O Concello da Coruña habilitará un dispositivo especial de tráfico con motivo da celebración da Cabalgata de Reis “co obxectivo de garantir a maior seguridade para as familias que queiran gozar da chegada das súas maxestades á cidade”, informa.
A comitiva sairá ás 18,00 horas da rolda Camilo José Cela, fronte ao CEIP Ramón da Sagra, cara a avenida de Monelos e continuará por Alcalde Pérez Ardá ata a travesía de Fernández Latorre seguindo cara a Catro Camiños e A Palloza para chegar á praza de Ourense por Linares Rivas.
Despois chegará aos Cantóns e á avenida da Mariña ata Porta Real, terminando a cabeza da cabalgata aproximadamente ás 20,30 horas na praza de María Pita.
De acordo coa hora da saída da Cabalgata de Reis, cortarase o tráfico polos diferentes lugares de paso a partir das 17,45 horas e irase restablecendo paulatinamente, segúnpase a Cabalgata e o público abandone a contorna.
Recoméndase evitar o uso do vehículo particular durante o día de mañá, 5 de xaneiro, a partir das 17,00 horas, especialmente nas zonas de paso da comitiva.
O BNG da Coruña promove unha campaña para impulsar o comercio local, baixo a lema ‘Mellor Local, mellor galego’. A súa presentación estivo a cargo da edil Mercedes Queixas, quen culpou á Xunta de peche de establecementos.
En declaracións aos medios, na firma cosmética Lp10, empresa que utiliza materia prima galega para os seus produtos dermofarmacéuticos, Queixas instou á cidadanía coruñesa a que “mire ao comercio local” do que dixo que xera “riqueza e emprego, pero tamén “constrúe rede social e comunitaria”.
Mentres, criticou a política da Xunta, da que incidiu que ostenta “competencias exclusivas” en materia de comercio. “Co PP na Xunta pecharon máis de 12.000 comercios cunha aposta inequívoca a favor das grandes superficies en detrimento de os pequenos negocios”, argumentou.
Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron na Coruña a un home reclamado pola Xustiza e a unha muller que lle acompañaba tras tentar fuxir dos efectivos. Así o informaron a Europa Press fontes policiais que precisaron que os feitos se produciron a media tarde despois de que se decatasen da presenza do home nun vehículo. O detido e a muller tamén arrestada ían nun coche, perseguido pola Policía Nacional na zona da avenida de Alfonso Molina. Xa no aparcadoiro do hipermercado Carrefour foron interceptados e, aínda que o home tentou fuxir, foi finalmente detido.
O Concello da Coruña inicia este ano 2024 unha nova intervención arqueolóxica no Castro de Elviña, concretamente na ladeira sur. Os traballos enmárcanse no proxecto ‘As dúas vidas dos poboados fortificados’, financiado polo Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais, e avanzan no obxectivo do Goberno de Inés Rey para a posta en valor do Castro de Elviña como espazo cultural e histórico.
En concreto, levará a cabo unha intervención na ladeira sur do Castro de Elviña, na contorna exterior do espazo amurallado, que analizará unha serie de anomalías nesta contorna identificadas por medios geofísicos no ano 2022.
Segundo o informe realizado no momento da identificación, obsérvase un gran potencial de acordo coa prospección xeofísica, así como unha particular localización das estruturas, situadas nun contexto aparentemente oposto ao castro, pero a uns escasos 50 metros de distancia.
O responsable do proxecto e director dos traballos, Samuel Nión, xa dirixira dúas campañas de escavación no Castro de Elviña, así como parte do equipo técnico, noutro tres. A súa investigación, centrada na Protohistoria do territorio atlántico, deu lugar a máis de 25publicacións e 40 charlas, varias delas centradas no Castro de Elviña, o seu desenvolvemento construtivo, a súa relación co ámbito mediterráneo e a súa implantación territorial.
A tope atópase estes días a Casa dos Xoguetes. Centos de persoas pasan estes días por este espazo que trata de fomentar a circulación de xoguetes, e loitar contra o consumismo exacerbado destas datas.
Se a 27 de decembro xa recibiran 5.000 xoguetes, a día de hoxe de seguro que son moitos máis. Xentes chegan cun tope de 10 xoguetes, e poden botar un ollo entre os que hai e canxealos por outros 10. Moitos simplemente fan oco para a chegada dos Reis na casa, pensando en darlle unha nova vida a eses xoguetes que a rapazada xa non usa.
Dende logo, unha fermosa iniciativa de economía circular.
A Casa dos Xoguetes está aberta na OMIC situada na Costa da Palloza, 8, en horario de luns a venres das 10.00 ás 19.00 horas e sábados de 10.00 a 14.00 horas.
Cinco mulleres e dez homes integran as candidaturas que o PSOE coruñés elevará á comisión executiva provincial de face á conformación das listas para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro.
Así o informan nun comunicado despois de que aprobasen en asemblea extraordinaria os nomes das 15 persoas postuladas e que agora se remitirán á citada comisión.
De acordo co procedemento que regula a conformación de listas, a comisión executiva local recibiu estas propostas no prazo marcado polo que agora enviaranse para a conformación das listas provisionais, que serán, posteriormente, trasladadas á comisión nacional de listas para a súa aprobación por parte do comité nacional do PSdeG.
As candidaturas presentadas son as de cinco mulleres: Ana Alvite García, Cristina Calvo Espasandín, Silvia Longueira Castro, Begoña Rodriguez Rumbo e Elena Sarmiento Dez.
A estes nomes, súmanse dez homes: Julio Ernesto Abalde Alonso, Rafael Arangüena Sande, Eduardo Astray Viqueira, Jesús Fernández Diez, Adrián Fernández Pascual, Iván Guardado Porto, Manuel Losada Fernández, Julio Ransés Pérez Boga, Ramón Roca Montenegro e José Manuel Simoes Blanco.
O domingo 7 de xaneiro a ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia organiza no seu local (C/Antonio Pereira nº3 Baixo) unha recollida de material escolar para levar aos centros educativos de Senegal onde este tipo de material é moi escaso e precario.
Esta acción enmárcase na campaña “Este ano pídelle lapis aos Reis para Senegal”, na que a organización anima aos cativos coruñeses a ter en conta ao alumnado dos centros educativos senegaleses e pedir lapis e outro material escolar para eles.
Apenas levan 5 meses sobre os escenarios con este proxecto, pero xa levan vivido experiencias inesquecibles. Así o recoñecían Roi da Costa e Xavier Veirasao saír do Centro Penitenciario de Teixeiro despois de realizar o espectáculo #ImproDepor ante unhas 200 persoas privadas de liberdade.
A xornada serviu para pechar un programa da Fundación Érguete, financiado polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo, que tamén incluíu un taller de graffiti coa artista Iria Fafián, que permitíu que unha vintena de internos carballeses embelecesen cun fermoso mural un dos módulos da prisión.
Mural realizado por internos carballeses coordinados por Iria Fafián na entrada dun dos módulos
Así, no marco da política de abrirse ao mundo real que leva desenvolvendo o Ministerio de Interior e Instituciónes Penitenciarias nos últimos anos, e no que o CP de Teixeiro é un centro pioneiro, tentouse ofrecer un espectáculo cultural que sirva para que os internos coñezan outras formas de ocio e lecer.
Neste caso, foron Roi e Xavi os que trouxeron as risas a prisión co espectáculo de improvisación #ImproDepor (que conta tamén con Lucía Veiga e Patricia Castrillón). “Un espectáculo que sabes como empeza pero non como remata”, como explica, porque se desenvolve integramente coa participación dun público que se convirte en protagonista.
Divertidísima quedou a historia trenzada a través da verbas lanzadas por Roi, Xavi e unha interna nun xogo parecidop ao “palabras encadeadas”, aínda que neste caso non sexa un nome politicamente correcto. Só podían dicir unha palabra cada un para fiar unha historia creada na rapidez extrema, que provocou esas necesarias risas entre o público.
O show continúa cun xogo histórico. Coma se fose o bombo da Champions, outra asistente sobe ao escenario e saca unha bola na que vén sinalado un ano que foi importante para a historia do Real Club Deportivo. 1995, o ano da primeira Copa do Rei, do primeiro título. A partir de aí, os Roi e Xavi, tiran de talento e de axilidade mental para trasladarse a aquel ano e contar como podería ter vivido a persoa protagonista aquela final. Todo aderezado con cambios constantes de rexistro a través das diferentes emocións ou estilos cinematográficos que ían lanzando cada minuto os asistentes. Divertidísimas as historais inventadas no momento, salpicadas coas alucinantes imitacións das que es capaz Roi, actor especialista en dobraxe.
Unha xornada tremendamente especial, que permitiu que as persoas privadas de liberdade liberasen a súa tensión por un día, e que vexan de preto que é posible disfrutar da vida, pasalo ben, sen necesidade das drogas, o gran cabalo de batalla da nosa sociedade.
O primeiro bebé do ano 2024 en Galicia chámase Kyliam e naceu no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xusto coas badaladas do novo ano, ás 00,00 horas. Paula, a terceira do ano, naceu na Coruña.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, o neno pesou 3,420 gramos e é fillo dunha parella de pais primeirizos do concello pontevedrés de Gondomar.
A segunda en nacer este ano foi unha nena, Cloe, que tamén chegou ao mundo no Álvaro Cunqueiro de Vigo, no seu caso ás 00,04 horas, pesando 2,905 quilos. É a segunda filla dunha parella de Salvaterra do Miño.
O terceiro nacemento do ano foi o de Paula, que chegou ao mundo ás 00,10 horas deste 1 de xaneiro no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña. O bebé pesou 2,640 quilos.
O comité de empresa da UTE encargada da limpeza viaria na Coruña presentou denuncia contra o Concello “por incumprimentos dos contratos subscritos a través dos pregos de prescricións técnicos e administrativos”.
Así o informa nun comunicado o Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL) con representación no comité e cuxos dirixentes están investigados por corrupación, branqueo e estafa.
Nel, explican que a decisión de remitir o caso á Fiscalía faise por non tomarse “as accións correspondentes” por parte do consistorio. “Máis ben caso omiso”, engade.
Ademais, asegura darán un tempo “prudencial” ao goberno local “para que tome as accións correspondentes”, á vez que lle lembra que “ten a capacidade de chegar a rescatar a concesión”.
Cuestionada respecto diso nun acto co PSdeG xunto ao seu candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, a alcaldesa, Inés Rey, eludiu pronunciarse respecto diso ao tratarse dunha cuestión no ámbito xudicial.