Inicio Blog Páxina 143

Convocan unha nova concentración para esixir medidas urxentes para salvar os murais de Lugrís da rúa Olmos

0

A pesar dos pasos adiante para a súa protección, a realidade é que a día de hoxe os frescos de Lugrís da rúa Olmos continúan deteriorándose nun edificio con enormes carencias que sofre as inclemencias meteorolóxicas.

E para poñelo de manifesto, o colectivo lugrisán In Nave Civitas e a asociación cultural O Mural convocan á cidadanía a unha concentración diante do nº25 da rúa Olmos este vindeiro sábado, 31 de xaneiro, ás 18:00 horas. Unha concentración que será baixo o lema
“Penélope Fingal agardando o Concello”.

Lembran dende os colectivos que “Lugrís asinou algunhas das súas obras como Ulises Fingal e os seus seareiros asumen o triste rol da súa esposa para agardar que as administracións cumplan coas suas obrigas e salven xa os frescos que Urbano Lugrís pintou na rúa Olmos”.

Así, convidan á veciñanza á lembrarlle ao Concello e á Xunta que “fagan o que xa deberon facer hai tempo”.

Máis novas

Piden accións concretas para salvagardar os murais de Lugrís da rúa Olmos

S.O.S. Lugrís

A patronal do transporte por estrada da Coruña acusa os sindicatos de sabotaxes e esixe condenar a violencia para negociar

0

As asociacións empresariais do sector de transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña esixiron “responsabilidade” de cara a retomar o diálogo e evitar a folga indefinida convocada a partir do 2 de febreiro polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT. “A solución aos problemas do sector e as demandas laborais non se atopará mediante a violencia”, sinalan ao denunciar episodios deste tipo durante os paros anteriores e que as centrais sindicais negan.

“Senón na mesa de negociación, con propostas realistas e responsables”, engaden. Tamén argumentan que ao longo dos dous últimos meses “e non só nos días de folga, esa violencia afectou a uns 70 autobuses de empresa de distintas asociacións, dos que máis da metade, uns 40, pertencen a compañías de Transgacar”, recolle esta no seu comunicado.

Entre outras incidencias, citaron rotura de lúas, picadas en rodas, sabotaxes ás baterías, pintado de retrovisores ou furto de chaves, entre outras. Entre outros lugares, alude a Muros, Muxía, Cee, Carballo, A Coruña, A Estrada, Negreira, Bergondo ou Ferrol. As organizacións que representan ás empresas do sector sosteñen que só puxeron unha condición o día 22 para volver sentar a negociar. “Que cesasen os actos de coacción e de violencia e esta condición non se cumpriu pois lamentablemente ese mesmo día e o seguinte, venres 23, reiteráronse os danos aos vehículos”.

“E, unha vez máis, impediuse prestar os servizos mínimos que, pola lexislación vixente, son de obrigado cumprimento, agravando así os prexuízos da folga aos cidadáns”, engade. “En concreto, esa mesma noite do xoves e venres roubaron as chaves de seis autobuses en Muros, houbo sabotaxes nas baterías de dúas microbuses en Noia e foron picadas as rodas dun microbús en Noia e de dous autobuses en Pontevedra“.

“Esta causa, e non outra, foi a que impediu retomar as negociacións, e se non se cumpre, seguirá a impedilo”. Por este motivo, esixen, para volver á mesa de negociación, “que as centrais sindicais manifesten, e así se recolla na acta que para o efecto se levante, que condenan dunha forma clara e contundente a violencia e as coaccións que están a impedir realizar, cando menos, os servizos mínimos”. “Cumprida esta condición, a negociación seguiría aberta ata lograr un acordo”, apostilan.

Unha guía para seguir o rumbo dos deportados coruñeses aos campos nazis

0

Tivo lugar esta mañá, na rúa Santiago 15, diante do stolpestein de Leopoldo López Criado, a presentación da guía centrada na historia dos coruñeses deportados aos campos de concentración nazis. A publicación, elaborada en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), recolle un percorrido polas Stolpersteine instaladas fronte ás casas natais dos once deportados, así como contexto histórico e biográfico sobre cada un deles.

No acto interviñeron a voceira da ARMH, Carmen Rodeja; o Concelleiro Gonzalo Castro, o investigador David Lozano; e familiares das vítimas, como Ángel Vázquez, sobriño de Adolfo Bregua Mouriño, e Margarita del Castillo, sobriña de Adrián del Castillo Soutelo. Todos puxeron de manifesto a importancia de manter viva a memoria das persoas que loitaron pola liberdade e sufriron o horror dos campos nazis.

Esta mesma tarde haberá unha reunión informativa prevista para as 18:00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, na que está confirmada a participación de familiares dos deportados e especialistas na materia.

Memoria como reclamo

A iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla que, nos últimos anos, para integrar a memoria histórica nas políticas culturais, educativas e turísticas. A Coruña foi a primeira cidade galega en instalar Stolpersteine, lastras de latón que lembran os nomes e destinos dos coruñeses deportados, e que agora se recollen neste novo recurso turístico e pedagóxico.

A publicación do folleto complementa as múltiples liñas de traballo impulsadas pola ARMH en colaboración co Concello: exposicións itinerantes, libros biográficos, recursos dixitais e accións xudiciais internacionais. A través da web www.deportadoscoruna.com, pódese acceder a materiais que contribúen a combater o esquecemento e garantir a transmisión da memoria ás novas xeracións.

DEPORTADOS DA CORUÑA CON STOLPESTEINE

A ARMH lembra os nomes dos deportados herculinos que xa contan cun Stolpersteine.

  • José Albedro Villaverde, 1907. Faleceu en Gusen o 24/1/1943,
  • Adolfo Bregua Mouriño. 1906 . Foi liberado de Mauthausen o 5/5/1945. Refixo a súa vida en Brasil, e moi de maior, voltou ó seu barrio, Vioño.
  • Víctor Manuel Conde Núñez, nado en Coruña 1903 . Mauthausen. Conseguiu sobrevivir e foi liberado o 5/5/1945.
  • Clemente Juan De La Cruz García, 1910. Gaseado en Harteim o 29 de septembro de 1941.
  • Adrián del Castillo Soutelo, 1906. Gaseárono en Harteim o 24/9/1941.
  • Manuel Fernández Tárrago, 1926. Dachau, Neuengamme, Gross-rosen, Mittelbau-dora, foi liberado polas tropas aliadas.
  • Martín Ferreiro Álvarez, 1892 Aínda que non naceu na Coruña, foi concelleiro de Obras públicas na última corporación republicana da cidade. Morre en Gusen morre o 23/11/1941.
  • Arturo García Lagares, 1985. Gusen, onde rematan ca súa vida o 12/07/1941.
  • Juan González del Valle, 1898. Gaseado o 26/9/1941 en Hartheim.
  • Leopoldo López Criado, 1905 .Gusen, onde será asasinado o 3/11/1941.
  • Julio Martínez Arias, 1910. Foi gaseado en Hartheim o 7/9/1941.
  • José Martinez Cacheiro, 1901. Levado a Gusen e asasiñado o 23/11/1941.
  • Luís Rafales Lamarca, 1917. Asasinado en Hartheim o 9/9/1941.
  • Victor San Miguel Prado, 1914. Gusen, acabarían coa súa vida o 10/1/ 1942.
  • Eduardo Sánchez García, 1913. Mauthausen, Vöcklabruk. Logra sobrevivir ata a liberación.
  • Enrique Tallón Charlón, 1912 En Gusen o 27/12/1941 acabarían coa súa vida.
  • Francisco Tallón Charlón, 1916 Mauthausen consegue sobrevivir.

Deportados con “stolpersteine” noutras vilas:

  • Fernando Batalla Canle, naceu na Coruña 1915  Asasinado en Hartheim 22/09/1941. Cun stolpersteine en Xixón
  • Emilio Rodríguez Perez,  naceu na Coruña31/07/1913. Buchenwald o 04/03/1942. Despois foi trasladado a Dachau, para regresar de novo a Buchenwald, liberado. Con stolpersteine en Xixón.
  • Matías Rodríguez Barajas, viviu na Coruña Asasinado en Gusen morreu de 1941. Con stolpersteine en Castronuño.
  • José Rubio Delgado, nacido na Coruña, Mauthausen , Dachau e Buchenwald. Foi liberado 03 de maio de 1945. Con stolpersteine en Gironella.

 

Máis novas sobre Memoria

Os irmáns Tallón Charlón xa teñen o seu “stolpersteine”

Chisco Fdez. Naval: “Meus fillos tiñan que saber”

Elementos franquistas continúan na Coruña, denuncia a Comisión pola Memoria que pide a súa retirada inmediata

“O Consello da Memoria Democrática leva 4 anos sen se convocar”

Elementos franquistas continúan na Coruña, denuncia a Comisión pola Memoria que pide a súa retirada inmediata

A ARMH celebra o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto con 10 “stolperstein” e varios actos

 

 

Retencións á entrada da Coruña tras dous accidente múltiples con feridos leves

0

Un accidente múltiple, con cinco coches implicados e unha muller ferida leve causou retencións na mañá deste luns no acceso á Coruña pola avenida Alfonso Molina. Fontes da Policía Local consultadas por Europa Press, confirmaron que o suceso tivo lugar sobre as 09.45 horas no quilómetro 2,700 da AC-11, dirección entrada á cidade. “Xusto debaixo do viaduto da autoestrada, na zona de Palavea”, especificaron.

Até alí desprazouse o 061 para asistir a unha condutora que resultou ferida leve. “Trátase dunha colisión por alcance“, confirmaron e os coches “estiveron no carril 15 minutos apróximadamente ata que foron retirados á beiravía”. Así, un dos carrís quedou cortado o que provocou retencións.

“Tráfico lento desde a Ponte da Pasaxe até as 10.05 horas apróximadamente”, detallaron aínda que apuntaron que os vehículos “non chegaron a parar”. “Ían máis lentos porque estaban no carril cortado”, dixeron. “Non alcanzaron os 500 metros de retencións“, coincidiron desde o Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste. Horas despois, “aínda queda algún vehículo” na zona, confirmaron.

SEGUNDO ACCIDENTE

Un segundo accidente múltiple rexistrado nesta xornada, esta vez ás 15.35 horas, en sentido entrada A Coruña, obrigou a cortar dous carrís na Avenida de Alfonso Molina e deixou ferida leve a unha moza de 22 anos, que foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Segundo informou a Policía Local, o sinistro produciuse á altura do barrio de Matogrande e estiveron implicados un bus e tres turismos. Dos tres carrís, estiveron cortados tanto o esquerdo como o central ata que se limpou a calzada e retiráronse os vehículos accidentados. A situación provocou retencións de tráfico.

QFB, a banda herculina de rapmetal, lanza o seu comprometido segundo disco

0

Despois da publicación en 2022 do seu disco debut “Rexurdir”, QFB volve de novo ás portadas co segundo traballo: “A Nosa Terra”.

A banda Rapmetal da Coruña afonda nas súas letras en galego na necesidade de reivindicar a nosa terra terra, a nosa cultura, e as nosas tradicións, e de paso tamén lanza arengas contra a violencia machista, os incendios forestais ou as guerras.

A saída, en todas as plataformas, será este sábado 31 de xaneiro.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by ℚ𝔽𝔹 (@qfb.rapmetal)

Ademais, os David Acuña (baixo), Binny (guitarra), Zalo Abeledo (batería), TheBreiso (guitarra) e Toninho (voz), estarán o mesmo 31 de xaneiro na Sala Malavida (apertura de portas ás 20:00h) para estrear o seu novo e potente e poderoso directo.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Sala Malavida (@salamalavida)

Máis novas

QFB homenaxea co seu metal ás pandereteiras de Leilía

 

Unha retroescavadora de 30 toneladas para reconstruír a duna de Riazor

0

O Concello da Coruña comezou este luns as tarefas para reparar a duna de Riazor que resultou afectada as borrascas. Segundo indicou o Concello nun comunicado, para realizar os traballos atópase no punto unha retroescavadora de 30 toneladas para volver montar e perfilar a duna.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, detallou que está previsto que os traballos de reparación estean finalizados esta semana, dependendo das condicións meteorolóxicas. A barreira de area estará en Riazor ata mediados de maio, cando será retirada para deixar as praias preparadas para a tempada de baño, a partir do 15 de xuño.

A Audiencia da Coruña condena a 20 anos de prisión a tres traficantes de cocaína en Ferrol

0

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres persoas a un total de 20 anos de prisión por un delito contra a saúde pública, na modalidade de tráfico de drogas, na zona de Ferrol. Os feitos recollidos na sentenza remóntanse a unha investigación iniciada en outubro de 2024, na que os axentes detectaron desprazamentos constantes a Madrid para a compra de cocaína que posteriormente era distribuída na comarca de Ferrolterra.

A sentenza establece penas diferenciadas para os tres implicados: o primeiro foi condenado a seis anos de prisión e unha multa de 200.000 euros; o segundo procesado recibiu outra pena de seis anos de cárcere e unha multa de 300.000 euros; mentres que o terceiro home foi condenado a sete anos de prisión e unha multa de 130.000 euros.

Ademais das penas de privación de liberdade, a sala decretou o comiso definitivo da totalidade do diñeiro, teléfonos, armas e demais obxectos intervidos durante o operativo policial. Cabe destacar que a sentenza aínda non é firme, xa que os condenados poden interpor un recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Annie Leibovitz, do rocanrol á intimidade pasando polo país das marabillas

Fai uns días fun coas miñas amigas do traballo á visita guiada da exposición Wonderland da fotógrafa Annie Leibovitz (Annie en adelante), e gustoume moito.

Annie comezou a súa carreira fotografiando o mundo do rocanrol para a revista Rolling Stone, e precisamente cos Rolling Stones saiu de xira no ano 1975, evento do que atopamos unha morea de fotos no inicio da exposición. Tanto quería mimetizarse Annie co ambente e as xentes que a rodeaban que rematou exhausta e adicta. Podedes entretervos buscando a un Mick Jagger en albornoz feitísimo po, ou a Keith Richards coa famosa camiseta de “who the fuck is Mick Jagger?”.

Buscando unha vida máis tranquila e saudable e menos anárquica, nos anos oitenta Annie comeza a traballar na revista Vanity Fair, deixando un pouco de lado as reportaxes e centrándose nos retratos das celebrities da época. Aquí atopamos imaxes de actores, escritores, deportistas e artistas tan top coma Steve Martin, Jane Fonda, Martin Sheen ou Dennis Hopper nunha preciosa serie titulada “ao volante”, Andy Warhol, William Burroughs, Patty Smith, Louise Bourgeois, a súa amiguísima Cindy Sherman ou a que foi a súa parella, a escritora Susan Sontag, á que coñeceu cando lle facía un retrato para a sobrecuberta dun libro. Coido que nestas paredes son todos os que están e están todos os que son, porque tremenda acumulación de talento e carisma por metro cadrado.

Annie nunca pensou que traballaría para revistas de moda, pero foi unha habitual das reportaxes da revista Vogue e outras. Da sala de fotografía de moda gustáronme as sesións de María Antonieta de Sofia Coppola (unha debilidade) en Versalles, Alicia no país das marabillas (outra debilidade), e o Ben Stiller de Zoolander (pena que non amose a mirada aceiro azul).

E por último ollaremos paisaxes e retratos máis recentes, íntimos e pausados, menos circenses e fantasiosos que nas produccións da anterior sala, moi fermosos e conmovedores (agás o de Elon Musk que non podo con el).

Dúas recomendacións: coller o folleto da entrada e escanear o código QR, odioso pero necesario para identificar os centos de personaxes das fotos, xa que éstas non teñen cartela, e ir con tempo porque a abundancia de imaxes pode ser abrumadora. Desfrutade!bea alfonso

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

O CEIP Concepción Arenal acolle este martes o peche reivindicativo do ensino público galego

En outubro o profesorado realizaba un peche en protesta polo mal estado de saúde do ensino público no CEIP Alborada. Este martes 27 de xaneiro, os sindicatos CIG-Ensino e o STEG repiten acción protesta en toda Galicia para demandar avances na negociación de cara a conseguir melloras das condicións laborais do profesorado, como a baixada de ratios, a dotación de maior persoal para atender a diversidade aumentando o profesorado de AL, PT e orientación, retribucións salariais dignas, redución de burocracia, recuperación do horario lectivo, redución da xornada lectiva para maiores de 55 anos, recuperación das licenzas non retribuídas…, entre outras.

Esta será unha nova mobilización tralas 5 xornadas de folga realizadas no primeiro trimestre. Nesta ocasión serán máis de 20 en toda Galicia os centros que acollerán a comunidade educativa e na cidade da Coruña. Durante o peche aproveitarase para preparar cartelaría e pancartas, así como para deseñar conxuntamente próximas accións de protesta, intercambio de pareceres… até que a Consellaría atenda as demandas do persoal docente.

“Martes en loito, martes en loita”

A outra acción reivindicativa bebe do que xa están a realizar algúns centros desde o primeiro trimestre, que é fixar un día á semana para evidenciar todas as carencias que existen en materia de deficiencias de persoal. Para iso, e xogando co lema deste conflito “profesorado en loita” e coa cor negra, CIG e STEG propoñen que sexan os martes os días nos que o profesorado acuda vestido de negro e empapele os centros con mensaxes nas que queden de manifesto as necesidades educativas do centro que lle serán transmitidas ao alumnado e ao profesorado. O martes día 10 está previsto que se chame a todo o persoal docente e non docente dos centros a concentrarse ou ben á hora do recreo, á entrada ou á tarde, para facer visíbeis as súas reivindicacións a través de fotos e vídeos.

Peches en Galicia

Estes son todos os lugares de peche en Galicia:

MARTES 27 DE FEBREIRO 

  • A Coruña: CEIP Concepción Arenal
  • Vigo: IES Politécnico
  • Pontevedra: IES Frei Martín Sarmiento
  • Monforte: IES Francisco Daviña Rey

MÉRCORES 28 DE XANEIRO

  • Ourense: IES Julio Prieto Nespereira

XOVES 29 DE XANEIRO

  • Compostela: CEIP Monte dos Postes
  • Ferrol: CEIP San Xoán de Filgueira (19 horas)
  • Vilagarcía de Arousa: IES Armando Cotarelo Valledor
  • Viveiro: CEIP de Covas (17:30 horas)

MARTES 3 DE FEBREIRO

  • Cee: IES Agra de Raíces
  • Lalín: IES Laxeiro

MÉRCORES 4 DE FEBREIRO

  • Lugo: IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
  • Cangas: IES de Rodeira

XOVES 5 DE FEBREIRO 

  • Rianxo: IES Félix Muriel (19 horas)
  • Ponteareas: IES Val do Tea

Máis novas dos recortes no ensino

O profesorado conmemora unha marcha fúnebre polo ensino público na súa primeira xornada de folga

As familias do CEIP Concepción Arenal apoian as demandas do seu profesorado ante a falta de persoal coidador

O CEIP Alborada acolle o peche pola folga no ensino

 

 

 

A Agra ríe por resistencia

0

O programa “Agra no Ágora” arrinca este 2026 co Festival pola Paz e contra as Guerras. Pallasos en Rebeldía e Asociación Agra do Orzán presentan un encontro único no que o humor, a música e a palabra se xuntan para defender a dignidade, a xustiza e os dereitos humanos.

No escenario estarán artistas imprescindibles da escena galega e estatal como a nosa Isa Risco, Mercedes Peón, Marta Sempre Arriba, Inda Pereda, Rendos Pequeno ou Iván Prado

A risa como acto de resistencia.
A cultura como linguaxe universal.
A paz como necesidade urxente.

A cita comprometida, divertida e solidaria será o sábado 31 de xaneiro, ás 19.30 h no auditorio do Centro Ágora.
Como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.