Inicio Blog Páxina 90

O Goberno central aproba 3,3 millóns de euros para financiar Máster Plan de Coruña Marítima

0

Falabamos esta semana das intencións do Plan de Coruña Marítima. Un Plan que segue avanzando e que hoxe foi tratado no Consello de Ministros, que vén de autorizar a proposta  Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible, a firma do convenio entre o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, Adif, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña para o financiamento conxunto da elaboración do Master Plan que desenvolverá o proxecto Coruña Marítima.

O convenio establece que o orzamento de 3.315.000 euros para elaboralo e a súa asistencia técnica será financiado en dúas terceiras partes pola Administración Xeral do Estado:

  • Portos do Estado, a AP A Coruña e Adif achegarán 736.666 euros cada un.
  • Xunta de Galicia e o Concello da Coruña achegarán 552.500 euros cada un.

As administracións que colaboran neste proxecto comprometéronse a desenvolver a accesibilidade e usos cidadáns nos novos espazos mantendo a compatibilidade coas actividades portuarias que permanezan.

O Máster Plan para a Coruña Marítima saía a semana pasada, por segunda vez, a concurso público e espérase que estea resolto a principios do outono de 2026. O adxudicatario deberá presentar a mediados de 2027 o proxecto que transformará a fronte marítima da Coruña.

Máis novas do Plan

A presidenta do COAG desmonta o proceso da Fachada Marítima: “O que vexo é que a Autoridade Portuaria quere sacar rendemento económico”

“Os cambios desta 2ª licitación do concurso da Fachada Marítima non abren o proceso aos equipos locais”

Bad Gyal actuará no Coliseum da Coruña en maio de 2026

0

Bad Gyal actuará no Coliseum da Coruña o 23 de maio de 2026, segundo informa o goberno local, que explica que será a única parada en Galicia dentro da súa tour.

Será a xira mundial de presentación do segundo álbum de estudo da icónica estrela do pop urbano actual, explica nun comunicado. Desde as 12.00 horas deste martes 14 está aberta a inscrición para a preventa de entradas, que comezará o día 16, mentres que a venda xeral activarase o venres 17.7.

CCOO, CGT, CIG e UGT, así como o Sindicato de Estudantes apuran a Folga Xeral por Palestina

0

Por fin parece que os sindicatos unen forzas para facer presión contra o xenocidio do pobo palestino. Este mércores 15 de outubro, CCOO, CGT, CIG e UGT unen forzas tamén co estudantado para convocar unha folga xeral para presionar aos gobernos a tomar medidas reais.
Os sindicatos lembran que a folga está debidamente convocada e, por tanto, calquera traballador ou traballadora que queira sumarse ten dereito a facelo, sen que poida sufrir ningún tipo de represalia por parte da súa empresa.

Para os sindicatos “o plan de Trump non é un plan de paz. Para empezar, porque en Gaza non hai unha guerra, o que hai é un xenocidio. Este xenocidio NON rematou: Israel só abriu dous pasos para a entrada de axuda humanitaria, segue asasinando, a Faixa de Gaza está devastada, prohibe que os palestinos celebren a liberación de presos…”

”É unha vergoña que os gobernos europeos, incluído o español, avalen a proposta de Trump-Netanyahu. No canto de facer de comparsas do imperialismo estadounidense e do seu aliado nazi-sionista asasino, o goberno do PSOE e Sumar farían mellor en romper total e inmediatamente toda relación con Israel”, denuncian.

Na Coruña haberá concentración ás 12:00h no Obelisco, no marco da Folga Estudantil convocada polo Sindicato de Estudantes en tódolos institutos e universidades do Estado contra o xenocidio sionista. A partir das 19:00h, espérase unha nova masiva manifestación dende a Delegación do Goberno na praza de Ourense.

A Coruña protagoniza unha espectacular manifestación por Palestina

A Plataforma A Coruña Pola Paz estreouse cunha comprometida marcha ata a Torre

Palavea reflexiona sobre os límites

0

Novo proxecto singular da Asociación veciñal “Os nosos lares” de Palavea. Este xoves 16 de
outubro arrinca o proxecto “Térmn̥. Miradas dende a fronteira”. Unha iniciativa na que colaboran activamente as entidades MobilCinema, Palestra, ASEDUC e De Maior Creactivamente, así como a Deputación, que trata de “reflexionar sobre a territorialidade a través do concepto de límite ou termo municipal”.

Os membros da entidade xa levan meses de traballos previos de investigación, e de traballo sobre o terreo e de organización inicial. E será este xoves, ás 19:00h no local da AVV Os Lares de Palavea cando se dea comezo ao proxecto.

“Precisamente, o título do proxecto deriva da base protoindoeuropea para referirse ao concepto de límite, fronteira ou termo, e está presente na orixe deste concepto e da palabra en moitas linguas antigas. Un termo universal que define a idea do límite”, explica Álvaro B. Pérez Sancho.

A reflexión sobre esta realidade partirá dende unha variedade de perspectivas e temas que se tratarán nas xornadas e que levarán a ocuparse dunha forma aberta e creativa polo grupo de traballo que se constitúa ao longo de desenvolvemento deste proxecto. O proxecto, enmarcado nun interese por iniciar unha primeira reflexión pensando xa na conmemoración dos 50 anos dos inicios das primeiras iniciativas que deron lugar a constitución do movemento veciñal no barrio, que se celebrarán a partir de 2026, parte dunha vontade de reflexión ampla a nivel de cidade sobre un dos factores ou elementos determinantes na configuración urbana e a vivencia do espacio como é a ubicación neses espacios no límite da cidade.

“Partirase desa premisa, para atender ao territorio dende o marco xeográfico e histórico definido por aspectos político-administrativos (termo municipal como espacio limitado para a administración pública), pero tamén reflexionarase dende aspectos culturais, medioambientais, sociais e humanos atendendo a como o individuo experimenta a realidade e concepto dese límite, é dicir, a vivencia e forma de vivir e habitar na fronteira dende múltiples miradas, comprendendo o límite como unha realidade híbrida, entre o definido e o abstracto, que configura a fronteira da cidade”, invita.

A presidenta do COAG desmonta o proceso da Fachada Marítima: “O que vexo é que a Autoridade Portuaria quere sacar rendemento económico”

  • “As bases estratéxicas non parten dun consenso previo coa cidadanía, polo tanto deberían ser repensadas”.
  • “Dise que non, pero as bases estratéxicas baséanse nos convenios de 2004”.
  • “Eu como técnica, vexo as bases e vexo unicamente criterios economicistas”.
  • “Seguen sendo unhas condicións onde os arquitectos locais non se poden presentar”.
  • O contrato vaino levar un consulting que pode estar en Londres ou en calquera lugar do mundo”. “O que se quere é un equipo internacional que estea desvinculado das necesidades reais do porto e da cidade, para que non se cuestionen as premisas que lles fixe a Autoridade Portuaria e o goberno municipal”.
  • Estase obviando a Crise climática e propoñendo a construción de edificios residenciais en zonas inundables”.
  • Estase apostando por cambiar o modelo do porto no que a pesca fique como algo residual, que quede só para ambientar. Estase apostando por un modelo obsoleto de actividades de ocio e turismo, cruceiros, eventos e inmobiliario”.

— — —

Moi pouco se fala na Coruña do meirande proceso de transformación urbana que vai vivir a cidade no século XXI. Pero é que a falta de información e a falta de transparencia fan que a cidadanía permaneza allea mentres a Autoridade Portuaria e o goberno municipal deciden, sen consenso, o futuro do noso porto.

Xa analizamos a crítica visión da Plataforma Defensa do Común e dun profesional dun estudio herculino sobre a segunda licitación do Master Plan da Fachada Marítima. Pero a realidade é que o proceso continúa sen que sexamos conscientes do que se xoga a cidade, obviando asuntos tan fundamentais como a crise climática e o crecente risco de inundacións, e apostando o futuro económico dun dos portos estratéxicos de España a un modelo obsoleto de cruceiros e eventos culturais privados.

Para afondar sobre o proceso temos unha longa conversa con Ruth Varela. A presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) xa ten amosado con rotundidade o seu rexeitamento á deriva do procedemento en foros como o celebrado en setembro no Forum ou o que acollía o Circo de artesáns en febreiro.

Son varias as graves conclusións ás que chega a arquitecta coruñesa sobre un proceso cheo de opacidade”.

A falta de consenso coa cidadanía: a farsa do proceso participativo

”A primeira cuestión importante ten que ver cos obxectivos do proxecto Coruña Marítima: O que se quere facer non está consensuado coa cidadanía, non se informa á cidadanía do que se quere facer, e por iso a cidadanía está ausente no proceso”, explica Varela. Enviáronse as bases a moitas asociacións, pero é un documento que precisa ir acompañado por materiais explicativos adaptados, non é un documento para enviar en bruto a unha asociación veciñal. É como se envías o BOE a unha Asociación de Veciños, sempre hai unhas ideas no preámbulo que hai que contrastar co articulado e isto tes que dalo xa contrastado, é dicir informar supón adaptar os materiais á cidadanía”.

É crúa co proceso participativo que mesmo a AP e o goberno municipal teñen calificado como disruptivo”. Non houbo un proceso participativo con garantías. Apenas unha serie de actos, que non talleres, en lugares pequenos pensados para a prensa e equipos profesionais, sen apenas cidadáns de a pé. Talleres separados por sectores nos que só se podía falar de certos temas. Pero, como imos separar os temas nun proxecto así? Se a convocatoria foi numerosa pero finalmente a asistencia foi tan escasa, isto indica que algo fallou. Si non hai información cualificada, e se sectorizan as mesas, entón non hai debate”, sinala rotunda.

É crítica tamén coa Comisión Coruña Marítima, esa comisión dirixida por Francisco Jorquera. Mantivemos unha reunión a porta pechada, da que nada se soubo máis que por unha nota de prensa enviada pola propia comisión, non sabemos a incidencia que tivo no proceso de decisión”.

”Por tanto, as bases estratéxicas non parten dun consenso previo coa cidadanía, polo tanto deberían ser repensadas”, sinala con rotundidade.

Como técnica vexo as bases e vexo que a Autoridade Portuaria o que busca é sacar rendemento económico”

Para Varela outra das claves está no interese real da Autoridade Portuaria con todo este proceso. Dise que non, pero as bases estratéxicas baséanse nos convenios de 2004”, que autorizan a desafectación e venda de certos terreos para a especulación inmobiliaria para pagar a débeda que a AP ten con Portos do Estado pola construción do porto exterior de Punta Langosteira. Dise que os convenios están superados pero nas bases seguen estando. Inténtase negar o que nas bases aparece claramente. E pártese de aí obviando que xa houbo consenso, mesmo político, para deixar estes convenios atrás”.

E de aí conclúe o verdadeiro interese da Autoridade Portuaria. Eu, como técnica, e como tamén me confirmaron estudios que participan no proceso, vexo as bases e vexo que a Autoridade Portuaria o que busca é rendemento económico. A linguaxe técnica é moi clara, e aquí as cousas que pesan e as que condicionan que unha proposta saia escollida, é que sexa capaz de sacar rendemento económico para a AP, subordinando o sector produtivo e o pesqueiro”.

Os novos pregos abren a porta a estudios locais?

Trala nova licitación, preguntámoslle se os cambios feitos nesta nova licitación permiten que haxa máis estudios da cidade/provincia que se vaian presentar á licitación. Había dous puntos moi desproporcionados que foron eliminados (ter realizadas dotacións de máis 100 millóns de euros e actuacións en bordos litorais de cidades de mais de 150.000 habitantes), vanse construíndo barreiras de entrada; o Tribunal TACRC considerou que estas barreiras incumprían a Lei de Contratos do Sector Público, e anulou as bases. Entón o que se fai é poñer outras barreiras, como neste caso nas valoracións que falaba Carro. Seguen sendo unhas condicións onde os arquitectos locais non se poden presentar.
Hai unha conclusión. Cando se lanzan unhas bases lánzase unha mensaxe clara. Se tes unha radio pequena, e lanzan uns pregos cunhas bases desproporcionadamente restrictivas, ti xa sabes que non vas gañar. Aquí a mensaxe é que o concurso está pensado para os estudios e consultoras internacionais, co cal os estudios locais desanímanse e o que se consegue é que non se presenten, porque o esforzo é moi grande e a mensaxe é que a intención é deixalos de lado”. Ademais de endurecer outros apartados, puxeron pouco tempo de prazo para xuntar os equipos necesarios que formen as UTES para poder presentarse. En conclusión, seguen sendo bases moi restritivas que dificultan aos equipos locais presentarse”.

O contrato vaino levar un consulting que pode estar en Londres ou en calquera lugar do mundo”

Pero por que hai tanto interese porque o escollido sexa un estudio internacional? Ten clara a resposta Varela. Estes estudios internacionais non coñecen a historia, nin, por exemplo, a importancia da pesca na cidade, nin a convulsión de 2004, o plan Bofill, a realidade da débeda do porto exterior, as xornadas participativas de 2017… de feito algúns pensan que o porto interior xa case non funciona. O que parece clara é a aposta por un equipo internacional que estea desvinculado das necesidades reais do porto, para que sigan as bases que lles fixe a AP e o goberno municipal. Cando non se coñecen os condicionantes, é máis doado ir orientando aos equipos nas premisas que se queiran, traballar con esa mirada unicamente economicista, que é algo que non é tan doado facer cos equipos da cidade, porque terían unha visión moito máis comprometida coa cidade”.

”Estase obviando a Crise climática e apostando por un modelo obsoleto que turistificaría o porto”

Unha das principais críticas que fai Varela é que estamos obviando a Crise climática” ao propoñer a construción de edificios residenciais en zona inundable”.Na documentación non se facilita unha cartografía oficial das zonas inundables, non se conta cun plan estratéxico do Porto actualizado, non se presenta un plan de futuro para o porto, porén danse pasos para desmantelar a actividade produtiva, obviando a necesaria relocalización das actividades produtivas, derivada da crise de subministros que está emerxendo cada vez con máis forza”.

”E todo, apostando por un modelo obsoleto que pensa nos cruceiros, nos grandes eventos, no turismo intensivo de masas, no modelo especulativo de vivendas de luxo… As administracións deberían apostar por proxectos viables, que xeren rendemento para o territorio, non por proxectos invertibles”.

Proceso de branding urbano”

Varela tense referido ao Master Plan como proceso de branding urbano”. Falamos dunha operación especulativa de gran calado, que reduce as actividades portuarias para optar pola turistificacion desta infraestutura esencial, incrementando aínda máis o tráfico de cruceiros e os eventos e acompañando todo isto por concesións privativas e vivendas de luxo”, reitera lembrando de novo que se trata dun modelo obsoleto”. Estase intentando cambiar o modelo do porto, tratando de que as actividades da economía local e a pesca queden como algo residual, só para ambientar, como se fixo na Marina onde quedan 3 ou catro barcos de baixura. Todo apostando polos cruceiros, baixando as tarifas de parada, promovendo os usos para eventos como festivais, feiras diferentes (dinosaurios, burguers, atraccións…) e a actividade inmobiliaria.

Cres que a construción de vivenda no Porto vai calmar os prezos da vivenda da cidade?

”O efecto das vivendas que se queren construír na zona de San Diego está claro, non van resolver os problemas de vivenda na cidade, porque van ser maioritariamente vivendas de luxo e porque con esta acción vanse quentar aínda máis os prezos de toda a cidade, porque as actuacións baseadas en turismo/eventos o que fan é quentar o prezo de toda a cidade”. Non tería tampouco moito sentido construír vivenda pública en zona inundable, e despois se pasa algo?

”A burbulla financieira máis grande da historia”

Varela lamenta a chegada, ”a partir de 2019 dos fondos de investimento na cidade, como se ve nas Xubias. Estes son fondos especulativos de alto risco, e hai que ter en conta que o 60% das inversións a nivel global, están dirixidas principalmente ao sector inmobiliario (vivenda, locais comerciais, oficinas). Estamos sufrindo as consecuencias dunha burbulla financieira, seguramente a máis grande da historia, unha burbulla na que a economía especulativa está sobrefinanciada e a economía produtiva está infrafinanciada. Estamos a dicirlle aos inversores, que imos facer vivenda en zonas inundables, incumplindo a Lei de Portos. Do que se fala é de vender parte do Porto, hipotecando o futuro da cidade”.

Cres que hai marcha atrás?

A esta pregunta, Varela responde: Sempre digo que pido prudencia, responsabilidade e reflexión. Creo que teñen que dar marcha atrás, porque as decisións que se tomen agora van comprometer o futuro da cidade. Estas cousas non se poden facer con presa e sen consenso, non se poden tomar decisións sen que a cidadanía tome parte. O que propoñen non é flexible, se pos as casas enriba do porto non podes despois poñer o porto enriba das casas. O papel resiste todo pero a realidade non”.

Máis novas do proceso da Fachada Marítima

“Os cambios desta 2ª licitación do concurso da Fachada Marítima non abren o proceso aos equipos locais”

Debe condicionar o pago da débeda do porto exterior a trascendental reordenación da fachada marítima?

“Co Master Plan Coruña Marítima enfróntamos a unhas propostas anacrónicas”

“A xoia da cidade, a fachada marítima, como vai depender dunha débeda entre administracións?”

 

“Contrariamente ao declarado polo goberno local, os Convenios do 2004 seguen vixentes nas Bases Estratéxicas de Coruña Marítima”

Xavi Mariñas, sobre Coruña Marítima: “Imos quedar cun porto dedicado só ao tráfico turístico como Dubrovnik”

Aitana volverá á Coruña o 22 de xullo de 2026

0

Aitana deu a coñecer as datas da súa nova xira mundial, ‘Cuarto Azul World Tour’ coa que visitará varias cidades de Arxentina, México, Colombia e España, e que pasará pola Coruña o 22 de xullo de 2026. A primeira data da xira nacional comezará o 9 de maio cunha primeira parada no Estadio Municipal Antonio Peroles de Roquetas de Mar (Almería) tras o seu paso polo festival Lollapalooza en Arxentina e o Estereo Picnic de Bogotá, en Colombia.

intérprete de hits que acumulan millóns de escoitas como ‘Vas a quedarte’ deu a coñecer as citas dos seus concertos, que se estenderán ata o 6 de novembro, e que terá catro paradas máis en Andalucía: 5 de xuño en Sevilla, 19 de xuño en Fuengirola (Málaga), 12 de xullo en Cádiz e 18 de xullo en Úbeda (Xaén). A cantante pasará ademais por Murcia (15 de maio), Valencia (22 de maio), Albacete (29 de maio), Mallorca Live (12/13 de xuño), Avilés (26 de xuño), Granca Live Fest (4 de xullo), Zaragoza (10 de xullo), Barcelona (4 de setembro), Madrid (11 de setembro) e Bilbao (18 de setembro).

Será a finais de outubro cando volva saltar o charco para actuar en Buenos Aires, en Arxentina (21 de outubro), Monterrey, en México (28 de outubro), Guadalaxara, en México (30 de outubro), Queretaro, en México (31 de outubro), Poboa, en México (4 de novembro) e Cidade de México, en México (6 de novembro). A venda xeral será a partir do 23 de outubro pero Santander SMusic abrirá unha preventa exclusiva o día 20. Ese mesmo día, a partir das 12.00 horas, poderán acceder á preventa todos os cli1entes do Banco. A preventa pecharase ás 9.49 horas do 22 de outubro.

Condenada a 144 anos de cárcere por asasinar a anciás en Cataluña, novamente detida por novo homicidio na Coruña

0

Os galega Remedios Sánchez Sánchez, condenada hai case dúas décadas a 144 anos de prisión polo asasinato de varias anciás en Cataluña, foi detida pola morte doutra muller maior na Coruña, segundo informaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press.

En concreto, está aberta unha investigación por homicidio en relación ao cadáver aparecido nunha vivenda da cidade herculina a principios de outubro, en concreto o día 3, dunha muller de avanzada idade. Cinco días despois detívose a Remedios Sánchez na prisión de Teixeiro, da que saíra durante un permiso penal.

Ao cárcere, desprazáronse efectivos da Policía Nacional que procederon á detención da muller, condenada pola Audiencia Provincial de Barcelona por matar a tres anciás, a tentativa de asasinato doutras cinco, sete delitos de roubo con violencia e un de furto. A sentenza condenouna tamén ao pago de indemnizacións a familiares das vítimas, mentres que a absolveu doutro delito de asasinato en grao de tentativa.

Os feitos tiveron lugar entre xuño e xullo de 2006 en Barcelona, uns asasinatos cualificados entón como “especialmente violentos” e sen capacidades de defensa. Todas as vítimas, segundo recolleu o fallo, eran anciás especialmente vulnerables, aproveitándose a procesada da súa inxenuidade para acceder aos seus domicilios.

O Concello presenta aos hostaleiros a proposta de nova ordenanza municipal de terrazas incluíndo o redeseño das de María Pita

0

Concello da Coruña avanza na súa folla de ruta para actualizar a normativa municipal de terrazas, que establece unha nova ordenanza que hoxe lles foi exposta, como borrador, a asociacións e profesionais do sector hostaleiro. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a reunión, “concibida como un encontro informativo para avanzar nas medidas máis destacadas que se pretenden incluír na ordenanza”, explica o goberno local.

Entre elas, está o redeseño e adecuación das terrazas da praza de María Pita, unha vez finalizou o prazo de concesión das actuais e cuxo estado de conservación fai necesaria a súa substitución. Neste sentido, o Concello propuxo un modelo como o que se implantou en Donosti, con estruturas autoportantes e toldos a dúas augas que se poidan despregar e recoller, en ningún caso fixando elementos de instalación nas fachadas.

A formulación do goberno municipal tamén estipula a necesidade de que estes pórticos teñan unha sintonía estética no conxunto da praza e que se aliñen cos alicerces e con cores monocromáticas “para que María Pita teña unha imaxe de uniformidade e para preservar a unidade estética dunha praza que é un espazo protexido”. Tamén hoxe, na reunión desta tarde, informouse o sector hostaleiro de que a futura normativa de terrazas atenderá especialmente á regulación daquelas que se habilitaron en zonas de estacionamento no contexto da pandemia da Covid-19.

Agora o Concello propón un regulamento específico para ese tipo de terraza, que seguirá podéndose instalar en determinados casos e condicións, pero que non será compatible para os hostaleiros e as hostaleiras coa terraza na beirarrúa. Será preciso que escollan unha das dúas opcións para minimizar a ocupación de chan público.

6,2 millóns de euros para primeira fase de mellora de equipamentos deportivos

0

O Plan de Mellora de Equipamentos Deportivos nos barrios do Concello da Coruña conta cun investimento de 6,2 millóns de euros na súa primeira fase.

Así o anunciou esta mañá a rexedora Inés Rey, destacando que o Plan inclúe a construción de 6 novas pistas multideporte ao aire libre así como a renovación integral de equipamento en varios distritos da cidade.

6 pistas multideporte

En concreto, estas instalacións estarán situadas en Monte Alto (da que xa falamos a semana pasada arredor do denominado Plan de Barrios 25-27), Adormideras, Barrio das Flores, a Urbanización Breogán e a contorna da Cubela e Lonzas.

Ademais, unha cuarta parte dos fondos correspondentes á primeira fase, un total de 1,5 millóns de euros, permitirán sufragar melloras nos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias.

As actuacións tamén se estenderán aos sistemas de auga quente do Palacio dos Deportes de Riazor e aos campos de fútbol de Visma. Nestes últimos, o Concello ten previsto destinar máis de medio millón de euros a renovar os tapetes de céspede artificial, previsiblemente no ano 2026.
Outros 269.000 euros permitirán mellorar os sistemas de auga quente no campo de fútbol da Leyma e, a maiores, o Concello estima en 275.000 euros o investimento necesario para adecuar e mellorar o campo de xogo das vivendas Virxe do Carme, en Labañou.

DEMANDAS DO PERSOAL

A preguntas dos xornalistas sobre as mobilizacións convocadas polo persoal de escolas deportivas municipais, xestionadas pola empresa Serviplus, para reclamar unhas condicións de traballo “dignas” e de “mellora” do servizo, a rexedora asegurou que o goberno local é “perfectamente consciente” das súas reclamacións.

“O propio concelleiro — en alusión ao titular de Deportes — mantivo reunións permanentes con eles”, asegurou para incidir en que “moitas das súas peticións e demandas serán tidas en conta no prego no que se está traballando desde a área e que proximamente sairá”.

Persoal das escolas deportivas municipais comezan as súas mobilizacións por unhas condicións dignas e un servizo de calidade

 

 

Máis de 300 persoas secundan cunha marcha a denuncia polos recortes nos CEIPs de Oleiros

0

Ambiente reivindicativo e festivo o vivido este pasado sábado na marcha organizada pola ANPA do CEIP Valle Inclán para denunciar os recortes do profesorado no centro de Oleiros. Máis de trescentas persoas camiñaron dende Santa Cristina ata o CEIP Valle Inclán, con presenza de numerosas familias, o profesorado así como membros doutras ANPAs de colexios de Oleiros, representantes do Concello de Oleiros e de varios partidos políticos, veciñas e veciñas, tamén chegados doutras parroquias para apoiar as nosas reinvindicacións.

Ao remate daa marcha leron este manifesto no que debullan as necesidades que ten o centro máis dun mes despois do comezo de curso.

Marcha contra os recortes das ANPAS de Oleiros 2
A marcha partiu de Santa Cristina

Manifesto da ANPA Valle Inclán

A ANPA Valle Inclán leva denunciando a grave falta de mestres no noso colexio dende o inicio de curso.

Esta escaseza de profesorado afecta a moitos aspectos no funcionamento do centro e á calidade da formación que reciben os nosos fillos e fillas na escola.

As gardas non están cubertas cun número suficiente de docentes.

O tempo adicado ó reforzo nas aulas do alumnado con necesidades especiais de atención educativa (NEAE) redúcese notablemente para cada alumno.

A día de hoxe están paralizados varios proxectos didácticos emblemáticos que sempre se realizaron no noso colexio grazas á implicación do profesorado e á enorme colaboración do Concello de Oleiros: a horta escolar, robótica e informática, a sección bilingüe ou as actividades extraescolares complementarias e as saídas didácticas e excursións.

Rebaixase o tempo destinado á coordinación dos equipos de dinamización da Biblioteca e da língua galega, de mellora da contorna ou das TIC.

A ANPA Valle Inclán remitiu o 19 de setembro un escrito tanto á Inspección Educativa e coma á Dirección Territorial da Consellería de Educación para solicitar con urxencia o aumento da dotación de persoal docente; para esixir o cese inmediato da vulneración do dereito fundamental dos nosos fillos e fillas a unha educación pública inclusiva e de calidade.

Non obtivemos resposta algunha dende a Consellería.

Conseguimos que a Inspección Educativa nos recibise… pero non aportou ningunha solución para resolver estas carencias. Absoluta indiferenza.

Recoñeceu que a falta de docentes nos centros educativos públicos é un problema xeneralizado, alegando que se trata dunha decisión política.

Remitiunos ó Director Territorial, que non acepta reunirse con nós.

Estamos a comprobar que para a Consellería os nosos fillos e fillas son unicamente números.

E para que os números e as contas da Consellería encaixen, as familias usuarias das escolas públicas debemos ver comprometida a seguridade e o cuidado dos nosos fillos e fillas, debemos renunciar a proxectos didácticos que son un valor engadido e ademais debemos conformarnos no que se refire á inclusión e á atención á diversidade.

Máis novas

As familias do CEIP Valle Inclán volveron saír á rúa para esixir máis mestres: “Sen profes, non hai escola”

As familia do CEIP Valle-Inclán de Oleiros saen á rúa: “Neste centro, faltan mestres!”

Outras novas das ANPAS

ANPA As Pedreiras: “Collo vacacións en setembro para poder resolver o comezo de curso”

ANPA Sardiñeira: “Por que teño que xestionar eu todo isto?”

ANPA Faro: “As administracións deberían facerse cargo da educación de 7.30 a 16.30h”

ANPA Monte Vixía: “É complicado estar ao tanto de solicitudes, ofertas, orzamentos… sendo pouc@s e voluntari@s”