Inicio Blog Páxina 418

Tres galardóns herculinos nos Premios Martín Códax da Música

0

Celebrouse esta noite de mércores 15 de maio a gala de entrega dos XXI Premios Martín Códax da Música 2024. A Asociación Músicas ao Vivo escolleu os proxectos gañadores destes “Grammy galegos”, nunha fermosa gala, emitida pola agalega e amenizada pola herculina Banda Xanghai do noso Xurxo Souto.

Era moi ampla a presenza coruñesa entre as 57 finalistas, se ben non tantos os premios que queda na cidade.

Quedou no camiño o premio para a Mardigras, pero o xurado escolleu como Mellor Sala de Galicia á ourensá A Arca de Noé. Quedou a eterna gaiteira de Cecebre, Susana Seivane, por detrás do dúo Caamaño&Ameixeiras na categoría de Folk. A Gramola Gominola no puido coa potencia de Uxía Lambona e a Banda Molona na categoría infantil. E o grupo Martíns Aneiros Band tampouco puido con Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero.

Lucía Aldao recollendo o premio Pop e Indie

Pero temos boas novas. Lucía Aldao leva o Premio á Música Pop e Indie. A cantante dos Mallos superou na final á revolución dos muradáns The Rapants e a banda ribeirense Mai.

Outro premio con acento coruño é de Blues, Funk e Soul, que recae no gran Brais Morán co seu novo proxecto Nasafunk.

E tamén nos congratulamos do premio de Músicas Urbanas, que leva a ceense/coruñesa Hydn, do selo Aaldea, co que falabamos esta mesma semana. O máis parecido á unha diva á galega, que non parará ata cantar na Lúa.

Hydn recollendo o premio Martín Codax da Música 2024 de Músicas Urbanas
Hydn recollendo o premio de Músicas Urbanas

Tendes todos os premios xa no twitter @prmartincodax.

Máis novas

Repaso á presenza herculina entre os finalistas aos Premios Martín Códax da Música

“Queremos ir creando unha rede da escena rur-urbana galega”

101 festivais de toda Galicia nun fío

 

A Coruña homenaxea a Luísa Villalta, “activista polo idioma” e muller “comprometida”

Autoridades e familiares de Luísa Villalta reivindicaron a obra e a figura da escritora coruñesa Luísa Villalta, á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas, no acto institucional no que se definiu á autora como unha “activista polo idioma” e á que se cualificou como unha muller “comprometida”.

O Teatro Colón foi o lugar escollido para o acto institucional, promovido pola Xunta e o Concello da Coruña, cidade na que naceu en 1957, na que viviu parte da súa vida e que sería material principal da súa obra. Así o puxo de manifesto a súa irmá na lectura dun dos poemas de Villalta, falecida en 2004 e que compaxinou a súa profesión como docente coa de escritora e violinista, entre outras actividades.

Susana Villalta agradeceu a implicación das distintas institucións e entidades na difusión “da súa palabra”, en referencia aos distintos textos da súa irmá, principalmente vinculados á poesía, pero tamén con obras narrativas, ensaios, teatro ou columnas en medios de comunicación.

“UN TRABALLO POR GALICIA”

“Un traballo sempre por Galicia e captando a esencia da Coruña”, remarcou nun acto con presenza de Rosa Cedrón para amenizar a velada e ante familiares de Villata como a súa nai e outros achegados, así como as autoridades presentes. Entre elas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, José López; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente do Parlamento galego, Miguel Anxo Santalices, ademais de académicos da Real Academia Galega (RAG), entre eles o seu presidente, Víctor F. Freixanes.

Este último destacou a “significación social” de Villalta. “Era unha activista polo idioma, polas causas xustas, polo que vale a pena loitar”, resumiu sobre a súa figura e para incidir tamén en que formou parte dunha xeración que non se formou inicialmente no galego pero que se incorporaron “activamente á loita pola dignidade do idioma, pola dignidade de Galicia”.

Luisa Villalta. ARQUIVO DA FAMILIA DE LUISA VILLALTA


MODERNIZACIÓN DA LITERATURA

Neste acto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a “capacidade de crear un mundo en cada palabra” da autora homenaxeada. “Unha creadora que cultivou con mestría varios xéneros literarios”, expuxo tamén. Dela, dixo tamén, ademais de destacar a súa implicación en “debates sociais”, que a súa figura “resume unha xeración” de autores e autoras “que modernizaron a nosa literatura, a nosa cultura, a nosa identidade e orgullo”.

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reclamou este día como unha “celebración de país” e “de cidade” pola homenaxe a unha “coruñesa”. “Obra imprescindible”, dixo a rexedora sobre o traballo de Villalta, á que cualificou, como outros, como unha muller “comprometida”.

Así mesmo, instou a aproveitar esta conmemoración para defender o galego e practicar “o galeguismo amplo e plural”, que recolla “diferentes realidades e diferentes sensibilidades políticas”. Por iso, expuxo “repensar a forma de facer Galicia”.

A primeira foi a vencida

  • Xornada 36 – Deportivo 1 – 0 Barca Atletic
  • O Depor logra o ascenso na primeira oportunidade e inunda a Coruña de festa e ledicia.
  • Trixésimo sexto partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (21V 11E 4D).

— — —

Incrible o vivido o domingo pasado en Riazor. O Depor logrou na primeira oportunidade que tiña ante si o tan ansiado ascenso á Liga Hypermotion, a 2ª División de sempre, división da que nos botaron unha pandemia e os organizadores que agora nos reciben cos brazos abertos. Xa haberá tempo de saldar contas, agora toca gozar e ir gañando tempo ao reloxo na configuración dun equipo estable para a vindeira tempada.

Rua San Xoan chea de Deportivistas
Así estaba a Rúa San Xoán á hora do vermú. Foto: Roi Seoane

A festa comezou ben cedo na rúa San Xoán e polo entorno do Campo da Leña, cunha afección branquiazul crente en que esta vez non nolo ían quitar dos fuciños. E así foi. Recibimento espectacular ó autobús do equipo, que encheu as rúas da Coruña das cores branquiazuis e que fixo ver a todos que esta vez tocaba desfrutar. Mais o meigallo bulía polo ambiente e sempre os hai que ondean a bandeira da desgracia, aprendices do pasado, sospeitoso no presente.

100000 persoas en Riazor para ver o ascenso do Depor-Foto-Roi Seoane
Cse 100.000 persoas ateigaron a zona de Riazor-Foto-Roi Seoane

O partido repartiu unha parte para cada equipo. O Barça Atletic amosou o seu xogo habitual e un bo nivel de confianza que o fixeron entrar moi enchufado ó encontro. Bos desmarque ás costas dos centrais e boas chegadas da liña ofensiva do equipo catalán que deixou constancia dunha rapidez e calidade fora desta categoría. Estes rapaces pronto encherán as plantillas de equipos de Primeira e Segunda. A segunda parte foi do campión, que tras unha nova exhibición de Lucas no lanzamento dunha falta, soubo pechar a súa porta ata o final do partido.

Tralo asubío do árbitro, explosión de ledicia, celebración no céspede e primeira sorpresa das moitas que nos agradaban nas seguintes 48 horas: o equipo non celebraría nada en Catro Camiños esa noite e os xogadores subiríanse ó escenario da Fan Zone (si, repito Fan Zone) do aparcamento adxacente ó estadio. Así que festa só para uns poucos, cativos e avós para casa que a festa non está para vós.

O que tivo lugar entre luns e martes posteriores ao ascenso da para fío pequeno de Twitter. Basicamente, o club aproveitou o momento para forzar un acordo de Convenio de uso do estadio nas horas seguintes a un ascenso que levábamos catro anos esperando. Sen recibimento no concello, pero si na sede de ABANCA e na Xunta. Cousas veredes, pero estas guerras demostran de verdade onde estamos e cales son os intereses reais. Roubar á afección as celebracións e utilizar ao equipo para intereses propios fan dubidar da xestión duns e doutros.

Resta un mes de competición baleiro para o Depor, pois primeiro tócalle rematar as dúas xornadas contra Real Sociedad B en Donosti e pechar o campionato na casa contra o Real Unión de Irún dentro de dúas semanas. Despois tocará encher os petos da RFEF cunha final edulcorada a dous encontros entre os campións de ambos grupos da Primeira RFEF para nomear ao campión de algo que non existe. Nova ocasión para enfrontarse ao Castellón e desexarse moita sorte para o ano que vén, porque para pouco máis darán de si estes encontros.

miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

 

Máis novas do Dépor

O Concello invita a retomar a relación co Deportivo trala “rectificación” do seu presidente

DÉPOR, DÉPOR, DÉPOR… SEMPRE DÉPOR!

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR DE MIGUEL BARREIRO

Maxia e humor

Teño un problemiña cos magos e os humoristas. Dende a máis tenra infancia. Póñome moi nerviosa cos seus espectáculos.

Como a maioría da poboación non o sofre, de feito unha importante porcentaxe gosta deles, conclúo que o problema é meu e non destes profesionais.

Autoanalizándome dun modo rudimentario, diagnostico que a orixe desta fobia miña é a ansiedade anticipatoria, é dicir, a preocupación excesiva en relación a unha situación incerta.

Deste xeito, se presencio un espectáculo de maxia (situación altamente imposible) pasarei o cento por cento do tempo preocupándome e sofrindo por se o mago fai mal algún truco. Supoño que isto non sucede moi a miúdo, pero imaxino a suor fría, qs pelos de punta, se o coello non sae do sombreiro de copa, se o pano se atasca no puño ou se o naipe non é o elixido. Arrepiante. Qué cara pon o mago? O axudante? A voluntaria do público? Aplaudimos como cando un ximnasta ou patinador cae ao chan? Ou sinxelamente nos retorcemos incómodos nas cadeiras agardando o seguinte número?.

Non quero nin imaxinar presenciar un número de escapismo, co mago encadeado e sumerxido nun tanque de auga, loitando pola súa vida. Teríame que conter para non saltar á auga e romper as cadeas non sei cómo, cos dentes mesmo.

A duras penas vin no ano 2006 as películas O truco final e O ilusionista, supoño que porque se puxeron de moda e eu era máis nova e máis influenciable. Aquí a ansiedade era menor porque son filmes e todo está baixo control.

Semellante pero en menor medida me ocorre cos espectáculos humorísticos. Se o chiste non ten gracia, ficamos serios ou rimos de mentira (nótase)? Se non o entendemos, rimos para non parecer parvos?. Por outra parte sinto bastante envexa das persoas que rin a gargalladas neses shows, porque esa liberación de endorfinas ten que ser moi saudable e eu me vexo privada dese pracer.

Teño que dicir que os primeiros tempos de Martes e Trece e case tódolos gags de Faemino e Cansado escapan ao meu repelo, por algún motivo que non teño claro pero que pode ter que ver coa súa tendencia ao absurdo.

Co resto apago o televisor, miro para outro lugar e, se non é posible, desconecto da realidade (disocio, que di agora a mocidade).

Existe tratamento para esta enfermidade? Funcionará a desensibilización sistemática, unha exposición repetida ao estímulo desencadenante da fobia? Terei que exponerme de seguido a trucos, chistes, grazas e prestidixitacións? Alguén máis sofre en silencio? Axuda!

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

Éxito nas cirurxías pancreáticas de alta complexidade co robot Da Vinci

A cirurxía robótica incorporada no Hospital Quirónsalud A Coruña abriu a posibilidade de novas abordaxes cirúrxicas de máxima complexidade como é o caso das primeiras cirurxías de cancro de páncreas realizadas con éxito co robot Da Vinci.

Segundo destaca nun comunicado, as intervencións cirúrxicas, “minimamente invasivas” e que foron realizadas polo doutor Javier Aguirrezabalaga, cirurxián xeral do centro, teñen amplas vantaxes para o paciente, como menos dor durante o postoperatorio, unha recuperación máis rápida, menos días de hospitalización e unha incorporación máis rápida á súa actividade habitual. En total realizáronse catro intervencións tanto da cabeza do páncreas, denominada duodenopancreatectomía cefálica, a máis difícil tecnicamente, así como de corpo e cola.

Ademais da cirurxía robótica de páncreas, o hospital salientou “o enfoque multidisciplinar” que achega a Unidade de Cirurxía Hepatobiliopancreática do Hospital Quirónsalud A Coruña, ao combinar a tecnoloxía robótica coa experiencia dun equipo multidisciplinar de especialistas en oncoloxía, medicamento interno, cirurxía, radioloxía, dixestivo e outros campos relacionados.

A unidade conta tamén co Comité de Tumores, onde se presentan todos os casos para acordar a mellor opción terapéutica. Tamén o servizo de Endoscopia desempeña un papel fundamental dentro da mesma, tanto no diagnóstico como na estadificación e o tratamento do cancro de páncreas.

“FERRAMENTA FUNDAMENTAL”

O doutor David Martínez Ares, especialista en Aparello Dixestivo do Hospital Quirónsalud A Coruña e Quirónsalud Miguel Domínguez de Pontevedra, salientou que a ecoendoscopia é “unha ferramenta fundamental na avaliación do cancro de páncreas”. Este tipo de procedemento combina a ecografía coa endoscopia para obter imaxes detalladas do páncreas e as estruturas circundantes. Os centros de Quirónsalud A Coruña e Pontevedra convertéronse en referencia nestas probas, onde durante o ano 2023 realizáronse máis de 200.

“A cirurxía robótica do páncreas require a colaboración dun equipo multidisciplinar de expertos que garante que o paciente reciba unha atención integral desde a avaliación inicial ata o seguimento postoperatorio. Esta forma de abordaxe, que supón un paso máis á abordaxe tradicional con cirurxía laparoscópica, sitúa ao centro como referencia en toda Galicia na cirurxía hepatobiliopancreática, xa que un 60 % dos pacientes que veñen ao hospital proveñen doutros lugares da comunidade galega”, explicou o doutor Aguirrezabalaga.

A cirurxía hepatobiliopancreática é unha subespecialización dentro da cirurxía xeral que dirixe a súa atención aos pacientes con enfermidades do fígado, páncreas, vesícula biliar, vía biliar e do bazo, tanto tumores benignos como malignos. “O robot Da Vinci é como dar o último paso, como subir o último banzo para ofrecer unha atención integral da Unidade hepatobiliopancreática”, destacou tamén Aguirrezabalaga.

SISTEMA COMPUTARIZADO

A plataforma Da Vinci de última xeración permite ao cirurxián realizar as intervencións cirúrxicas a distancia, sentado fronte a unha consola instalada no interior do quirófano mediante a cal controla uns brazos robóticos articulados.

Este sistema computarizado é capaz de reproducir o movemento das mans, bonecas e dedos do cirurxián e, ademais de outorgarlle maior precisión durante a intervención, minimiza os posibles tremores involuntarios e perfecciona os movementos do experto. Tamén este sistema cirúrxico ofrece unha visión ampliada, ata dez veces, e nítida das estruturas anatómicas da área onde se está intervindo.

Presentan un informe para solicitar a eliminación de 373 símbolos franquistas na cidade da Coruña

Continúa a sociedade herculina presionando para que o Concello cumpla a Lei de Memoria Democrática (LMD). Desta volta é Manuel Monge, como sociólogo, vítima do franquismo e socio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, o que volve incitar na necesidade de eliminar a simboloxía franquista que aínda queda na cidade.

E que é moita, como se ratifica no seu informe “Pola Elimimación da Simboloxía Franquista da Coruña (373), que recolle 373 elementos contrarios á memoria democrática, que continúan na nosa cidade: 30 rúas; 21 retratos; 28 distincións honoríficas; 276 placas fascistas, escudos, esculturas; 14 simboloxía franquista dependente do Ministerio de Defensa; 4 centros de ensino.

Conta Monge, por exemplo, que as persoas que visitan o palacio municipal de María Pita poderán comprobar que o salón anexo á Alcaldía, utilizado tamén para actos institucionais, continúa presidido
por grandes retratos de catro golpistas: José Calvo Sotelo e os xenerais Severiano Martínez Anido, Mario Muslera y Planes e Miguel Primo de Rivera. Por iso pide que o Concello coruñés faga como outros municipios (Bilbao, Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Pamplona, Cádiz etc…) que retiraron as rúas e distincións a todos os alcaldes da ditadura ata 1979.

Así mesmo, malia que oo artigo 41.1 da LMD retirase a Pedro Barrié de la Maza a distinción de Conde de Fenosa, o mesmo que a outros significados franquistas, Barrié mantén na Coruña unha das principais avenidas da cidade, retratos, esculturas, placas e distincións.

O informe recolle tamén unha proposta de corenta iniciativas que podería tomar o concello da Coruña para o desenvolvemento da Lei de Memoria Democrática en relación con: eliminación de elementos contrarios á memoria democrática; homenaxe e atención ás vítimas do franquismo; lugares da memoria; a memoria democrática no ensino; colaboración con asociacións e institucións.

Ante todo isto piden que se tomen en consideración aos argumentos da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e faga cumplir devandita lei.

Máis novas

“A existencia destes 38 restos do franquismo é unha ilegalidade, unha vergoña para a Deputación”

 

Familias de republicanos da Coruña internados en campos nazis súmanse á querela contra o franquismo

Manuel Monge: “O importante é saber a quen serve Feijóo e os pasos que foi dando para defender os ricos”

 

Traballadoras de tendas de Inditex reclaman na sede de Arteixo melloras laborais

Unha vintena de traballadoras de diferentes tendas de Inditex demandaron melloras laborais e sociais no ámbito da provincia da Coruña na sede de Arteixo, no que, inicialmente, situaron nunha nova protesta con “peche” que, finalmente, non levaron a cabo ao ser recibidos por representantes da empresa.

Desde Inditex aclararon que, aínda que non estaba prevista “a súa visita”, reuníronse “con total normalidade co devandito grupo de empregadas de tenda inmediatamente despois da súa chegada á sede da compañía”.

Inicialmente, a central sindical CIG apuntou a “un peche no control de acceso á sede da multinacional” no polígono de Sabón, en Arteixo para solicitar ser recibidas polo departamento de Recursos Humanos.

Con todo, fontes sindicais consultadas por Europa Press, ratificaron que ese era a intención inicial pero que non houbo, finalmente, tal acción ao ser recibidas, “aínda que sen entrar na nosa solicitude”, apuntaron sobre o contido do encontro.

Nun comunicado, precisaron que a súa presenza na sede de Inditex obedeceu á entrega na empresa de “as firmas individuais recollidas nas dúas últimas semanas entre máis do 70% das traballadoras das tendas da provincia da Coruña reclamando que se reactive a mesa de negociación provincial para abordar as melloras que quedaron pendentes”.

Estas firmas, explican, apoian os escritos trasladados a Inditex por cada un dos comités das diferentes cadeas nos que se solicitaba a apertura dunha mesa similar á de 2016 para tratar os puntos que só afectan á provincia, como, engaden, avanzar na equiparación co persoal doutras empresas.

A Coruña exhibe a mostra ‘Luísa Villalta. A música das palabras’

0

O Palacio Municipal de María Pita acolle desde este xoves e ata o 17 de xuño a mostra ‘Luísa Villalta. A música das palabras’, no marco das iniciativas programadas polo Día das Letras Galegas.

Trátase unha mostra organizada polo Concello da Coruña e a Xunta de Galicia e comisariada por Xesús Domínguez que repasa a traxectoria biográfica e profesional de Luísa Villalta, facendo un percorrido vital para explicar a súa figura no panorama contemporáneo cultural de Galicia.

O proxecto componse dun total de 14 paneis (un de presentación, un de créditos e doce explicativos) con textos divulgativos. Dous dos paneis tratan especificamente a súa relación coa Coruña, cidade na que naceu e viviu parte da súa vida.

Coruña homenaxea a Luísa Villalta, a poeta da ‘Cidade Alta’

0

Galicia celebra un ano máis a festa da súa lingua e das súas letras. A Coruña, localidade natal de Luisa Villalta — e que bautizou como ‘Cidade Alta’ –, acollerá gran parte dos actos de homenaxe e celebración do Día das Letras Galegas, entre eles, o tradicional Pleno da Real Academia Galega (RAG) e o concerto organizado polo Consello da Cultura Galega.

O pleno da RAG do venres será unha sesión pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto e celebrarase a partir das 12:30 horas no Teatro Rosalía. Emitirase en directo desde academia.gal e a canle de Youtube da RAG. As alocucións sobre a homenaxeada serán pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e o académico Euloxio R. Ruibal.

A parte musical correrá a cargo da violinista da Real Filharmonía de Galicia, Kiyoko Ohashi, e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa. O repertorio incidirá nos gustos da dramaturga, poeta, narradora, ensaísta e articulista homenaxeada, ademais de violinista, vocación que apartou para dedicarse á docencia e á escritura, pero que non deixou de aldo “como fonte de inspiración vital e literaria”.

Euloxio R. Ruibal, Ana Romaní e Margarita Ledo profundarán en distintos aspectos da vida e da obra da autora, á que a RAG dedica este 17 de maio de 2024, coincidindo co vixésimo aniversario do seu falecemento por unha meninxite, aos 46 anos de idade.

CONCERTO DE LETRAS GALEGAS

A cidade herculina tamén é o lugar escollido polo Consello da Cultura Galega (CCG) para celebrar a cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, que organiza a entidade co apoio do Concello da Coruña.

A cita será este xoves 16 de maio, no Teatro Colón ás 20,30 horas, a cargo do Grupo Instrumental Século XX, dirixido por Florian Vlashi.

Ademais dos compositores preferidos da homenaxeada, no programa estrearase a peza ‘Concerto para un home só’, baseada na obra homónima de Luísa Villalta e que o CCG encargoulle a Federico Mosquera (A Coruña, 1986). Tamén participará o actor Xosé Barato (que fará de ‘home só’). A escenografía corresponde ás Dúas e Punto. O concerto, de entrada libre ata completar aforamento, tamén se poderá seguir en directo na páxina web do CCG e nas plataformas da CRTVG.

Goberno, Xunta e Concello apelan ao consenso para o deseño da fachada marítima

0

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, cualificou de “urxente” dar unha resposta ao futuro dos peiraos do porto interior da Coruña e á débeda contraída pola Autoridade Portuaria pola execución do porto exterior, durante a súa visita na cidade.

Para iso apelou ao consenso como fixo tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa, Inés Rey, de cara á reunión que as administracións, xunto a outros representantes implicados, manterán o próximo 22 de maio na cidade herculina. Foi con motivo da presentación do avance do plan director do Corredor Atlántico para Galicia, no Palacio Municipal de María Pita, e tras a viaxe do ministro desde Madrid ata A Coruña nun dos novos trens de alta velocidade da serie 106 de Renfe, que Talgo comezou a entregar a finais de abril co nome comercial de Avril.

“É urxente dar unha solución ao porto interior que faga viable a situación financeira da Autoridade Portuaria”, sinalou o ministro quen incidiu, ademais, nos usos futuros para abrir esa zona á cidade. Neste sentido, expuxo que traballan, no seu caso, con tres liñas: un convenio coa Xunta e o Concello patra o traslado da actividade ao porto exterior, un acordo para o uso conveniado de “as 80 hectáreas liberadas” e unha reestruturación da débeda contraída pola Autoridade Portuaria co Estado.

“SEGUNDA VIDA” Á CIDADE

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou, en referencia a unhas negociacións que supoñen abrir unha nova vía fronte aos convenios de 2004, que hai que “reinventar” para que haxa unha “mellora” nas actuacións previstas. Todo iso de cara a unha “solución” e “unha segunda vida a esta cidade”, engadiu sobre o que a alcaldesa, Inés Rey, cualificou como a “segunda modernización”.

No seu discurso, ante as autoridades presentes e outros representantes, Rueda avogou polo diálogo e a colaboración “por encima de formulacións ideolóxicas”. A iso, referiuse tamén a rexedora coruñesa quen defendeu unha “colaboración interadministrativa” e un traballo “da man” para a integración da fachada marítima da cidade. “A maior transformación en décadas”, apostilou.

ESTACIÓN INTERMODAL

O acto contou tamén coa presenza do comisionado do Ministerio para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, que fixo balance do plan director do mesmo. Durante a súa intervención, remarcou que a previsión é que a estación intermodal da Coruña estea finalizada en xuño de 2026, mentres subliñou o investimento na execución da mesma.