Inicio Blog Páxina 368

Aparecen as primeiras carabelas portuguesas polos areais da Coruña e Bergantiños

As carabelas portuguesas chegaron a praias da cidade da Coruña e ao municipio coruñés de Carballo.

Desde o consistorio de Carballo confirmaron a aparición “dalgunhas” e explicaron que se puxeron carteis de precaución e avisos en redes sociais, mentres que Protección Civil procedeu á retirada de carabelas.

No caso da cidade herculina, ratificaron que na xornada do martes apareceron cinco exemplares na praia de Riazor, despois de que os pescadores xa as albiscasen no mar. “Persoal municipal procedeu á retirada practicamente ao momento, sobre as 21.30 e as 22.00 horas”.

Na xornada deste mércores, non se notificaron máis aparicións nin máis avistamentos polo que a praia segue aberta. No entanto, desde o goberno local instan á cidadanía a estar atentos ás indicacións do persoal de salvamento e á megafonía e a bandeira vermella “por se se chega a prohibir o baño, como o ano pasado”.

“Vivimos en demomafia”

Son moitas as pintadas e os graffitis que invaden as nosas paredes, ata o punto de que o Concello vén de impulsar unha campaña loita contra as pintadas vandálicas, con brigadas de limpeza e mesmo potenciando a arte urbana con graffitis.

Pero hai algunhas (e non falamos desas sinaturas estupidas cargadas de ego) que parecen estar por riba do ben e do mal. Así acontece coas pintadas “VIVIMOS EN DEMOMAFIA”. A máis incónica está no túnel dos Castros. Leva máis de 2 anos e mesmo parece que os operarios municipais pintaron toda a parede pero quixeron deixar a zona da pintada.

Esta crítica social que trata de denunciar a corrupción no mundo da política, trascende as fronteiras da nosa cidade. Téñense visto estas pintadas pola M30 de Madrid, coa mesma caligrafía, pero parece que o ADN do “artista” urbano é herculino.

Nos últimos meses podemos ver tamén estas pintadas no Paseo das Pontes, na Avenida de Oza en fronte do Materno, en Alfonso Molina diante do concesionario de Flexicar, e nalgún outro punto da cidade. Quen estará destrás desta incónica frase?

De Monte Alto á Guarda

E en clave de graffiti, estes días uns amigos nos enviaban unha foto da Guarda, onde chegaron os graffiteiros de Monte Alto con esta pintada do 15002. Leva xa dende 2018 e parece que gustou porque non a dan eliminado.

15002 Monte Alto en A Guarda
Graffiti herculino na Guarda

Campaña de loita contra as pintadas

O Concello anunciaba a semana pasada o comezo da campaña contras as pintadas no autorizadas. Vén de abrir a licitación dun novo servizo integral que, como novidade, suma á limpeza dos danos e a sanción ás persoas infractoras a elaboración dun inventario de muros libres que sirvan como soporte de graffitis autorizados. Tamén se realizarán talleres educativos dirixidos a escolares co fin de conciencialos/as da importancia de respectar e coidar a contorna.

Explicaban que os grafiteiros teñen a sensación total de impunidade, e saben que só serán sancionados sen son cazados in fraganti.

Desde a posta en marcha da Oficina Virtual do Graffiti en 2021 realizáronse un total de 8.143 actuacións de limpeza de pintadas. Cunha media de catro pintadas por actuación son un total de 32.572 pintadas eliminadas. No que vai de ano, leváronse a cabo 1.282 actuacións, cun total de 5.128 pintadas eliminadas.
En todo caso, piden á veciñanza que informe a través do 010.

Incautadas 54 pistolas de airsoft á venda coma se fosen xoguetes en festas da área da Coruña

0

A Garda Civil incautou 54 armas de cuarta categoría durante a celebración de festas patronais de localidades da área da Coruña, segundo informa. Foi no marco dos labores de inspección propias da patrulla fiscal.

Así, durante a celebración das Festas do Burgo, na localidade de Culleredo, procedeuse á aprehensión dun total de 31 armas clasificadas como de cuarta categoría. Do mesmo xeito, nas festas de Lorbé, localidade de Oleiros, incautáronse 12 e durante as de Sada interveuse un total de 11 da mesma categoría.

As armas intervidas corresponden a pistolas de airsoft, que estaban a ser comercializadas en postos de venda ambulante e tómbolas coma se tratásese de xoguetes, “sen ningún tipo de documentación nin control, incumprindo a normativa vixente”.

“Estes establecementos carecían da autorización necesaria para a venda deste tipo de artigos, o que supón unha infracción das normas de seguridade e control, incluíndo a ausencia dun rexistro obrigatorio das vendas realizadas e os datos dos compradores”, explica a Garda Civil.

Respecto diso, precisa que o uso destas armas está limitado a lugares especificamente autorizados para tal fin. “Aínda que se trata de armas de menor risco en comparación coas de categorías superiores, o seu uso en espazos públicos está suxeito a restricións“. Así mesmo, prohíbese calquera modificación que aumente a súa potencia ou capacidade. Por estes feitos procedeu á confección das correspondentes actas denuncia por supostas infraccións á Lei 472/015 en concordancia co RD 137/93 regulamento de armas.

O Castrillón prepárase para as súas Festas e o seu Concurso de Tortillas

0

Despois da Festa da Fresa de Eirís, toca irmos coa troula ata o barrio do Castrillón. Alí, hoxe arrincan tres xornadas de celebracións e as actuacións, ademais do tradicional concurso de tortillas, que chega este ano á súa XV edición.

O corazón da festa será a praza de Pablo Iglesias, a carón do centro cívico, onde a polifónica coruñesa Canticorum abrirá mañá a programación, ás 20.30 horas. O peche da primeira xornada de festas correrá a cargo dos Gin Toni’s, banda que versiona clásicos da música nacional como Seguridad Social e que chega á Coruña inmersa na súa xira ‘30
años soñando’, que os nas últimas semanas á Guarda, Monforte, Sarria, Ares e Quiroga, entre moitos máis concellos galegos.

O xoves comezará con actividades para os máis pequenos. Ás 10.30 horas haberá unha festa infantil con inflables, seguida por unha festa da escuma ás 13.00 horas. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, terá lugar un clásico do calendario estival no barrio. O tradicional
concurso de tortillas do Castrillón-Urbanización Soto chega á súa XV edición e abrirá boca con vistas ás actuacións da noite, coa Asociación Cultural Donaire (21.00 horas) e La Trova Coruñesa (22.00 horas).

No último día das festas, o venres 23, a programación da xornada arrancará novamente con propostas para o público familiar. Ás 11.00, un obradoiro de marcapáxinas e ás 11.30 horas un intercambio de libros infantís, xuvenís e para adultos.
Ao mediodía, Cascarillarte protagonizará o espectáculo teatral ‘Moby Dick’, ideado para as e os máis pequenos e aberto a toda a cidadanía. Será ás 12.00 horas.
Xa pola tarde, haberá unha sesión de xogos e deportes tradicionais na que o Concello contará coa colaboración do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). Comezará ás 18.30 horas, como previa do peche final da festa. Será ás 23.00 horas deste venres, cunha gran verbena interpretada pola orquestra Marazul.

Programación-das-festas-Castrillón-Urbanización-Soto-2024

Mariscadores da ría do Burgo reclaman axudas ás administracións tras o dragado

0

Mariscadores da ría do Burgo volveron a reclamar axudas ás administracións central e autonómica mentres non poidan faenar tras o dragado da ría e ata que o marisco sementado non alcance a talla legal. Fixérono coincidindo coa convocatoria dunha nova mobilización na zona da Ponte da Pasaxe, nos accesos da Coruña.

“A xente non sabe como pode ser o seu futuro a longo prazo, non podes baixar a faenar e non quérenche dar unha solución”, sentenciou, en declaracións a Europa Press, o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir.

Por outra banda, confirmou que non se celebrou a reunión convocada para este luns ao non asistir representantes do Goberno central e da Xunta que, no seu caso, expuxo un cambio do encontro para o 2 de setembro, data para a que o colectivo volverá emprazar ás administracións.

O Concello de Oleiros reitera as denuncias sobre a as graves deficiencias na “rexeneración” da ría do Burgo

Estes días de mareas vivas están deixando ao descuberto os teoricamente rexenerados fondos da ría do Burgo. Despois du investimento de 37,5 millons de euros públicos, para o Concello de Oleiros, os resultados non son os mellores.

“A enorme intervención pública de rexeneración da ría da Pasaxe deixou moitos aspectos sen resolver, que se poñen de manifesto a cada paso”, sinalan dende o Concello, dende onde alertan ademais que “a Dirección Xeral de Costas aínda non respondeu ás demandas do Concello de Oleiros para considerar a obra satisfactoriamente rematada”.

Concello e veciñanza xa protestaron cando Costas daba por concluída a obra sen realizar a conexión peonil entre os distintos treitos do paseo marítimo entra Agramar e O Graxal, que continúa igual, con treitos inaccesibles e zonas nas que non é posible a continuidade peonil.

A Ria do Burgo en Marea Baixa

“Hoxe, en pleno verán, as protagonistas son as lameiras nas que deixaron antigas zonas de baño próximas a Agramar e Beiramar, que lonxe de potenciarse como áreas para o uso acuático, quedaron cheas de obstáculos, pedras e raíces da grandes árbores, cunha sensación total de abandono dunha zona que tradicionalmente recibía o nome de “areal””, lamentan.

Ademais, tamén moitos veciños constataron que algúns dos areais máis produtivos de Santa Cristina foron esquilmados e degradados, pese a que non presentaban un grave problema de contaminación, lembrando que as zonas máis críticas en canto a deterioro situábanse no fondo da ría, onde historicamente íanse depositando os residuos das fábricas de Koipe e Cross.

Pecha Viñetas desde o Atlántico cun aumento de vendas e “gran afluencia de público”

O Salón do Cómic da Coruña ‘Viñetas desde o Atlántico’ pechou o domingo, día 18, unha nova edición con aumento de vendas e “gran afluencia de público”.

Así o apunta o consistorio coruñés que lembra que a actividade do festival continuará o resto do mes coas exposicións monográficas e a partir de setembro on ‘Viñetas Inclusivas’ e ‘Viñetas desde a Escola’.

Foi a vixésimo sétima edición, que tivo lugar do 12 ao 18 de agosto e na que a cidade se converteu un ano máis “en punto de encontro para amantes da banda deseñada”.

Todo iso cun total de 18 exposicións, máis de cen sesións de firmas, a mostra de traballos de máis de 40 autoras e autores galegos e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contou cun total de 36 expositores, entre eles, por primeira vez, un de Portugal.

A exposición ‘A Galicia inédita’ mostra na Coruña fotografías dos mellores fotoperiodistas galegos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a presidenta da Asociación de Xornalistas de Galicia, María Méndez, e o fotoperiodista César Quián inauguraron esta tarde, na cidade herculina, a mostra ‘A Galicia Inédita’.

Trátase de ua exposición que inclúe 73 instantáneas dalgúns dos mellores fotoperiodistas galegos e que se exhibe na Mariña, fronte ao edificio da Autoridade Portuaria.

No acto, Formoso subliñou “o papel crave” da fotografía no xornalismo. “Co paso do tempo esquecemos as crónicas e mesmo os titulares, pero as fotografías quedan para sempre na nosa memoria”, apuntou.

Á súa vez, María Méndez agradeceu “o esforzo realizado” pola Deputación coruñesa para a exhibición desta mostra, comisariada por Fernando Branco.

Chegan a Alvedro os corpos dos tres galegos falecidos no naufraxio do Argos ‘Georgia’

0

Os cadáveres dos mariñeiros galegos César Acevedo, Santiago Lenda e Antonio Barreiro, recuperados tras o naufraxio do pesqueiro Argos Georgia, ocorrido o pasado 23 de xullo ao oeste das Malvinas, chegaron na tarde deste luns ao aeroporto coruñés de Alvedro, nun voo procedente de Reino Unido, con escala en Madrid.

Os corpos dos tripulantes galegos (de Vigo, Baiona e Noia, respectivamente) foron recibidos na terminal coruñesa polos seus familiares, así como polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, case un mes despois de que o pesqueiro afundísese a unhas 200 millas ao oeste de Malvinas.

As autoridades e familiares accederon á terminal coruñesa por unha zona restrinxida próxima ao edificio principal de Alvedro. Tras a aterraxe do avión, pouco antes das 17,00 horas, os cadáveres foron trasladados a vehículos fúnebres na propia pista, unha vez cumprimentados os trámites documentais que se requiren nestes casos, tras o que saíron do aeroporto con destino ás súas respectivas localidades.

O pesqueiro, da armadora británico-norueguesa Argos Froyanes, navegaba baixo pavillón británico, con bandeira de Santa Elena, e por iso foron as autoridades de Reino Unido as que abriron un expediente de investigación para determinar as causas do naufraxio, nunha zona na que as condicións do mar eran malas.

A falta de coñecerse o resultado desa investigación, as diferentes manifestacións dos sobreviventes apuntaron a unha vía de entrada masiva de auga como posible orixe do sinistro. Ante a imposibilidade de atallar a situación, o barco deu a alerta e activouse o protocolo de evacuación nas balsas salvavidas.

A bordo do buque había 27 tripulantes, entre eles 10 españois (dous deles observadores científicos), e o afundimento deixou un balance de 14 sobreviventes, 9 falecidos e 4 desaparecidos. Os corpos recuperados foron trasladados uns días despois do rescate a Oxfordshire, en Reino Unido, para a realización das autopsias.

Desde terras británicas foron repatriados os corpos dos falecidos galegos, que chegaron este luns pola tarde á cidade da Coruña; mentres que outro tripulante galego, Juan Antonio García Rey, de Ribeira, permanece desaparecido.

Por outra banda, o pasado 28 de xullo chegaron a Santiago de Compostela, nun avión fretado polo Goberno, os outros seis sobreviventes españois (catro galegos e os dous observadores científicos, de Albacete e Barcelona, que posteriormente foron trasladados a Madrid).

EXEQUIAS FÚNEBRES

Segundo puido confirmar Europa Press, o corpo de Santiago Lenda, cociñeiro do buque, será velado en Baiona a partir da tarde deste luns na intimidade familiar, e este martes, e tras abrirse a sala de velaciones a outras persoas, terán lugar as exequias fúnebres sobre as 18,00 horas na excolexiata de Santa María, da localidade do Val Miñor.

Igualmente, desde última hora da tarde, será velado o corpo de César Acevedo, patrón de pesca, nas instalacións funerarias situadas á beira do cemiterio da parroquia viguesa de Valadares. Esta previsto que o delegado do Goberno, Pedro Blanco, acuda nas próximas horas ás honras fúnebres.

A campaña por unha CRTVG pública e en galego estivo en Riazor

Este pasado sábado, coincidindo co primeiro partido da Liga “Hipertensión”, un grupo de activistas das Asembleas Abertas Independentistas (AAI) realizaron unha acción na contorna do estadio de Riazor. Un grupo de persoas, disfrazadas con traxes e máscaras laranxas, amosaban unha pancarta co lema “CRTVG pública e en galego. #DefendeaGalega”.

O grupo repartía uns panfletos nos que explica o sentir da campaña, denunciando que a canle pública galega está sendo manipulada, como o demostran os máis de 300 #VenresNegros nos que os traballadores da CRTVG se visten de negro para denunciar as malas prácticas do poder político para coa liberdade de expresión e liberdade de prensa.

Ademais, piden apoio e solidariedade coas loitas dos traballadores da campaña #DefendeaGalega, e denuncian que a Xunta prepara unha nova lei para Q”converter a TVG nun aparello de propaganda do PP” e permita a entrada do castelán na canle pública.
”Temos que garantir a independencia dos medios públicos”, sinalan as AAI.