Inicio Blog Páxina 61

Segue grave o mozo ferido tras caerlle a estatua da Fonte do Desexo

0

O mozo que caeu desde o alto da fonte da praza de Azcárraga, na Coruña, segue en estado grave con traumatismo cranoencefálico e ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Así o informaron a Europa Press fontes hospitalarias á espera do novo parte médico que se facilitará ás 12.00 horas deste luns. O mozo presenta diversos golpes e contunsións pola caída após a cal foi trasladado ao Hospital Universitario da Coruña.

Despois do sucedido, a estatua que coroaba o monumento — coñecido como Fonte do Desexo — quedou derrubada, de modo que o Concello abrirá un expediente para reclamar os danos. Non entanto, consultados por Europa Press, insistiron este luns en que “o primeiro” é que o ferido “se recupere canto antes e totalmente das súas lesións”. Dos danos, precisaron, mentres, que “non están avaliados”.

FEITO NOCTURNO

Eran as 0:00h do pasado domingo cando saltaban as alarmas en plena Praza de Azcárraga. Un mozo desas novas cuadrillas que invaden a habitual paz nocturna da Cidade Vella, subíase á Fonte do Desexo, supostamente para facerse unha foto, cando a estatua da fonte caía sobre el.

De contado, a ambulancia do 061, Policía Local e Bombeiros achegábanse ao lugar e levaban ao mozo, ferido de consideración, ao CHUAC.

Fontes do Concello da Coruña, que desexa a “pronta e total” recuperación do mozo de 25 anos, informan de que se abrirá un expediente para que se faga cargo dos danos causados a este “monumento histórico”.

accidente na praza de Azcarraga 2

O Terceiro Sector no Seminario da EAPN-ES da Coruña: “A pobreza non é inevitable”

Interesante e necesario o Seminario Anual ‘Garantía de Dereitos e Novos Modelos de Servizos Sociais’ organizado pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN-ES) (e EAPN Galicia), desenvolto estes 26, 27 e 28 de novembro en diferentes puntos da Coruña.

Entodades de todo o estado participaron neste evento de referencia na análise e proposta de políticas públicas desde a experiencia das organizacións sociais, que nesta edición tiña por obxectivo analizar os servizos sociais e a súa diversidade territorial. “A pobreza non é inevitale” foi un dos claros discursos botados durante a semana.

Neste sentido, EAPN-ES apelou a impulsar un modelo de servizos sociais máis áxil e flexible, que permita unha maior adaptación ás diferentes necesidades sociais, que poña o foco na prevención e nas persoas en situacións máis vulnerables, baseado nun sistema de coordinación territorial máis eficaz.

A rotura da cohesión social conseguida no estado dende a transición e a necesidade de establecer un traballo dende a base foron algunhas das cuestións analizadas neste exercicio para repensar e redefinir as funcións do Terceiro Sector e dos servizos sociais, coa necesidade de afrontar as problemáticas xeradas nesta.

Por aí, incidiuse na necesidade de traballar a pé de rúa, “construíndo comunidade” e comunidades a nivel local, como único camiño para loitar contra o discurso do odio, nese sentido puxeron o foco na ultradereita, con nomes e apelidos, como están desprestixiando e desmoronando as ideas do estado de benestar inseridas durante tantas décadas en todas as ramas da sociedade.

O evento contou con especialistas de todo o estado, nomeadamente Cataluña, e A Coruña, escollida non só como anfitriona senón tamén como exemplo de boas prácticas.

Ademais, desde a Rede pediron que o proceso de renovación conte coa experiencia e as achegas das persoas en pobreza, e suman, entre outras propostas, a urxencia de mellorar o ingreso mínimo vital para facelo máis accesible e harmonizalo coas rendas autonómicas, así como apostar por unha prestación universal por crianza que garanta os dereitos e oportunidades ás familias con nenos nenas e adolescentes.

EAPN PUBLICO NO PARANINFO DA UDC

A Coruña e Galicia como exemplo

O presente Seminario chega un mes despois da presentación do XV Informe ‘O Estado da Pobreza. Pobreza e territorio. Comunidades Autónomas e Unión Europea’, que analizaba os indicadores de pobreza e exclusión social nas Comunidades Autónomas e en Europa. Entre as principais conclusións, EAPN-ES destaca a necesidade de mellorar as axudas e prestacións autonómicas, como unha das claves para previr a pobreza e a desigualdade territorial.

No caso de Galicia, segundo o estudo, o estado do benestar evitou que 760.000 persoas entrasen en pobreza en 2024: de non existir ningunha axuda nin prestación, incluídas as pensións, a pobreza chegaría a 1.144.000 galegos e galegas. De feito, a rexión é unha das comunidades autónoma onde máis melloraron as cifras de pobreza.

A esta situación fixo referencia na súa intervención na sesión inaugural a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo, asegurando que “cando hai vontade política e responsabilidade compartida, lógrase avanzar”, e lembrou a elección da Coruña para a celebración do Seminario por ser “a cidade que máis orzamento dedica ao investimento social”.

A pesar da mellora, o Informe de EAPN-ES evidenciou que as cifras se manteñen aínda altas e constantes na rexión, con máis de medio millón de persoas en situación de pobreza, polo que desde EAPN Galicia avogan por políticas públicas ambiciosas como a modificación da Lei de Inclusión Social para facilitar o acceso á RISGA e a súa complementariedade co IMV, mentres non sexa transferida ao goberno autonómico, o apoio ás familias monoparentais —máis de 35.000 na pobreza—acatando por fin a Lei de Impulso Demográfico, e garantir programas integrais de inclusión sociolaboral para quen poida traballar. Sen esquecerse de asegurar o mantemento de vivenda destinadas a persoas en vulnerabilidade.

EAPN Seminario anulan na Coruna

Máis novas

Os Servizos Sociais da Coruña para as persoas sen fogar, un mar de segundas oportunidades

O presidente da Rede Europea de Loita contra a Pobreza urxe medidas e investimento para reducir os casos de exclusión

O Centro de Baixa Esixencia de Labañou cumple un ano: “Un espazo de dignidade dentro da cidade”

Sísifo abre as portas da sociedade a base de calor

 

Tapeando Carral atraerá á comarca na ponte de decembro

0

Xa está en marcha a nova edición de Tapeando Carral, unha iniciativa que serve cada ano a incentivar o consumo no tecido hostaleiro. O certame celebrarase entre o 5 e o 8 de decembro, coincidindo cos festivos e como antesala ás festas de Nadal e contará coa participación de 11 establecementos do núcleo urbano, pero tamén das parroquias de Tabeaio, Sergude, Cañás e Beira: Boca Grande, Bar Tropezón, Casa Adolfo, Do Pincho Panadería & Docería, Vinoteca Taberna XXI, Restaurante Terra, Taberna Lume e Ferro, Casa Roel, O’ Lareiras, A Parola e Costa da Égoa.

Premios

Como en edicións anteriores, haberá premios para os establecementos e tamén para o público. Os hostaleiros poderán optar aos galardóns de tapa máis popular, elixida polos propios clientes, e ao de mellor tapa, outorgado por un xurado profesional que terá en conta aspectos como os seguintes: presentación, sabor,
orixinalidade, emprego de produtos locais e tamén de tempada, orixinalidade do prato, servizo e orixinalidade do nome do prato.
En canto aos do público, haberá sorteos de agasallos para os clientes en función do número de selos que consigan reunir. A persoa participante terá que cubrir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas urnas que estarán situadas nos establecementos.

Haberá un primeiro premio que se sorteará entre as persoas que teñan o 100% de selos, un segundo para as que teñan o 75% e un terceiro para as que conten cun 50% de distintivos. O gañador/a de o primeiro premio recibirá, por exemplo, o seu peso en cervexa e haberá outros agasallos como experiencias e produtos gastronómicos.

A UDC impulsará o seu grao de Medicina na Coruña: dá por roto o acordo de descentralización ao non ratificalo a USC

0

A Universidade da Coruña (UDC) emitiu un comunicado este venres no que avanza que “dará continuidade” aos traballos para contar coa súa propia facultade de Medicina, dado que o Consello de Goberno da Universidade de Santiago (USC) non asinou o acordo de descentralización do grao na súa reunión deste venres.

Na nota lamentan o ocorrido na reunión da universidade compostelá, que debía ratificar un acordo que contaba co rexeitamento frontal da facultade, as candidatas a reitoras, e o Consello de Estudantado. Ante esta situación, o propio reitor, Antonio López, decidía non someter a votación o acordo para “abrir unha vía de diálogo” coa Facultade que permitise a súa adherencia ao pacto. A pesar de que se amosaban optimistas e con “opcións reais” de que o acordo saíse adiante, o ocorrido esta mañá cámbiao todo para a universidade coruñesa.

“SEMPRE BUSCAMOS O ACORDO E O CONSENSO”

Fontes consultadas por Europa Press sinalan que non é posible un acordo sen unha das partes e lamentan “profundamente” a situación, destacando ademais que a universidade coruñesa, aínda con expectativas de contar co seu propio grao, foi o primeiro en ratificar o acordo de descentralización que supuña “pausar” estas inquedanzas. No comunicado, a UDC lamenta que se deixen “sen validez moitas horas de traballo para buscar un texto dialogado e consensuado” que ía permitir aplicar a descentralización “aproveitando todos os recursos do sistema sanitario e universitario galego”.

Actuamos en todo momento con lealdade ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) e respecto institucional polas institucións que o constitúen. Neste marco, dialogamos e buscamos o acordo e o consenso. O noso compromiso co sistema galego de ensino superior neste procedemento foi inequívoco”, reivindican. Así as cousas, a UDC considera roto o acordo, polo que dará continuidade ao impulso da súa titulación en Medicina. “Desde o inicio consideramos –esta medida– como a mellor opción para dar resposta á demanda existente e avanzar nun novo modelo formativo”, conclúen.

A Asociación Española Contra o Cancro reparte 1,3 millóns á investigación oncolóxica na provincia da Coruña

0

Este sábado 29 de novembro, o Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, acolleu unha xornada da Asociación Española Contra o Cancro co gallo do Día Internacional do Voluntariado.

A entidade anunciou as Axudas á Investigación AECC 2025 concedidas na provincia coruñesa, que ascenden a 1,3 millóns de euros. O obxectivo desta iniciativa é apoiar o talento científico e financiar unha investigación de calidade que dea resposta ás necesidades dos pacientes de cancro e as súas familias, á vez que fomenta a estabilidade dos investigadores, impulsa a innovación e fai partícipe a toda a sociedade do desenvolvemento dos proxectos para crear cultura científica.

Durante a xornada tamén se conmemorou o Día Internacional do Voluntariado —que se celebra cada 5 de decembro—, poñendo en valor o papel esencial que desempeñan as máis de 800 persoas voluntarias que forman parte da Asociación e que a fai presente en 45 localidades na provincia a través das súas Xuntas Locais. O seu labor resulta imprescindible no apoio á investigación, o acompañamento a pacientes e familiares, na organización de iniciativas solidarias e a difusión de información crave para a prevención do cancro.

O acto incluíu, ademais, dúas mesas redondas sobre conceptos clave como humanización e innovación e recoñeceuse a colaboración de administracións públicas, medios de comunicación e universidades da provincia na loita fronte á enfermidade.

Os proxectos financiados

Tras un esixente proceso de concorrencia competitiva, adxudicáronse Axudas á Dra. María de la Fuente —DIVERSA Technologies—, Dr. Ashwin Woodhoo —CiMUS—, Javier Alberto Vermellas —IDIS—, Dr. Pablo Aguiar —CiMUS—, Ailenis Rosales —INIBIC—, Dr. Jorge Barbazán —IDIS—, Dra. Lucía Sanjurjo —IDIS—, ademais de catro axudas a estudantes de prácticas.

O Terceiro Sector no Seminario da EAPN-ES da Coruña: “A pobreza non é inevitable”

Oleiros e A Coruña, no ‘top’ das nóminas que máis cotizan en Galicia

Os concellos cunha base media de cotización máis elevada foron Oleiros, Santiago de Compostela, A Coruña e Bergondo, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE). En xuño de 2025, había 829.151 afiliados á Seguridade Social con residencia en Galicia que cotizaban no réxime xeral, un 2 % máis que o mesmo mes de 2024. A base media mensual de cotización situouse nos 2.103,1 euros por persoa en xuño, un 3,9 % máis. A dos homes foi de 2.262,1 euros, 313,1 euros superior á das mulleres.

Por outra banda, tamén segundo datos que publica este venres o IGE, a 31 de outubro había 1.026.641 afiliados ao sistema da Seguridade Social con residencia en Galicia. En outubro, os estranxeiros afiliados incrementáronse un 14,7 % con respecto a outubro do ano pasado e o número aumentou nos sete grandes concellos en evolución anual. O maior incremento produciuse en Ferrol e Ourense. Así mesmo, as afiliacións incrementáronse no sector da construción (2,2 %) e diminuíron na agricultura e a pesca (-1,8 %).

“Nadando na incerteza”, o novo disco da “cantora” Sés, xa nas plataformas

0

A cantora coruñesa Sés publica hoxe Nadando na incerteza, o seu novo traballo discográfico, un libro-disco acústico, íntimo e fundacional que inaugura unha nova etapa na súa traxectoria e consolida o seu lugar como unha das creadoras máis singulares e independentes da música galega. Xa podedes atopalo en todas as plataformas.

Con máis dunha década de carreira e nove discos publicados, Sés reafirma con este proxecto o seu compromiso absoluto coa canción, coa autenticidade e co control creativo de todo o proceso artístico.

O disco, que está creado con total liberdade artística, non ten “sobreproducións nin artificios: non hai batería, as voces respiran, os arranxos son mínimos e precisos, e cada tema foi concebido para defenderse por si mesmo.

“Non son cantante, son cantora; necesito identificarme co que canto”, afirma Sés, quen presenta este disco como un exercicio de artesanía musical e sinceridade radical. Nadando na incerteza publícase como libro-disco, no que cada canción vai acompañada dun texto da autora que amplía o seu significado e ofrece ao público unha lectura máis profunda do universo creativo de Sés.

Unha nova xira para presentar o disco

A cantante coruñesa percorrerá Galicia no inicio de 2026 cun espectáculo que afonda na súa proposta máis esencial e honesta, fiel á súa traxectoria independente.

  • Sábado 10 e domingo 11 de xaneiro – A Coruña – Teatro Colón
  • Sábado 17 de xaneiro – Vigo – Teatro Afundación
  • Sábado 24 de xaneiro – Lugo – Auditorio Fuxan os Ventos
  • Sábado 31 de xaneiro – Ourense – Auditorio Municipal
  • Sábado 7 de febreiro – Narón – Pazo da Cultura

Máis novas musiqueiras

Este venres, Ruada no Ágora

Fransy González emocionou ao Colón coa súa xenuína harmonía entre a música de raíz e a clásica

Pepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega contemporánea, “Ábrete de Orellas”

O Lembranza Rock dá unha lección de compromiso

O persoal de JEVASO secundará unha folga o luns para esixir á empresa cumprir o pacto de melloras

0

O comité de Jevaso e as organizacións sindicais CIG e UGT convocaron unha nova xornada de folga para este luns, día 1. O obxectivo é esixirlle á empresa o “estrito cumprimento do acordo de melloras asinado para o centro de traballo de Arteixo e que abone de inmediato os conceptos retributivos que marca o convenio colectivo de referencia, así como os conceptos salariais que regula o pacto de empresa”.

Así o explican as organizacións sindicais en senllos comunicados. Esta será a segunda mobilización tras o paro xeral desenvolvido o pasado luns, “que rexistrou un seguimento do 90% do persoal”, sinalan. Tamén denuncian o “empeño disuasorio exercido pola empresa” para que os empregados non o secundasen.

A folga, concretan, afectará “a todo o persoal, tanto contratado directo — unhas 700 persoas — como de ETT — ao redor de 200 –, e a todas as quendas laborais”, dando comezo ás 22.00 horas deste domingo, día 30, e prolongándose ata ás 22.00 horas do luns 1.

MANIFESTACIÓN

Ademais, o luns ás 14.00 horas, as traballadoras e traballadores sairán en manifestación das instalacións de Jevaso na avenida do Encoro e percorrerán unha parte do polígono de Sabón para “visibilizar a súa loita”.

Os sindicatos explican que chegan a esta segunda convocatoria de protesta debido “ao fracaso da mediación realizada na SIMA” este xoves, día 27. “Foi imposible conseguir un acordo satisfactorio para o persoal que puxese fin ao conflito e ás mobilizacións”, apuntan.

ANPA do CEIP de Tarrío esixe á Xunta máis recursos e atención inmediata

Avanza o curso e cada vez son máis familias as que saen á rúa para esixir melloras nos centros do ensino público.

Esta pasada tarde de xoves, tocoulle á comunidade escolar do CEIP Plurilingüe de Tarrío que, apoiada polo Concello de Culleredo, manifestouse para denunciar a grave falta de recursos humanos e materiais que sofre o centro e que, segundo as familias, a Xunta de Galicia continúa ignorando.

Un centenar de persoas participaron na marcha convocada pola ANPA Rosalía de Castro do centro. O percorrido partiu do colexio e tivo unha duración dunha hora, cos asistentes portando chalecos reflectores por motivos de seguridade viaria e mostrando pancartas en defensa dunha educación pública digna e cos recursos necesarios. Durante a protesta tamén se puideron escoitar cánticos como “Xunta, escoita, Tarrío está en loita”, cos que a comunidade educativa expresou a súa hartazgo ante a falta de avances.

O Concello comparte coa ANPA do centro a preocupación e a falta de recursos, tanto materiais como humanos, para que os alumnos do CEIP de Tarrío teñan unha atención adecuada.

FOTO 3 CULLEREDO - El Concello de Culleredo respalda a la ANPA del CEIP de Tarrío y exige a la Xunta más recursos y atención inmediata

Necesidades do centro

As familias denuncian que o CEIP de Tarrío arrastra desde hai anos unha situación insostible pola falta de medios. Reclaman un reforzo inmediato de Pedagoxía Terapéutica para atender ao alumnado con necesidades específicas, o incremento de recursos en Educación Infantil e a creación dunha cuarta unidade en 4º de Primaria que permita reducir cocientes e garantir unha atención máis personalizada. Subliñan, ademais, que estas demandas levan moito tempo trasladándose á Administración autonómica sen que a Xunta adoptase decisión algunha para resolvelas, motivo polo cal anuncian que se organizarán máis mobilizacións se continúa esta falta de resposta.

A ANPA lembra que o CEIP de Tarrío é un centro de referencia no municipio e que acaba de cumprir 50 anos de historia, un motivo máis para esixir que conte cos medios adecuados para seguir ofrecendo unha educación pública inclusiva e de calidade.

 

Máis novas sobre os recortes no ensino público

As familias de Oleiros responden ao Conselleiro con realidades e manifestacións por unha “educación pública, inclusiva e de calidade”

As familias do CEIP Cidade Vella esixen na rúa con contundencia compromisos das administracións

A ANPA do CEIP de Prácticas non cede tras un ano en loita contra o deterioro do centro

A Xunta négalle ao CEIP Valle Inclán o aumento de profesorado na previa das concentracións das 6 ANPAS de Oleiros

 

 

Outras novas das ANPAS

As ANPAS dos colexios de Oleiros levaron o seu manifesto ao pleno

Segue alzando a voz as comunidades escolares dos colexios de Oleiros. O último paso que veñen de dar é a lectura dun comprometido manifesto no pleno celebrado este pasado xoves 27 de novembro.

A ANPA Valle Inclán, AFA Nós CEIP Juan de Vega, ANPA CEIP Luis Seoane, ANPA Ensino CEIP Rabadeira e ANPA Bidueiro CEIP Isidro Parga Pondal reclamaron que “os recursos mínimos necesarios para garantir que os centros públicos de educación infantil e primaria de Oleiros poidan realizar o seu traballo con normalidade e cumprindo cos estándares mínimos de calidade e de inclusión que a Lei contempla”.

Esixen “un ensino público axeitadamente dotado, inclusivo e de calidade ao que temos dereito e que polo tanto debemos esixir, porque só cun ensino público inclusivo e de calidade, poderemos acadar a igualdade de oportunidades para os nosos fillos e fillas”.

Máis novas

ANPA do CEIP de Tarrío esixe á Xunta máis recursos e atención inmediata

As familias de Oleiros responden ao Conselleiro con realidades e manifestacións por unha “educación pública, inclusiva e de calidade”