntas dos medios. O loteiro, Manuel Reija, limitouse a saudar cun “bos días”. Xunto a el senta no banco dos procesados o seu irmán, Miguel Reija.

AS DEFENSAS ALEGAN FALTA DE TITULAR CLARO E NULIDADE DE ACTUACIÓNS

Os avogados dos acusados expuxeron distintas cuestións previas, entre elas a ausencia dun titular lexítimo do boleto para soster que, sen ese elemento, non existiría estafa, así como o seu rexeitamento a que se formulase acusación por branqueo de capitais. Tamén reclamaron a nulidade de determinadas actuacións, ou mesmo de todo o procedemento, a suspensión do xuízo por vulneración do dereito de defensa e denunciaron unha suposta falta de concreción nas acusacións, ao considerar que existen dous “relatos excluíntes” en función da versión de cada unha das familias personadas.

Porén, o tribunal, tras analizar cada unha das alegacións, rexeitounas todas. A sala descartou que exista falta de concreción no relato das acusacións e tamén que non haxa lexitimación para a personación da filla do home falecido ao que a Policía considera o auténtico dono do boleto. “Non hai rotura da cadea de custodia”, sostivo tamén a presidenta do tribunal, que deu ademais por válidas cuestións como os movementos obtidos na terminal da administración de lotaría da praza de San Agustín, na Coruña, rexentada polo loteiro procesado.

O LOTEIRO, ACUSADO DE QUEDAR CUN PREMIO DE 4,7 MILLÓNS

En concreto, o loteiro está acusado de quedar cun boleto premiado con 4,7 millóns de euros dun cliente, e o seu irmán de colaborar para que iso fose posible, segundo sosteñen as acusacións. A Fiscalía solicita para o primeiro seis anos de cárcere por un delito de estafa ou, alternativamente, por apropiación indebida. Para o seu irmán pide a mesma pena de prisión por branqueo de capitais ou por encubrimento.

O loteiro e o seu irmán, que en 2012 —ano dos feitos— era delegado provincial de Loterías, serán os únicos que se senten no banco, despois de que a Audiencia Provincial da Coruña desestimase no seu día os seus recursos e si admitise o formulado pola Avogacía do Estado, acordando o sobresemento provisional da causa respecto doutros catro investigados, altos cargos de Loterías do Estado.

UN DOS CASOS MÁIS LEMBRADOS ARREDOR DUN PREMIO DE LOTARÍA

O caso ten a súa orixe nun dos episodios máis lembrados sobre o cobro de premios de lotaría: o dun boleto agraciado con 4,7 millóns de euros que o loteiro asegurou ter atopado tirado e que, durante anos, mantivo unha propiedade disputada. Varias persoas postuláronse como posibles donas dese premio, mentres que o loteiro argumentaba que non aparecera o propietario e que, por tanto, tiña dereito a cobrar o importe.

Ao ano seguinte de selarse, o Concello da Coruña iniciou un “expediente de achado” para tratar de localizar o gañador do billete premiado, que o loteiro aseguraba ter atopado na súa administración da praza de San Agustín. Posteriormente, iniciouse a investigación policial, na que se puxo en cuestión a versión ofrecida polo home sobre ese suposto achado casual do billete. Mesmo chegou a considerarse que fora el quen ocultara o premio ao verdadeiro dono cando este acudira a comprobar o boleto. A investigación sinalou un presunto lexítimo propietario, xa falecido, e son agora os seus herdeiros os que reclaman o premio.

O RELATO DA FISCALÍA: OCULTACIÓN DO BOLETO E COBRO ACELERADO

A Fiscalía relata que o home xa falecido, ao que se considera propietario do boleto, acudiu en xullo de 2012 ao establecemento do loteiro para comprobar se os boletos que levaba estaban premiados. Porén, sostén o Ministerio Público, o acusado, “coñecedor do alto importe do premio, quedoullo para si xunto cos demais boletos, e non comunicou ao apostante dito extremo nin tampouco lle devolveu o resgardo nin o comprobante expedido polo terminal”.

“Co boleto no seu poder e completamente seguro do alto valor que tiña, ese mesmo día acudiu á delegación provincial de Loterías e Apostas do Estado da Coruña”, engade a Fiscalía, unha delegación na que estaba á fronte o seu irmán, “coa finalidade de acelerar os trámites do cobro do resgardo, prescindindo de calquera procedemento regulado e coma se fose lexítimo posuidor”.

O Ministerio Público asegura ademais que o irmán do loteiro, “sendo plenamente consciente da ilexitimidade da posesión deste título por parte do seu irmán”, “dispúxose a achandar o camiño” mediante actuacións orientadas a “disfrazar a verdadeira orixe do boleto” co obxectivo de que se puidese facer efectivo o premio. Segundo a Fiscalía, tamén “omitiu toda actuación, como delegado provincial, que puidese servir para verificar a orixe real do boleto”.

UN XUÍZO CLAVE TRAS MÁIS DUNHA DÉCADA DE POLÉMICA

O proceso que agora chega á Audiencia da Coruña pretende esclarecer definitivamente quen era o verdadeiro dono dun dos boletos máis polémicos da historia recente das lotarías en Galicia e se, como sostén a acusación pública, houbo unha actuación deliberada para apropiarse fraudulentamente dun premio millonario. Catorce anos despois dos feitos, o caso segue envolto nunha enorme expectación xudicial e mediática, cunha primeira sesión centrada nas cuestións previas e coa vista xa encamiñada ao fondo dun asunto que marcou durante anos a crónica xudicial coruñesa.

A contrarreloxo do Gran Camiño provocará este martes cortes no paseo

0

Xa toma a cidade os comboios do Gran Camiño. A caravana da proba ciclista máis importante de Galicia, que trae aos mellores equipos do mundo ao noso país, arrinca este martes cunha nova contrarreloxo individual (como no 2024) polo paseo marítimo.

A primeira etapa da proba arrincará e concluirá aos pés da Torre de Hércules, chegará polo paseo ata o Portiño, subirá ao Monte de San Pedro e volverá dende os Rosais, novo polo paseo ata a Torre.

afeccions ao trafico polo Gran Camino na Coruña
Así é o mapa da contrarreloxo do Gran Camiño

Con motivo desta crono, establecerase na cidade un dispositivo especial de mobilidade e seguridade que implicará cortes de tráfico en distintos puntos do percorrido durante a celebración da proba.

En concreto, haberá tres áreas de afección: Torre de Hércules-Riazor, As Escravas-Labañou e Os Rosais-O Portiño. Os cortes de tráfico iniciaranse ao redor das 11,00 horas do día 14 de abril.

A información detallada pode consultarse nun mapa interactivo deseñado polo Concello da Coruña.

Itinerario Gran Camino Coruna
Itinerario da proba

Os cortes

No sector Torre de Hércules- Monte Alto – Riazor, produciranse cortes de tráfico no paseo marítimo en todo o seu percorrido, así como restricións de circulación nas vías de acceso desde Monte Alto e a contorna de Riazor.

No sector Escravas – Labañou, a afección ao tráfico centrarase no paseo marítimo e nas conexións con San Roque de Fóra, Labañou e Rolda do Outeiro. Durante a proba, os accesos estarán limitados e regulados.

Finalmente, nos Rosais- O Portiño, veranse afectadas as principais vías de acceso. A circulación estará restrinxida durante a carreira e os accesos condicionados ao paso da proba.

En materia de aparcadoiro, estableceranse restricións desde días previos en distintos puntos do percorrido e o seu contorno, así como a prohibición de estacionar ao longo do circuíto durante a xornada do 14 de abril.

Ademais, no referente ao transporte público, as paradas de autobús situadas nas vías con circulación restrinxida quedarán afectadas durante a celebración do evento e veranse anuladas ás liñas 3, 3A, 7, 11, 12 e 14. No caso das liñas 12 e 14, perderán temporalmente a súa cabeceira habitual nos Rosais e establecerase unha parada provisional en rúa Manuel Azaña.

O servizo de taxi tamén se verá afectado polas limitacións de acceso ás vías incluídas no percorrido. No caso dos autobuses metropolitanos e interurbanos non se prevén afeccións destacadas, aínda que se recomenda consultar previamente coas empresas concesionarias. As estacións de BiciCoruña situadas no percorrido da proba quedarán anuladas durante o 14 de abril.

Así foi a edición de 2024:

O tempo descafeinou O Gran Camiño

Aberto o prazo para os cursos culturais do Fórum e do Ágora

0

Despois de 3 meses de parálise, e moito lío, o Concello abre os días 13 e 14 de abril o prazo de preinscrición do programa municipal de Lecer de primavera, que se desenvolverá nos centros municipais Ágora e Fórum. A programación está dirixida a persoas adultas e inclúe unha ampla oferta de obradoiros culturais e formativos en ámbitos como a arte, a literatura, o cine, a fotografía, a cidade, o teatro, a astronomía, a artesanía ou as habilidades mentais, entre outros.

A preinscrición poderá realizarse de forma telemática, a través de formularios específicos
para cada centro, ou presencialmente tanto no Ágora como no Fórum, en horario de 9.00 a
14.00 horas.

A inscrición en liña estará dispoñible nos seguintes enlaces aos formularios:

As persoas que participaron no programa de outono e desexen continuar nos seus obradoiros deberán formalizar o pagamento os días 14 e 15 de abril. Este poderá realizarse mediante transferencia bancaria á conta ES95 0049 7796 1426 1000 4476 ou presencialmente no Ágora ou no Fórum, de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, exclusivamente con tarxeta de crédito.
No caso dos pagamentos por transferencia, será imprescindible remitir o xustificante ao correo electrónico forumagora@osventos.com ou entregalo nas conserxerías, indicando o DNI/NIE, o nome da persoa participante, o centro correspondente e o obradoiro ou obradoiros abonados.

Segundo recollen os programas, cada persoa poderá solicitar un máximo de dou obradoiros. As actividades están dirixidas a maiores de 18 anos e desenvolveranse entre o 20 de abril e o 5 de xuño. As cotas serán de 20 euros por obradoiro para as persoas menores de 65 anos e de 14 euros para as maiores de 65.

O Concello informa ademais de que o número de teléfono móbil empregado ata o de agora deixará de estar operativo desde hoxe. Unha vez iniciados os talleres, facilitarase un novo número de contacto ás persoas usuarias do programa.

Poden seguir o histórico do conflito dende aquí:

O Concello anuncia a reanudación dos cursos culturais do programa de Lecer para este 20 de abril